Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Mércores, 21 de febreiro de 1996 Páx. 1.406

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 6 de febreiro de 1996 pola que se convoca concurso-oposición para o acceso ó corpo de inspectores de educación, en quenda especial.

A Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro, da participación, avaliación e o goberno dos centros docentes, crea no artigo 37 do seu título IV o corpo de inspectores de educación, definíndoo no seu artigo 38 como un corpo docente clasificado no grupo A, de acordo co establecido polo artigo 25 da Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública.

O artigo 38 da referida Lei 9/1995 determina que, para acceder ó corpo de inspectores de educación, os candidatos deberán pertencer a algún dos corpos que integran a función pública docente, acreditar unha experiencia mínima de dez anos como docente e estar en posesión do título de doutor, licenciado, enxeñeiro ou arquitecto.

A disposición adicional primeira da citada Lei 9/1995, na que se establecen os criterios de integración no novo corpo dos actuais inspectores de educación, fixa dous procedementos de acceso a el para funcionarios docentes pertencentes ó grupo B, que na actualidade se atopen exercendo a función inspectora en virtude da Lei 30/1984, do 2 de agosto, modificada pola Lei 23/1988, do 28 de xullo.

O segundo dos procedementos, recollido no punto 4.b) da referida disposición adicional, determina que os ditos funcionarios se integararán no corpo de inspectores de educación mediante a realización dun concurso-oposición que convocarán as administracións educativas, en quenda especial, e no que só poderán participa-los funcionarios a que se refire o dito punto.

Os artigos 19 e seguintes do Real decreto 2193/1995, de 28 de decembro, polo que se establecen as normas básicas para o acceso e a provisión de postos de traballo no corpo de inspectores de educación e a integración no mesmo dos actuais inspectores, determinan con carácter básico tódalas disposicións que son precisas para a posta en funcionamento do novo corpo e a integración nel dos funcionarios que actualmente exercen a función inspectora.

Por todo iso, en aplicación da normativa anteriormente citada, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, acorda convocar concurso-oposición de acceso ó corpo de inspectores de educación, conforme as seguintes bases:

1. Normas xerais.

Convócase concurso-oposición, en quenda especial, de acceso ó corpo de inspectores de educación, para os funcionarios docentes do grupo B a que se refire o punto 4 b) da disposición adicional primeira da Lei 9/1995, que actualmente exercen a función inspectora na Comunidade Autónoma de Galicia.

Tódolos aspirantes que superen este concurso-oposición serán nomeados funcionarios do corpo de inspectores de educación e seguirán desempeñando o mesmo posto no que estiveran destinados.

2. Requisitos dos candidatos.

Poderán participar no concurso-oposición os funcionarios docentes dos corpos clasificados no grupo B a que se refire a Lei da función pública, que desempeñen actualmente a función inspectora na Comunidade Autónoma de Galicia e que accedesen a ela por concurso de méritos en virtude do disposto na disposición adicional décimo quinta da Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, modificada pola Lei 23/1988, do 28 de xullo, e demais normativa que a desenvolve, sempre que estean en posesión do título de doutor, licenciado, enxeñeiro, arquitecto ou equivalente, ou en condicións de obtelo dentro do prazo de presentación de solicitudes.

3. Solicitudes.

3.1. Forma. Os funcionarios, a que se refire o punto anterior que desexen tomar parte no presente concurso-oposición deberán facelo constar mediante instancia conforme o modelo que figura no anexo I e que será facilitada nas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

3.2. O importe dos dereitos de exame, que será de 9.180 pesetas, se é o caso, os gastos de trasferencia correspondentes, aboaranse utilizando o impreso de autoliquidación que figura como anexo III desta orde. O dito impreso facilitaráselles ós interesados, xunto co de solicitude, debendo cubrirse cos códigos que figuran no referido anexo.

3.3. A non presentación do anexo citado no punto anterior, no que debe figurar o selo da entidade bancaria, determinará a exclusión dos aspirantes. En ningún caso a presentación deste anexo suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude.

3.4. Documentación. Os aspirantes deberán presentar, xunto coa instancia, os seguintes documentos:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade ou documento que o substitúa.

b) Documentación xustificativa para a valoración dos méritos a que se fai referencia no apartado 6.1 desta convocatoria. Os documentos xustificativos, que serán relacionados no modelo de instancia do anexo I desta convocatoria, serán presentados xuntamente con ela.

3.5. Lugar e prazo de presentación da solicitude e da documentación. A solicitude, xunto coa documentación a que se refire o punto anterior, dirixirase á Dirección Xeral de Persoal da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, San Caetano s/n, 15771, Santiago de Compostela, no prazo de vinte días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Poderase presentar por calquera dos procedementos previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sendo imprescindible que na instancia conste a data de recepción no organismo público correspondente.

4. Admisión de aspirantes.

4.1.Lista de admitidos e excluídos. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Dirección Xeral de Persoal dictará resolución, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, declarando aprobada a lista provisional de admitidos e excluídos. Na lista deberán constar os seguintes datos: apelidos, nome, número do documento nacional de identidade e, no suposto de exclusión, causa dela.

4.2. Os aspirantes excluídos dispoñerán do prazo de dez días, contados a partir do seguinte ó da publicación da lista, para subsana-lo defecto que motivase a exclusión. Así mesmo aqueles aspirantes que detecten erros na consignación dos seus datos persoais, poñeranos de manifesto neste mesmo prazo. As reclamacións dirixiranse á Dirección Xeral de Persoal e presentaranse en calquera dos lugares previstos no apartado 3.5 desta convocatoria.

Unha vez resoltas as reclamacións publicarase no Diario Oficial de Galicia a lista definitiva de aspirantes admitidos, na que se fará constar expresamente a causa da exclusión, se é o caso.

Contra a dita resolución os interesados poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo previa comunicación ó órgano que dictou o acto, de conformidade co disposto nos artigos 107 e 110 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4.3. Os dereitos de exame seranlles reintegrados de oficio ós aspirantes que fosen excluídos definitivamente deste concurso-oposición.

5. Órgano de selección.

5.1. Segundo o disposto no artigo 22.2º do Real decreto 2193/1995, do 28 de decembro, a selección dos aspirantes neste concurso-oposición será realizada por un tribunal que estará composto por cinco membros designados directamente pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria entre funcionarios de corpos clasificados no grupo A, podendo

designarse o mesmo número de membros suplentes. A composición do tribunal publicarase no Diario Oficial de Galicia.

5.2. O tribunal realizará as funcións previstas no artigo 6 do Real decreto 2193/1995.

Para a súa constitución e actuacións o tribunal axustarase ó previsto no artigo 26 da Lei 30/1992.

5.3. Os membros do tribunal absteranse de intervir se se desen as circunstancias sinaladas no artigo 28 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os membros do tribunal terán dereito a percibi-las indemnizacións por razón de servicio previstas no Decreto 299/1990, do 24 de marzo (DOG do 1 de xuño) dentro da categoría primeira.

6. Desenvolvemento do concurso-oposición.

6.1. Fase de concurso. Para a acreditación dos méritos que se recollen no baremo, que se inclúe como anexo II da presente convocatoria, os aspirantes presentarán, xunto coa solicitude de participación, os documentos xustificativos que se indican no citado baremo. Só se terán en conta os méritos acreditados dentro do prazo de presentación das solicitudes.

A valoración dos méritos dos aspirantes na fase de concurso efectuaraa o polo tribunal atendendo ó baremo do anexo II desta orde.

Para ser declarado apto na fase de concurso e poder realiza-la fase de oposición, os aspirantes deberán obter unha puntuación mínima de cinco puntos na fase de concurso.

Unha vez baremados os méritos presentados polos aspirantes, o tribunal fará pública a lista provisional dos concursantes declarados aptos e dos declarados non aptos, indicando no caso destes últimos a puntuación obtida para efectos de reclamación. Esta lista expoñerase na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nas catro delegacións provinciais.

Os interesados poderán presentar reclamación no prazo de dez días naturais, a partir do seguinte á data en que foi publicada a lista.

Transcorrido o prazo de reclamacións e estudiadas estas, o tribunal fará pública a lista definitiva de concursantes que superaron esta primeira fase do concurso. A lista definitiva será exposta nos mesmos lugares nos que se publicaron as listas provisionais.

Contra a resolución pola que se faga pública a lista definitiva os interesados poderán interpoñer recurso ordinario ante o director xeral de Persoal, de conformidade cos artigos 107 e 114 da Lei de réxime xurídico das admistracións públicas e do procedemento administrativo común.

6.2. Fase de oposición. A Dirección Xeral de Persoal, a proposta do tribunal, publicará no DOG a resolución indicando o lugar e as datas do inicio

da proba escrita. A convocatoria, que será única, realizarase cunha antelación mínima de setenta e dúas horas.

Serán excluídos do procedemento selectivo os aspirantes que non comparezan, agás nos casos de forza maior debidamente xustificados e apreciados polo tribunal.

Segundo o disposto no artigo 22 do Real decreto 2193/1995, do 28 de decembro, a proba, que realizarán os candidatos simultaneamente, consistirá no desenvolvemento por escrito dun tema de carácter xeral, elixido entre dous que propoña o tribunal.

Os temas propostos polo tribunal, referidos a cuestións de carácter xeral e de actualidade do sistema educativo, deberán estar relacionados co temario da parte A establecido no artigo 10.2º do Real decreto 2193/1995, do 28 de decembro, publicado por Orde do 10 de xaneiro de 1996 (BOE do 13).

Para a realización da proba os aspirantes disporán de dúas horas.

Con posterioridade, o aspirante lerá o tema desenvolvido diante do tribunal, que lle poderá face-las preguntas ou pedirlle as aclaracións que estime necesarias. Os aspirantes actuarán por orde alfabética, comezando por aqueles que teñan como inicial do primeiro apelido a letra obtida no último sorteo previo a dita actuación, que con tal fin realice a Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Os aspirantes serán convocados polo tribunal, en único chamamento, para a lectura pública da proba escrita, sendo excluídos do concurso oposición os que non comparezan, agás nos casos de forza maior debidamente xustificados e apreciados polo tribunal.

Finalizada a fase de oposición, o tribunal expoñerá nos taboleiros de anuncios dos locais onde se realizou a proba a relación dos aspirantes que a superaran coa cualificación de «apto».

7. Superación do concurso-oposición.

O tribunal levantará acta das dúas fases do concurso-oposición coa relación de aprobados en cada

unha delas e remitirá a lista de candidatos que superaron o dito concurso-oposición á Dirección Xeral de Persoal.

Esta lista expoñerase na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nas catro delegacións provinciais.

Contra esta lista, os interesados poderán interpoñer recurso ordinario ante o director xeral de Persoal de conformidade co disposto nos artigos 107 e 114 da Lei 30/1992.

8. Nomeamento de funcionarios de carreira.

De acordo co artigo 23.2º do Real decreto 2193/1995, do 28 de decembro, os funcionarios docentes que superen este concurso-oposición quedarán exentos do período de prácticas. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria aprobará o expediente do proceso selectivo e publicará o nomeamento dos aspirantes seleccionados como funcionarios de carreira do corpo de inspectores de educación.

9. Devolución da documentación.

Os interesados ou os seus representantes legais poderán retira-los documentos orixinais presentados para acredita-los méritos alegados, solicitándoo á Dirección Xeral de Persoal, no prazo dun mes, contado a partir da finalización do prazo para a interposición de recurso á resolución definitiva do concurso-oposición.

10. Recursos.

Contra a presente orde os interesados poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo, de conformidade co disposto no artigo 107 e 110 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

11. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 1996.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Apelidos e nome

Corpo ó que pertence Nº.R.P.

Inspección provincial de destino

SOLICITA:

Tomar parte no concurso oposición para o acceso ó corpo de inspectores de educación convocado pola Orde do 6 de febreiro de 1996.

Para tales efectos achega a documentación correspondente ós méritos que a continuación se relacionan:

MÉRITOS ALUDIDOS NO ANEXO II DA CONVOCATORIA

ApartadoMéritos
1.

2.

3.

4.

........................................,....................... de............................ de 1996

A persoa interesada

Fdo.:

Sr. Director Xeral de Persoal

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO II

BAREMO DE MÉRITOS

MéritosPuntosDocumentación xustificativa

1. Experiencia en postos de función inspectoraAta un máximo de 4 puntos
Por cada curso académico de exercicio da función inspectora educativa2 puntosNon é necesario acreditalo, por conta-la administración convocante cos documentos necesarios para a súa acreditación

2. Polo desempeño de postos de especial responsabilidade na Inspección educativaAta un máximo 1 de punto
2.1. Curso académico comom xefe de servicio provincial de inspección técnica de educación ou inspector central1 puntoNon é necesario acreditalo, por conta-la administración convocante cos documentos necesarios para a súa acreditación
2.2. Por cada curso académico como inspector coordinador de equipo de sector ou coordinador de grupo de traballo0,5 puntosCertificación do delegado provincial correspondente

MéritosPuntosDocumentación xustificativa

3. Por tarefas de especial significación no exercicio da función inspectoraAta un máximo de 3 puntos
Pola realización de actividades propias das funcións de asesoramento e avaliación, no ámbito da comunidade educativa, derivadas da implantación da LOXSE, tales como:Certificacións do delegado provincial por cada un dos apartados
a) Adecuación e determinación de necesidades de profesorado de cadro dos centros1 punto
b) Asesoramento ós centros e profesores sobre avaliación e promoción de alumnos1 punto
c) Análise das programacións xerais anuais e das memorias realizadas polos centros docentes1 punto
d) Seguimento e supervisión dos proxectos educativos, proxectos curriculares e programación xeral anual dos centros1 punto
e) A participación no impulso de proxectos que inclúan innovacións curriculares, didácticas, tecnolóxicas e de organización dos centros docentes1 punto
4. Outros méritosAta un máximo de 2 puntos
4.1. Por cada título de licenciado, enxeñeiro ou arquitecto diferentes do alegado para o acceso á función inspectora0,75 puntosFotocopia compulsado do título ou títulos
4.2. Polo grao de doutor1 puntoFotocopia compulsada do título
4.3. Por cada título de diplomado, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico diferentes do alegado para o acceso á función inspectora0,50 puntosFotocopia compulsada do título ou títulos
4.4. Por cada curso realizado de formación e perfeccionamento axeitado ó posto de traballo0,20 puntosCertificación correspondente
4.5. Por cada curso académico como director, xefe de estudios, secretario en centros públicos, membros dos equipos psicopedagóxicos de apoio, ou asesores técnicos pedagóxicos dos centros de formación continuada do profesorado0,30 puntosFotocopia do nomeamento con expresión do cargo.
4.6. Por cada curso académico como xefe de departamento ou coordinador de ciclo.0,20 puntosFotocopia correspondente con expresión da duración do cargo ou certificado do secretario do centro co Vº e prace do director
4.7. Polo desempeño de postos de xestión nas administracións educativas incluídas nas relacións de traballo con categoría de xefe de servicio, nivel equivalente ou superior0,20 puntosFotocopia compulsada do nomeamento con expresión e duración do cargo

Nota: para os efectos desta orde computarase o presente curso académico como curso completo.

1109