Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 15 de febreiro de 1996 Páx. 1.231

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 1 de febreiro de 1996 pola que se establece a convocatoria pública para a programación de accións de formación ocupacional cofinanciadas polo Fondo Social Europeo na Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ó exercicio de 1996.

O Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia Muller e Xuventude, atribúelle a esta, a través da Direccion Xeral de Formación e Emprego, o exercicio das competencias e funcións de que dispón a Xunta de Galicia, entre outras materias, no relativo a formación ocupacional.

Así, o Decreto 52/1994, do 4 de marzo, polo que se establece o réxime xeral das axudas e subvencións da antedita consellería en materia de formación, promoción de emprego e fomento da economía social contempla, no seu Art. 5, as axudas á formación ocupacional e orientación profesional e preconiza a necesidade de que a concesión delas se efectúe de conformidade cos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade, en aplicación do disposto no Art. 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, á que se axusta a presente convocatoria.

Pola súa banda, o regulamento (CEE) nº 2084/93, do 20 de xullo de 1993, polo que se modifica o nº 4255/88, polo que se aproban as disposicións de aplicación no relativo ó Fondo Social Europeo no seu Art.1 e dentro do obxectivo 3 dos Fondos Estructurais sinala como unha das accións prioritarias a formación ocupacional, así como a creación de estructuras axeitadas de formación.

Esta orde pretende concreta-los principios xerais contidos no antedito decreto no relativo ás axudas dirixidas ós cursos de formación ocupacional para os traballadores desempregados.

O financiamento destas axudas realizarase con cargo ós créditos dos programas 14.04.222S.473 e 14.04.222S.480, que figuran na Lei 11/1995, do 28 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma para 1996.

Consecuentemente con todo o anterior, e facendo uso da autorización expresa contida na disposición derradeira primeira do Decreto 52/1994, do 4 de marzo, consultado o Consello Galego de Ensinanzas Técnico Profesionais, o Consello Galego de Relacións Laborais e o Consello Galego da Xuventude, en exercicio das facultades que me confire o Art.34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

A presente orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que

se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto a convocatoria pública como a execución das accións de formación ocupacional cofinanciadas polo Fondo Social Europeo correspondentes ó exercicio de 1996, xestionadas pola Consellería de Familia, Muller e Xuventude a través da Dirección Xeral de Formación e Emprego e das súas delegacións provinciais.

Artigo 2º.-Impartición.

1. A impartición das accións de formación profesional ocupacional realizarase ademais de nos centros de formación profesional de titularidade da Xunta de Galicia naqueles de que dispoñan as entidades que a continuación se indican e que, consecuentemente, poderán participar na convocatoria pública:

a) As centrais sindicais e organizacións empresariais legalmente constituídas, ben por si mesmas ou conxuntamente.

b) As entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) As asociacións e outras entidades de carácter social que carezan de ánimo de lucro.

d) As empresas, exclusivamente para a formación de activos.

Para a impartición das accións de formación profesional ocupacional poderá establecerse a sinatura de convenios de colaboración entre a Consellería de Familia, Muller e Xuventude e as entidades solicitantes.

2. As entidades que obteñan a concesión de cursos de formación ocupacional e as correspondentes subvencións non poderán subcontratar ou ceder a un terceiro a súa xestión e/ou impartición.

Artigo 3º.-Axudas.

1. As accións formativas impartidas ó abeiro da presente orde serán obxecto de subvención para compensa-los custos derivados da súa execución.

2. As anteditas subvencións terán unha contía máxima por cada curso que se concretará no producto do número de horas del polo importe do módulo que lle corresponda ó propio curso. Os módulos, que se fixarán por resolución do director xeral de Formación e Emprego, asignaranse a cada curso segundo a súa clasificación en función do seu nivel formativo e do grao de dificultade da técnica utilizada.

3. Sobre as partes «A» e «B» do módulo efectivamente gastadas e xustificadas poderá calcularse un 10 por 100 correspondente ós gastos de difícil xustificación. Este importe deberá imputarse, en todo caso, á parte «A» do módulo.

A cantidade global resultante, despois de efectuada a antedita aplicación, non poderá ser superior ó importe da subvención máxima deducido segundo as regras do parágrafo segundo do presente artigo.

4. A percepción desta subvención, que financia o 100 por 100 dos custos xerados pola impartición da acción formativa, será incompatible coa percepción de calquera outra axuda pública ou privada da mesma natureza.

Artigo 4º.-Custos subvencionables.

1. O módulo correspondente a cada curso constará de tres partes: «A», referida ós custos de persoal, «B», referida ó resto dos custos aboables do curso e «C», referida ás bolsas e axudas ós alumnos, agás nos cursos de activos que non disporán de parte «C». A cada unha destas partes fixaráselle un importe máximo, sendo a suma deles igual á do módulo completo.

2. Poderanse considerar como custos aboables ou subvencionables correspondentes á parte «A» do módulo os gastos desagregados seguintes:

a) Gastos de profesorado, comprendendo os soldos ou honorarios do persoal docente incluíndo os gastos de Seguridade Social. Cando a totalidade do curso sexa impartido por un único docente acudirase preferentemente a unha contratación laboral, permitíndose a utilización de contratos civís ou mercantís para os profesores que colaboren esporadicamente nun módulo especifíco para o que estea acreditada a súa especialización.

b) Gastos de persoal directivo e administrativo e do dedicado ó seguimento e control do curso e, en xeral, das actividades de coordinación sen que poida superarse, en ningún caso, o 15 por 100 da parte «A» do módulo. Estas actividades non poderán ser realizadas polo persoal docente do curso.

3. Poderanse considerar como custos aboables ou subvencionables correspondentes á parte «B» do módulo os gastos desagregados seguintes:

a) Gastos de seguros de accidentes dos alumnos e, de se-lo caso, importe da póliza de responsabilidade civil para facer fronte ós riscos que para os bens e as persoas poidan derivarse da realización de actividades relacionadas co curso.

b) Gastos de medios e materiais didácticos como textos e materiais dun só uso polo alumno, e os materiais de traballo funxible utilizados durante as actividades de formación.

c) Gastos de amortización de equipos e maquinarias de duración superior a un exercicio anual.

En ningún caso os gastos de amortización dos bens, que terán unha relación directa coa actividade docente da entidade, poderá superar unha imputación do 25 por 100 da parte «B» do módulo, que se realizará de conformidade cos criterios que por resolución do director xeral de Formación e Emprego se establezan.

d) Gastos de enerxía eléctrica, de combustibles, así como de mantemento das instalacións e equipamentos formativos.

e) Gastos xerais, que en ningún caso poderán supera-lo 10 por 100 desta parte «B» do módulo, comprendendo aqueles gastos que, sen estaren incluídos nas alíneas anteriores, deban imputarse ou teñan a súa orixe na actividade do curso: seguros, tanto de instalacións coma de maquinaria; teléfonos e comunicacións; gastos de administración da entidade necesarios para a posta en funcionamento e

permanencia dos cursos; e publicidade expresamente demandada e realizada de conformidade coas normas establecidas na presente orde, para a execución dos cursos aprobados e programados.

f) Gastos de alugueiros, tanto de instalacións coma de maquinaria, que non poderán supera-lo 35 por 100 desta parte «B» do módulo.

4. A parte «C» do módulo estará constituída polas bolsas, cando se trate de desempregados minusválidos, e as axudas de transporte ós alumnos, ás que teran dereito de conformidade coas normas que en desenvolvemento da presente orde dicte a Dirección Xeral de Formación e Emprego e sempre que, a partir do comezo do curso correspondente, poidan acreditar, de modo suficiente, atoparse nos supostos de concesión, e a duración do mesmo sexa superior a catro horas diarias e vinte semanais.

Artigo 5º.-Obrigas.

1. Ademais das obrigas establecidas no Art. 11 do decreto 208/1995, do 6 de xullo, os beneficiarios das axudas deberán:

a) Cando se trate de entidades con ánimo de lucro acreditar, con independencia da súa contía e antes de proceder ó cobramento das subvencións, que están ó día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Remitir 20 días antes do inicio do curso a seguinte documentación:

-As datas de inicio e de remate.

-Os docentes que van imparti-lo curso xunto coa documentación acreditativa da súa formación.

-O programa completo do curso temporizado por módulos que inclúa unha relación detallada de dotacións e equipamentos, medios materiais que se van utilizar no desenvolvemento do curso e unha descrición das aulas e talleres indicando metros cadrados, condicións de luminosidade, de seguridade, etc, xuntando planos.

c) Remitir, transcorridos 15 días lectivos desde o inicio do curso, o resultado da selección dos alumnos, as fichas do sistema informático de formación ocupacional (SIFO), a ficha de cada alumno e copias compulsadas do seu DNI e da tarxeta de demandante de emprego, así como unha relación dos alumnos especificando os que teñan dereito á bolsa ou ás axudas previstas no Art. 4, así como a documentación xustificativa de atoparse nos supostos de concesión.

d) Expoñer no taboleiro de anuncios do centro o programa completo do curso temporizado por módulos, unha vez recibido o visto e prace dos servicios provinciais de formación e emprego.

e) Aboar mensualmente ós alumnos que tiveran dereito a algunha das axudas previstas no artigo 4º o importe delas, así como ós profesores a súa remuneración, aínda que non percibiran anticipos da axuda.

f) Realizar senllos informes acerca da situación laboral dos alumnos formados, ós 6 meses e ó ano desde a finalización do curso, co fin de coñece-la súa porcentaxe de colocación, no modelo establecido para o efecto pola Dirección Xeral de Formación e Emprego.

g) Someterse ás actuacións de supervisión e control que, en calquera momento, poidan acorda-los servicios competentes da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, tanto no relativo ó desenvolvemento das accións formativas coma a súa xestión e tramitación administrativa e documental.

h) Contratar un seguro de accidentes dos alumnos polos riscos que inclúan os do traxecto ó lugar de impartición das clases e prácticas e contraéndose estrictamente na súa duración ó período do curso ou das prácticas non laborais en empresas.

i) Se é o caso, contratar unha póliza de responsabilidade civil para facerlles fronte ós riscos que para os bens e as persoas poidan derivarse da realización de actividades relacionadas co curso.

j) Comunicarlles ás delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente á execución dos cursos programados e solicitar autorización expresa daquelas para a súa modificación.

2. O incumprimento de calquera das obrigas sinaladas no parágrafo anterior poderá dar lugar ó reintegro da axuda concedida, nos termos e coas condicións sinaladas no Art. 15 do Decreto 52/1994, do 4 de marzo.

Artigo 6º.-Pagamento.

Con carácter xeral, o aboamento da subvención farase efectivo da forma seguinte:

a) Ata o 50 por 100 do total do orzamento de gastos, en concepto de anticipo, unha vez deducido, se procede, o importe correspondente ás bolsas e ás axudas de transporte daqueles alumnos que non teñan dereito a ela, no momento en que a delegación provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, ou a Dirección Xeral de Formación e Emprego, segundo proceda, reciba comunicación da entidade impartidora notificando o inicio de tódolos cursos, así como a documentación sinalada nas alíneas a) e c) do artigo anterior.

b) O importe restante, unha vez rematadas as accións formativas e recibida a xustificación e a certificación, en modelo normalizado, do responsable da entidade por conceptos orzamentarios dos gastos realmente efectuados.

Revisada a xustificación efectuada polas entidades beneficiarias e sempre que esta sexa correcta, emitirase certificación polo xefe do Servicio Administrativo de Formación Ocupacional da Dirección Xeral de Formación e Emprego, nos servicios centrais, ou polo xefe de Servicio de Formación e Emprego nas respectivas delegacións provinciais, para poder facer efectiva a correspondente liquidación da axuda concedida.

En caso de que a xustificación ou a certificación foran incorrectas requirirase á entidade para que repare os erros ou defectos observados no prazo de 10 días, advertíndoselle que, de así non facelo, se procederá, se é o caso, a reclama-lo reintegro da axuda concedida, nos termos e coas condicións sinaladas no Art. 15 do Decreto 52/1994, do 4 de marzo.

Artigo 7º.-Seguimento e control dos cursos.

1. Para comproba-lo cumprimento do disposto na presente orde ou na normativa que a desenvolva, a Dirección Xeral de Formación e Emprego, en coordinación coas delegacións provinciais, establecerá un sistema de seguimento e control que terá como obxectivo a realización de visitas a todos e cada un dos cursos aprobados para o presente exercicio.

2. Cando nun curso se detecte a existencia de irregularidades ou deficiencias que non puideran ser rectificadas no prazo concedido para o efecto polo delegado provincial correspondente e que incidan negativamente na súa calidade docente, ou se produza un incumprimento de calquera das normas sinaladas no parágrafo anterior, procederase ó peche del por resolución motivada do órgano competente para a súa concesión, coa obriga de reintegro da axuda concedida nos termos e coas condicións establecidas no Art. 15 do Decreto 52/1994, do 4 de marzo.

Capítulo II

Das accións formativas

Artigo 8º.-Iniciación e remate.

As accións formativas poderán iniciarse ata o 31 de agosto de 1996 e rematarse ata o 31 de xaneiro de 1997, debendo estar xustificados os custos inherentes a elas o 29 de febreiro de 1997.

Excepcionalmente, poderán iniciarse fóra das datas previstas as accións formativas derivadas dos supostos previstos no Art. 16º.3 da presente orde, se ben a finalización das accións e a xustificación terán os mesmos prazos.

Artigo 9º.-Colectivos beneficiarios.

Poderán participar nas accións previstas na presente orde os seguintes colectivos:

a) Desempregados maiores de vintecinco anos, en especial os que leven inscritos máis dun ano como parados e desempregados menores de vintecinco anos.

b) Traballadores en activo, con exclusión dos que presten os seus servicios en calquera tipo de Administración pública, sexa cal sexa o vínculo con ela.

Artigo 10º.-Seleción de alumnos.

1. Con carácter xeral, o número de alumnos participantes en cada curso será de 15, non podendo iniciarse a acción formativa se non se reúne un mínimo de 12. No suposto de que o curso se inicie con menos de 15 alumnos, deberá completarse, dito número dentro dos 15 primeiros días lectivos, sempre que non vaia transcorrido máis dun cuarto do curso; en caso contrario, deduciranse do cómputo da subvención os alumnos que falten para completalo.

2. A entidade que vaia imparti-lo curso realizará unha convocatoria pública mediante anuncio en modelo normalizado, no que necesariamente deberá facerse consta-lo financiamento da acción por parte da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, alomenos a través dun dos xornais de maior tirada da provincia, e efectuará a selección entre os que acudan a ela de conformidade cos criterios predeterminados na solicitude e que deberá poñer en coñecemento dos candidatos antes da súa realización, tendo en conta que os alumnos seleccionados deben ser, agás nos cursos de activos, desempregados inscritos nalgunha das oficinas de emprego do INEM con anterioridade á súa incorporación ó curso, levantando a correspondente acta que deberá remitirse á respectiva delegación provincial, transcorridos 15 días lectivos desde o inicio do curso.

Antes da súa publicación os anuncios deberán remitirse ós servicios de formación e emprego das anteditas delegacións ou á Dirección Xeral de Formación e Emprego cando inclúan cursos que se vaian impartir en máis dunha provincia, para a comprobación do cumprimento dos requisitos establecidos no presente artigo. O custo dos anuncios que non se adapten ós anteditos requisitos non será aboado con cargo ás axudas previstas na presente orde.

3. De conformidade cos obxectivos establecidos no Plan de Emprego Xuvenil procurarase que, como mínimo, o 60 por 100 dos alumnos das accións formativas de cada entidade teñan menos de 30 anos.

4. Os alumnos deberán incorporarse ás clases na data de iniciación do curso. De producirse baixas dentro do primeiro cuarto do curso, poderán substituírse, a ser posible, por alumnos procedentes da convocatoria pública, sempre que teñan o nivel de acceso correspondente á fase do curso á que se incorporen. Neste caso a persoa responsable da súa impartición deberá comprobar, mediante as probas e/ou a xustificación documental pertinente, o nivel do alumno.

5. Os cursos en que, a pesar de que se intentara completa-lo número de alumnos, disminúa o número de participantes ata unha cantidade inferior ó 50 por 100 do número programado, agás que as baixas se produzan por colocación dos alumnos, poderán ser pechados polo órgano en cada caso competente da Consellería de Familia, Muller e Xuventude. Neste suposto a entidade terá dereito a unha indemnización que será proposta pola comisión de valoración prevista no artigo 15 e será aprobada pola conselleira de Familia Muller e Xuventude ou polo respectivo delegado/a provincial, calculada en función das circunstancias concorrentes en cada caso.

6. Os alumnos que resulten seleccionados para un curso non poderán asistir a outro simultaneamente, nin causar baixa nun para poderen acceder a outro incluído dentro da programación de formación ocupacional da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

7. Os alumnos terán a obriga de asistir e de seguir con aproveitamento os cursos de formación ocupacional e a de facilita-la documentación que lle sexa

solicitada pola entidade impartidora dentro dos primeiros 15 días lectivos, sendo causa de perda da correspondente axuda de transporte ou bolsa a súa non remisión en prazo e de exclusión dos mesmos o incorrer en tres faltas de asistencia non xustificadas nun mes.

Artigo 11º.-Especialidades formativas.

1. Os cursos serán de carácter presencial e desenvolveranse, agás no caso de activos, preferentemente en horario de mañá.

2. Con carácter xeral as accións formativas deberán estar comprendidas no ficheiro de especialidades e terán unha duración que se establecerá en función da especialidade que se vaia impartir, tendo como obxectivo a obtención, por parte dos alumnos, dun nivel de formación que lles permita acceder ó mercado de traballo cando se trate de desempregados ou perfecciona-la súa cualificación profesional cando se trate de activos.

3. Os servicios de formación e emprego das delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude revisarán os programas de cada curso e devolveranos, antes do inicio do curso, co seu visto e prace ás entidades impartidoras cando consideren axeitado o seu contido docente, as dotacións e equipamentos, así como as instalacións de teoría e práctica.

Artigo 12º.-Prácticas non laborais en empresas.

1. Cando a entidade impartidora dos cursos estime pertinente que os alumnos realicen prácticas non laborais en empresas e así estea previsto no correspondente convenio de colaboración, deberá presentar, cunha antelación mínima de dous meses á súa realización, perante a Dirección Xeral de Formación e Emprego, información sobre os seguintes aspectos:

a) Contido das prácticas que van realiza-los alumnos.

b) Datas previstas e lugar de realización delas.

c) Documentación que acredite a aceptación da empresa da súa realización sen percibir compensación económica ningunha.

d) Número de alumnos que realizarán as prácticas e número de horas por alumno.

e) Sistema de titorías para o seu seguimento e avaliación.

f) Documento que acredite a vixencia do seguro de accidentes dos alumnos polos riscos que inclúan os do traxecto ó lugar de realización das prácticas e contraéndose estrictamente na súa duración ó período da súa realización.

g) Documento que acredite a contratación dunha póliza de responsabilidade civil para facerlles fronte ós riscos que para os bens e as persoas poidan derivarse da realización das prácticas non laborais.

2. Antes do comezo das prácticas porase en coñecemento dos representantes legais dos traballadores na empresa e da Inspección de Traballo unha relación mensual dos alumnos que as realizarán.

3. As prácticas poderán ter lugar ben simultaneamente á realización do curso ou unha vez finalizado este, sempre que non transcorreran máis de 30 días desde a súa finalización, sen que en ningún caso superen a duración do curso de referencia.

Capítulo III

Da convocatoría pública

Artigo 13º.-Solicitudes.

1. As entidades que, estando incluídas no Art. 2º, desexen colaborar na impartición das accións formativas previstas na presente orde, deberán formaliza-la correspondente solicitude por triplicado no modelo normalizado que se publica como anexo I á presente orde e se subministrará nas delegacións provinciais da consellería, na Dirección Xeral de Formación e Emprego ou en calquera das oficinas administrativas de información ó cidadán, subscrita polo titular ou represetante legal da entidade debidamente acreditado, e deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representatividade suficiente para asina-la solicitude.

b) Unha ficha por cada un dos cursos solicitados no modelo normalizado segundo o anexo II.

c) En caso de ter impartido cursos incluídos na programación da consellería correspondente ó exercicio de 1994 deberán informar sobre o grao de inserción laboral acadado polos alumnos formados, nos modelos establecidos para o efecto e sempre que non os remitiran con anterioridade.

2. As solicitudes presentaranse nas delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude que correspondan ó domicilio do solicitante ou por calquera das formas previstas no Art. 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 14º.-Prazo.

1. O prazo para a presentación das solicitudes será de trinta días naturais, a contar desde o seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

2. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación achegada contivese erros ou sexa insuficiente, procederase da forma prevista no Art. 10.2º do Decreto 52/1994, do 4 de marzo, polo que se establece o réxime xeral das axudas e subvencións da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

Artigo 15º.-Procedemento.

1. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrucción dos expedientes será o establecido no Art. 9 e seguintes do antedito decreto coas concrecións que se establecen nos parágrafos seguintes.

2. Unha vez realizados os trámites sinalados nos parágrafos 1º e 2º do Art. 10 do antedito decreto, os expedientes remitiránselle á comisión de valoración para o seu informe, proposta de resolución e posterior elevación ante o órgano competente para resolver.

3. Para os efectos previstos no presente artigo a comisión de valoración estará composta:

a) Nas delegacións provinciais, polo xefe do Servicio de Formación e Emprego, que a presidirá, e serán vocais o xefe de sección competente en materia de programación de formación ocupacional, que actuará como secretario, e un funcionario designado polo delegado/a da Consellería de Familia, Muller e Xuventude de entre o persoal adscrito a ela.

b) Nos servicios centrais, polo director xeral de Formación e Emprego, que a presidirá, e serán vocais o subdirector xeral de Formación Ocupacional e os xefes dos Servicios Administrativo e Técnico de Formación Ocupacional.

4. A comisión de valoración á hora de barema-las solicitudes terá en conta, como prioritarios, os seguintes criterios:

a) A disposición por parte da entidade da homologación das especialidades formativas solicitadas e da condición de centro colaborador da Consellería de conformidade co disposto no Decreto 208/1995, do 4 de xullo.

b) A impartición de accións formativas en exercicios anteriores cun grao de cumprimento, de calidade da formación impartida e de colocación de alumnos satisfactorio.

c) A adecuación ás necesidades de formación detectadas no territorio para o que se solicitan as accións formativas.

d) A inclusión dunha fase de prácticas profesionais non laborais en empresas, axeitadas ós coñecementos impartidos.

e) A inclusión de módulos de orientación e información profesional, contendo información sobre as posibilidades de emprego abertas trala formación recibida e orientación sobre as técnicas de busca de emprego, posibilidades de autoemprego e fórmulas de economía social.

f) A realización, acreditada, de actuacións previas tendentes a detecta-las necesidades de formación nas especialidades a impartir entre as empresas do sector co fin de acada-la promoción ou inserción laboral dos alumnos no mercado de traballo.

g) A inclusión de accións que se leven a cabo en comarcas que teñan actuacións especiais en desenvolvemento do Plan de Comarcalización.

h) A realización de accións dirixidas ós colectivos máis desfavorecidos no emprego.

i) A poboación e o número de desempregados do territorio para o que se solicitan os cursos.

j) A existencia doutros recursos formativos na zona.

Artigo 16º.-Resolución.

1. A resolución dos expedientes de axudas, logo do informe da comisión de valoración, do Consello Galego de Ensinanzas Técnico-Profesionais ou dos Comités Provinciais de Seguimento da Formación Ocupacional, segundo proceda, do cumprimento do trámite de audiencia cando proceda, e fiscalizada a proposta pola respectiva Intervención, corresponderalle á conselleira de Familia, Muller e Xuventude ou ós respectivos delegados provinciais, segundo se subscriba ou non convenio de colaboración, e deberalles ser notificada ós interesados.

2. A resolución dos expedientes deberá producirse no prazo de tres ou catro meses, segundo resolva, respectivamente, a conselleira de Familia, Muller e Xuventude ou os delegados provinciais, a contar desde o día seguinte ó de remate do prazo para a presentación das solicitudes. Transcorrido o devandito prazo sen que recaera resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.

3. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, e con carácter excepcional, poderán efectuarse resolucións complementarias fóra do prazo establecido cando non fose posible efectualas dentro del ou cando existisen fondos provenientes de renuncias de subvencións inicialmente concedidas.

Neste caso, agás que se acudira a unha convocatoria complementaria, non poderán terse en conta outras solicitudes distintas das tidas en conta para a resolución inicial.

Disposicións adicionais

Primeira.-A realización das accións de formación previstas na presente orde e a conseguinte concesión de subvencións estarán supeditadas á existencia de crédito orzamentario.

Segunda.-Se por calquera causa, no momento en que as comisións de avaliación teñan que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non

puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o respectivo delegado/a provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude ou o director xeral de Formación e Emprego, segundo proceda.

Terceira.-A Consellería de Familia, Muller e Xuventude poderá financia-la elaboración do diagnóstico de necesidades e de plans de formación ocupacional e de reciclaxe profesional naqueles sectores productivos que estime oportuno, nos ámbitos local, comarcal e autonómico.

Cuarta.-A Consellería de Familia, Muller e Xuventude, co fin de mellora-la calidade da formación profesional ocupacional, establecerá actuacións encamiñadas a complementa-la formación inicial, subministrar unha formación inicial didáctica ou facilita-la actualización técnico-pedagóxica do profesorado e dos expertos docentes.

Quinta.-A Dirección Xeral de Formación e Emprego poderá impartir cursos correspondentes á súa programación de medios propios en instalacións alleas, sempre que reúnan as condicións que permitan garantir un mínimo de calidade e non dispoña de medios materiais e dotacións nos centros da súa titularidade para acometer actuacións urxentes.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Formación e Emprego para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e execución da presente disposición.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor ó día seguinte o da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 1996.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

0782