Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 23 de febreiro de 1996 Páx. 1.479

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 1 de febreiro de 1996 pola que se convoca o VII certame galego da canción Xuventude-96.

O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, especifica no seu anexo I.B.3.h que aquela asume as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico e de aire libre, dirixidas ós sectores da xuventude, infancia, terceira idade e sectores marxinados.

Neste marco competencial, o ámbito cultural e artístico no que respecta á xuventude, é compartido conxuntamente polas Consellerías de Familia, Muller e Xuventude, que a través da Dirección Xeral de Xuventude desenvolve o programa de fomento da actividade xuvenil, e figura entre os seus obxectivos básicos promociona-la actividade cultural e artística entre a nosa xuventude e a Consellería de

Cultura, a través da súa Dirección Xeral de Cultura, que ten entre outras funcións a de colaborar no desenvolvemento do teatro, a danza, artes líricas e da imaxe, así como a promoción das artes plásticas e populares, de acordo co Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, e o Decreto 49/1994, do 4 de febreiro, polos que, respectivamente, se establece a estructura orgánica que cada unha das ditas consellerías.

Polo exposto, a Consellería de Familia, Muller e Xuventude, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a actividade e inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega, e contando coa colaboración da Consellería de Cultura, dada a natureza das actividades que se van realizar, convoca unha serie de certames, concursos e mostras que abranguen un amplo abano de manifestacións de carácter artístico e artesanal e que constitúen o programa de certames e mostras Xuventude-96.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.

A Consellería de Familia, Muller e Xuventude convoca o VII certame galego da canción Xuventude-96, segundo as bases que se establecen no anexo I desta orde, nos que se regulan os aspectos relativos á participación, condicións xerais que van rexer na respectiva convocatoria, inscricións, desenvolvemento, premios e xurado.

Artigo 2º.

O certame obxecto da presente convocatoria desenvolverase a través das delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude coa colaboración das delegacións provinciais da Consellería de Cultura.

Artigo 3º.

As actividades que leven consigo o desenvolvemento deste certame serán custeadas con cargo á aplicación orzamentaria 14.03.355B.640.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1996.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 1996.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

ANEXO I

VII Certame galego da canción Xuventude-96

I.-Participantes.

Poderán participar neste certame tódolos mozos galegos ou residentes en Galicia. Establécense as seguintes modalidades:

1.-Solistas: mozos de ata 30 anos de idade.

2.-Grupos: mozos de ata 30 anos de idade (poden neste caso supera-la idade, un de cada catro compoñentes).

Estas idades enténdense cumpridas no ano 1996.

II.-Condicións xerais.

1.-No caso de grupos o número máximo de compoñentes será de oito.

2.-En ningún caso poderán intervir neste certame solistas ou grupos profesionais.

3.-Cada solista ou grupo poderá presentar un máximo de 3 obras, cunha duración máxima de 4 minutos cada unha, que se deberán de gravar por separado en cintas de casete; é obrigatorio polo menos que unha delas sexa en galego.

4.-A temática é libre.

5.-Os solistas ou grupos poderán emprega-los intrumentos musicais que precisen, aportándos por eles mesmos, coa excepción da batería, que a aporta a organización.

6.-As cintas casete presentaranse cada unha nun sobre pechado, no exterior das cales figurará o lema elixido polo grupo ou solista. Presentarase ademais outro sobre pechado, no exterior do cal figurará o lema, e no interior o boletín de inscrición que se indica no anexo III, xunto cunha fotocopia do DNI por ámbolos dous lados ou da folla correspondente do libro de familia do/s participante/s, e unha declaración xurada conforme a persoa ou grupo participante non está desenvolvendo actividades profesionais ou remuneradas no campo da música.

7.-A Dirección Xeral de Xuventude reserva para si o dereito de editar ou difundi-las obras musicais que sexan seleccionadas para a fase final.

III.-Incricións.

Os participantes deberán envia-lo impreso de solicitude que se indica no anexo II xunto cos sobres pechados referidos anteriormente ó Servicio de Xuventude da Delegación da Consellería de Familia, Muller e Xuventude da provincia na que residan habitualmente, que pode ser a:

Ronda de Fingoi, s/n, 27002 Lugo.

Avda. da Habana, 81-baixo, 32004 Ourense.

R/ Durán Loriga, 9-1º, 15003 A Coruña.

R/ Benito Corbal, 47-2º, 36001 Pontevedra.

antes do día 28 de xuño de 1996.

IV.-Fases.

O xurado seleccionará os autores e as obras que considere de máis calidade para actuar na fase final.

A fase final terá lugar no Parque da Concordia de Ponteareas (Pontevedra) o día 24 de xullo de 1996.

Pechará o certame un grupo invitado para a ocasión.

V.-Premios.

Establécense os premios seguintes:

Modalidade solistas.-1º premio: 25.000 pesetas, gravación e edición de disco compacto sinxelo de 20 minutos de duración e mantemento durante os días da gravación.

Modalidade grupos.-1º premio: 60.000 pesetas, gravación e edición de disco compacto sinxelo de 20 minutos de duración e mantemento durante os días de gravación.

Accésits: existirán como máximo 3 por cada unha das modalidades, de:

Solistas: 20.000 pesetas cada un.

Grupos: 50.000 pesetas cada un.

Celebrarase un Festival de Música Xove (en lugar e data por determinar), no que se procederá á presentación dos discos compactos, e actuarán os primeiros clasificados. Para o dito acto establécense as seguintes axudas:

Modalidade solistas: 25.000 pesetas.

Modalidade grupos: 50.000 pesetas.

A organización farase cargo dos gastos do equipo de son e luces, así como da cea convivencial do dito día.

Así mesmo, farase entrega a cada un dos participantes seleccionados para a fase final nas distintas modalidades dun diploma que acredite a súa participación neste Certame Galego da Canción.

VI.-Xurado.

O xurado será nomeado polo director xeral de Xuventude e polo director xeral de Cultura por proposta da Delegación Provincial de Familia, Muller e Xuventude de Pontevedra, e estará composto por persoas cualificadas no campo da canción e da expresión musical, a secretaría recaerá nun funcionario da Delegación Provincial de Familia, Muller e Xuventude de Pontevedra.

O xurado estará facultado para a interpretación destas bases nas eventualidades non previstas, e poderá deixar deserto algún premio se así o considera oportuno.

A súa decisión será inapelable.

1099