Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 23 de febreiro de 1996 Páx. 1.467

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 12 de xaneiro de 1996, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación do convenio colectivo de ámbito provincial da empresa La Región, S.A. de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa La Región, S.A. (código nº 3200362), de Ourense, con entrada nesta delegación provincial, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e da parte soccial polos membros do comité da mesma, o día 29 de novembro de 1995, e de conformidad co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado polo Real decreto 1/1995, do 24 de marzo, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do convenio colectivo no libro rexistro desta delegación provincial, con notificación á representación económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP.

Ourense, 12 de xaneiro de 1996.

Manuel López Casas

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo de La Región, S.A. para o ano 1996.

Capítulo I

Disposicións iniciais

Artigo 1º.-Ámbito territorial

As normas contidas neste convenio colectivo serán de aplicación nos centros de traballo de La Región, S.A. actualmente existentes e naqueles que durante a vixencia do convenio poidan establecerse. Entenderase por centros de traballo todas aquelas unidades de producción e servicios que realicen actividades encadradas no sector de prensa.

Artigo 2º.-Ámbito persoal

O presente convenio colectivo afectará a todo o persoal que preste os seus servicios na empresa, mediante contrato laboral, calquera que sexan os seus cometidos. Quedan expresamente excluídas as persoas que desempeñen funcións de alto consello, alto goberno e alta dirección; profesionais liberais vinculados por contratos civís de prestación de servicios; asesores; os correspondentes e colaboradores que teñan formalizado contrato civil coa empresa no que se exclúa a relación laboral; os colaboradores a peza e os que non manteñan unha relación continuada coa empresa; os axentes comerciais e publicitarios que traballen para La Región, S.A., con liberdade de representar a outras empresas dedicadas a igual ou diferente actividade; o persoal pertencente a empresas concesionarias de servicios que teña formalizado un contrato civil de prestación de servicios con La Región.

Artigo 3º.-Ámbito funcional.

As normas deste convenio afectarán a todos aqueles traballadores da empresa encadrados na regulamentación de prensa, entendéndose por tales os que teñan relación directa ou indirecta coa edición ou impresión das súas publicacións, sexan ou non diarias.

Artigo 4º.-Ámbito temporal.

A vixencia deste convenio será dun ano a partir do primeiro de xaneiro de 1996, con independencia da súa publicación oficial unha vez homologado pola autoridade laboral.

Artigo 5º.-Prórroga.

Cando se cumpra a data de vencemento e no caso de mediar denuncia expresa por calquera das dúas partes con alomenos tres meses de antelación á súa extinción, este convenio considerarase prorrogado nos seus propios termos de ano en ano, con excepción das táboas salariais e pluses correspondentes que deberán ser negociados e pactados por separado. Para o exercicio de 1996 establécese un aumento da táboa salarial dun cinco e medio por cento, con aplicación desde o 1-1-1996. En outubro de 1996 negociarase o convenio colectivo de 1997, que partirá da aplicación automática o 1-1-1997 do IPC de 1996.

Artigo 6º.-Vinculación á totalidade e normas supletorias.

As representacións conveñen en que sendo o pactado un total orgánico indivisible, considerarán o convenio nulo e sen efecto no suposto de que a autoridade administrativa competente non aprobase algún punto fundamental a xuízo de calquera das partes. Neste caso pasarase a unha nova redacción e á conseguinte negociación dun novo convenio. No non previsto por esta norma seguirá a ordenanza laboral do traballo de prensa actual (O.M. do 9-12-1976, modificada por O.M. do 23-5-1977) e Estatuto dos traballadores.

Capítulo II

Organización do traballo

Artigo 7º.-Principios xerais.

Ambas partes conveñen en aplica-las técnicas de racionalización do traballo en tódolos servicios da empresa que esta estime oportunos, oído o comité de empresa. Igualmente, coinciden na conveniencia de aplicaren os sistemas de mecanización, automatización e modernización de equipos que se consideren necesarios para consegui-lo máis adecuado emprego e rendibilidade dos factores de producción.

Artigo 8º.-Cometidos asignados.

Todo traballador de La Región, S.A. está obrigado a executar cantos traballos e operacións lle ordenen os seus superiores, dentro das funcións xerais propias da súa categoría profesional, salvo acordo entre ámbalas partes e conforme o regulamento de réxime interno da empresa.

Artigo 9º.-Xornadas.

A xornada de todo o persoal afectado por este convenio será de trinta e seis (36) horas semanais con trinta e seis horas seguidas de descanso. Os traballadores ós que polas esixencias propias da actividade de prensa lles corresponda traballar en domingo, descansarán inicialmente calquera outro día da semana e durante trinta e seis horas ininterrompidas; o descanso semanal desfrutarase de forma correlativa, para evita-la coincidencia da xornada de descanso no mesmo día de cada semana. Tódolos traballadores terán dereito a que o seu descanso coincida en domingo unha vez ó mes. Os horarios xerais das diferentes quendas de traballo serán determinados pola dirección da empresa, en función das necesidades de producción e servicio, manténdose os dereitos dos traballadores afectados, informando ó comité de empresa e coa autorización da autoridade laboral competente. A xornada laboral será de seis horas diarias.

Artigo 10º.-Asistencia.

As horas de entrada e saída do traballo entenderanse «en punto». Todo o persoal está obrigado a rexistra-la súa entrada e saída no correspondente centro de traballo.

Artigo 11º.-Horas extraordinarias.

A iniciativa do traballo en horas extraordinarias corresponderalle á empresa e ó traballador a súa libre

aceptación ou denegación. O seu número non poderá excede-los límites establecidos no artigo 35.2º do Estatuto dos traballadores.

A remuneración das horas extraordinarias traballadas en día laborable será dun 75 por cento adicional á hora ordinaria e dun 100% adicional se se realiza en domingo ou día festivo. Se as horas extraordinarias se realizasen entre as 22 horas e as 6 horas terán, ademais, o aumento da porcentaxe correspondente ó plus de nocturnidade. Debido á natureza do traballo periodístico, os traballadores comprométense a realiza-lo traballo necesario para dar saída ós traballos que de forma regular ten comprometidos La Región, quedando excluídos os que non reúnan a particularidade de diarios. Esta prolongación de xornada terá que notificarlla ó persoal correspondente o xefe de sección á que corresponda antes da conclusión da xornada laboral do/s traballador/es afectados. Considéranse incluídos na citada condición de diarios os contratados ó 1-1-1992.

Capítulo III

Réxime de persoal

Artigo 12º.-Contratación e período de proba.

Toda persoa que sexa admitida para traballar en La Región poderá asinar un contrato de traballo no que se recollan os requisitos esixidos pola lei para os contratos escritos. Polo que respecta ó contrato de aprendizaxe ou de formación formalizarase por escrito e a empresa axustarase ó previsto no artigo 11 do Estatuto dos traballadores. A duración do tempo de aprendizaxe ou de formación no traballo será a sinalada pola lei, aínda cando a empresa poderá acurta-lo dito prazo.

A empresa está obrigada a entregarlle ó comité de empresa a copia básica dos contratos e prórrogas. En caso de incumprimento os ditos contratos serían considerados fixos do cadro de persoal.

Artigo 13º.-Cadro de persoal.

A determinación, o establecemento e as modificacións do cadro de persoal de La Región corresponden á dirección da empresa, de acordo coas súas necesidades e en función da innovación tecnolóxica, a racionalización do traballo, os sistema de organización adoptado e o respecto ás normas legais que regulan a materia, sendo oído o comité de empresa para efectos informativos.

As vacantes que se produzan na empresa comunicaránselle ó persoal da empresa para que poida presenta-la súa solicitude co tempo necesario. O incumprimento disto levaría consigo o non poder contratar a ningún outro persoal para cubri-la dita vacante.

Artigo 14º.-Traballos de superior categoría.

O sistema de ascensos de redacción, administración, laboratorios de fotocomposición e talleres será o que se estableza neste convenio. O empregado que desempeñe traballos de categoría superior durante máis dun ano por non se cubrir un vacante producida, ascenderá automaticamente á categoría superior.

Esta disposición aplicarase ata a categoría de xefe de área ou de sección, inclusive. Todo o anterior prodúcese coa excepción de reserva de praza a traballadores con reserva legal de posto.

A retribución do persoal que realice traballos de categoría superior será a da súa categoría, maila diferencia ata alcanza-la retribución da categoría desempeñada.

Artigo 15º.-Adaptación do persoal.

Enténdese por traballador con capacidade diminuída aquel que deixe de estar en condicións físicas e psíquicas para continuar realizando eficazmente a tarefa que viña desempeñando en función da súa categoría, sexa iso debido a accidente, enfermidade ou calquera outra causa, aínda que non haxa posibilidade de obte-la baixa da Seguridade Social pero sexa declarada polo servicio médico da empresa. Logo dos dictames ou asesoramentos técnicos oportunos para aquela situación e de acordo coas súas indicacións, procederase a asignarlle a este traballador unha tarefa conforme coa súa capacidade diminuída. Se o traballador tivese unha antigüidade na empresa de dez ou máis anos, respectaráselle a retribución da súa categoría.

Artigo 16º.-Traballos de inferior categoría.

Ningún traballador poderá ser destinado a realizar traballos de inferior categoría, salvo naqueles casos de común aceptación por ámbalas partes ou por necesidades do servicio, pero sen que iso supoña perda ningunha de retribución. Cando o traballador solicitase desempeñar unha tarefa de inferior categoría á que ostenta poderáselle asigna-lo salario correspondente ó traballo efectivamente prestado.

Artigo 17º.-Cambio de tecnoloxía.

En caso de que un cambio de posto de traballo viñese imposto polo progreso tecnolóxico e esixise ó mesmo tempo unha variación ou aumentos dos coñecementos profesionais do traballador, procederase á súa reconversión profesional. As operacións de reconversión realizaranse con asistencia dos técnicos que a empresa designe, informando ó comité de empresa.

Os traballadores afectados non perderán as súas categorías e retribucións alcanzadas. O traballador convertido para desempeñar traballos de superior categoría será retribuído de acordo coa nova situación, en canto probe a súa eficiencia e eficacia para o novo posto.

Capítulo IV

Condicións económicas

Artigo 18º.-Remuneracións.

Tódolos emolumentos económicos pactados entre as representacións que integran a comisión paritaria son os seguintes:

a) Salario base.

b) Persoais: plus de antigüidade e plus de libre disposición.

c) Polo seu posto de traballo: plus de traballos penosos, tóxicos e perigosos ou diminución física, plus de nocturnidade e plus de traballo dominical.

d) De vencemento periódico superior ó mes: paga de verán, paga de decembro e paga de beneficios.

e) Compensación de enfermidade e xubilación: compensación ás prestacións por enfermidade (baixa ou incapacidade laboral transitoria e accidente de traballo), complemento familiar da S.S., compensación por xubilación.

Artigo 19º.-Salario base.

Enténdese por salario base a totalidade das remuneracións que con carácter fixo e ordinario se perciben mensualmente, con independencia daqueles pluses que por seren persoais, por posto de traballo, de vencemento superior ó mes, ou devengos extrasalariais, cobre a maiores cada traballador en concreto, servindo como punto base para a obtención dos demais. O salario base será especificado para cada categoría que se relaciona no anexo a este convenio. As variacións deste virán dadas polo ordenamento legal ou polo pactado en convenio entre as partes.

Artigo 20º.-Antigüidade.

Sen prexuízo do establecido nas disposicións legais vixentes sobre a materia, establécese que todo traballador ó cumpri-los anos preceptivos, cobrará trienios na cantidade do 5 por cento do salario base que teña, independentemente, cada traballador. Este emolumento económico, en canto ó número de trienios que cada traballador poida desfrutar, virá dado pola permanencia do mesmo na empresa. En ningún caso poderá abosorberse na súa contía, en todo ou en parte, por ningún dos restantes conceptos retributivos establecidos en La Región.

En canto ós límites da acumulación dos incrementos por antigüidade observarase o establecido no artigo 25 do E.T. para todos aqueles traballadores que ingresaran na empresa despois do 1-1-1987, respectándolles ós de ingreso anterior a situación primitiva.

Artigo 21º.-Plus de libre disposición.

O plus de libre disposición queda establecido na contía do 35 por cento do salario base máis antigüidade. Aplicarase a todo traballador que teña esta condición, por estar a libre disposición da empresa fóra da súa xornada regulamentaria para a realización de calquera traballo específico da súa categoría profesional. Os incrementos sucesivos virán dados, ben polo aumento do salario base ou polo incremento da porcentaxe pactada en convenio.

Artigo 22º.-Plus de traballos penosos.

O plus de traballos penosos, tóxicos, perigosos ou de diminución física, queda fixado para os chóferes e rotativa e establécese nunha contía mensual, por todo o período de duración do convenio, de 6.000 pesetas e complementarase cunha póliza especial de seguro de accidentes por morte ou invalidez permanente absoluta por tres millóns en caso de morte e seis millóns en caso de invalidez permanente absoluta.

Poderase retira-lo dito plus a aqueles traballadores que non cumpran os requisitos mínimos de seguridade logo de informe do comité de seguridade e hixiene.

Artigo 23º.-Plus de nocturnidade.

O plus de nocturnidade que lles corresponderá ós traballadores que de modo continuo ou periódico teñan a súa xornada asignada ó período comprendido entre as 22 e as 6 horas será o 25 por cento do salario base máis antigüidade dos afectos. No caso de que un traballador realice entre 3 e 6 horas neste período, terá dereito a percibilo na súa totalidade. Cando o traballador soamente realice entre 1 e 3 horas, terá dereito á metade del. Se realiza entre 0 e 1 hora, non terá dereito a percibir cantidade ningunha por este concepto. O traballador que teña quenda de noite habitualmente e que por causas excepcionais deba estar un mes ou dous en xornada diúrna, respectaráselle o plus de nocturnidade. En caso de vacacións do persoal que traballe continuamente neste período, terá dereito nese mes de vacacións a cobra-lo mencionado plus. En caso de que traballe de noite de forma descontinua corresponderalle a parte proporcional ós meses traballados.

Artigo 24º.-Traballo en días festivos e domingos.

Debido ás características do traballo de prensa, o persoal traballará os días festivos e domingos. Estes días traballados seranlles compensados ós productores afectados da seguinte forma:

a) Un día de vacación por cada día festivo traballado, podendo acumularse ata 12 días deste descanso ás vacacións anuais.

b) Polos domingos traballados, conforme o que o presente convenio establece no artigo 25º.

Artigo 25º.-Plus de traballo dominical.

Os traballadores que por quenda lles corresponda traballar en domingo aboaráselles un plus por domingo traballado, equivalente ó 300 por cento do salario diario, calculado en función do salario base máis antigüidade. Exemplo práctico:

Salario base: 60.000 pesetas.

Antigüidade: 30.000 pesetas.

Total: 90.000 pesetas.

Plus por domingo traballado: 9.000 pesetas.

No mes de vacacións, o persoal terá dereito a librar tódolos domingos que lle coincidan no dito mes e non percibirá por iso ningunha cantidade. No caso de que por necesidades do servicio e o traballador o aceptase, se o día de descanso semanal o traballase sería aboado co 200 por cento do salario diario, calculado en función do salario base máis antigüidade.

Artigo 26º.-Pagas extraordinarias.

Como parte integrante do seu salario, os traballadores de La Región terán dereito á percepción das seguintes pagas extraordinarias:

a) Paga de verán, que se percibirá no transcurso do mes de xullo.

b) Paga de Nadal, que se percibirá nos primeiros vinte días do mes de decembro.

Estas pagas serán retribuídas co salario base máis antigüidade e nocturnidade, se é o caso.

c) Participación en beneficios. Esta paga consiste nun 10 por 100 do salario base, máis plus de antigüidade e nocturnidade plus dominical. Esta paga farase efectiva no primeiro trimestre de cada ano. Cada traballador da sección de prensa de La Región terá dereito a percibir unha paga extraordinaria equivalente ó salario máis antigüidade, ó cumprir 20, 30, 40 e 50 anos de prestación de servicios na empresa.

Artigo 27º.-Plus de transporte.

A empresa correrá co transporte do persoal ó centro de traballo, que terá carácter colectivo, desde Ourense ata as instalacións do polígono de San Cibrao das Viñas. A empresa manterá unha póliza colectiva de seguros de vida para garantir un capital para o caso de morte ou invalidez absoluta e permanente a causa de accidente durante o transporte in itinere a cada un dos compoñentes do colectivo asegurado, sempre que pertenzan ó cadro de persoal da empresa, en activo, e os riscos sexan ou foran, en cada caso, aceptados pola compañía aseguradora. O compromiso do transporte a cargo da empresa será unicamente para os traballadores que integran o cadro de persoal de La Región a 31-12-86.

Artigo 28º.-Compensación por enfermidade.

O traballador que se atope en situación de baixa por incapacidade laboral transitoria será compensado pola empresa mentres permaneza de baixa a partir do primeiro día dela -coa aprobación do departamento médico da empresa, se é o caso-, cunha cantidade que sumada á percepción da Seguridade Social polo dito concepto alcance o 100 por 100 do seu emolumento mensual.

Artigo 29º.-Axuda familiar.

Os traballadores, beneficiarios ou non do réxime de protección familiar ou do réxime a extinguir do antigo plus ou subsidio familiar, percibirán as prestacións que ten establecidas a Seguridade Social.

Capítulo V

Permisos, servicio militar e melloras sociais.

Artigo 30º.-Permisos.

Consideraranse permisos regulamentarios os que outorguen obrigatoriamente pola empresa, tales como:

a) Casamento. Constará de 15 días naturais ininterrompidos, aboables, que poderán desfrutarse cunha antelación de dous días á data sinalada para o casamento. Se esta fose en xornada non laborable, comezará o primeiro día seguinte con este carácter.

b) Por parto da esposa concederanse dous días naturais aboables, a elección do interesado.

c) Por casamento de fillos ou irmáns concederase un día natural de permiso aboable, que deberá coincidir coa data da cerimonia.

d) Por falecemento do cónxuxe, pais, fillos e irmáns teranse tres días naturais de permiso, aboables. Cando se trate de cuñados, xenros, noras, pais políticos e avós, disporase dun día aboable.

e) Para o cumprimento de deberes políticos, sindicais e asistencia obrigatoria a tribunais de xustiza, salvo nos casos declarados como delictivos por unha resolución xudicial, aboarase o permiso de acordo coas disposicións legais vixentes e polo tempo preciso para iso, segundo aquelas.

f) Por traslado de domicilio habitual concederase un día natural de permiso aboable.

g) Para desfrutar dos dereitos educativos xerais e da formación profesional, concederase o tempo máximo de dez días ó ano para concorrer a exames finais e demais probas definitivas de avaliación e aptitude.

h) Aboarase o oportuno permiso para asistir a consultas de especialistas médicos, se foron dispostas polos facultativos pertinentes, aínda que tales especialidades non estean incluídas no cadro de prestacións da Seguridade Social.

j) O tempo necesario para ser asistido por facultativos da Seguridade Social.

k) En caso de que un traballador teña que realizar un desprazamento fóra da provincia onde radique o centro de traballo, os permisos poderán aplicarse ata catro días naturais para os casos previstos nos apartados b) e d).

Artigo 31º.-Servicio militar.

Tódolos traballadores que se incorporen a filas terán reservados os seus postos de traballo durante o período que comprenda o servicio militar regulamentario e dous meses máis, computándose tal tempo para efectos de antigüidade. Aqueles que se atopen nesa situación e teñan unha antigüidade mínima de dous anos na empresa terán dereito a percibir unha gratificación mensual equivalente ó 50 por cento do salario base. Os que reunindo iguais requisitos (servicio militar e antigüidade mínima) teñan recoñecidos na cartilla da Seguridade Social á súa esposa, fillos ou pais ó seu cargo, percibirán unha gratificación equivalente ó 100 por cento do salario base.

Artigo 32º.-Excedencia.

Calquera traballador cun mínimo dun ano de antigüidade na empresa terá dereito a un período de excedencia de cinco anos como máximo. Unha vez concluído o prazo solicitado de excedencia reincorporarase á empresa inmediatamente, no caso de que esta dispoña dun posto libre na súa categoría; se non, a empresa está obrigada a admitilo na primeira vacante que se produza na súa categoría profesional.

Artigo 33º.-Complemento por xubilación.

Todo traballador que teña unha antigüidade na empresa de entre 10 a 15 anos terá dereito a un complemento de xubilación mensual invariable equivalente á diferencia entre o estipulado pola Seguridade Social e o seu soldo base máis antigüidade no momento da súa xubilación. Se a antigüidade é de 15 a 20

anos, incrementarase o complemento anterior ata acada-lo 50 por cento da diferencia que houbese co soldo actualizado da súa categoría. Se a antigüidade é superior a 20 anos, o complemento percibido da empresa será a diferencia que houbese co soldo actualizado da súa categoría. Para efectos de cálculo para os anteriores complementos, figurarán as categorías a extinguir nos convenios colectivos sucesivos ata o falecemento de tódolos afectados.

Artigo 34º.-Melloras sociais.

Desde a sinatura do presente convenio queda establecida unha cantidade de catro millóns de pesetas, que será repartida entre tódolos traballadores afectados por el, e percibida no momento de inicia-las vacacións do verán.

Cada traballador de La Región percibirá no momento da súa xubilación unha paga extraordinaria equivalente ó salario base máis antigüidade.

Cada traballador percibirá unha gratificación de 5.000 pesetas polo nacemento de cada fillo.

Por casamento a gratificación será de 10.000 pesetas.

Falecemento.- Cando faleza un empregado da casa, os seus familiares-herdeiros percibirán unha axuda económica que será o resultado de multiplicar por 2.000 pesetas cada ano de servicio prestado polo causante a esta empresa.

Artigo 35º.-Vacacións.

As quendas de vacacións estableceranse en función do disposto no artigo 38 do Estatuto dos traballadores. O persoal que, excepcionalmente, por razóns de servicio teña que toma-las súas vacacións anuais en meses diferentes ós previstos no Estatuto dos traballadores (xuño, xullo, agosto e setembro) percibirá independentemente do seu soldo unha cantidade de vinte mil pesetas.

En caso de baixa por enfermidade, as vacacións interromperanse, continuando os días que falten despois da alta médica, sen que iso cause prexuízo a outro compañeiro nas súas vacacións. Se a baixa é anterior ó inicio do desfrute, sinalaráselle un novo período de vacacións.

Artigo 36º.-Dotacións ó persoal.

A empresa facilitaralles dous xogos de fundas, botas e guantes de traballo a aqueles traballadores que realicen o seu traballo con tintas, graxas, líquidos corrosivos ou calquera outro producto que requira a protección contra manchas ou sucidade. Tódolos empregados aprovisionados con estas pezas deberán necesariamente usalas na súa xornada de traballo. Cando reciban un xogo novo deberán entrega-lo vello. Se algún traballador necesitase algunha peza suplementaria, fará a súa solicitude, con xustificación.

Capítulo VI

Renovación tecnolóxica

Artigo 37º.-Vacantes.

Cando o número de postos de traballo que se creen como consecuencia da reconversión tecnolóxica sexa

inferior ó dos traballadores da mesma categoría dos que a especialidade ou profesión quedou obsoleta, os devanditos postos cubriranse, en primeiro lugar, tendo en conta a eficacia do traballador a xuízo dos seus superiores; en segundo lugar, con persoal voluntario e, no seu defecto, por antigüidade. Se, polo contrario, os postos que se crean son de superior número, atenderase ó disposto no artigo 17º deste convenio.

Artigo 38º.-Adestramento.

En caso de que fose necesario facer cursos de perfeccionamento ou adestramento ó persoal da empresa, estes serán impartidos dentro da xornada de traballo e en caso de forza maior, en horas extraordinarias.

Artigo 39º.-Videoterminais.

Ningún traballador poderá ser obrigado a permanecer ante os videoterminais máis tempo do establecido na súa xornada laboral, con descansos de 10 minutos cada hora de traballo. O uso de videoterminais implica escribir textos, corrixilos e introduci-los posibles tratamentos tipográficos a través deles. Como norma xeral, os redactores efectuarán o seu traballo de lectura a corrección directamente no videoterminal. Tódalas persoas que traballen en videoterminais e fotomontaxe pasarán obrigatoriamente unha revisión oftalmolóxica anual, ademais da revisión xeral prevista neste convenio. Tódolos gastos médicos derivados de enfermidades ou lesións que se demostre que son atribuíbles ó traballo en videoterminais e que non sexan cubertos pola Seguridade Social serán satisfeitos pola empresa. Os empregados que realicen traballos en videoterminais e fotomontaxe e por causa diso necesiten adquirir lentes correctores para a vista terán unha subvención da empresa de tres mil pesetas.

Artigo 40º.-Especialidades obsoletas.

Toda persoa cunha especialidade que quede obsoleta terá dereito a conserva-la súa categoría e salario se o novo é de inferior categoría; a reconversión a postos que non desmerezan profesionalmente do que tivese; ocupa-los novos postos de traballo na categoría que a reconversión tecnolóxica creou, con tódalas súas consecuencias.

Artigo 41º.-Periodistas.

O traballo de composición de textos cubrirase con axudantes de redacción encadrados segundo o anexo. Ningún periodista poderá ser obrigado a copiar ou introducir no sistema electrónico orixinais alleos, a non ser cando se trate de reelaboración periodística. Os periodistas non poderán ser valorados no seu traballo a través de medios electrónicos, tanto nos aspectos cuantitativos como cualitativos.

Artigo 42º.-Plus de productividade redaccional.

Establécese un plus de productividade redaccional que terá como ámbito de aplicación o dos redactores afectados por este convenio, consistente nun 15 por cento do salario base máis antigüidade. O seu obxetivo será compensa-la súa especial dedicación e a calidade no traballo e a súa concesión será discrecional. O persoal que se considere con dereito á súa percepción

deberá solicitalo por escrito á dirección da empresa que, unha vez analizado, lle comunicará ó solicitante a súa decisión.

Artigo 43º.-Delegados.

Os responsables das delegacións que La Región manteña fóra da redacción central terán a categoría de delegados. A súa retribución corresponderá á dun redactor e percibirá un complemento de responsabilidade consistente na diferencia de salario existente entre o seu propio e o de xefe de sección, mentres ocupe tales cometidos.

Artigo 44º.-Concorrencia.

Os métodos de producción e as informacións de todo tipo que afecten ó proceso industrial, informativo ou administrativo da empresa, son datos exclusivos desta e non deben ser divulgados ou facilitados a terceiros. En consecuencia, sen prexuízo do obrigado cumprimento do que antecede, os traballadores non poderán colaborar noutros medios, axencias ou empresas que teñan actividades concorrentes ou competitivas coas propias de La Región, S.A., de non mediar autorización escrita desta.

Artigo 45º.-Xubilacións anticipadas.

Os traballadores que se xubilen antes da idade regulamentaria (65 anos) percibirán unha compensación económica de acordo coa seguinte escala:

-64 anos: 4 mensualidades.

-63 anos: 6 mensualidades.

-62 anos: 8 mensualidades.

-61 anos: 10 mensualidades.

-60 anos: 12 mensualidades.

O anterior será de aplicación cando exista acordo entre o traballador e a empresa. A aqueles traballadores ós que pola súa permanencia na empresa lles sexan de aplicación os complementos de xubilación, aplicaráselle-lo cálculo diferencial sobre a extrapolación da xubilación ós 65 anos, é dicir, sobre a diferencia entre a xubilación teórica que percibirá de xubilarse ós 65 anos e o soldo que percibirá, segundo escala de permanencia.

Capítulo VII

Comisión paritaria e comité de seguridade e hixiene

Artigo 46º.-Comisión paritaria.

Créase unha comisión paritaria do convenio, como órgano de negociación, interpretación, conciliación e vixilancia. A comisión paritaria estará composta por seis membros, tres designados pola representación do persoal e outros tres pola empresa. O presidente e mailo secretario desta comisión serán elixidos de entre eles.

Son funcións específicas da comisión paritaria as seguintes:

a) Interpretación do convenio.

b) Conciliación nos problemas e cuestións que lles sexan sometidos polas partes ou nos supostos previos que no convenio se especifican.

c) Vixilancia do cumprimento do pactado.

d) Esta mesma comisión poderá encargarse da negociación do convenio colectivo, se ámbalas partes están de acordo. Para iso, nomearase a comisión paritaria antes da negociación.

e) Reunións mixtas. Con carácter mensual celebraranse reunións do comité de empresa con representantes da parte empresarial, co fin de promove-lo mellor desenvolvemento das relacións industriais dentro da empresa.

Artigo 47º.-Comité de seguridade e hixiene.

Os integrantes deste comité serán tres representantes nomeados pola empresa e tres designados polo comité de empresa. Estes últimos, logo de consulta ós traballadores, serán designados entre o persoal con categoría profesional mínima de especialista ou asimilado e que seguise algún curso de seguridade e hixiene no traballo e no caso de non haber ningún poderá nomearse calquera outro. As competencias do comité de seguridade e hixiene serán as enmarcadas no Estatuto dos traballadores.

ANEXO

CATEGORÍAS PROFESIONAIS E RETRIBUCIÓNS ANO 1996

Ptas.

Redacción:

Redactor xefe155.705
Xefe sección139.871
Redactor129.810
Documentalista129.810
Axudante redacción Pref. 95.263
Axudante de redacción 80.416
Secretario de redacción 88.367
Redactor gráfico 92.216
Xefe de sección de deseño112.145
Técnico de deseño102.160
Axudante técnico de deseño 91.205
Oficial 1ª preferente (a extinguir) 86.705
Oficial 1ª (a extinguir) 80.249

Departamento informático:

Xefe de sección155.705
Analista de sistema141.020
Programador129.810
Operador de sistema100.230

Admninistración:

Xefe de sección118.146
Contable111.638

Ptas.

Caixeiro101.381
Oficial primeira101.381
Oficial segunda 88.366
Auxiliar 75.587
Cobrador 75.587
Limpeza 68.407
Subalternos 70.771

Comercial:

Xefe de sección118.146
Promotor vendas Pref.101.381
Promotor vendas 89.934

Televisión:

Xefe de sección118.146
Xefe de zona109.598
Realizador o editor101.319
Cámara 92.477
Axudante cámara, sonido e edición 84.436

Fotocomposición e montaxe:

Xefe de sección112.145
Grupo A102.160
Grupo B 91.206
Grupo C 80.249
Grupo D 74.892

Rotativa:

Xefe de máquinas142.802
Maquinista116.115
Oficial primeira101.974
Oficial segunda 91.843
Oficial terceira 83.374
Peón 78.235

Peche e distribución:

Xefe de sección112.145
Xefe de peche102.431
Xefe de distribución e transporte 90.941
Inspector de vendas 88.906
Oficial primeira 80.250
Oficial segunda 78.721
Oficial terceira 73.549
Chofer 86.614
Peón peche (media xornada) 35.772
Peón peche (nove días) 22.797
Peón reparto (dúas horas) 24.886

Mantemento:

Xefe de sección116.115
Oficial 1ª101.974
Oficial 2ª 91.843
Oficial 3ª83.375
Peón78.235

Nota: os salarios do persoal de producción están calculados tomando como base un mes de 31 días. As categorías profesionais que non figuran neste anexo consideraranse a extinguir sen que iso menoscabe en absoluto os dereitos dos traballadores que as ostenten na actualidade a seguir desfrutándoas ata a súa xubilación.