Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Mércores, 21 de febreiro de 1996 Páx. 1.386

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 5 de febreiro de 1996 pola que se aproba o deslinde parcial dos montes Xaxán e outros e Faro e outros pertencentes ás parroquias de Domaio e Meira no Concello de Moaña (Pontevedra).

Examinado o expediente de deslinde parcial dos montes Xaxán e outros e Faro e outros pertencentes ás comunidades veciñais de Domaio e Meira, respectivamente, ámbalas dúas do concello de Moaña (Pontevedra) e tendo en conta os seguintes,

Antecendentes de feito

Primeiro.-O Xurado Provincial de Montes de Pontevedra en Resolución do 25 de novembro de 1981, clasificou como veciñais en man común os montes Xaxán e outros e Faro e outros pertencentes ás comunidades veciñais de Domaio e Meira, respectivamente.

Segundo.-Malia os esforzos do Servicio de Montes e Industrias Forestais de Pontevedra, as ditas comunidades non chegaron a un acordo sobre os límites dos montes, polo que o servicio propuxo, conforme o disposto no artigo 14.1º da Lei 55/1980, do 11 de novembro, de montes veciñais en man común, o deslinde parcial destes, proposta foi aprobada polo conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes o 30 de decembro de 1991.

Terceiro.-O deslinde foille adxudicado á empresa PG Galicia, e a tramitación previa ó apeo foi executada, cumprindo as prescricións establecidas nos artigos 96 e seguintes do Regulamento de montes, do 22 de febreiro de 1962. A documentación presentada polas comunidades foille remitida ó Gabinete Xurídico Territorial de Pontevedra que no seu informe mantén a tese de que se trata de dous predios novos creados pola declaración do xurado e que por tanto a documentación presentada polas comunidades non ten valor ó non existir tracto sucesivo entre as anteriores e as actuais.

Cuarto.-As operacións do apeo verificáronse a partires da data e o lugar anunciados e levouse a cabo coa asistencia dos representantes da Administración forestal e das comunidades e particulares interados, transcorrendo sen incidentes entre os piquetes 1 ó 33, pero tendo que levantar dúas liñas o enxeñeiro operador no resto do límite común, por non estaren de acordo as comunidades.

Quinto.-En data do 6 de outubro de 1992, o enxeñeiro operador elabora o seu informe-proposta no que propón que se aprobe o deslinde parcial, de acordo coa liña que une os piquetes 1 ó 45, inclinándose pola tese defendida pola Comunidade de Domaio.

Sexto.-No período legal de reclamacións presentáronse tres, unha de José Paz Riobó como presidente

e como comuneiro de Meira, outra de Manuel Rodríguez Vázquez en representación da empresa Rodman Polyshisps, S.A. e a outra de Gonzalo Fervenza del Río como presidente da Comunidade de Meira. O primeiro e o último opoñense á proposta do enxeñeiro operador e achegan diversa documentación entre a que se atopa a sentencia do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número dous de Pontevedra sobre tercería de dominio número 543/1989, do 4 de xullo de 1991 e firme pola decisión da sala segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra, do 20 de abril de 1992, na que se lle outorga a propiedade da parcela Borna de 10.050 metros cadrados ós veciños da parroquia de Meira.

Sétimo.-Remitidas as reclamacións ó Gabinete Xurídico Territorial para o seu informe preceptivo, en data 28 de xuño de 1995, emítese este, establecemento que as reclamacións de José Paz Riobó e de Manuel Rodríguez Vázquez no nome de Rodman Polyshisps, S.A. non poden terse en conta, sen prexuízo das posibilidades que ten de reclamar contra a orde resolutoria do deslinde.

En canto á reclamación feita por Gonzalo Fervenza del Río, considera que ten que facerse a rectificación que resulta da sentencia do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número dous de Pontevedra e que non se tivo en conta no apeo, polo que se terá que modificar este e incluí-la parcela Borna no monte veciñal de Meira.

Oitavo.-Remitidas as reclamacións e o informe do Gabinete Xurídico Territorial á Comunidade de Domaio, esta, a través do seu presidente, opónse ás reclamacións e ó informe do Gabinete Xurídico Territorial por entender que a sentencia do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número dous de Pontevedra non outorga a propiedade da parcela Borna, xa que non se exercita nunha acción contradictoria de dominio.

Noveno.-Dada a existencia de reclamacións sobre cuestións de propiedade, que non deben entenderse refutadas, remítese o expediente, para o seu informe, á Asesoría Xurídica Xeral, que neste establece a ratificación dos informes emitidos previamente polo Gabinete Xurídico Territorial de Pontevedra.

Décimo.-O xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais de Pontevedra remitiu o seu informe-proposta no que consideren que non pode esquece-la sentencia e propón que se aprobe o deslinde entre os piquetes 1 ó 33 de conformidade coas actas, levantamento topográfico e plano que figuran no expediente e que se anule o apeo a partir do piquete nº 33, retrotraendo o expediente ó momento procesual do anuncio do novo apeo a partir do piquete número 33 e ata o final do linde entre os montes, tendo en conta neste a referida sentencia.

Fundamentos de dereito

I

O Servicio de Montes e Industrias Forestais de Pontevedra é competente para verifica-lo devandito deslinde, cumpridas tódalas prescricións legais en canto a publicidade, notificacións e demais requisitos esixidos pola lexislación vixente, e esta consellería é competente para dicta-la presente orde, de conformidade co establecido no artigo 14 da Lei de montes, do 8 de xuño de 1957, en relación co Real decreto 1535/1984, do 20 de xuño, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de conservación da natureza.

II

As comunidades e os particulares achegaron a documentación que consideraron oportuna en defensa dos seus dereitos, que foi debidamente informada polo Gabinete Xurídico Territorial de Pontevedra.

III

As resolucións do Xurado Provincial de Montes son as únicas que outorgan a propiedade e estas só poden modificarse por sentencias dos tribunais ordinarios.

No caso que nos ocupa, o enxeñeiro operador ten que tentar no apeo de levar ó monte os límites que o xurado estableceu nas súas declaracións dos montes Xaxán e outros e Faro e outros e non pode basearse máis que nos datos manexados polo xurado, xa que como razoa no seu informe o letrado do Gabinete Xurídico Territorial non hai tracto sucesivo que nos permita identifica-los montes veciñais con outros montes previos.

Por outra banda, temos tamén unha sentencia dos tribunais ordinarios que é firme e na que se establece que a parcela Borna, de 10.050 metros cadrados, forma parte dos montes en man común pertencentes e propiedade dos veciños da parroquia de Meira e que ha de terse en conta na delimitación dos montes.

Vistos:

A Lei de montes, do 8 de xuño de 1957, e o regulamento para a súa aplicación, do 22 de febreiro de 1962.

A lexislación vixente en materia de montes veciñais en man común.

O Real decreto 1535/1984, do 20 de xuño, de traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de conservación da natureza.

A Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Esta Consellería de Atricultura, Gandería e Montes, por proposta da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural,

DISPÓN:

Primeiro.-Aproba-lo deslinde parcial entre os montes veciñais en man común Xaxán e outros e Faro e outros pertencentes ás parroquias de Domaio e Meira, desde o piquete nº 1 situado no Seixo Branco, ata o piquete nº 33, de conformidade coas actas, levantamento topográfico e plano que figuran no expediente.

Segundo.-Anula-lo apeo tramitado desde o piquete 33 ata o final do linde e retrotrae-lo expediente, no que afecta a este tramo, ó momento do apeo que deberá levarse a cabo, ata o final do linde dos montes, tendo en conta a sentencia do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número dous de Pontevedra sobre tercería de dominio número 543/1989, do 4 de xullo de 1991, tendo que anuncia-la súa continuación, de acordo co establecido no artigo 117 do Regulamento de montes.

Terceiro.-Declarar, expresamente, que no referente ás reclamacións de propiedade que afecten o deslinde entre os piquetes 1 e 33, a presente resolución esgota a vía administrativa e que queda expedita a xudicial civil.

Cuarto.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e en contra dela só cabe interpo-lo recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día da súa entrada en vigor.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 1996.

P.D. (Orde 13-12-1993)

Antonio Luis Rosón Pérez

Secretario xeral da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes

884