Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 19 de febreiro de 1996 Páx. 1.299

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 30 de xaneiro de 1996, pola que se aproba o deslindamento parcial dos montes Costa de Sons e outros pertencentes á parroquia de Pazos e Chan de Lamas da parroquia de Moscoso no concello de Pazos de Borbén (Pontevedra).

Examinado o expediente de deslindamento parcial dos montes Costa de Sons e outros e Chan de Lamas pertencentes ás parroquias de Pazos e Moscoso respectivamente, no concello de Pazos de Borbén (Pontevedra) e tendo en conta os seguintes:

Antecedentes de feito.

1. Que o Xurado Provincial de Montes en Man Común de Pontevedra en Resolución do 13 de novembro de 1979, declarou como tales os montes Costa de Sons e outros e Chan de Lamas pertencentes ás comunidades parroquiais de Pazos e Moscoso respectivamente.

2. Que nin as reunións celebradas perante o devandito xurado, nin posteriormente con representantes do Servicio de Montes e Industrias Forestais de Pon

tevedra, conseguiron que as devanditas comunidades chegaran a un acordo sobre os límites comúns dos montes.

3. Que diante da imposibilidade de acordo amigable entre ámbalas comunidades, o Servicio de Montes e Industrias Forestais propuxo, conforme o disposto no artigo 14.1º da Lei 55/1980, do 11 de novembro, de montes veciñais en man común, o deslindamento parcial dos montes, proposta que foi aprobada polo conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes o 30 de decembro de 1991.

4. Que a tramitación previa ó apeo foi executada cumprindo as prescricións establecidas nos artigos 96 e seguintes do Regulamento de montes do 22 de febreiro de 1962.

5. Que o apeo se iniciou, de acordo coa data establecida, o 10 de novembro de 1992 no lugar e hora indicados, e se levou a cabo coa asistencia dos representantes da Administración autonómica e das comunidades interesadas.

6. Que, con data 8 de marzo de 1993 o enxeñeiro operador elaborou o seu informe-proposta, e abriuse un período de vista e reclamacións, rematando o expediente co informe-proposta do xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais de Pontevedra.

7. Que no período legal de reclamacións a comunidade de Moscoso presentou escrito con alegacións ó apeo e ó informe-proposta do enxeñeiro operador e que non foi tido en conta nin polo xefe do servicio nin polo conselleiro ó dicta-la orde de aprobación do deslindamento, xa que o escrito se perdeu na delegación provincial, polo que, trala presentación dun recurso extraordinario de revisión, foi anulada a orde de aprobación e retrotraeuse o expediente o momento da presentación do escrito de alegacións.

8. Que en data 22 de xuño de 1995 se da traslado do expediente ó gabinete xurídico territorial para que emita o informe regulamentario en relación coas alegacións presentadas pola comunidade de Moscoso, o que fai o 13 de xullo de 1995.

9. Que en data 24 de xullo se deu un período de vista e reclamacións á comunidade de Pazos en relación coas reclamacións de Moscoso e o informe do gabinete xurídico, presentando escrito no que manifesta no estar de acordo nin coas reclamacións da comunidade de Moscoso, nin co informe do gabinete xurídico.

10. Que, dada a existencia de reclamacións sobre cuestións de propiedade, se remitiu o expediente á asesoría xurídica xeral para o seu informe de acordo co establecido no artigo 125 do Regulamento de montes.

11. Que, en data 1 de decembro de 1995, se emite o referido informe, no que se indica que as reclamacións feitas pola presidenta da comunidade de Pazos rexeitando as alegacións formuladas polo presidente da comunidade de Moscoso, non achegan argumentación baseada en documentos ou títulos de carácter civil ou administrativo que, segundo o artigo 122 do Regulamento de montes, son necesarios.

Que é evidente que nos expedientes de deslindamento hai que moverse dentro dos termos da posesión dos terreos sen entrar en controversia en canto a cuestións de propiedade, que soamente a outorgan as resolucións do Xurado Provincial de Montes, ou a posterior sentencia da xurisdicción civil.

12. Que o xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais de Pontevedra remitiu informe-proposta, no que propón, consonte cos informes de gabinete xurídico territorial, que se aprobe o deslindamento de acordo co apeo que máis se axusta á declaración do Xurado Provincial de Montes.

Fundamentos de dereito.

I O Servicio de Montes e Industrias Forestais de Pontevedra é competente para verifica-lo devandito deslindamento, cumpridas tódalas prescricións legais en canto á publicidade, notificacións e máis requisitos esixidos pola lexislación vixente, e esta Consellería de Agricultura, Gandería e Montes é competente para dicta-la presente orde de conformidade co establecido no artigo 14 da Lei de montes, do 8 de xuño de 1957, en relación co Real decreto 1535/1984, do 20 de xuño, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade autonómica de Galicia en materia de conservación da natureza.

II

As comunidades interesadas achegaron a documentación que consideraron oportuna en defensa dos seus dereitos, que foi debidamente informada polo gabinete xurídico territorial de Pontevedra.

III

As resolucións do Xurado Provincial de Montes son as únicas que outorgan a propiedade ó atoparse en plena vixencia e sen reclamación ningunha por parte das comunidades adxudicatarias, e dado que as ditas resolucións declaratorias dos montes Costa de Sons e outros e Chan de Lamas establecían unha liña divisoria entre ámbolos dous montes, é esa liña a que ten que seguirse no deslindamento, sen que poida ser alterada polo enxeñeiro operador, que terá que resolve-las dúbidas á luz do expediente clasificatorio (expediente de investigación e cartografía) do Xurado Provincial de Montes.

Non pode esquecerse que o expediente de deslindamento é un procedemento administrativo no cal as partes comparecidas poden face-las alegacións que consideren oportunas, pero estas non teñen valor e eficacia se non achegan probas en defensa das súas pretensións, e que a orde resolutoria do expediente pode ser recorrida na xurisdicción contencioso-administrativa, ou se é o caso, perante a xurisdicción civil, se a controversia se basea en cuestións relativas ó dominio ou á posesión dos montes afectados.

Vistos:

A Lei de montes do 8 de xuño de 1957 e o regulamento para a súa aplicación do 22 de febreiro de 1962.

A lexislación vixente en materia de montes veciñais en man común.

O Real decreto 1535/1984, do 20 de xuño, de traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de conservación da natureza.

A Lei de procedemento administrativo do 17 de xullo de 1958.

A Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes a proposta da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural,

DISPÓN:

Primeiro.-Aproba-lo deslindamento parcial dos montes Costa de Sons e outros pertencente á parroquia de Pazos e de Chan de Lamas da parroquia de Moscoso do Concello de Pazos de Borbén, de acordo coa liña divisoria entre ambos e que é a que une os piquetes:

Nº 1. Sito no Pozo Negro de Arriba ou Rega do Carrizo ó pé do muro que separa os montes das predios particulares.

Nº 9. Situado no alto de Costa da Barda, chamado tamén Couto de Barreiras ou Gabias a uns 442 metros ó N.O. do piquete nº 1.

Nº 8. Situado a uns 545 metros do anterior en dirección N.L. e ó pé dun poste do tendido eléctrico.

Nº 7. Situado a uns 75 metros ó N.L. do anterior no terraplén da pista forestal das Muras.

Nº 6. Situado a uns 60 metros do anterior ó N. no medio da valgada de Penizas ou do regato de Xacobo.

Nº 5. Situado ó N.O. do anterior, a uns 47 metros de distancia, identificado cunha rocha plana duns 12 metros cadrados de superficie, xunto ós predios particulares da Penizas. De acordo coas actas, rexistro topográfico e plano que figuran no expediente.

Segundo.-Declarar, expresamente, que no referente ás reclamacións de propiedade, a presente resolución esgota a vía administrativa e que queda expedita a xudicial civil.

Terceiro.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e en contra dela só cabe interpoñe-lo recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día da súa entrada en vigor.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 1995.

P.D. ((Orde 13-12-1993)

Antonio Luis Rosón Pérez

Secretario xeral da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes

811