Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 04 de marzo de 1996 Páx. 1.774

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 31 de xaneiro de 1996, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autoriza a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica á empresa Frinova, S.A., e se inclúe esta no réxime especial creado polo Real decreto 2366/1994. (Expediente número 257/1995 A.T.).

A empresa Finova, S.A., con domicilio para efectos de notificacións no polígono industrial das Gándaras, parcela nº 9, 36400, O Porriño (Pontevedra), con data do 19 de xullo de 1995, solicitou autorización administrativa para a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica, para os efectos do recoñecemento da súa condición de instalación acollida ó réxime especial do Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións hidráulicas, de coxeración e outras abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, e da súa inclusión no grupo d) do artigo 2 do dito Real decreto, acompañando para tales efectos o preceptivo anteproxecto da instalación, o estudio dos rendementos enerxéticos acadables e do aforro de enerxía que se conseguirá coa posta en sercicio das instalacións proxectadas, e o resto da documentación a que fai referencia ó artigo 5.4º do citado Real decreto.

A devandita planta de coxeración situarase nos terreos da factoría, dedicada á elaboración de productos alimenticios precociñados, que a referida empresa ten no polígono industrial das Gándaras de Budiño, no concello do Porriño (Pontevedra).

Resultando que de conformidade co establecido no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, de aplicación ó presente expediente en virtude do establecido na disposicio transitoria primeira da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra, dictou resolución con data 26 de outubro de 1995, pola que se someteu a información pública a autorización adminsitrativa da instalación da referida planta de coxeración, que se publicou no DOG do 12-12-1995 e no BOP de Pontevedra 20-11-1995, non presentándose no período legalmente establecido para iso alegación ningunha.

Resultando que a planta de coxeración, da que se solicita autorización administrativa, ten as seguintes características técnicas básicas:

-Dous grupos motoxeradores cunha potencia de 1190 kVA c/u, con motor de combustión interna para gasóleo e xerador sínrono trifásico, 380/220 V e cosu= 0,8, que aproveitarán a producción simultánea de calor e electricidade. Equipos auxiliares de almacenamento de comustible, regulación, control e interconexión á rede.

Resultando que a solicitude obxecto deste expediente recibiu o informe favorable da Delegación

Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra.

Considerando que a Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente con base no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, no Decreto 132/1982, do 4 de novembro e no Decreto 209/1990, do 15 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polos decretos 140/1991, do 2 de maio, e 292/1995, do 3 de novembro, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización e instalacións eléctricas e o Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro.

Considerando que se cumpriu a tramitación regulamentaria, e que a planta de coxeración proxectada supera os rendementos enerxéticos mínimos que para o combustible en cuestión se establecen no anexo do citado Real decreto 2366/1994.

Esta dirección xeral,

RESOLVE:

Primeiro.-Arutoriza-la instalación dunha planta de coxeración á empresa Frinova, S.A., para situar nas instalacións da factoría que a dita empresa ten no polígono industrial das Gándaras, no concello do Porriño (Pontevedra).

Segundo.-Recoñecerlle á pranta de coxeración autorizada a condición de instalación acollida ó réxime especial do Real decreto 2366/1994, e incluíla no grupo d) do artigo 2 do dito Real decreto.

Como requisito necesario para a aplicación á devandita instalación do réxime especial, a citada empresa deberá inscribir aquela no rexistro de instalación de producción de enerxía eléctrica en réxime especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercico do 5 de xullo de 1995 (DOG do 14-7-1995), para o que acreditará o cumprimento das condicións previstas no artigo 11 do Real decreto 2366/1994, presentando a documentación que figura nas instruccións dictadas por esta dirección xeral en desenvolvemento da citada orde.

O promotor presentará perante a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra, no prazo dun ano contado a partir da data de publicación no DOG da presente resolución, o proxecto de execución da pranta de coxeración autorizada, o cal conterá os datos e condicións técnicas para a realización das instalacións de conexión da central á rede, que serán facilitados pola empresa que distribúe enerxía eléctrica na zona, así como o punto de interconexión.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso ordinario perante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día da súa publicación.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 1996.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria

1097