Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 27 de febreiro de 1996 Páx. 1.547

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 63/1996, do 15 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica dos servicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Polo Decreto 198/1994, do 16 de xuño, estableceuse a estructura orgánica da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais acomodándoa ás competencias que lle eran propias e que se derivaban, por unha banda, da incorporación á consellería da materia referida ós servicios sociais, e por outra, da configuración das relacións entre a Consellería e o Servicio Galego de Saúde. A necesidade de afondar na liña iniciada fai preciso remodelar esa estructura establecendo as unidades adecuadas para o desenvolvemento racional das funcións asignadas.

O afondamento no carácter de autoridade sanitaria da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e, como tal, o reforzamento do papel de órgano responsable da dirección e coordinación das políticas sanitarias, sociais e sociosanitarias, constitúen a dirección na que se orienta esta nova estructura da consellería.

Neste sentido recóllese a existencia do Consello de Planificación como órgano colexiado de coordinación que baixo a presidencia da máxima autoridade da consellería elabore as políticas xerais de saúde e os criterios xerais de planificación, e coordine as actuacións conducentes á elaboración do plan de saúde, instrumento que cobra unha capital importancia.

O papel como autoridade sanitaria da Dirección Xeral de Saúde Pública é clásico e forma parte das funcións primordiais desta para conseguir garanti-la protección da saúde dos galegos. Por outra parte a Dirección Xeral de Saúde Pública segundo os seus sistemas de información e á análise epidemiolóxica, convértese en elemento esencial á hora de identifica-los principais problemas de saúde de Galicia que son a base da planificación da política sanitaria da consellería.

Unha vez definida a nova misión dos servicios de Saúde Pública da nosa Comunidade Autónoma faise necesaria a adaptación das estructuras orgánicas a esta, considerándose máis acorde con esta misión a incardinación da Dirección Xeral de Saude Pública na consellería. Esta nova estructura que se formula para os servicios de saúde pública baséase no feito de que as súas actuacións caracterízanse por integra-la prevención da enfermidade e a promoción e protección da saúde en cada un dos programas que se desenvolven, así como separa-la planificación e programación da execución e xestión na maior parte dos programas para optimiza-la súa eficiencia.

Por outra banda, cobra especial importancia a atención sociosanitaria de determinados sectores sociais especialmente vulnerables ou insuficientemente protexidos, polo que se crea a estructura administrativa necesaria para o establecemento e posterior desenvolvemento do modelo de coordinación sociosanitaria de Galicia, de acordo coas competencias que ten atribuídas a consellería.

Procédese, así mesmo, a dotar á Inspección Sanitaria de rango administrativo suficiente para o adecuado desempeño das súas funcións, dada a indubidable importancia que ten a inspección e avaliación da asistencia sanitaria, así como a responsabilidade da consellería como órgano garante do cumprimento dos criterios mínimos de calidade establecidos para o exercicio de calquera actividade de carácter sanitario.

Dada a amplitude da secretaría xeral parece razoable o establecemento dun órgano administrativo intermedio capaz de coordina-las diversas unidades que a conforman polo que se procede á creación da vicesecretaría xeral.

Como consecuencia da nova orientación o Sergas como organismo autónomo adscrito deixa de configurarse como provedor de servicios sanitarios, en beneficio das xerencias de Atención Primaria e Atención Especializada e das demais institucións públicas ou privadas que presten servicios sanitarios, e convértese en verdadeiro comprador de tales servicios seguindo os criterios concretados nas políticas sanitarias, sociais e sociosanitarias que formula a consellería. Esta é a causa da supresión da Dirección Xeral de Organización Sanitaria e de que as súas competencias se inclinen en favor da Secretaría Xeral e da Dirección Xeral de Atención Especializada do organismo.

Así mesmo, trasládanse ó Sergas os dous servicios de informática existentes na secretaría xeral asumindo os labores informáticos da consellería, co obxecto de non crear dúas estructuras e tendo en conta que maioritariamente realizan tarefas relacionadas con aspectos asistenciais.

Tamén na Dirección Xeral de Servicios Sociais se experimenta algún cambio na súa estructura, aínda que estes son máis ben axustes de denominación nas súas unidades co ánimo de reflecti-la verdadeira orientación destas.

Sinalar por último que a remodelación que suporá a posta en marcha da nova estructura aconsella que se limite esta nun primeiro momento ós servicios centrais da consellería e seguir mantendo provisionalmente respecto dos servicios periféricos a súa configuración actual, salvo no que no se refire ós servicios de saúde pública que, loxicamente, xa se configuran non só funcional senón tamén organicamente dentro da estructura das delegacións provinciais da consellería.

Polo tanto, en virtude do disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 22 de outubro, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, cos informes previos da Consellería da Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda, loge da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de febreiro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

1. A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais é o órgano da Administración autonómica responsable da superior dirección e control do desenvolvemento das funcións e competencias que, en materia de sanidade interior, asistencia sanitaria e servicios sociais, sen prexuízo nesta última das competencias doutras consellerías, lle corresponden á Xunta de Galicia de acordo co establecido nos artigos 27.23º, 28.8º e 33 do Estatuto de autonomía de Galicia e que lle foron asignadas polo Decreto 29/1980, do 15 de outubro, e pola Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, de creación do Servicio Galego de Saúde, reformada pola Lei 8/1991, do 23 de xullo, e polos decretos 118/1982, do 5 de outubro, e 54/1985, do 21 de marzo, e a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais.

2. Así mesmo, correspóndelle o exercicio das competencias que para situacións sanitarias urxentes ou de necesidade se recollen na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública.

Artigo 2º.-Estructura.

1. A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, para o cumprimento das súas funcións, contará coa seguinte estructura nos seus servicios centrais:

I. O conselleiro.

II. A Secretaría Xeral.

III. A Dirección Xeral de Saúde Pública

IV. A Dirección Xeral de Servicios Sociais.

V. Órganos asesores e consultivos e de coordinación.

2. O Servicio Galego de Saúde, organismo autónomo de carácter administrativo creado pola Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, de creación do Servicio Galego de Saúde, reformada pola Lei 8/1991, do 23 de xullo, estará adscrito á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Artigo 3º.-O conselleiro.

O conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais é a superior autoridade da consellería e con tal carácter ostenta e exerce as atribucións que lle confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, a Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, de creación do Servicio Galego de Saúde, reformada pola Lei 8/1991, do 23 de xullo, e a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais.

Artigo 4º.-A Secretaría Xeral.

1. A Secretaría Xeral exercerá as funcións e competencias establecidas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro, en relación con tódalas unidades e servicios dependentes da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, a inspección dos servicios e dos centros e organismos dependentes ou adscritos á consellería, sen prexuízo das competencias que se lle atribúan á Dirección Xeral de Servicios Sociais e á Inspección Xeral de Servicios da Consellería da Presidencia e Administración Pública, a autorización e acreditación de centros, servicios e establecementos sanitarios, a elaboración do plan sociosanitario e o desenvolvemento das súas directrices, así como as demais que lle atribúa a normativa en vigor ou as que lle sexan singular ou especialmente encomendadas por delegación do titular da consellería.

2. En relación co organismo autónomo Servicio Galego de Saúde, correspóndelle o exercicio das seguintes funcións e competencias:

a) As relacións institucionais de carácter sanitario cos órganos da Administración central do Estado e demais administracións públicas.

b) A inspección dos centros e servicios sanitarios do organismo.

3. A Secretaría Xeral, para o exercicio das súas competencias, contará coa seguinte estructura

3.1. A Vicesecretaría Xeral

3.2. A Subdirección Xeral de Réxime Administrativo.

3.3. A Inspección Sanitaria.

3.4. A Subdirección Xeral do Programa de Atención Sociosanitaria.

3.5. A Asesoría Xurídica, organicamente integrada na secretaría xeral e funcionalmente dependente da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia.

3.6. A Intervención Delegada, organicamente integrada na Secretaría Xeral e funcionalmente dependente da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

4. Intégrase organicamente na Secretaría Xeral, con dependencia funcional directa do conselleiro, o comisionado do Plan Autonómico sobre Drogodependencias, coas funcións, nivel orgánico e estructura que se lle asignan no Decreto 33/1993, do 19 de febreiro, polo que se crea.

Artigo 5º.-A Vicesecretaría Xeral

Á vicesecretaría xeral, con nivel orgánico de subdirección xeral, correspóndelle como órgano de apoio do secretario xeral, o exercicio das seguintes funcións:

-Prestar asistencia técnica e administrativa ó secretario xeral en tódolos asuntos que este lle encomende.

-A elaboración de estudios e propostas nas materias de estructura, organización, deseño de procedementos e circuítos administrativos, tanto nos servicios centrais como periféricos da consellería e do Sergas e nas demais entidades adscritas a estes.

-A coordinación das propostas de autorizacións administrativas previas de centros, servicios e establecementos sanitarios.

A Vicesecretaría Xeral asumirá a coordinación das unidades con rango de subdirección xeral que conforman a Secretaría Xeral.

O vicesecretario xeral substituirá ó secretario xeral da consellería nos casos de ausencia enfermidade ou vacante deste.

Con dependencia directa do vicesecretario existirá, con nivel orgánico de servicio, a seguinte unidade:

5.1. Servicio de Autorización de Actividades e Centros.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-A elaboración das propostas para o outorgamento da autorización administrativa previa de creación, construcción, modificación, adaptación ou supresión dos centros, servicios e establecementos sanitarios de carácter civil, procedendo ó seu rexistro, se é o caso.

-O seguimento e a avaliación da publicidade sanitaria.

-O seguimento das actividades relacionadas coa concesión de interese sanitario a cursos ou xornadas e a elaboración das propostas de acreditación de cursos.

Artigo 6º.-A Subdirección Xeral de Réxime Administrativo.

É a unidade encargada da coordinación dos servicios de carácter xeral, do réxime interior, dos rexistros e arquivos e do asesoramento técnico-xurídico da consellería, sen prexuízo das competencias que nesta última función teña atribuída a Dirección Xeral de Servicios Sociais.

Contará, con nivel orgánico de servicio, coas seguintes unidades:

6.1. Servicio Técnico-Xurídico.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-A elaboración e tramitación dos proxectos de disposicións de carácter xeral da consellería e do Sergas e a elaboración das compilacións e refundicións de normas de interese para a consellería.

-O estudio, preparación e tramitación dos expedientes da consellería, do Sergas e demais centros ou entidades dependentes dela, que teñan que elevarse ó Consello da Xunta de Galicia e á Comisión de Secretarios Xerais, así como o traslado dos seus acordos.

-O estudio, tramitación e formulación, se é o caso, de propostas de resolución de recursos ou reclamacións interpostas contra os actos e resolucións emanados dos distintos órganos da consellería ou do Sergas e, en xeral, a elaboración de estudios xurídicos e informes e demais asuntos que, por razón da súa competencia, lle sexan encomendados pola Secretaría Xeral.

6.2. Servicio de Réxime Interior.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-O réxime interior da consellería, o rexistro e os arquivos xerais e a levanza dos libros de rexistro e restantes funcións no relativo ás fundacións de interese galego sobre as que a consellería exerza o protectorado.

-A coordinación da publicación no Diario Oficial de Galicia e demais diarios ou boletíns oficiais das disposicións ou actos dictados polos órganos da consellería e do Sergas.

-A inspección da organización e funcionamento dos servicios administrativos da consellería e do Sergas e a proposta de incoación e de resolución, se é o caso, dos expedientes disciplinarios do persoal con destino na consellería e no Sergas, coa excepción do persoal facultativo e oficinas de farmacia, de acordo coa normativa vixente.

Artigo 7º.-Inspección Sanitaria.

É a unidade, con rango de subdirección xeral, á que lle corresponde o exercicio das actuacións relativas á inspección de tódolos centros, servicios e establecementos sanitarios civís públicos e privados que desempeñen a súa actividade no ámbito da Comunidade Autónoma, así como, neste contexto, a avaliación das súas actividades con especial aten

ción ás prestacións do sistema sanitario público, tanto con medios propios como concertados.

Neste sentido correspóndenlle as seguintes funcións:

-A elaboración do anteproxecto do plan anual de inspección sanitaria.

-O deseño e a coordinación dos programas e actuacións da inspección de servicios sanitarios.

-O exercicio das competencias asignadas ó xefe de inspección sanitaria no Decreto 126/1992, do 14 de maio, sobre ordenación de funcións da inspección de servicios sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia, ou na normativa que o substitúa.

-A elaboración de informes e propostas en relación cos procedementos disciplinarios e sancionadores ó persoal facultativo e establecementos farmacéuticos.

-A elaboración das propostas de autorización de apertura e posta en funcionamento de centros, servicios e establecementos sanitarios previa á súa acreditación; así como as propostas de sanción ou medidas cautelares derivadas das infraccións á normativa vixente. Correspóndelle, así mesmo, a elaboración dos requisitos e das propostas de normas e procedementos relativos á acreditación dos centros, establecementos e servicios sanitarios. Para tal efecto seguiranse as canles de coordinación necesaria co Servicio de Autorización de Actividades e Centros.

Artigo 8º.-Subdirección Xeral do Programa de Atención Sociosanitaria.

É a unidade encargada do deseño, desenvolvemento e xestión do modelo de coordinación da atención sociosanitaria de Galicia, da elaboración do borrador do plano sociosanitario, da súa concreción operativa, da coordinación das actuacións que neste eido se establezan polos distintos sistemas, da definición e seguimento de programas e da elaboración do mapa de recursos sociosanitarios.

Contará con nivel orgánico de servicio coa seguinte unidade:

8.1. Servicio de Estudios.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-A identificación dos recursos susceptibles de realizar funcións sociosanitarias.

-O establecemento de actuacións que permitan reorienta-los recursos existentes.

-A elaboración de planos e propostas de normas reguladoras da prestación de servicios sociosanitarios.

Artigo 9º.-A Dirección Xeral de Saúde Pública.

1. A Dirección Xeral de Saúde Pública é o órgano encargado da protección e promoción colectiva da saúde da poboación de Galicia. A súa misión é mellora-la saúde da poboación diminuíndo a incidencia e a carga das enfermidades a través da identificación

dos factores protectores e de risco e incidindo sobre os axentes sociais para que estes actúen no sentido de favorecer ou diminuír respectivamente os ditos factores. Para todo isto, a dirección xeral impulsará e desenvolverá accións de asesoramento, información, formación, inspección, control, sanción e elaboración de normativa de protección da saúde. Corresponderalle igualmente a elaboración do plan de saúde pública integrante do Plan de Saúde e o desenvolvemento das súas directrices.

2. Correspóndelle á Dirección Xeral de Saúde Pública, no marco da actuación sanitaria da Comunidade Autónoma galega, as competencias relativas a:

-Actividades dirixidas a identifica-los factores determinantes da saúde dos cidadáns galegos.

-Actividades dirixidas a diminuí-lo impacto dos factores de risco.

-Actividades dirixidas a aumenta-lo impacto dos factores protectores da saúde.

-O desenvolvemento dos programas de promoción colectiva e protección da saúde da Comunidade Autónoma galega

-Actividades dirixidas a mellora-la eficacia e eficiencia na xestión dos servicios de saúde pública.

-O desenvolvemento de actividades como autoridade sanitaria en materia de saúde pública.

3. A Dirección Xeral de Saúde Pública contará para o cumprimento das súas funcións coa seguinte estructura:

3.1. A Subdirección Xeral de Programas de Saúde Pública.

3.2. A Subdirección Xeral de Información e Xestión de Saúde Pública

Artigo 10º.-A Subdirección Xeral de Programas de Saúde Pública

Correspóndelle á Subdirección Xeral de Programas de Saúde Pública a aplicación e execución das directrices da dirección xeral en materia de planificación e coordinación operativa dos programas que actúen sobre os factores determinantes da saúde dos galegos.

Para o cumprimento das súas funcións, contará con nivel orgánico de servicio, coas seguintes unidades:

10.1. Servicio de Prevención e Control da Infección polo VIH/SIDA e doutras enfermidades transmisibles

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-Elaboración e coordinación da execución do Plan de Prevención e Control da Infección polo VIH/SIDA de Galicia.

-A vixilancia epidemiolóxica das enfermidades transmisibles.

-A planificación, programación e avaliación das actividades de protección fronte ás enfermidades transmisibles.

-O control de abrochos epidémicos.

-A análise e difusión da información sobre enfermidades transmisibles.

1O.2. Servicio de Control de Factores Medioambientais Xerais.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-A vixilancia epidemiolóxica do impacto dos factores medioambientais xerais, entendendo por tales aqueles que interactúan coas persoas independentemente de variables individuais.

-A planificación, programación e avaliación das actividades de protección fronte ós factores de risco medioambientais xerais.

-A análise e difusión da información sobre factores medioambientais xerais.

10.3. Servicio de Saúde Escolar, Laboral e do Ocio.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-A vixilancia epidemiolóxica do impacto dos factores medioambientais específicos, entendendo por tales aqueles que interactúan cos factores dependentes de variables individuais, como a idade, sexo, nivel socioeconómico, etc

-A planificación, programación e avaliación das actividades de protección fronte os factores de risco medioambientais específicos.

-A análise e difusión da información sobre factores medioambientais específicos

10.4. Servicio de Control de Factores Psicosociais.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-A Vixilancia epidemiolóxica do impacto dos factores psicosociais.

-A planificación, programación e avaliación das actividades de promoción de hábitos de vida saudables e de protección fronte a factores de risco psicosociais.

-A análise e difusión da información sobre factores psicosociais.

-Colaborar cos órganos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para o deseño, execución, control e avaliación dos programas continuados de educación para a saúde no ensino.

Artigo 11º.-A Subdirección Xeral de Información e Xestión de Saúde Pública

Correspóndelle a Subdirección Xeral de Información e Xestión de Saúde Pública a aplicación e execución das directrices en materia de identificación de problemas de saúde, de información sobre saúde pública, da actividade inspectora de saúde pública e da coordinación das melloras da propia organización que determine a dirección xeral.

Para o cumprimento das súas funcións contará con nivel orgánico de servicio, coas seguintes unidades:

11.1. Servicio de Información sobre Saúde Pública

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-A xestión de tódolos sistemas de información de saúde pública.

-A análise integral da información e a avaliación do estado de saúde da Comunidade Autónoma.

-A difusión da información integral.

-O asesoramento e o desenvolvemento de formación en materia de método epidemiolóxico.

11.2. Servicio de Inspección e Laboratorios de Saúde Pública

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-A xestión e coordinación da actividade inspectora de saúde pública

-A xestión e coordinación dos laboratorios de saúde pública.

-A coordinación e seguimento da rede de alerta alimentaria

-A tramitación dos procedementos administrativos derivados da actividade inspectora de saúde pública.

11.3. Servicio de Coordinación de Saúde Pública

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-A coordinación de tódolos programas de prevención da enfermidade e de promoción e protección da saúde desenvolvidos polos centros sanitarios.

-Presta-lo seu apoio, asesoramento e orientación en educación para a saúde a calquera organización que o demande.

-A elaboración de protocolos de funcionamento comúns na dirección xeral.

-O deseño e execución dos programas de formación para o persoal da dirección xeral.

-A coordinación de tódalas relacións dos servicios da dirección xeral cos medios de comunicación.

-A coordinación cos servicios periféricos.

-O sistema de avaliación da dirección xeral

Artigo 12º.-A Dirección Xeral de Servicios Sociais.

1. Correspóndenlle á Dirección Xeral de Servicios Sociais as funcións de ordenación, coordinación e planificación do sistema de servicios sociais, a autorización e acreditación, control e inspección dos centros e servicios, o estudio das necesidades e problemáticas sociais, así como participar no deseño e aplicación dun sistema de información estatística, e o asesoramento e a asistencia técnica ás entidades prestadoras de servicios sociais.

2. Así mesmo, correspóndelle a creación e xestión dos equipamentos e programas que asuma a Administración autonómica, a xestión das prestacións e

axudas económicas legal ou regulamentariamente establecidas, o fomento e a regulación do voluntariado social, así como calquera outra competencia que lle sexa atribuída pola normativa vixente no eido dos servicios sociais.

Todo iso sen prexuízo das competencias expresamente atribuídas á Consellería de Familia, Muller e Xuventude nas áreas de actuación de familia, infancia e mocidade, minorías étnicas e muller.

3. Para o desenvolvemento das súas funcións a Dirección Xeral de Servicios Sociais contará coa seguinte estructura:

3.1. A Subdirección Xeral de Acción Social.

3.2. A Subdirección Xeral de Administración e Inspección.

4. Baixo a dependencia directa do director xeral de Servicios Sociais existirá, con nivel orgánico de servicio, a seguinte unidade:

4.1. Servicio de Planificación e Coordinación.

Artigo 13º.-A Subdirección Xeral de Acción Social.

1. É a unidade á que lle corresponde a realización dos programas de inserción social en relación con problemáticas concretas de marxinación e exclusión social, aplicando tanto proxectos de traballo social personalizados ou de grupos como prestacións económicas específicas; o deseño e implantación dun sistema de información para a xestión das prestacións sociais e económicas e a coordinación e control dos procedementos administrativos de tramitación e resolución destas.

2. Así mesmo, coordinará o funcionamento dos órganos de participación e asesoramento previstos na lexislación vixente, e fomentará o desenvolvemento do voluntariado social.

3. Tamén lle corresponden as funcións de xestión, programación, asesoramento técnico, coordinación, seguimento e control dos programas, centros e servicios de atención primaria e de atención especializada nas áreas de actuación da terceira idade e da minusvalidez, así como a coordinación coas entidades de iniciativa privada prestadoras de servicios sociais nos devanditos ámbitos.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servicio:

13.1. Servicio de Prestacións e Inserción Social.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-A xestión dos programas de loita contra a pobreza e a exclusión social e, especificamente, os previstos na Lei 9/1991, do 2 de outubro, galega de medidas básicas para a inserción social.

-A xestión das prestacións económicas derivadas do Real decreto lei 1/1994, do 20 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de Seguridade Social, no relativo ás pensións non contributivas e outros réximes vixentes de carácter transitorio.

-A programación, coordinación, seguimento, avaliación e control doutros programas e plans de actuación dirixidos a grupos ou persoas en situación de marxinación social.

-O estudio, tramitación e proposta de resolución dos recursos formulados contra as resolucións emanadas dos distintos órganos provinciais nas materias anteriormente mencionadas nas que expresamente teña atribuída competencia resolutoria a Dirección Xeral de Servicios Sociais.

-O fomento do desenvolvemento do voluntariado social.

-A coordinación e asistencia do funcionamento dos órganos de participación e asesoramento previstos na lexislación vixente.

13.2. Servicio de Atención Primaria e Cooperación coas Corporacións Locais

Correspóndelle a este servicio a xestión de tódalas actuacións en relación cos concellos e demais entes locais prestadores de servicios sociais, e en concreto:

-A xestión, coordinación, seguimento, avaliación e control dos servicios sociais de atención primaria.

-A coordinación das actividades formativas relativas ó desenvolvemento e execución dos programas de atención primaria e o asesoramento e a asistencia técnica ós concellos e outros entes locais.

-A xestión, coordinación, seguimento, avaliación e control dos servicios sociais de atención especializada nas áreas de actuación de competencia da Dirección Xeral de Servicios Sociais, dependentes das entidades locais.

-A implantación e seguimento do sistema de información dos usuarios de servicios sociais.

13.3. Servicio de Atención ás Persoas Maiores.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-A planificación, control e seguimento de todas aquelas accións educativas, formativas e culturais que faciliten a promoción e integración social dos maiores.

-A coordinación cos centros colaboradores en materia de formación permanente de adultos.

-A programación, xestión, seguimento e control dos programas de actuación dirixidos ó sector das persoas maiores.

-A coordinación e control da xestión dos centros de servicios sociais, residencias, vivendas tuteladas e cantos outros centros de carácter especializado se determinen na planificación desta área de actuación.

-A preparación, coordinación, seguimento e control dos programas de axudas e subvencións, así como dos convenios e concertos coas entidades de iniciativa privada que presten servicios sociais na área de actuación das persoas maiores e a coordinación e control das axudas individuais non periódicas.

13.4. Servicio de Atención a Persoas con Minusvalidez

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-A preparación, xestión, seguimento e control dos programas de actuación dirixidos ás persoas con minusvalidez e a potenciación e promoción de programas e medidas de integración sociolaboral.

-A preparación, coordinación e seguimento das axudas individuais non periódicas.

-A preparación, coordinación, seguimento e control dos concertos e convenios coas entidades de iniciativa privada que presten servicios sociais na área de actuación da minusvalidez.

-A coordinación e seguimento da área funcional dos centros de atención a persoas con minusvalidez dependentes da Administración autonómica.

-O estudio das necesidades do sector e a proposta de actuacións e de normativa na materia.

-A elaboración e explotación informática do censo de minusválidos.

Artigo 14º.-A Subdirección Xeral de Administración e Inspección.

1. Esta unidade realizará con carácter xeral as funcións relativas á preparación do anteproxecto de orzamentos, a tramitación e seguimento dos expedientes de gasto da dirección xeral e o control dos créditos orzamentarios no referido ámbito nos supostos de delegación nos órganos periféricos.

2. Correspóndelle, así mesmo, o mantemento do Rexistro de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais previsto no artigo 32.3º da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, en relación ás que actúan no ámbito competencial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, así como a xestión dos expedientes de contratación administrativa da dirección xeral e a inspección dos centros, servicios e programas das áreas de servicios sociais atribuídos á consellería.

3. Para o desenvolvemento das devanditas funcións contará coas seguintes unidades administrativas con nivel orgánico de servicio:

14.1. Servicio de Administración e Xestión Económica.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-A execución, coordinación, seguimento e control do orzamento así como a proposta das súas modificacións.

-A tramitación económico-administrativa dos expedientes de gasto e propostas de pagamentos realizados polos servicios centrais.

-A elaboración das instruccións necesarias para que os centros de gasto efectúen unha correcta xestión económica acorde coa normativa vixente.

-O seguimento, coordinación e control dos expedientes de gasto dos equipamentos sociais.

-A xestión do Rexistro de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais e do procedemento de autorización e acreditación de centros.

-A xestión dos expedientes de contratación administrativa.

14.2. Servicio de Inspección.

Correspóndenlle, respecto das entidades, centros e servicios do ámbito competencial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, as seguintes funcións:

-O exercicio da potestade inspectora.

-Supervisa-lo destino e utilización dos fondos públicos concedidos así como verifica-lo cumprimento da normativa sobre condicións físicas, materiais e orzamentarias dos centros de servicios sociais, sen prexuízo das competencias da Consellería de Economía e Facenda.

-Velar polo respecto dos dereitos dos usuarios de servicios sociais previstos no artigo 34 e seguintes da Lei 4/1993 e levar a cabo a tramitación das iniciativas e reclamacións dos usuarios, así como propo-la adopción das medidas necesarias para corrixi-las deficiencias observadas.

-Propor, se é o caso, a realización de tarefas de racionalización administrativa e revisión da normativa legal.

Artigo 15º.-Servicio de Planificación e Coordinación.

A esta unidade correspóndelle, baixo a directa dependencia do director xeral, o exercicio das seguintes funcións:

-A planificación e programación xeral dos servicios sociais nas áreas de actuación nas que teña atribuída competencia a consellería, concretada na elaboración do Plan Galego e Equipamentos e Servicios Sociais, así como a coordinación, seguimento e control da execución dos plans e programas de actuación da dirección xeral.

-A participación no deseño e aplicación do sistema de información estatístico, así como o mantemento e actualización del, sen prexuízo das competencias do Instituto Galego de Estatística.

-A coordinación das publicacións do ámbito da dirección xeral e a organización e mantemento do fondo documental e bibliográfico, sen prexuízo das competencias que nesta materia teña atribuídas a Secretaría Xeral.

-O mantemento e xestión dun sistema de información xeral sobre recursos e prestacións sociais.

-A elaboración de estudios e informes.

Artigo 16º.-Órganos Asesores e Consultivos e de Coordinación.

1. Son órganos asesores e consultivos da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, para o exercicio das funcións de asesoramento, consulta e apoio

técnico, nas materias da súa competencia, os seguintes consellos asesores técnicos:

-O Consello Asesor Técnico de Saúde Pública e Administración Sanitaria.

-O Consello Asesor Técnico de Atención Primaria

-O Consello Asesor Técnico de Especialidades Cirúrxicas.

-O Consello Asesor Técnico de Especialidades de Apoio.

-O Consello Asesor Técnico de Enfermería.

2. Os ditos consellos asesores técnicos desenvolverán os cometidos que lle asigna o Decreto 379/1991, do 7 de novembro, de creación deles.

3. Así mesmo, están adscritos á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, coa composición e funcións que se sinalan nas súas normas de creación, os seguintes órganos:

-O Consello Galego de Servicios Sociais.

-As Comisións Técnicas da Renda de Integración Social de Galicia.

-A Comisión de Coordinación Interconsellerías en Materia de Drogodependencias.

-A Comisión de Coordinación Interadministracións Públicas en Materia de Drogodependencias.

-A Comisión de Coordinación con Organizacións non Gobernamentais en Materia de Drogodependencias.

4. Como órgano colexiado de coordinación créase o Consello de Planificación ó que lle corresponden as seguintes funcións:

-Coordina-las actuacións que conduzan á elaboración do plan de saúde, que abrangue os de saúde pública e de asistencia sanitaria, o seu seguimento e a súa complementación co plano sociosanitario.

-Elaborar políticas xerais de saúde.

-Elabora-los criterios xerais de planificación sanitaria e sociosanitaria.

-Asistir ó conselleiro nestas materias.

O devandito consello estará presidido polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, e no seu defecto polo secretario xeral da consellería, e formarán parte del:

-O secretario xeral da consellería.

-O director xeral de Saúde Pública.

-O secretario xeral do Sergas.

-O subdirector xeral do Programa de Atención Sociosanitaria.

-O subdirector xeral de Información e Xestión de Saúde Pública.

-O subdirector xeral de Planificación Sanitaria e Aseguramento.

-O subdirector xeral de Acción Social.

Disposición adicional

Única.-Os servicios de Promoción e de Protección da Saúde que dependían organicamente das direccións provinciais do Sergas pasan a depender orgánica e funcionalmente das delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Disposicións transitorias

Primeira.-En tanto non se creen na Secretaría Xeral as unidades precisas para o desenvolvemento das funcións que lle corresponden en materia económica e de persoal, as ditas funcións serán exercidas respectivamente polas correspondentes unidades das direccións xerais de Recursos Económicos e de Recursos Humanos do Sergas, sen prexuízo das competencias que nestas materias teña atribuída a Dirección Xeral de Servicios Sociais.

Segunda.-Cando, como consecuencia da estructura orgánica que se establece no presente decreto, se modifique a denominación das distintas unidades administrativas existentes con anterioridade ou se suprima algunha das ditas unidades, autorízase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, por proposta do secretario xeral, para readscribi-lo persoal afectado a postos do mesmo ou inferior nivel, sempre que sexan de libre designación, ou a adscribilo con carácter temporal a postos de igual ou inferior nivel se se trata de postos de provisión por concurso, ata que, neste caso, os ditos postos sexan cubertos da forma regulamentariamente establecida, sen que en ningún caso a readscrición ou adscrición supoñan cambio de residencia.

Terceira.-A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, de conformidade co disposto no artigo 15.5º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, elaborará a proposta de relacións de postos de traballo resultantes da aplicación do presente decreto, efectuando a súa tramitación de acordo coa normativa vixente.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 198/1994, do 16 de xuño, agás o artigo 15 apartados 1º ó 4º e os artigos 16 ó 21, así como o Decreto 61/1995, do 24 de febreiro que o modifica, e cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ó establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A estructura orgánica que se establece no presente decreto non suporá aumento de gasto.

Segunda.-Facúltase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Terceira.-O presente decreto entrará en vigor o día 29 de febreiro de 1996.

Santiago de Compostela, quince de febreiro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

1185