Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 04 de marzo de 1996 Páx. 1.751

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 1996, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se ratifican os estatutos da Federación Galega de Ciclismo.

Vistos os estatutos da Federación Galega de Ciclismo e a acta de aprobación da súa asemblea xeral extraordinaria do 25-11-1995.

Visto o informe da Sección de Rexistro de Clubs e Asuntos Xurídicos, a Orde do 28 de xullo de 1995 de desenvolvemento do Decreto 228/1994, do 14 de xullo, regulador das federacións deportivas galegas, a Lei 10/1990, xeral do deporte, e demais normativa aplicable,

RESOLVO:

Ratificar, con efectos desde a aprobación da súa asemblea, os estatutos da Federación Galega de Ciclismo, aprobados de conformidade co artigo 8º da Orde do 28 de xullo de 1995, e autoriza-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 1996.

Eduardo Lamas Abade

Secretario xeral para o Deporte

ESTATUTOS DA FEDERACION GALEGA DE CICLISMO

TÍTULO I.

Disposicións xerais.

Capítulo I.

Natureza e fins.

Artigo 1º.-Denominación, obxecto e enderezo.

1.-A Federación Galega de Ciclismo (FGC) é unha entidade privada de carácter asociativo, con personalidade xurídica e patrimonio propio.

2.-Ten coma fins a dirección, defensa e promoción do ciclismo en tódalas súas formas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e está integrada na Real Federación Española de Ciclismo. Queda expresamente excluído o fin lucrativo. Asímesmo correspóndelle a representación de Galicia no ciclismo.

3.-Por ciclismo enténdese calquera actividade deportiva que se leve a cabo sobre unha bicicleta, sexa en estrada, en montaña, campo a través, en pista ou de calquera outro xeito. Inclúe tanto o ciclismo de competición coma o lúdico, turístico e de exhibición.

4.-O domicilio da FGC está en Vigo, na rúa Canceleiro nº 9-1º.-O cambio de enderezo deberá ser acordado pola asemblea xeral se é a outra cidade e pola Xunta Directiva se é dentro da mesma. En todo caso deberá estar situado dentro de Galicia.

Artigo 2º.-Normas reguladoras.

1.-A FGC rexerase por:

-Os presentes estatutos e os sus regulamentos.

-O Decreto da Xunta de Galicia 228/94 e as súas normas de desenvolvemento.

-A Lei estatal 10/1990, do deporte, e as súas normas de desenvolvemento.

2.-A FGC adhírese expresamente ós estatutos e regulamentos da Real Federación Española de Ciclismo e da Unión Ciclista Internaciónal.

3.-Así mesmo adhírese á Carta Olímpica e ás normas e acordos do Comité Olímpico Internaciónal e do Comité Olímpico Español.

Artigo 3º.-Competencias.

1.-Son competencias propias da FGC o goberno, administración, xestión, organización e regulamentación do ciclismo en tódalas súas formas, así como a tutela e o control dos seus asociados nos termos establecidos polo ordenamento xurídico deportivo, dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.

2.-A FGC exerce ademais, en coordinación coa Xunta de Galicia e a RFEC, as funcións públicas de carácter administrativo que lle encomenda o ordenamento xurídico.

3.-Os actos realizados pola FGC no exercicio das súas funcións públicas de carácter administrativo,

son susceptibles de recurso perante a Xunta de Galicia ou ante a RFEC, segundo corresponda.

4.-Os fins e competencias enumeradas neste capítulo son exclusivas da FGC sen que ningún outro suxeito poida exercelas sen o seu consentimento no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Capítulo II.

Membros.

Artigo 4º.-Condición de membros.

1.-Para ser membro da FGC requírese estar en posesión de licencia federativa expedida pola propia federación.

2.-Poderán ser titulares de licencia os clubs deportivos, deportistas, técnicos, xuíces árbitros e outras persoas ou entidades interesadas na promoción, práctica ou desenvolvemento do ciclismo.

3.-A condición de persoas ou entidades interesadas no ciclismo recoñeceráselles ós organizadores de carreiras, representantes de ciclistas ou de técnicos, asociacións de ciclistas, asociacións de clubs e asociacións de organizadores de carreiras. Para efectos de representatividade entenderase que estas persoas ou entidades pertencen ó estamento de clubs.

Artigo 5º.-Dereitos e deberes.

1.-Os membros da FGC gozan de igualdade de dereitos e deberes, sen que poida producirse discriminación. En concreto, gozan dos seguintes dereitos:

a) Exerce-la actividade ciclista en tódalas súas modalidades e sen máis limitacións que as contidas no ordenamento xurídico.

b) Ser informado das actividades polas canles ordinarias, que para ciclistas e técnicos son os clubs e para xuices árbitros é o seu comité.

c) Elixir e ser elixido para os órganos de representación e goberno.

d) Manifesta-las súas opinións, dentro do respecto a persoas e institucións.

e) Recibir apoio e asesoramento para o desenvolvemento da súa actividade.

f) Dirixirse ós órganos de goberno e representación, respectando os procedementos legais, e recibir contestación ás súas peticións.

g) Interpor recurso contra os actos e acordos dos órganos federativos.

2.-Son deberes específicos dos membros:

a) Someterse ós presentes estatutos.

b) Acata-las decisións dos órganos federativos.

c) Respeta-la disciplina deportiva e o xogo limpo, e fomenta-lo seu respecto entre as persoas que deles dependan.

d) Aboa-las cotas correspondentes nos prazos previstos.

e) Facilita-la información que lle solicite a FGC en cumprimento dos seus fins.

f) Absterse de calquera actividade que poña en dúbida a exclusiva competencia da FGC sobre o ciclismo en Galicia.

3.-A enumeración de dereitos e deberes contida neste artigo non é pechada, que dando a salvo calquera outro recoñecido polas leis.

TÍTULO II

Estructura orgánica

Capítulo I

Disposicións comúns.

Artigo 6º.-Órganos de representación e goberno.

1.-Son órganos da FGC a asemblea xeral, o presidente, a xunta directiva e o secretario xeral.

2.-A asemblea xeral poderá reunirse en pleno ou en comisión delegada.

Capítulo II

A asemblea xeral

Artigo 7º.-Natureza.

A asemblea xeral é o órgano superior da FGC e nela están representados tódolos seus estamentos. A elección dos seus membros terá lugar cada catro anos, coincidindo cos anos de Xogos Olímpicos de inverno, por sufraxio libre, secreto, igual e directo.

Artigo 8º.-Composición.

1.-O número de membros da asemblea xeral será fixado no regulamento electoral.

2.-Estará composta por representantes dos distintos tipos de membros recollidos no capítulo II do título I, de acordo coa seguinte proporción:.

-Clubs deportivos: 70%.

-Técnicos: 5%.

-Ciclistas: 20%.

-Xuíces árbitros: 5%.

Artigo 9º.-Competencias.

Correspóndelle á asemblea xeral, en reunión plenaria:

a) Aproba-lo orzamento anual e a súa liquidación.

b) Aproba-lo calendario deportivo.

c) Aprobar e modifica-los estatutos e regulamentos.

d) Elexi-lo presidente e dispoñe-lo seu cesamento.

e) Elexi-los membros da comisión delegada e dispoñe-lo seu cesamento.

f) Establece-los límites e criterios ós que deba suxeitarse a comisión delegada para o exercicio das súas competencias.

g) Aproba-la xestión do presidente, logo de informe da comisión delegada.

h) Aproba-las emisións de títulos representativos de débeda.

i) Aproba-los negocios xurídicos que impliquen o gravame do patrimonio federativo cando se trate de operacións superiores ó dez por cen do orzamento ou a cincuenta millóns de pesetas.

k) Decidir sobre a moción de censura ó presidente.

l) Decidir sobre calquera outra cuestión que lle sexa sometida.

Artigo 10º.-Xuntanzas.

1.-A asemblea reunirase como mínimo unha vez ó ano para decidir sobre a aprobación do orzamento e a súa liquidación, a aprobación do calendario e a aprobación da xestión do presidente. Reunirase ademais con carácter extraordinario cantas veces sexa preciso.

2.-A convocatoria da asemblea faina o presidente por propia iniciativa ou cando así o soliciten a Comisión Delegada ou un número de membros da asemblea non inferior ó vintecinco por cento.

3.-As xuntanzas convocaranse, cando menos, con dez días de antelación e na convocatoria incluirase na orde do día dos temas que se van tratar.

4.-A asemblea queda validamente constituída en primeira convocatoria cando concorran a metade máis un dos seus membros, e en segunda convocatoria sexa cal sexa o número dos presentes. Entre ámbalas convocatorias deberá mediar un prazo de 30 minutos.

5.-Os debates serán dirixidos polo presidente, que terá voto de calidade en caso de empate. Poderá limita-las intervencións dos asistentes para a boa marcha da xuntanza. Actuará como secretario o da federación ou, no seu defecto, quen sinale o presidente.

Artigo 11º.-Adopción de acordos.

1.-A asemblea xeral decide por maioría simple dos votos emitidos, salvo para os asuntos en que os estatutos sinalen outra maioría. En concreto, requirirase maioría de dous tercios dos seus membros para acordar validamente a disolución da federación, a emisión de títulos de débeda ou o alleamento de inmobles.

2.-As votacións serán a man alzada ou por chamada nominal, agás en caso de elección ou moción de censura ó presidente, caso no que a votación será secreta. Tamén poderá procederse á votación secreta cando así o decida a propia asemblea.

3.-Dos debates, acordos e votacións levantará acta o secretario.

4.-O voto será persoal. Non se admitirá a delegación de voto agás no caso de entidades xurídicas, que poderá exercelo o presidente ou persoa na que el delegue, sempre que non sexa membro da asem

blea. Dita delegación de voto será expresa, escrita e referida a unha xuntanza. Ninguén poderá obter máis dunha delegación.

Capítulo III. A Comisión Delegada.

Artigo 12º.-Composición.

1.-Os membros da asemblea xeral elexirán a comisión delegada, como órgano de asistencia a ela. O número dos membros será o 15% da asemblea, cun mínimo de 5 e un máximo de 15. Deberán estar representados tódolos tipos de membros a que se refire o artigo 8º.-O regulamento electoral detallará a súa composición.

2.-A elección levarase a cabo sempre que se renove a asemblea xeral. Poderán ser candidatos os membros da asemblea. Se no prazo previsto para presentar candidaturas se presentase un número inferior ós postos a elixir, os ditos candidatos quedarán automaticamente elixidos sen votación, e poderán presentarse no acto da Asemblea outros candidatos que serán sometidos a votación. En caso de empate procederase a unha segunda volta entre os candidatos empatados.

Artigo 13º.-Competencias.

1.-A Comisión Delegada, por proposta do presidente ou de dous tercios dos seus compoñentes, decidirá sobre:

a) A modificación do calendario deportivo.

b) A modificación dos orzamentos.

c) A modificación dos regulamentos.

Estas competencias exerceraas dentro dos límites e criterios que establezca a propia asemblea xeral.

2.-Tamén lle corresponde á comisión delegada:

a) A elaboración dun informe previo á aprobación dos orzamentos.

b) O seguimento da xestión económica e deportiva da federación.

Artigo 14º.-Xuntanzas.

1.-A comisión delegada reunirase, como mínimo, unha vez cada catro meses, e cantas veces sexa convocada polo presidente a iniciativa propia ou dun tercio dos seus compoñentes. A convocatoria farase con dez días de antelación á data da xuntanza.

2.-As sesións serán presididas polo presidente da federación, o voto do cal decidirá en caso de empate. As decisións adoptaranse por maioría simple dos votos emitidos.

Capítulo IV.

O Presidente

Artigo 15º.-Natureza e elección.

1.-O presidente da FGC é o órgano executivo dela. Será elixido cada catro anos, coincidindo cos anos de Xogos Olímpicos de inverno mediante sufraxio libre, directo, igual e secreto, polos membros da asemblea xeral. Tamén se procederá á súa elección

cando quede vacante o posto antes de expira-lo seu mandato, agás que reste menos dun ano para o remate del, caso no que o suplirá por ese período o vicepresidente.

2.-Os candidatos, que poderán non ser membros da asemblea, deberán ser presentados, como mínimo, polo dez por cen dos membros daquela. Se ningún obtén maioría absoluta dos votos emitidos, procederase a unha segunda volta entre os dous candidatos máis votados, resultando elixido o que máis votos obteña.

3.-O cargo de presidente é incompatible con calquera cargo nun club ou entidade que sexa membro da FGC ou da RFEC.

4.-O presidente cesará por expiración do seu mandato, falecemento, demisión aprobada pola asemblea xeral, incompatibilidade para o cargo e moción de censura aprobada pola asemblea xeral. A moción de censura deberá ser proposta polo trinta por cento dos membros da asemblea incluíndo o nome dun candidato alternativo. Efectuada a proposta, o presidente, no prazo de quince días, convocará a asemblea en sesión extraordinaria para que decida por maioría absoluta dos votos emitidos.

Artigo 16º.-Competencias.

O presidente da FGC é o seu representante legal e correspóndelle:

a) Convocar e presidi-las xuntanzas da asemblea xeral, a comisión delegada e a xunta directiva, decidindo as votacións en caso de empate.

b) Executa-los acordos dos órganos da federación.

c) Nomea-los membros da xunta directiva e mailo secretario e dispo-lo seu cesamento.

d) Contrata-lo personal.

e) Representa-la federación na conclusión de todo tipo de contratos.

f) Dirixi-lo funciónamento interno da federación.

g) Outorgar poderes a favor de procuradores e avogados para representar á federación en xuízo.

h) As demais funcións propias da FGC non encomendadas a outro órgano.

Capítulo V.

A xunta directiva.

Artigo 17º.-Composición e funcionamento.

1.-O presidente nomeará unha Xunta Directiva composta -á parte de el mesmo- por un máximo de catorce membros e un mínimo de catro. Por pertencer á Xunta Directiva, os seus membros terán acceso ás xuntanzas da asemblea xeral, aínda que, se non son membros dela, só terán dereito a voz.

2.-Na xunta directiva existirá un tesoureiro e, polo menos, un vicepresidente, que fará as veces do presidente nas súas ausencias ou en períodos de vacante. Os demais vocais da xunta directiva terán ó seu cargo as áreas que lles encomende o presidente.

Actuará como secretario o secretario xeral da federación, que se non é membro da xunta só terá dereito a voz.

3.-A xunta directiva reunirase, cando menos, unha vez ó trimestre por convocatoria do presidente feita con cinco días de antelación; será válida a convocatoria efectuada durante a xuntanza inmediatamente anterior, salvo respecto ós que non asistiran. Os acordos adoptaranse por maioría simple e en caso de empate decidirá o voto do presidente.

4.-Os membros da xunta directiva son honoríficos e, en caso extraordinario, cando se estableza unha compensación económica xustificada en favor dalgún dos membros da xunta directiva, ten que ser expresamente acordada por maioría absoluta da asemblea xeral e constar de maneira diferenciada no orzamento. En ningún caso a compensación económica poderá ser satisfeita con cargo ás subvencións públicas que reciba a federación.

5.-Dentro da xunta directiva poderá designarse unha comisión executiva para o despacho de asuntos urxentes.

6.-Á xunta directiva correspóndelle:

a) Aproba-los nomeamentos dos comités e comisións que existan dentro da federación.

b) Aproba-la orde do día da asemblea xeral.

c) Prepara-la documentación relativa ós asuntos que se vaian someter á asemblea xeral e a comisión delegada.

d) Redacta-la convocatoria de eleccións para sometela á aprobación da asemblea xeral.

e) Colaborar co presidente na dirección económica, administrativa e deportiva da federación e na execución dos acordos.

f) Fixar data e lugar para a celebración dos campionatos de Galicia.

g) Prestarlles colaboración técnica e asesoramento ós clubs.

h) Cualificar e tutela-la organización de competicións ciclistas oficiais de ámbito autonómico.

7.-Os membros da xunta directiva responderán ante a asemblea xeral das funcións que teñan encomendadas. Tamén responderán dos prexuízos que causen por neglixencia grave no desempeño das súas funcións, tanto ante organismos públicos como ante persoas privadas. Dos acordos adoptados pola xunta responderán tódolos seus compoñentes agás os que votaran en contra ou se abstiveran de forma motivada.

Capítulo VI.

O secretario xeral

Artigo 18º.-Natureza e funcións.

1.-O secretario xeral da FGC realiza as funcións de fedatario e asesor, e máis especificamente:

a) Levantar acta das sesións dos órganos de goberno e representación, con indicación dos asistentes, temas tratados, resultado das votacións e votos particulares, se os houber.

b) Expedir certificacións dos actos e acordos dos órganos de representación e goberno.

c) Informar ós órganos a que asiste sobre a legalidade dos seus actos e acordos e sobre as responsabilidades que implican.

d) Remitir á Secretaría xeral para o Deporte as actas das xuntanzas da asemblea xeral e a comisión delegada no prazo de 15 días desde a súa celebración.

2.-Ten ó seu cargo a dirección administrativa da federación e o despacho ordinario dos asuntos federativos. Ademais doutras funcións que poida encomendarlle o presidente, correspóndelle:

a) Coordina-la actuación de tódolos órganos da federación.

b) Executar, baixo control do presidente, os acordos dos ditos órganos.

c) Recibir e expedi-la correspondencia.

d) Organizar, manter e custodia-lo arquivo da federación.

e) Redacta-la memoria anual de actividades.

f) Ostenta-la xefatura de persoal.

g) Velar pola orde e bo uso do patrimonio da federación.

h) Informar ós órganos de goberno e representación sobre as cuestións que sometan á súa consideración.

Capítulo VII

O tesoureiro

Artigo 19º.

O tesoureiro da FGC encárgase da dirección económica dela. Son as súas funcións:

a) Leva-la contabilidade da federación.

b) Exerce-la inspección económica de tódolos órganos da federación.

c) Elaborar e presenta-las contas anuais á comisión delegada e á asemblea xeral.

Capítulo VIII

Outros órganos

Artigo 20º.-Creación.

1.-A xunta directiva poderá crear dentro da federación cantos órganos estime oportunos para o desenvolvemento da súa actividade.

2.-Necesariamente haberá un comité de xuíces árbitros e cronometradores, e dous órganos disciplinarios: un xuíz único e un comité de apelación.

Artigo 21. Comité de xuíces árbitros e cronometradores.

1.-O Comité de xuíces árbitros e cronometradores da FGC ten ó seu cargo a dirección técnica do estamento arbitral e designa os árbitros para as competicións de ámbito autonómico.

2.-Colabora co Comité Naciónal da Federación Española en canto á formación e clasificación dos xuíces árbitros.

3.-O presidente do comité será nomeado polo presidente da federación, oídos os representantes do colectivo arbitral na asemblea.

Artigo 22º.-Órganos disciplinarios.

1.-A disciplina deportiva será exercida en primeira instancia polo xuíz único. En segunda instancia decidirá o comité de apelación composto por un presidente e dous vocais, un dos cales actuará de secretario. As persoas que deban desempeñar tales funcións serán designadas pola xunta directiva, debendo reuni-la condición de ser licenciados en dereito.

2.-O seu funcionamento será regulado no Regulamento de réxime disciplinario da RFEC ou, se é o caso, da FGC.

3.-A pertenza a estes órganos é incompatible có desempeño dun cargo nos distintos entes sometidos á súa xurisdicción.

TÍTULO III.

Organización territorial

Capítulo único

Asembleas comarcais.

Artigo 23º.-Natureza.

1.-A FGC organízase territorialmente en comarcas, nas cales existirá unha asemblea comarcal composta polos membros da asemblea xeral da federación elixidos nesa comarca.

2.-As asembleas comarcais non teñen personalidade xurídica propia.

Artigo 24º.-Funcións.

1.-As asembleas comarcais son órganos consultivos ós que se poden dirixi-los demais órganos da federación para prepara-las súas decisions. En todo caso deberán ser oídas nas decisións que afecten ó seu territorio de modo específico e diferenciado, e se contase coa súa colaboración para a organización de actividades na comarca.

2.-Poden, pola súa banda, dirixirse ós órganos da federación para expoñerlles cuestións relativas á súa comarca. En concreto, poden propoñer temas para o orde do día da asemblea xeral, comunicándollo por escrito á xunta directiva antes da convocatoria.

3.-Cada asemblea comarcal poderá elixir de entre os seus membros un delegado comarcal que a represente ante os órganos federativos.

TÍTULO IV.

Organización interna

Capítulo I.

Réxime económico e financeiro

Artigo 25º.-Patrimonio e recursos.

1.-A FGC ten o seu propio patrimonio, composto polos bens de que sexa titular.

2.-Son recursos da FGC, entre outros:

a) As subvencións que as entidades públicas poidan concederlle.

b) As doazóns, premios, herdanzas ou legados que lle sexan outorgados.

c) Os beneficios que produzan as súas actividades e os derivados dos contratos que realice.

d) Os froitos do seu patrimonio.

e) Os préstamos ou créditos que obteña.

f) As sancións económicas que impoña ós seus afiliados.

g) Calquera outro que lle atribúa por disposición legal ou convenio.

Artigo 26º.-Normas de administración e xestión.

1.-A administración e xestión do patrimonio e do orzamento son funcións do presidente, que as exercerá a través do tesoureiro, con audiencia da comisión delegada.

2.-Ademais da organización de actividades e competicións deportivas, a FGC pode, complementariamente, exercer actividades de carácter industrial, comercial, profesional ou de servicios. Os froitos ou rendas que obteña destinaranse en todo caso ó cumprimento dos seus fins, e nunca poderá repartir beneficios.

3.-A FGC pode gravar e allea-los seus bens mobles e inmobles, tomar diñeiro a préstamo e emitir títulos representativos de débeda ou de parte alícuota patrimonial, sempre que os ditos negocios non comprometan de xeito irreversible o patrimonio da federación ou o seu obxecto social. En todo caso, cando a súa contía supere o vintecinco por cento do orzamento anual da federación, ademais do acordo da asemblea xeral será imprescindible o informe favorable da Secretaría Xeral para o Deporte.

4.-En relación cos bens inmobles que foran financiados, en todo ou en parte, con fondos públicos da Comunidade Autónoma galega, será preceptiva a autorización da Secretaría Xeral para o Deporte para o seu gravame ou alleamento.

5.-Os orzamentos non poderán ser deficitarios, agás autorización expresa da Secretaría Xeral para o Deporte.

6.-A FGC non poderá comprometer gastos de carácter plurianual sen autorización da Secretaría Xeral para o Deporte, cando a natureza do gasto, ou a porcentaxe del en relación co orzamento, vulnere os criterios establecidos pola propia secretaría.

7.-A administración do orzamento da FGC responderá ó principio de caixa única, debendo dedicarse os ingresos propios, de xeito prioritario, ós gastos de estructura.

8.-A contabilidade axustarase ás normas de adaptación do Plan Xeral de Contabilidade ás federacións deportivas e ó previsto no Decreto 228/1994 da Xunta de Galicia e normas de desenvolvemento.

9.-As contas anuais e os orzamentos deberán estar no enderezo social da federación cunha antelación de quince días á celebración da asemblea en que deban ser aprobados. Calquera persoa ou entidade con dereito a voto poderá examina-los ditos documentos e solicitar copia deles, que lles será entregada antes da asemblea.

Capítulo II

Rexime documental

Artigo 27º.-Libros.

O réxime documental da FGC comprende os seguintes libros:

a) Rexistro de asociacións, recollendo a súa denominación, enderezo social, nome e apelidos do presidente e do secretario e data da súa toma de posesión.

b) Actas das xuntanzas dos órganos de goberno e representación.

c) Contas, que serán como mínimo: diario e inventarios e balances.

d) Inventario dos bens mobles e inmobles.

e) Todos aqueles que o presidente considere necesarios.

Artículo 28º.-Levanza dos libros.

1.-A levanza directa dos libros correspóndelle:

a) Ó secretario xeral nos casos a), b) e d) do artigo anterior.

b) Ó tesoureiro no caso c).

c) A quen designe o presidente no caso e).

2.-En todo caso, o secretario xeral supervisará a correcta levanza de todos eles, e encargarase da sua legalización no Rexistro Mercantil.

Artigo 29. Exame dos libros.

1.-Con quince días de antelación á celebración da asemblea xeral ordinaria os libros contables e os de actas dos órganos de goberno estarán á disposición dos membros da asemblea que desexen consultalos.

2.-Calquera persoa ou entidade con licencia en vigor poderá solicitarlle ó secretario certificacións do contido dos libros, que só poderá ser negada no caso de compromete-los intereses da federación.

TÍTULO V

Rexime disciplinario

Capítulo I

Ámbito da potestade disciplinaria

Artigo 30º.-Infraccións e sancións.

1.-A disciplina deportiva da FGC comprende as infraccións das regras do xogo ou competición e as infraccións das normas xerais deportivas.

2.-Son infraccións das regras do xogo ou competición as accións ou omisións que, durante o desenvolvemento del, vulneren, impidan ou perturben o seu normal desenvolvemento.

3.-Son infraccións das normas xerais deportivas as accións ou omisións contrarias ás normas sobre o deporte contidas no ordenamento xurídico do Estado, nos presentes estatutos e os seus regulamentos e nas normas da Unión Ciclista Internaciónal.

4.-As infraccións e sancións deberán estar expresamente tipificadas no ordenamento xurídico. En caso contrario non terán relevancia xurídica ningunha.

Capítulo II

Competencia e procedemento

Artigo 31º.-Normas reguladoras.

A disciplina deportiva será exercida polos órganos e nos termos previstos no Regulamento de réxime disciplinario da RFEC ou, se é o caso, da FGC.

Artigo 32º.-Competencia.

A potestade disciplinaria para investigar e, se é o caso, sanciona-las infraccións correspondelle:

a) Ós xuíces árbitros durante o desenvolvemento das competicións sobre as persoas que por calquera título participen nelas.

b) Ós clubs respecto dos seus socios.

c) Ós órganos disciplinarios da FGC sobre as persoas que formen parte da estructura orgánica da federación, sobre as persoas ou entidades con licencia federativa, sobre os directivos de ditas entidades, e sobre as persoas que cometan infraccións durante o desenvolvemento de competicións o regulamento particular das cales fora aprobado pola FGC.

Artigo 33º.-Procedemento.

1.-Os procedementos serán os previstos no Regulamento de réxime disciplinario da RFEC ou, se é o caso, da FGC.

2.-Contra as resolucións adoptadas polo xuíz único da FGC poderase recorrer perante o Comité de Apelación. Contra estas últimas ante o Comité Galego de Disciplina Deportiva.

3.-Os órganos disciplinarios da FGC prestarán auxilio xurisdicciónal para a investigación e sanción das infraccións, cando así o requiran os órganos doutras federacións autonómicas ou da RFEC.

4.-As sancións económicas poderán ser obxecto de retención con ocasión de calquera pago que realice a federación, e, no caso de recaer sobre unha persoa dependente dun club ou entidade esta será responsable solidario.

5.-As manifestacións contidas nas actas subscritas polos xuíces árbitros presúmense certas, agás erro material manifesto ou proba en contrario.

6.-As sancións pecuniarias deberán ser aboadas no prazo dun mes desde a súa notificación.

7.-Os prazos de prescrición de infraccións e sancións interromperanse pola non tramitación de licencia federativa.

TÍTULO VI.

Rexime electoral

Capítulo único.

Procedemento

Artigo 34º

1.-Cada catro anos, coincidindo co ano de celebración dos Xogos Olímpicos de inverno celebraranse eleccións á asemblea xeral, á comisión delegada e á presidencia.

2.-Terán dereito de sufraxio activo e pasivo as persoas físicas e xurídicas que estean en posesión de licencia federativa na data de convocatoria e que a tiveran tamén na tempada inmediatamente anterior. No caso das persoas físicas, requirirase ser maior de idade e estar no pleno exercicio dos seus dereitos civís.

3.-Dentro dos nove primeiros meses do ano electoral o presidente convocará a asemblea xeral extraordinaria, na orde do día da cal se incluirán necesariamente os seguintes puntos: convocatoria de eleccións, elección de xunta electoral e aprobación do regulamento electoral.

4.-A xunta electoral estará integrada por un elector de cada estamento, sen que sexa preciso pertencer á asemblea. No caso de ser un número par, o presidente, que será o de máis idade, terá voto de calidade nos empates.

5.-Os interesados en formar parte da xunta electoral poderán presenta-la súa candidatura ata o inicio da asemblea na que se vai proceder á elección. En caso de non haber candidatos por algún estamento cubriranse os postos por sorteo.

Artigo 35º.

1.-No regulamento electoral regularase o procedemeento que se seguirá na elección de cada órgano, e en particular os seguintes extremos:

a) Número de membros da asemblea e da comisión delegada, e a súa distribución por estamentos conforme ás porcentaxes previstas polos estatutos.

b) Circunscricións e mesas electorais e número de membros de cada estamento a elexir en cada unha delas.

c) Composición, competencias e funcionamento da xunta electoral.

d) Lugar de exposición do censo electoral e prazo para consultalo.

e) Procedemento para as reclamacións e a resolución de conflictos.

f) Calendario electoral.

2.-O calendario electoral deberá preve-los prazos necesarios para o desenvolvemento do proceso electoral con total respecto ós dereitos fundamentais.

3.-O prazo para presentarse como candidato a presidente será, como mínimo, de dez días naturais.

TÍTULO VII.

Modificacion dos estatutos

Capítulo único

Procedemento

Artigo 36º.-Iniciativa.

1.-A proposta de modificación dos estatutos correspóndelle á xunta directiva, á comisión delegada ou a un tercio dos membros da asemblea xeral.

2.-Calquera dos suxeitos indicados no apartado anterior poderá dirixirse por escrito ó presidente solicitando a convocatoria da asemblea xeral para o efecto. No dito escrito deberá precisarse a modificación que se propón e o texto resultante dela.

Artigo 37º.-Acordo de modificación.

1.-O presidente deberá convoca-la asemblea xeral no prazo de quince días a contar desde a recepción da solicitude. A proposta de modificación incluirase na orde do día e achegarase á convocatoria copia do texto da modificación e da solicitude. A proposta de modificación poderá levarse á asemblea xeral ordinaria se coincide a súa convocatoria dentro do prazo sinalado anteriormente.

2.-A asemblea debaterá en primeiro lugar a modificación estatutaria e non entrará noutros puntos da orde do día sen ter votada a proposta.

3.-A modificación aprobada pola asemblea deberá ser remitida polo presidente á Secretaría Xeral para o Deporte e á RFEC no prazo de quince días, e deberá de ser publicada no Diario Oficial de Galicia.

TÍTULO VIII

Disolución e liquidación

Capítulo I

Extinción ou disolución

Artigo 38º.-Causas de extinción.

A FGC extinguirase polas causas contidas no ordenamento xurídico ou por acordo de disolución adoptado pola asemblea xeral segundo o previsto neste título.

Artigo 39º.-Acordo de disolución.

1.-Para que a asemblea xeral poida acordar validamente a disolución da FGC será precisa a cele

bración de sesión extraordinaria na orde do día da cal figurará como único punto a disolución.

2.-A convocatoria levaraa a cabo o presidente a petición da xunta directiva, da comisión delegada ou dun tercio dos membros da asemblea. A dita convocatoria porase en coñecemento da xunta directiva da RFEC e da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, que poderán facerse representar na asemblea con voz pero sen voto.

3.-A asemblea quedará validamente constituida se están presentes, en primeira ou en segunda convocatoria, dous tercios dos seus membros.

4.-A aprobación do acordo requirirá maioría de dous tercios dos votos emitidos.

Capítulo II.

Liquidación

Artigo 40º.-Nomeamento de comisión liquidadora.

A propia asemblea, na sesión na que se acorde a disolución, nomeará unha comisión liquidadora composta por un mínimo de tres membros. No seu defecto, será designada pola xunta directiva, logo de consulta á comisión delegada.

Artigo 41º.-Procedemento de liquidación.

1.-Unha vez producida a extinción ou acordada a disolución, a FGC conservará a súa personalidade xurídica polo tempo que dure a liquidación. Durante ese período deberá engadir á súa denominación a frase «en liquidación».

2.-A comisión liquidadora iniciará a súa función elaborando inventario e balance á data de producirse a causa de extinción. Asumirá a total administración da FGC ata a súa completa liquidación, para o cal:

a) Levará a contabilidade e velará pola conservación do patrimonio.

b) Realizará as operacións pendentes, tanto no referente a cobro de créditos como pagamento de débedas.

c) Alleará, se for preciso, os bens.

d) Concertará novas operacións se iso beneficia ó patrimonio.

3.-Ó remate da súa tarefa, a comisión liquidadora convocará a asemblea xeral para someter a votación o inventario e balance finais.

4.-O neto patrimonial resultante da liquidación será destinado pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia a actividades análogas ós fins sociais.

Disposicións transitorias

Primeira.-Os presentes estatutos, unha vez aprobados pola asemblea xeral, serán remitidos polo presidente á Secretaría Xeral para o Deporte para a súa aprobación. No caso de que a Secretaría Xeral para o Deporte indique deficiencias que deban ser reparadas, será competente para facelo a xunta direc

tiva coa aprobación da comisión delegada. Se esta o estima necesario convocarase á asemblea xeral para aproba-las modificacións.

Segunda.-Ata a entrada en vigor dos presentes estatutos, a FGC rexerase polas normas sinaladas no artigo 2º e, no que non se opoñan a elas, polos actuais estatutos e regulamentos.

Terceira.-A organización comarcal prevista nos presentes estatutos non será aplicada en tanto non exista en cada comarca un número suficente de membros por cada estamento. Nas eleccións que se celebren ata entón, as circunscricións electorais serán establecidas no regulamento electoral.

Cuarta.-A división comarcal coincidirá coa que sexa aprobada pola Xunta de Galicia. Mentres a dita aprobación non se produza, será a xunta directiva, con audencia da comisión delegada, a que delimite as comarcas.

Quinta.-Os procedementos disciplinarios iniciados antes da entrada en vigor dos presentes estatutos continuarán tramitándose de acordo coas normas anteriores ata a súa total conclusión. As resolucións que recaian nos ditos procedementos serán susceptibles de recurso directamente ante o Comité Galego de Disciplina Deportiva.

Sexta.-O Comité de Competición e Disciplina Deportiva ten prorrogada temporalmente a súa xurisdicción ata a total conclusión dos procedementos en curso á data de entrada en vigor dos presentes estatutos.

Disposicións derradeiras:

Primeira.-Os presentes estatutos entrarán en vigor o día seguinte ó da súa aprobación pola asemblea xeral.

Segunda.-Quedan derrogadas tódalas disposicións de rango inferior a estes estatutos que se opoñan ó seu contido.

965