Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 04 de marzo de 1996 Páx. 1.775

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 16 de xaneiro de 1996, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo regulador do persoal funcionario do Concello de Carnota.

Visto o texto do acordo regulador das condicións de traballo dos funcionarios póblicos do Concello de Carnota, aprobado polo Pleno da Corporación en sesión celebrada o 1 de decembro de 1995 e de conformidade co disposto no artigo 36 da Lei 9/1987, do 12 de xuño, sobre órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas.

Esta delegación provincial,

RESOLVE:

Primeiro.-Admiti-lo depósito do citado acordo na Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Segundo.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 16 de xaneiro de 1996.

Fernando Rodríguez Corcoba

Delegado provincial da Coruña

Acordo regulador das condicións de traballo do persoal funcionario ó servicio do Concello de Carnota

Ano 1995

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

1. Ámbito persoal.

Os acordos que se recollen no presente documento serán de aplicación ó persoal funcionario que presta servicios no Concello de Carnota.

2. Ámbito temporal.

Vixencia: con indepencia da data en que sexa asinado polas partes e aprobado polo Pleno da Corporación Municipal, este acordo entrará en vigor o día 1 de xaneiro do 1995, incrementándose anualmente na contia do IPC. Axustada a súa aplicación ás disposicións legais vixentes.

Nembargantes, entenderase prorrogado expresa, temporal e accidentalmente ata a entrada en vigor do acordo que o substitúa.

3. Carácter.

O Acordo ten un carácter global, necesario e indivisible para tódolos efectos, no sentido de que as condicións pactadas constitúen un todo orgánico unitario e, ós efectos da sua aplicación práctica, serán consideradas global e conxuntamente vinculado á totalidade, polo que non poderán ser renegociadas, modificadas ou reconsideradas parcialmente illadas do seu contexto, non podendo pretenderse a aplicación de partes do seu articulado rexeitando o resto, xa que sempre haberá de ser aplicado e observado na súa totalidade.

4. Condicións máis beneficiosas.

As melloras establecidas en calquera outra disposición de calquera rango, e todas aquelas situacións colectivas que comparadas analítica ou globalmente sexan superiores ás do acordo, serán de aplicación consonte co principio da norma máis favorable ou condición máis beneficiosa para os traballadores, con exclusión de situacións singulares e sen perxuízo do previsto no artigo 1º.5 seguinte.

5. Compesanción e absorción.

As condicións económicas establecidas no acordo, serán compensadas e absorbidas en cómputo anual e global coas superiores e existentes no momento

da súa entrada en vigor, calquera que sexa a súa orixe, denominación e forma das mesmas.

6. Irrenunciabilidade.

Terase por nula ou por non feita a renuncia por parte dos traballadores de calquera dos beneficios establecidos no acordo. Ademais declarase nula, entendéndose como non disposto e sen ningún efecto, calquera acordo, resolución ou cláusula que implique condición menos beneficiosa para os funcionarios do Concello de Carnota.

7. Ampliación favorable.

Logo de consulta á comisión de seguimento e interpretación, tódalas condicións establecidas no acordo deberán ser interpretadas e aplicadas da forma que resulte máis beneficiosa para os empregados do concello, en caso de dúbida, ambigüidade ou escuridade en canto ó seu sentido e alcance.

8. Interpretación.

8.1. O sentido e alcance das condicións establecidas no acordo deberán entenderse e aplicarse consonte á súa organicidade.

8.2. Sen prexuízo do establecido no artigo 1º.7 anterior e co fin de que as omisións, lagoas, escuridades ou ambigüidades non cheguen a perturba-lo recto sentido do pactado no acordo, empregaranse os seguintes elementos interpretativos do seu texto:

a) O elemento histórico, resultante das experiencias nas relacións laborais no concello, eventualmente reforzado por aproximación a outros acordos nos que interveñan similares grupos profesionais e institucionais.

b) Os elementos da finalidade social do acordo autolimitado ós efectos interpretativos polo principio de que nas declaracións de vontade, o principal prevalece sobre o secundario e o útil prima sobre o inútil.

c) O elemento lóxico ou criterio de racionalidade.

9. Aplicación directa.

As partes asinantes do acordo comprométense á aplicación directa deste e a non promover cuestións que puidesen supoñer modificacións das condicións pactadas.

10. Aplicación preferente.

A disposición que contén o presente acordo aplicarase con preferencia sobre calquera outra e, en todo caso será de aplicación supletoria da correspondente normativa vixente do réxime estatutario do persoal das administracións públicas.

11. Exclusión doutros acordos.

Durante o período de vixencia do acordo, non será de aplicación no Concello de Carnota, ningún outro acordo colectivo ou resolución que puidese afectar ou referirse ó mesmo ámbito e aplicación persoal que se recolle no artigo 1º do presente texto.

12. Publicidade do acordo.

12.1 O presente acordo remitirase á oficina pública á que fai referencia a Lei orgánica 11/1985 de liberdade sindical, e será publicado no BOP, inmedia

tamente despois da súa aprobación polo Pleno da Corporación Municipal.

12.2. O concello procurará que todos e cada un dos funcionarios ó seu servicio estean en posesión dun exemplar deste acordo.

13. As partes asinantes do acordo comproméntese a esgota-la vía do diálogo e da negociación antes de adoptar medidas disciplinarias ou actividades de conflicto colectivo.

14. Comisión de Seguimento e Interpretación.

Coa función de examinar e resolver cantas cuestións se deriven da interpretación, vixencia e aplicación do acordo, establécese a creación dunha comisión de seguimento e interpretación que terá unha composición paritaria. Nomearase un funcionario ó fin de levanta-las actas e o control de execución dos acordos.

A comisión de seguimento e interpretación reunirase cantas veces sexa necesario a petición de calquera das partes.

Capítulo II

Xornada e calendario laboral

Artigo 2º

1. Horarios laborais.

1.1. Os horarios de traballo específicos de cada servicio serán os que se recollen no anexo II do presente texto.

1.2. Os traballadores municipais dispoñerán dun desconto rotativo de 20 minutos diarios retribuídos e non recuperables, dentro da xornada laboral, de maneira que o servicio quede atendido.

1.3. Para os efectos do establecido no presente artigo, computarase como tempo de traballo efectivo, o comprendido entre a hora de entrada en que o traballador se persoa no centro de traballo e a hora de saída do propio centro.

2. Traballo en período nocturno entenderase por traballo en período nocturno o efectuado entre as 10 da noite (22 p.m.) e as 6 de mañá (6 a.m.).

3. Traballo en período festivo.

Entenderase por traballo en período festivo o realizado no tempo que medie entre as 22 horas da véspera e 22 horas de cada domingo ou festivo.

4. Traballo a quenda.

Naqueles servicios municipais que pola natureza da súa actividade deban organizarse por quendas de traballo, estas quendas efectúanse mediante a rotación entre os distintos quendas de tódolos traballadores.

Especificamente, procurarase que nos servicios nos que a actividade se desenvolva en domingos, festivos, ou horas nocturnas, as xornadas traballadas en ditas circunstancias sexan repartidas equitativamente entre tódolos traballadores adscritos ó servicio.

5. Pausa entre cada xornada.

Calquera que sexa o réxime de organización do traballo de cada servicio municipal, entre o final

dunha xornada e o comezo da seguinte, mediaran como mínimo 12 horas.

6. Horas extraordinarias.

6.1. Ante a grave situación de paro laboral existente en Galicia e co obxecto de favorece-la creación de emprego, acórdase a conveniencia de reducir ó mínimo indispensable as horas extraordinarias, isto é, as realizadas fóra da xornada de traballo, de acordo cos seguintes criteiros:

a) Horas extraordinarias habituais: supresión total e absoluta neste eido, se como consecuencia do traballo propio dun servicio se estivesen a facer horas extras de forma habitual e en horario concreto, fóra do calendario establecido procederase á negociación necesaria para establecer un réxime de horario no que queden aseguradas as necesidades do servicio.

b) Horas extraordinarias necesarias por producirse imprevistos, ausencias, interrupcións do servicio, alteración nas quendas de persoal ou outras circunstancias de carácter estructural derivadas da actividade ou servicio do que se trate.

Permitiranse sempre e cando non sexa posible resolver estas situacións coa redistribución dos efectivos de persoal existente no cadro de persoal, ou recorrer a contratación temporal en calquera das modalidades existentes na lexislación vixente.

6.2. A realización de horas extraordinarias será comprensada co disfrute de horas laborais libres na proporción de 1 hora/30 minutos por cada hora extra traballada, a excepción das dúas primeiras de cada xornada nas que a proporción será de dúas horas. Esta proporción será de 2 horas cando as horas extras sexan realizadas en período nocturno ou festivo, e en caso de compensación económica esta será de conforme o que se recolle no anexo III.

Por acordo do traballador ou grupo de traballadores e o xefe do servicio ou unidade administrativa, o desfrute das horas de comprensación deberán acumularse ata chegar a completar unha xornada de traballo, que non poderán ser acumulables coas vacacións anuais.

Para estes efectos sempre que un traballador ou grupo de traballadores dun servicio ou unidade administrativa teña realizado horas extraordinarias, elaborarase unha relación na que figurarán a identificación dos traballadores, as horas e data da súa realización e a cuantificación das horas extraordinarias realizadas.

6.3. Os responsables dos servicios ou unidades administrativas responderán persoalmente da certeza e efectividade da realización das horas extraordinarias, así como da veracidade dos condicionamentos aludidos en apartados anteriores que xustificasen a realización das mesmas.

7. Calendarios laborais.

7.1. O calendario laboral normal que rexerá para o persoal ó servicios do Concello de Carnota será o que figura como anexo I do presente texto e deberá permanecer exposto nos taboleiros de anuncios de cada centro de traballo.

7.2. Os servicios que pola súa peculiaridade teñán que organiza-lo seu traballo en réxime de quendas ou non admitan o tratamento común en canto a calendario laboral, elaborando os seus calendarios baixo os principios de igualdade, rotación e non discriminación entre os traballadores.

Nos servicios nos que as actividades se desenvolven en domingos, festivos, horas nocturnas ou en condicións de perigosidade, penosidade ou toxicidade, as xornadas realizadas en ditas circunstancias deberán ser repartidas equitativamente entre tódolos traballadores adscritos ó servicio atendendo as características específicas de cada posto de traballo.

7.3. Os calendarios das quendas elaboraranse anualmente e expoñeranse nos taboleiros de anuncios antes do 15 de decembro de cada ano, e só poderan ser modificados cando circunstancias imprevistas ou sobrevidas así o requiran.

A proposta de calendario laboral específico de cada servicio será elaborada polos xefes respectivos e negociada cos representantes sindicais.

Na elaboración dos calendarios de franqueo da policía local garantirase o desfrute de alomenos dúas fíns de semana (sábados e domingos) libres ó mes, considerados en cómputo anual, a salvo do réxime de quendas alterno establecido para o servicio nocturno.

7.4. Calquera modificación que se pretende levar a cabo nos calendarios laborais establecidos deberá ser debidamente motivada e argumentada. Toda modificación deberá facerse pública cunha anticipación mínima de 7 dias antes das datas afectadas, e deberán de ser notificada os interesados, coa salvedade das mofificacións derivadas de situación sobrevidas e de urxencia.

7.5. O cambio dun traballador ou grupo de traballadores desde as quendas pre-establecidas deberá ser motivado e obxectivado mediante informe do xefe do servicio. En todo caso deberán ser oídos os interesados e o órgano de representación sindical.

Capítulo III

Vacacións, permisos e licencias e situacións administrativas

Artigo 3º

1. Vacacións.

1.1. Os traballadores municipais terán dereito o desfrute dun período de vacacións anuais, que non serán renunciables nin substituíbles por compensacións económicas.

Terán a duración dun mes (ou na parte proporcional se o período dos servicios prestados fose inferior o ano), e desfrutaranse preferentemente entre os meses de xuño e setembro (ambos inclusive), salvo petición expresa do interesado de disfrutalas fóra deste período.

1.2. As vacacións anuais poderán tamén ser fraccionadas en tres períodos non inferiores a 10 días, a petición do interesado sen que o cómputo de ámbalas fraccións poidan supera-los trinta e un días, sempre que o servicio quede debidamente atendido.

1.3. Cando por razóns de servicio algún traballador ou grupo de traballadores deban desfruta-lo seu período de vacacións anuais fóra dos catro meses de preferencia, serán compensados co disfrute adicional de 3 días hábiles.

2. Calendario de vacacións.

2.1. Os calendarios de vacacións anuais de cada servicio expoñeranse nos taboleiros de anuncios antes do 30 de abril de cada ano, e deberan ser negociadas co delegado de persoal.

2.2. O calendario de vacacións poderá ser modificado con caracter individualizado, logo de solicitude dos interesados.

2.3. Cando nun servicio ou sección determinada as vacacións estean a disfrutarse por quendas correlativas, os cambios de persoal que se realicen, non supoñeran para os traballadores afectados modificación no mes de desfrute de vacacións que lle correspondería na quenda de procedencia agás a quenda de que o cambio sexa aceptado voluntariamente polo interesado.

2.4. O período vacacional quedará suspendido cando se presente unha situación de baixa médica, antes ou durante o seu desfrute; ás vacacións reanudaranse logo de que a alta médica sexa efectiva.

3. Permisos e licencias.

a) Establecense con carácter xeral as seguintes licencias:

-Por matrimonio propio, o funcionario terá dereito a unha licencia retribuída de quince días naturais ininterrumpidos que pode acumular as vacacións, sempre e cando non colisione con intereses de traballadores da súa unidade administrativa ou afecte ás necesidades do servicio.

-Por matrimonio de parentes: pais, irmáns e fillos, do interesado, un día, dous días se fose a máis de 200 km de distancia e tres días se fose a máis de 500 km.

-Por xestación e parto, segundo a lexislación vixente.

-Por paternidade, segundo a lexislación vixente.

-Por enfermidade ou falecemento de familiares:

Enfermidade ou accidente propios, os días necesarios segundo parte médico.

-Enfermidade grave ou morte do conxuxe ou fillo, 4 días retribuídos integramente.

-Enfermidade grave ou morte dun familiar ata o segundo grado de consaguinidade ou afinidade: dous días cando o suceso se produza na mesma localidade, catro días cando sexa fora da localidade.

-Quen por razóns de garda legal teña o seu coidadeo algún menor de seis anos ou un diminuído físico ou psíquico, terá dereito á diminución da xornada laboral no tempo que o interesado estime preciso, coa reducción proporcional da súas retribucións, e dependendo das necesidades do servicio.

b) Concederanse ademais os seguintes permisos:

-Por traslado do domicilio habitual, un día.

-Para realizar funcións sindicais, de formación sindical ou de representación do persoal, no tempo e forma establecidos no presente acordo.

-Para concorrer a exames e demáis probas de aptitude ou avaliación en centros oficiais, durante os días da súa celebración.

-O funcionario cun fillo menor de nove meses o seu cargo terá dereito a unha hora diaria de ausencia no traballo, (1 persoa só do matrimonio). Este período de tempo poderá dividirse en dúas fraccións.

-Para acudir a consultas, tratamentos e exploracións de tipo médico (debidamente xustificados).

-Poderase conceder permiso para asistencia a eventos colectivos de caracter técnico, científico, profesional, colexial, asociativo ou sindical. Se a asistencia fose promovida polo propio concello por tratarse de materias de interese para el, o funcionario terá dereito a indemnización por axudas de custo: gastos de viaxe, de estadía, inscrición e outros.

-Disporase dos días por asuntos propios legalmente establecidos para asuntos persoais sen xustificación e retribuídos.

c) Para a tramitación de permisos e licencia de ata cinco días de duración, deberan solicitarse con tres días hábiles de antelación e con cinco días os de maior duración, salvo os casos de urxente necesidade nos que non será preciso o cumprimento do indicado preaviso. A concesión de licencia e permisos corresponderá ó alcalde ou persoa en quen delegue, que dictará para o efecto a oportuna resolución, debendo ser notificada esta o interesado coa debida antelación ó día de comeza-la licencia ou permiso solicitado. En caso de silencio considerarase concedida.

4. Excedencias.

As Excedencias, seran conforme a lexislación vixente sobre da materia.

Capítulo IV

Melloras sociais, asistencias e profesionais

Artigo 4º

1. Anticipos.

1.1. O concello a petición do interesado, concederá os funcionarios o seu servicio anticipos reintegrables sen ningún tipo de xuro, ata unha contía máxima de 750.000 ptas., nos seguintes casos:

Como consecuencia de necesidades derivadas de investimentos en compra ou mellora de vivenda pro

pia e de gastos de enfermidade, entendéndose como tales os seguintes:

a) Os destinados a compra de vivenda que sirva ou vaia servir de residencia única e habitual do peticionario.

b) Os destinados a obras de rehabilitación e mellora da vivenda que reúna os requisitos do parágrafo anterior.

c) Os destinados á merca de mobiliario para o primeiro establecemento da vivenda que se vaia ocupar.

d) Os gastos derivados de enfermidade propia, do seu cónxuxe, fillos ou persoa dependente economicamente do solicitante.

As circunstancias recollidas no apartado anterior deberán ser acreditadas.

1.3. A devolución dos anticipos efetuarase mediante 36 deduccións mensuais en nómina, ata amortiza-la cantidade solicitada, sen prexuízo da posibilidade de amortización en prazos inferiores a petición do interesado. O anticipo terá que ser amortizado con anterioridade a data de xubilación, sexa forzosa ou voluntaria ou deixar de prestar servicio no concello.

1.4. Poderá optar a este tipo de anticipo o persoal funcionario dependente do concello cunha antigüidade superior a 5 anos de servicios prestados no propio Concello de Carnota.

1.5. En caso de solicita-lo importe de 250.000 ptas., estes devolveranse nun período de 1 ano, 500.000 ptas., en 2 anos, e 750.000 ptas., como viñamos dicindo en 3 anos.

2. Anticipos de mensualidade devengada.

Todo o persoal municipal terá dereito a percibir, en caso de urxente necesidade, un anticipo do 90% das retribucións mensuais ordinarias. Farase efectivo de xeito inmediato, e a cantidade correspondente descontaráselle automaticamente na nómina do mesmo mes.

3. Asistencia xurídica e responsabilidade civil.

3.1. O concello garantirá a prestación de asistencia xurídica especializada a tódolos funcionarios que a precisen por mor de conflictos con terceiros derivados da prestación do servicio.

3.2. O concello subscribirá unha póliza de seguros que garanta unha cobertura suficiente das responsabilidades civís que poidesen derivarse das prestacións do servicio dos empregados municipais, agás nos casos de neglixencia debidamente probada.

4. Incapacidade laboral transitoria.

4.1. Por enfermidade común ou accidente non laboral. No caso de baixa por enfermidade común ou accidente non laboral, no primeiro mes percibirase o 75% das retribucións fixas do mes anterior á baixa. As retribucións serán do 100% a partir do segundo mes.

4.2. O concello asegurará a percepción do 100% das retribucións básicas e complementarias ós traballadores e traballadoras en situación de baixa por accidente laboral ou doenza profesional, segundo a lexislación vixente.

4.3. Duración da incapacidade laboral transitoria.

A duración da incapacidade laboral transitoria será a establecida na lexislación vixente na materia.

5. Seguro de accidentes.

O concello concertará unha póliza de seguro colectivo de vida e accidentes para os traballadores sendo os ditos asegurados todo o persoal funcionario suxeito o presente acordo en situación de activo. As condicións de dita póliza serán as seguintes:

Falecemento: 6.000.000 de ptas.

Invalidez absoluta: 6.000.000 de ptas.

Invalidez parcial: 3.000.000 de ptas.

6. Prima por xubilación.

Os funcionarios municipais terán dereito ó desfrute dun permiso retribuído dun día laborable por cada ano de servicio prestado ó Concello de Carnota, no derradeiro ano de traballo previo a data de xubilación que se poderan acumular ó correspondente mes de vacacións anuais.

7. Integración dos minusválidos.

7.1. Nas convocatorias para postos ou prazas de oferta de emprego público do concello non se establecerán exclusións por eivas físicas ou psíquicas, salvo nos casos en que estas sexan incompatibles co normal desempeño das tarefas e funcións propias do posto de traballo obxecto da convocatoria.

7.2. O concello velará polo estricto cumprimento da Lei 13/1982, de integración social dos minusválidos e especificamente do artigo 5, apartado 1 e 2 do Real decreto 162/1985 sobre a oferta de emprego público.

7.3. Nas probas selectivas establecerase para persoas minusválidas que así o soliciten adaptación de tempo e medios para a súa realización, de tal xeito que gocen de igualdade de oportunidades respecto dos demáis participantes.

8. Dereito e respecto á intimidade e dignidade dos funcionarios.

Os funcionarios teñen dereito ó respecto, intimidade e dignidade persoal, polos concelleiros e as xefaturas.

Reservaranse a un ámbito estrictamente profesional as aclaracións sobre o seu cometido laboral.

Capítulo V

Seguridade e saúde laboral

Artigo 5º

1. Dereitos e deberes:

1.1. Tódolos traballadores ó servicio do Concello de Carnota, teñen dereito á saúde laboral, á inte

gridade físicas e a desfrutar dunhas medidas que garantan a debida protección en materia de seguridade e saúde laboral.

2. O concello queda obrigado a promover e fomentar e por en aplicación unha adecuada política de seguridade e hixiene en todos e cada un dos departamentos, servicios e centros de traballo dependentes.

Capítulo VI

Dereitos e garantías sindicais

Artigo 6º

1. Do dereito da participación dos funcionarios.

Tódolos funcionarios do Concello de Carnota teñen dereito a sindicarse libremente en defensa e promoción dos intereses profesionais, económicos e sociais que lles son propios como traballadores.

No eido do subliñado no artigo anterior, os funcionarios do concello, poderán afiliarse libremente ás centrais sindicais de traballadores que estean constituídas legal ou validamente.

2. O concello disporá a axeitada protección ós funcionarios ó seu servicio contra todo acto antisindical que implique discriminación ou de mérito relacionado co seu emprego.

A dita protección exercerase especialmente contra todo tipo de accións ou actuación que persigan.

a) Influir nas condicións de emprego do traballador para que este se afilie ou non a unha central sindical, que deixe de ser membro dela, ou que renuncia á actividade sindical.

b) Condiciona-lo emprego póblico á esixencia de afiliación ou non a calquera central sindical, ou á esixencia de causar baixa nela.

3. Os empregados públicos do concello, dentro ou fóra do seu centro de traballo, teñen dereito a dedicarse á correspondente acción sindical, no tempo e forma establecidos na Lei 11/1985, do 2 de agosto de liberdade sindical, Lei 9/1987 do 12 de xuño, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas, e no disposto especificamente no presente acordo.

4. Do dereito á representación colectiva

Os funcionarios a través das seccións sindicais e/ou os órganos de representación electos-delegados de persoal terán dereito a participar na fase preparatoria do proceso de formación de vontade administrativa orientada á adopción de calquera resolución en materia de persoal, condicións de seguridade e hixiene no desenvolvemento do traballo e réxime de asistencia, seguridade e previsión social, logo de comunicación ó seu xefe inmediato superor.

5. Do dereito á representación colectiva.

a) A representación colectiva dos funcionarios ós servicios do Concello de Carnota será exercida polos delegados de persoal, constituída validamente logo

das eleccións sindicais, e máis polas seccións sindicais acreditadas consonte o regulado no presente capítulo.

b) O delegado de persoal é o de representante do conxunto dos funcionarios do Concello de Carnota, sen prexuízo da representación que corresponda ás seccións sindicais en relación cos seus afiliados.

6. Os funcionarios delegados de persoal terán as seguintes garantías e facultades:

a) Audiencia do delegado de persoal, no suposto de seguirse procedemento disciplinario a un funcionario, sempre que exista petición expresa neste sentido por parte do inculpado.

b) Expresar individual ou colexiadamente con liberdade as súas opinións nas materias relativas á esfera da súa representación, podendo confeccionar, publicar e distribuír información de interese profesional, laboral ou social.

Para estes efectos, o concello facilitará ós delegados de persoal idénticos medios que os subliñados para as seccións sindicais.

7. Os delegados de persoal terán capacidade xurídica propia para exercer accións administrativas ou xudiciais en todo o relativo ó ámbito das súas competencias, por decisión maioritaria dos seus membros.

8. Do dereito de xuntanza dos funcionarios.

a) O persoal do Concello de Carnota poderá exerce-lo dereito de xuntanza cos requisitos e condicións sinalados neste capítulo.

b) Os funcionarios membros dunha sección sindical poderán reunirse, sen prexuízo ningún das súas retribucións, durante a xornada de traballo, fixándose un tempo mensual de 6 horas.

c) O personal funcionario, poderá reunirse, sen prexuízo ningún das súas retrubucións, durante a xornada de traballo, fixándose un tempo mensual de 2 horas.

d) O concello facilitará os medios técnicos e materiais para o normal funcionamento e desenvolvmento das funcions dos delegados de persoal:

-Local de xuntanzas.

-Fotocopiadora.

-Teléfono.

-Telefax.

-Material de oficina, etc.

9. Do dereito de negociación colectiva dos funcionarios.

a) Os funcionarios ó servicio do Concello de Carnota terán dereito á participación na determinación das condicións de traballo conforme ó disposto nos seguintes artigos deste capítulo.

9.1. O fin de posibilita-la participación dos funcionarios na determinación das súas condicións de

traballo, constituirase unha mesa de negociación na que estarán presentes os representantes da corporación, delegados de persoal e as organizacións sindicais máis representativas, así como os sindicatos que obtivesen o 10% ou máis dos representantes nas eleccións celebradas.

9.2. Esta mesa negociará a proposta de acordo regulador das condicións de emprego dos funcionarios ó servicio do Concello de Carnota.

9.3. As reunións da mesa de negociación do concello terán lugar cunha periodicidade polo menos trimestral, sen prexuízo da celebración de cantas reunións sexan precisas a petición de calquera das partes.

9.4. A orde do día das reunións será determinada conxuntamente, podendo incluír calquera das partes cantos asuntos consideran oportunos. As partes serán notificadas formalmente da celebración das reunións cunha antelación mínima de 48 horas, poñendo simultaneamente á súa disposición toda a documentación relativa ós asuntos incluídos na orde do día, para os efectos do seu coñecemento e estudio previo.

Calquera das partes poderá deixar sobre a mesa os asuntos que, ó seu entender, requiran dun máis detido exame ou emisión de informe, ou cando considere que falten datos ou antecedentes de importancia para fundamenta-la adopción de acordos e resolucións.

10. Serán obxeto de negociación no ámbito da mesa de negociación do Concello de Carnota.

a) O incremento de retribucións dos funcionarios nos orzamentos ordinarios do Concello de Carnota.

b) A determinación e aplicación das retribucións.

c) A preparación e deseños dos plans de oferta de emprego público.

d) A clasificación de postos de traballo.

e) As determinacións dos programas e fondos para a acción da promoción interna, formación e perfeccionamento.

f) Os sistemas de ingreso, provisión e promoción dos funcionarios municipais.

g) As propostas sobre dereitos sindicais e de participación.

h) Medidas sobre seguridade e saúde laboral.

i) As materias de índole económica, de prestación de servicio sindical, asistencia e, en xeral cantas outras afecten ás condicións de traballo e ó ámbito de relacións laborais dos funcionarios e representantes sindicais co Concello de Carnota.

11. Segundo o establecido na Lei 2/1991, do 7 de xaneiro sobre dereitos de información dos representantes dos traballadores en materia de contratación, o concello entregará ós órganos de representación sindical unha copia básica de tódolos contratos de relación laboral que realice no seu ámbito institucional.

12. Están lexitimados para convocar reunións do conxunto ou de parte do persoal do concello:

As organizacións sindicais directamente ou a través dos delegados sindicais.

Os delegados de persoal.

Calquera grupo de funcionarios do concello, sempre que o seu número non sexa inferior ó 40% do colectivo convocado.

Capítulo VII

Selección do persoal, provisión de postos

de traballo e fomento da promoción e formación

a) Da selección do persoal.

Artigo 7º

1. O ingreso do persoal ó servicio do Concello de Carnota, realizarase respectando os principios e os procedementos establecidos na Lei 30/1984 de medidas para a reforma da función pública; Lei 4/1988, da Función Pública de Galicia, Lei 7/1985 reguladora das bases do réxime local, R.D.L. 781/1986, Real decreto 364/1995 polo que se aproba o Regulamento xeral do ingreso do persoal ó servicio da Administración do Estado, e demáis disposicións posteriores que regulen o acceso á función pública.

2. As vacantes que se produzan ou a creación de novos postos de traballo asignados a funcionarios, (consonte a relación de postos de traballo), só poderán ser cubertas transitoriamente polo persoal interino, entre tanto non se proceda a provisión en propiedade da praza en cuestión, logo da súa inclusión na oferta pública de emprego inmediata.

2.1. Os funcionarios interinos deberán, en todo caso, reuni-los requisitos xerais de titulación e demáis condicións esixidas para o acceso nos correspondentes corpos ou escalas como funcionarios de carreira, sen que o desempeño do posto de traballo en réxime de interinidade poida supoñer mérito ningún nas probas definitivas de provisión de praza en propiedade.

As súas retribucións básicas e complementarias serán idénticas ós do persoal funcionario de igual grupo ou nivel de complemento de destino.

3. Os delegados de persoal do concello participarán nos tribunais de selección con voz e sen voto, polo que nomeará un representante no tribunal de cada convocatoria.

4.1. Os funcionarios do Concello de Carnota, teñen dereito ó cambio do seu postos de traballo, unha vez que se produza vacante nun posto de traballo de igual ou superior nivel, dentro do mesmo corpo, grupo ou escala.

4.2. Os principios e procedemento para proceder á provisión de postos de traballo vacantes, axustaranse o establecido no R.D. 28/1990, do 15 de xaneiro polo que se aproba o Regulamento xeral de provisión de postos de traballo e promoción profesional.

5. As bases de cada convocatoria de provisión de postos de traballo deberán ser negociadas cos delegados de persoal, que designarán ademáis un representante dos traballadores nas respectivas comisións de valoración.

6. Os funcionarios teñen dereito á renuncia do seu posto de traballo, pasando a ocupar outro de inferior nivel dentro do seu mesmo corpo, grupo e escala, sempre que existen vacante no cadro de persoal coa conformidade da corporación.

C) Do fomento da promoción interna.

7. A promoción interna consiste no ascenso desde un grupo ou subgrupo de clasificación ó grupo ou subgrupo de clasificación inmediatamente superior.

8. Reservarse para promoción interna a porcentaxe máxima de prazas que a lei permita no momento da convocatoria das prazas.

As vacantes que se puidesen producir no organigrama, así como as que se puidesen ocasionar polos cambios introducidos posteriormente neste, serán cubertas por promoción interna segundo o criterio citado no anterior parágrafo e dentro do prazo máis breve posible.

9.1. En todo caso, os funcionarios que participen en probas de promoción interna deberán ter, alomenos unha antigüidade no Concello de Carnota de dous anos no corpo ou escala a que pertenzan e posúa a titulación e o resto dos requisitos establecidos con carácter xeral para o acceso ó corpo ou escala no que aspiran a ingresar.

9.2. Poderase excepcionalmente facer dispensa da titulación esixida con carácter xeral, cando os aspirantes acrediten a superación de cursos realizados en escolas públicas e oficiais de formación de funcionarios, sempre que previamente á celebración dos devanditos cursos se especifique a súa valía para os efectos de validación pertinente.

10. O sistema de promoción será o de concurso-oposición, sen prexuizo de liberar ós aspirantes de determinadas probas na fase de oposición, en función das realizadas para o acceso á Administración local.

11. A oferta de emprego público, e as bases de convocatoria de provisión de prazas, serán negociadas anualmente cos delegados de persoal.

D) Do fomento da formación do persoal.

12. Os funcionarios municipais que cursen estudios de perfeccionamento profesional terán preferencia para elixir quenda de traballo, se é o caso, e de vacacións anuais así como adaptación da xornada de traballo para asistencia ás clases ou cursos.

Capítulo VIII

Dos dereitos lingüísticos dos funcionarios

Artigo 8º

1. Os funcionarios que precisen de cursos de formación lingüística terán dereito a prioridade abso

luta a acudir ós cursos que a tal fin se establezan, respectando as necesidades do servicio, con gratuidade total e liberación do tempo destinado a eles, incluso dentro das horas laborais.

2. O dereito a aprendizaxe do galego exercerase no marco da responsabilidade, asistencia e aproveitamento adecuados.

Capítulo IX

Réxime disciplinario

Artigo 9º

1. Transitoriamente e mentres non sexa aprobado un Regulamento de réxime disciplinario específico para os funcionarios da Administración local ou da Administración autonómica, rexerá no Concello de Carnota o Regulamento de réxime disciplinario dos funcionarios do Estado, aprobado polo R.D. 33/1986 sen prexuizo da aplicación persoal da policía local do réxime disciplinario previsto na lexislación vixente.

2. A corporación municipal comprométese a esgota-la via do diálogo e da información reservada previa a iniciación do expediente disciplinario a calquera funcionario do Concello de Carnota.

3. O delegado de persoal e as seccións sindicais correspondentes serán oídas nos expedientes disciplinarios que se incoen contra funcionarios do concello, tanto na fase de instrucción como na de resolución deste, sempre que exista petición expresa neste sentido pola parte do inculpado. Neste eido, o delegado de persoal deberá ser notificado da iniciación, tramitación e resolución de tódolos expedientes disciplinarios que se incoen. Así mesmo, terá dereito a ser oída en comparecencia directa polo xuíz instructor e pola autoridade ou órgano competente en materia sancionadora previa adopción da resolución.

4. En todo caso, en calquera das fases do procedemento gardarase total discreción en canto a identidade do funcionario en cuestión e dos feitos que se lle imputan.

5. Sempre que se inicie expediente disciplinario, deberá poñerse fin ó procedemento coa correspondente resolución por parte do órgano competente. A resolución haberá de ser motivada e nela non se poderán aceptar feitos distintos dos que serviron de base ó prego de cargos e á proposta de resolución, sen prexuízo dunha distinta valoración xurídica.

Capítulo X

Retribucións

Artigo 10º

1. Os empregados públicos do Concello de Carnota, só serán remunerados segundo os conceptos e contías que se determinen no presente acordo, sen prexuízo das modificacións que se poidan producir por mor da aprobación polo Pleno da Corporación da clasificación de postos de traballo.

2. A ordenación de pagamento de gastos de persoal, terá preferencia sobre calquera outra que debe realizarse con cargo ó orzamento ordinario do concello.

B) Conceptos retributivos.

3. As retribucións que poden percibi-los funcionarios do Concello de Carnota, son básicas e complementarias. A súa aplicación e conceptos retributivos determinaranse consonte o establecido na Lei 30/1984 e R.D. 861/1986.

Son retribucións básicas:

-O soldo.

-A antigüidade.

-As pagas extraordinarias.

Son retribucións complementarias:

-O complemento de destino.

-O complemento específico.

-O complemento de productividade.

-As gratificacións.

C) Criterios de aplicación.

4. Retribucións básicas.

4.1. Soldo:

Para 1995, vén determinado pola Lei 41/1994 de 30 de decembro, dos orzamentos xerais do Estado e polo acordo Administración-sindicatos de data 15 de setembro de 1994.

Grupo: contía mensual.

A: 146.895 ptas.

B: 124.674 ptas.

C: 92.936 ptas.

D: 75.991 ptas.

E: 69.373 ptas.

Grupo A. Título de doutor, licenciado, enxeñeiro, arquitecto ou equivalente.

Grupo B. Título de enxeneiro técnico, arquitecto técnico, diplomado universitario, FP3, ou equivalente.

Grupo C. Título de bacharelato superior, FP2 ou equivalente.

Grupo D. Título de graduado escolar, FP1 ou equivalente.

Grupo E. Certificado de escolaridade.

4.2. Antigüidade:

Exprésase en trienios e consistirá nas cantidades recollidas na seguinte táboa:

Grupo: contía mensual.

A: 5.640 ptas.

B: 4.512 ptas.

C: 3.386 ptas.

D: 2.260 ptas.

E: 1.695 ptas.

Para os efectos de cálculo de trienios computarase o tempo correspondente á totalidade dos servicios efectivos indistintamente prestados en calquera administración pública, tanto en calidade de funcionario de carreira como contratado en réxime laboral ou administrativo.

4.3. Pagas extraordinarias:

Serán de dúas o ano, por un importe cada unha delas das retribucións básicas e antigüidade, devengándose na nómina dos meses de xuño e decembro.

5. Retribucións complementarias.

5.1. Complemento de destino.

Para 1995, o seu importe vén determinado pola Lei 41/1991 de orzamentos xerais do Estado para 1995, en función do nivel asignado a cada posto de traballo na clasificación que resulte do catálogo de postos de traballo consonte o seguinte:

Nivel: contía mensual.

26: 92.965 ptas.

18: 52.562 ptas.

15: 43.593 ptas.

11: 31.635 ptas.

10: 28.645 ptas.

5.2 Complemento específico.

Este complemento esta destinado a retribuí-las condicións particulares dalgúns postos de traballo en atención a súa especial dificultade técnica, dedicación, incompatibilidade, responsabilidade, perigosidade, penosidade e toxicidade.

Nivel: contía mensual.

26: 161.149 ptas.

18: 59.812 ptas.

15: 45.641 ptas.

11: 45.201 ptas. policía.

11: 46.715 ptas. alguacil.

10: 45.201 ptas.

5.3. Complemento de productividade:

Unha cantidade total de 2.000.000 de ptas., e repartiranse o 50% de forma lineal entre o persoal funcionario deste concello.

5.4. Gratificación:

A cantidade establecida total para este concepto será de 2.000.000 de ptas., e retribuiranse por este concepto os servicios extraordinarios realizados fóra da xornada normal de traballo, de conformidade o anexo III.

5.5. Indemnizacións.

Retribuiranse por este concepto:

a) Indemnizacións por asistencia a sesións de órganos da Administración ou reunións similares promovidas pola corporación, ou para formar parte de tribunais ou comisións de selección para o acceso ou promoción no emprego público.

As contías desta indemnización axustaranse o establecido no R.D. 236/1988, do 4 de marzo, e a Resolución do 22 do marzo de 1993, sen prexuízo da súa actualización por posterior norma.

5.6. Fondo adicional.

Nos meses de xuño e decembro aboaráselles a tódolos funcionarios do concello a cantidade correspondente as retribucións complementarias que estean a percibir.

Outras disposicións.

Primeira.-Os postos de traballo proveranse, sempre a cando proceda polo sistema de concurso de méritos entre funcionarios existentes no cadro de persoal do concello, logo de convocatoria para o efecto.

Segunda.-Entenderase por conxúxe a persoa ligada ó funcionario de forma permanente por vínculo legal ou por análoga relación de afectividade. Neste último caso, deberá acreditarse co certificado de convivencia para efectos oportunos.

Terceira.-O feito de que un traballador non faga a súa xornada laboral (por vacacións, ILT, permisos etc.) non implicará en ningún caso o aumento da xornada laboral do resto dos traballadores dese servicio ou dependencia.

Cuarta.-O concello entregará copia do presente acordo e as súas posibles modificacións a tódolos funcionarios que figuren no cadro de persoal.

Disposición derradeira

As partes acordan asumi-los acordos asinados en Madrid entre a FEMP, e os sindicatos.

Este acordo entenderase asinado polas dúas partes, cando sexa aprobado polo Pleno da Corporación.

ANEXO I

Establécese un horario semanal de 37,5 horas.

ANEXO II

O calendario laboral que rexerá no Concello de Carnota para o ano 1995, será o seguinte:

6 de xaneiro: Epifanía do Señor.

13 de abril: Xoves Santo.

14 de abril: Venres Santo.

1 de maio: Festa do Traballo.

17 de maio: Día das Letras Galegas.

25 de xullo: Santiago Apóstolo. Día Nacional de Galicia.

15 de agosto: Asunción da Virxe.

12 de outubro: Festa Nacional de España.

1 de novembro: Tódolos Santos.

6 de decembro: Día da Constitución española.

8 de decembro: Inmaculada Concepción.

25 de decembro: Natividade do Señor.

-Festas locais:

28 de febreiro.

2 de novembro.

ANEXO III

Táboa de importe das horas extraordinarias en pesetas.

Grupo Hora extraPeríodo nocturno,

normal festivo, salario tarde

A 3.186 3.642

B 3.186 3.642

C 2.375 2.714

D 1.994 2.222

E 1.772 2.025

E para que conste e para os efectos oportunos, expido a presente certificación co visto e prace do alcalde coa advertencia e salvidade de que a presente certificación se expide a reserva dos termos que resulten da aprobación da acta correspondente de conformidade co establecido no artigo 206 do R.D. 2568/1986, do 29 de novembro, en Carnota o once de decembro de mil novecentos noventa e cinco.

Visto e prace

O alcalde

Rubricado

O secretario

Rubricado

1306