Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 28 de febreiro de 1996 Páx. 1.613

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 1 de febreiro de 1996, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dá publicidade ó laudo dictado no procedemento extraxudicial de solución de conflictos, Ref. 17/1995, conforme o establecido no Acordo Interprofesional Galego de Solución de Conflictos de Traballo (AGA), para a solución dun conflicto suscitado na aplicación dunha cláusula do convenio colectivo de Lacto Agrícola Rodríguez, S.A. (LARSA).

En cumprimento do Art. 2 f) do Real decreto 1040/1981, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, faise público o laudo dictado no procedemento de solución de conflictos, Ref. 17/1995, conforme o establecido no Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo (AGA), para soluciona-lo conflicto xurdido entre a empresa e o comité intercentros, na aplicación dunha cláusula do convenio colectivo de Lacto Agrícola Rodríguez, S.A. (Larsa) respecto á determinación do carácter de retribución fixa das gratificacións extraordinarias.

Esta dirección xeral,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do devandito laudo arbitral no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remiti-lo texto orixinal ó correspondente servicio deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoña-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 1996.

Juan Pedrosa Vicente

Director xeral de Relacións Laborais

Laudo arbitral

José María Casas de Ron, designado árbitro en acta de compromiso arbitral de data 12 de decembro de 1995, polas partes no procedemento de solución de conflictos, ref. 17/1995, conforme o establecido no Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo (AGA), procedemento no que son partes interesadas a empresa Lacto Agrícola Rodríguez, S.A. (LARSA) e o comité intercentros da dita empresa, resolvo a cuestión formulada, visto o expediente e oídas as partes, por medio do presente laudo.

Antecedentes.

O conflicto que se promove para resolución arbitral refírese á determinación do carácter de retribución fixa das gratificacións extraordinarias, de acordo co convenio colectivo aplicable, despois de que as partes non obtivesen acordo en diversas reunións mantidas.

Esta é a cuestión que se somete ó procedemento arbitral e que lle foi comunicada ó árbitro designado no expediente de compromiso instruído polo correspondente Servicio de Solución de Conflictos.

Tramitación.

Co fin de garanti-los principios de audiencia, contradicción e de igualdade, o árbitro citou para a súa comparecencia as partes interesadas en dúas reunións celebradas en datas 21 de decembro de 1995 e 5 de xaneiro de 1996, constituíndose en parte, pola empresa, Gaspar Barreras, asesorado polo letrado Rodolfo Hinrichs, e, polo comité intercentros: Esclavitud García, Valentín Fernández, Luis Navarro (UGT); César García (CC.OO) e Gumersindo Fernández (CIG). Comparece asimesmo, J.M. Ferreiro, como asesor da UGT.

O árbitro, así mesmo, co fin de resolver, fixo comparecer en data 9 de xaneiro de 1996 ó xefe de persoal da empresa, Jesús Crusat, que achegou toda a documentación laboral e de Seguridade Social requirida á empresa, na comparecencia de data 5 de xaneiro.

Ó dicta-lo presente laudo, o actuante acóllese ó prazo excepcional previsto no Art. 24 do acordo interprofesional, atendendo as dificultades que houbo para a comparecencia das partes, garantindo os principios de audiencia e contradicción recollidos na norma de aplicación.

Análise de feito.

Abertas as comparecencias nas datas anteditas, as partes expuxeron os seus diferentes puntos de vista e informaron o árbitro sobre tódalas cuestións en litixio, e que se incorporan ó expediente para os efectos de resolución. O actuante recolle os seguintes fundamentos nesta orde de cousas.

Primeiro.-O convenio colectivo nacional do sector de industrias lácteas de 1990, no seu artigo 26, sinala que as gratificacións de xullo, Nadal e beneficios consistirán nun mes de soldo da táboa salarial deste convenio, incrementado coa antigüidade. O convenio colectivo de empresa de 1992 contiña dentro do epígrafe «gratificacións extraordinarias» e como gratificación fixa, as pagas de xullo, Nadal e marzo, que consistirán nun mes de soldo da táboa salarial deste convenio sen plus de asistencia, redacción que mantén o convenio de 1993, e que reflicte no convenio vixente, de aplicación nos anos 1994 e 1995, que no seu artigo 12 sinala o seguinte: «Gratificacións extraordinarias. 1) Gratificacións fixas. As gratificacións de marzo, xuño e Nadal, que se cobrarán o 15 de marzo, 15 de xullo, 15 de decembro, consistirán nun mes de soldo da táboa salarial deste convenio sen gratificación de asistencia». O apartado 2º deste precepto fai referencia á percepción destas pagas durante a

prestación do servicio militar.

Estes son os preceptos que terá en conta o actuante na súa decisión, concatenado co artigo 13 do último convenio colectivo que contén o réxime de prestacións complementarias de Seguridade Social durante a incapacidade laboral transitoria (hoxe incapacidade temporal), en casos de accidente non laboral, enfermidade profesional, enfermidade

común e maternidade. Nestes casos o traballador percibirá as cantidades que teña sinaladas en cada circunstancia a Lei de Seguridade Social e a lexislación específica de accidentes de traballo. Non obstante, a empresa aboará desde o primeiro día en que resulte afectado por tal incapacidade un complemento ata completa-lo 100% do salario durante o tempo en que teña dereito á citada prestación económica na primeira baixa anual, segundo a estructura salarial.

A isto engádese que o citado convenio non contén cláusula de compensación/absorción.

Así mesmo, o árbitro comprobou que sobre a cuestión en litixio non existe ningún pronunciamento da comisión paritaria, nin existen actas das sesións de negociación do convenio colectivo que puidesen achegarse ó presente expediente.

Segundo.-Previamente á fundamentación arbitral da decisión que máis tarde se exporá, cómpre deixar sentado, realizadas as oportunas comprobacións na forma antedita no apartado de tramitación, que tódolos traballadores da empresa perciben o íntegro das pagas extraordinarias a que se refire o Art. 12.1º do convenio colectivo, nos casos de baixa do traballador, sempre que non se produza unha segunda ou sucesiva baixa, é dicir, perciben o íntegro das pagas extraordinarias nos termos convencionais, aínda a pesar de que, como é coñecido, na contía do subsidio por ILT/IT se percibe incluída na prestación a parte proporcional das pagas extraordinarias, que son tidas en conta para o cálculo da base reguladora, ó se incluír nesta o seu rateo, descontando a empresa das pagas extraordinarias a parte proporcional correspondente ós momento de baixa, desconto que se efectúa no momento do seu aboamento, práctica que non ten contradicción legal e que avala numerosa xurisprudencia.

Respecto ás situacións que se producen en materia de pagas extraordinarias nos casos de segunda ou seguintes baixas, desde 1993 e como consecuencia das recomendacións emanadas dunha auditoría interna, vénse descontando a parte proporcional do tempo de baixa, nos termos do parágrafo anterior, desconto que non se efectuaba anteriormente ó ano 1993 e que desde logo non se efectuou durante a vixencia dos convenios do ano 1990, 1991 e 1992.

Terceiro.-A parte empresarial argumenta, para o cambio que se produce a partir dos primeiros meses de 1993, dous motivos: un, a necesidade práctica e obxectiva, avalada pola propia auditoría, á que se fai referencia, de control do absentismo laboral; e, outro, considerar que a introducción do complemento ata o 100% do soldo bruto sobre a prestación económica de Seguridade Social nos supostos de ILT/IT, que se regula no último convenio no artigo 13, supón mellora global para o colectivo e como tal absorbe o anterior sistema de aboamento íntegro das pagas extraordinarias, calquera que fose a situación do traballador, en activo ou de baixa, e que se aplicou ata os primeiros meses do ano 1993. Sinálase explicitamente esta cuestión, pois na primeira das comparecencias a parte social solicitáballe ó arbitro que resolvese sobre o aboamento das retribucións extraordinarias en tódolos supostos de baixa

laboral, incluída a primeira, e, como vemos, esta situación de primeira baixa non afecta a percepción das gratificacións extraordinarias e unicamente afecta as situacións provocadas pola segunda ou sucesivas baixas laborais.

Cuarta.-Fixada así a cuestión que se vai dirimir, o actuante fará referencia a dúas consideracións; a primeira, a situación que se produce co cambio retributivo no aboamento das pagas extraordinarias a partir de 1993, alterándose a situación precedente, e a valoración que isto supón ligado coa segunda, que é a valoración xurídica do segundo cambio que houbo ó se introduci-lo complemento do 100% do salario mensual nos supostos de primeira baixa laboral, que se dá a partir de 1992.

E tres son os conceptos que se utilizarán arbitralmente na fundamentación da decisión. O xogo do principio de sucesión normativa, do mecanismo de compensación/absorción e o principio de condición máis beneficiosa adquirido, son os eixes argumentais que se utilizarán na forma seguinte. A empresa viña aplicando, con carácter xeral e de forma ininterrompida, un aboamento retributivo de pagas extraordinarias, de modo tal que estas non viñan sendo afectadas pola situación inactiva do traballador, sistema que non se pode considerar como unha simple liberalidade, esporádica e ocasional, do empresario, e, xa que logo, non esixible no sentido fixado por diversa doutrina xudicial (TCT 15-3-1989), senón que, polo contrario, tal situación devén nun dereito adquirido, que como tal debe ser respectado ó se configurar como un sistema uniforme e non limitado temporalmente. A xuízo do árbitro, tal dereito adquirido como condición máis beneficiosa, de sentido colectivo, non se pode cuestionar pola

aplicación dun aparente principio de sucesión normativa, entre convenios, ó non prove-la ulterior cláusula de compensación ou absorción, e por outra parte, aínda introducindo un sistema de complemento das prestacións económicas de Seguridade Social nos supostos de baixa no convenio de 1992, está o feito fáctico de aplicación por parte da empresa de aboamento do íntegro das gratificacións extraordinarias, na forma establecida convencionalmente, nos casos de primeira baixa laboral. É dicir, non cabe alega-la aplicación das previsións do Art. 3 do Estatuto dos traballadores, en relación co artigo 2 do Código Civil, e considerar só de aplicación o principio de sucesión normativa entre normas pactadas, concatenado co principio de norma máis favorable, pois existe a xuízo do laudante, contradicción entre a última norma pactada e o dereito que se adquiriu pola aplicación uniforme, homoxénea e ininterrompida dun sistema de aboamento das gratificacións extraordinarias como gratificación fixa

en tódolos anos anteriores a 1993, actuando para estes efectos, en último caso, o principio in dubio pro operario sobre tal situación (STS 7-2-1979, 31-10-1989, 4-3-1982), debendo valorarse esta tuitivamente en relación co mantemento da condición máis beneficiosa.

A última norma pactada non dispón sobre o réxime máis beneficioso anterior, réxime de aboamento íntegro de pagas extraordinarias, e non cambia o status

quo referente á segunda e sucesivas baixas, e aínda que se inclúa un modo de compensación nas baixas laborais, non altera o anterior sistema sobre gratificacións extraordinarias, que debe manterse na aplicación do convenio colectivo de 1994, con respecto ós traballadores que o viñesen desfrutando, por ser estes os suxeitos da condición adquirida máis beneficiosa.

Quinto.-Dito o anterior, quere o actuante sinalar expresamente que a solución arbitral non pode acolle-la distorsión que se produce se se privilexia a retribución do traballador en baixa con respecto ó traballador en activo, extremo que pode darse na empresa polos anteriores datos, pois unha cousa é, no presente caso, a aplicación e o xogo de principios xurídicos ineludibles e outra a situación que devén. Co fin de non distorsionar gravemente o que o bo sentido require, unha vez aclarada a situación referida ó período de vixencia do último convenio colectivo, as partes deben superar esta situación, que como se dicía pode derivar en anomalía, negociando e pactando, e ocasión propicia ten para iso ó ter que negocia-lo próximo convenio, establecendo un sistema xusto que non prime ou poida incentiva-lo absentismo laboral, que non provoque cando menos diferencias retributivas entre traballadores en alta e en baixa, iniciativa negocial perfectamente compatible co lexítimo desexo de mellora

social, compatible tamén coa mellora global da norma sucesiva e cos requisitos empresariais necesarios para unha boa xestión.

Sexto.-Polo anterior, de acordo coas consideracións expostas, non dándose unha desproporción exorbitante, fóra de todo cálculo, entre as prestacións das partes contratantes (STS 23-4-1991), que impida manter como condición máis beneficiosa a mellora da condición retributiva laboral exposta, que non é susceptible de supresión ou reducción por decisión empresarial (STS 20-5-1991), resolvo a cuestión formulada, dictándose o seguinte laudo conforme o capítulo II do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo:

Único:

Os traballadores da empresa Lacto Agrícola Rodríguez, S.A. (LARSA) que viñesen desfrutando con anterioridade a 1993 do aboamento íntegro das pagas extraordinarias, como gratificación fixa e sen que as baixas laborais incidisen na cuantificación de tal retribución, pecibirano de igual maneira e con efectos respecto do ámbito de vixencia temporal do convenio colectivo de 1994, sen prexuízo de que se deba aclarar colectivamente o sistema salarial na empresa co establecemento dunha orde global salarial pactada entre partes no vindeiro convenio colectivo.

Contra o presente laudo poderase recorrer perante a Xurisdicción Social nos termos establecidos no punto 4º do Art. 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo (AGA).

Dado en Vigo o 12 de xaneiro de 1996.

O árbitro

Rubricado

95-1156