Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 15 de febreiro de 1996 Páx. 1.211

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 54/1996, do 12 de xaneiro, sobre asignación de funcións ante emerxencias motivadas por variacións extraordinarias no réxime hidrolóxico.

A norma básica de protección civil (Real decreto 407/1992, do 24 de abril de 1992), establece que a protección civil debe realizar unha serie de funcións fundamentais, entre elas as de previsión e prevención. Por todo isto establécense unha serie de actuacións enmarcadas nos plans de protección civil territoriais e especiais.

Por Resolución do 11 de outubro de 1994, a Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente, publicouse o Plan Territorial de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia (Platerga), no que se recolle a seca como un risco natural, polo que se precisa dunha planificación específica de protección civil ante o risco de secas.

Por outra banda, na Resolución do 31 de xaneiro de 1995, da Secretaría de Estado de Interior, pola que se aproba a directriz básica de planificación de protección civil ante o risco de inundacións (BOE do 14 de febreiro de 1995), considérase que é obriga das Comunidades Autónomas facer unha planificación autonómica en tal sentido. Así mesmo, nesta directriz básica contémplase que na elaboración deste plan deben considerarse ademais outros dous tipos de riscos: o de rotura e o de avaría grave dos encoros.

O Real decreto 2792/1986, do 30 de decembro, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de obras hidráulicas, asignoulle á Comunidade Autónoma a función de ordenación e concesión dos recursos hidráulicos en tódalas concas hidrográficas comprendidas integramente dentro do territorio de Galicia, entre o Eo e a do Miño, ámbalas dúas exclusive, así como o outorgamento de autorizacións para o vertido o en leitos públicos ou para a utilización ou aproveitamento de dominio público e a policía de augas e leitos nas ditas concas.

O Decreto 6/1993, do 28 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas, establece no seu artigo 1 que á dita consellería lle corresponden as competencias e funcións en materia de recursos e aproveitamentos hidráulicos de acordo co establecido no Estatuto de autonomía e nos reais decretos de transferencias.

Por último, o Decreto 72/1987, do 17 de marzo, polo que se crea a Comisión de Desaugamento de Encoros da Comunidade Autónoma de Galicia establece no seu artigo 1 que as funcións da dita comisión son a deliberación e toma de acordos sobre réxime axeitado de enchemento e baleirado dos encoros,

así como servir de órgano consultivo nos problemas de explotación dos encoros.

Do sinalado resulta necesario que se definan as funcións dos departamentos da Administración autonómica de Galicia con competencias en materias de prevención e planificación de riscos en materia hidráulica.

O Decreto 208/1993, do 3 de setembro, polo que se aproban as medidas de coordinación de protección civil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 14 de setembro de 1993), no título VII, artigo 38, recolle a creación de comisións de protección civil co obxecto de atende-las necesidades específicas dos diferentes sectores relacionados coa protección civil que así o requiran para unha mellora na súa planificación e operatividade.

O Decreto 261/1994, do 29 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica dos centros directivos dependentes da Xunta de Galicia (DOG do 17 de agosto de 1994), no artigo 9, puntos 2.1º b) e 2.1º c), indica que a Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio ambiente terá como funcións a elaboración, coordinación e, se é o caso, a dirección dos plans territoriais e especiais que se indican na norma básica de protección civil.

Co obxecto de articular un mecanismo de coordinación entre as administracións públicas implicadas en riscos derivados de inundacións ou situacións de seca, en Galicia, así como de entidades e organismos participantes, considérase necesaria a creación dunha comisión sectorial que permita obter unha maior eficacia na prevención e coordinación.

Polo tanto, e ante a necesidade de determina-las funcións que lle corresponden ós diferentes órganos da Administración Autónoma de Galicia, e para dispoñe-las medidas de coordinación, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de xaneiro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Capítulo I

Principios xerais

Artigo 1º

As funcións que ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia en relación con riscos de inundacións e situacións de seca, serán exercitadas polos órganos que neste decreto se relacionan, co fin de logra-la coordinación das súas actuacións.

Respecto de riscos de inundacións prevese a redacción dun plan da Comunidade que recollerá a actuación dos recursos e servicios dos cales a titularidade lle corresponda á Comunidade Autónoma e os que poidan ser asignados ou encomendados a esta por outras administracións públicas.

Capítulo II

Plan da Comunidade Autónoma ante o Risco de Inundacións

Artigo 2º

O Plan da Comunidade Autónoma ante o Risco de Inundacións establecerá o procedemento e organización dos recursos e servicios dos cales a titularidade corresponda a esta Comunidade Autónoma e os que poidan ser asignados ou encomendados por outras administracións públicas e doutros pertencentes a entidades públicas ou privadas, co obxecto de facer fronte ás emerxencias por risco de inundacións, dentro do seu ámbito territorial.

Artigo 3º

Son funcións básicas do Plan da Comunidade Autónoma ante o Risco de Inundacións:

a)Concreta-la estructura organizativa e os procedementos para a intervención en emerxencias por inundacións, dentro do seu territorio.

b) Preve-los mecanismos e procedementos de coordinación co Plan Estatal de Protección Civil ante o Risco de Inundacións, para garanti-la súa axeitada integración.

c) Establece-los sistemas de articulación coas organizacións das administracións locais do seu ámbito territorial e definir criterios de planificación para os plans de actuación de ámbito local das mesmas.

d) Precisa-la zonificación do territorio en función do risco de inundacións, delimitar áreas segundo posibles requirimentos de intervención para protección da poboación e localiza-la infraestructura física de previsible utilización nas operacións de emerxencia.

e) Especificar procedementos de información á poboación.

f) Preve-lo procedemento de catalogación de medios e recursos específicos das actuacións previstas.

Artigo 4º

O Plan da Comunidade Autónoma ante o Risco de Inundacións, abranguerá todo ó ambito da Comunidade e terá o seguinte contido:

1. Información territorial.

O plan conterá un apartado destinado a describir, cuantificar e localizar cantos aspectos resulten relevantes para fundamenta-las análises das zonas de inundacións potenciais e de riscos de inundacións.

Tal información, clasificada por conca, subconca ou zona hidrolóxica, terá polo menos o seguinte contido:

a) Localización.

b) Superficie.

c) Relevo.

d) Caracteres xeolóxicos e xeomorfolóxicos.

e) Rede hidrográfica.

f) Réxime hidrolóxico.

g) Cuberta vexetal.

h) Caracterización xeral do clima.

i) Actividades económicas.

j) Usos do territorio.

k) Infraestructura hidráulica e actuacións en leitos.

l) Redes ou puntos de observación foronómica e meteorolóxica.

2. Análise das zonas de inundacións potenciais ou afectadas polos fenómenos asociados.

Neste apartado figurará o estudio da tipoloxía e características das inundacións que afectan ó territorio da Comunidade Autónoma; identificaranse e clasificaranse as áreas inundables e os puntos conflictivos e identificaranse as zonas de perigo por fenómenos xeolóxicos asociados á inundación.

A información anterior plasmarase en mapas confeccionados sobre cartografía oficial de escala axeitada, que figurarán como documentos anexos ó plan.

3. Análise de riscos por inundacións.

O plan realizará unha zonificación do territorio no que se efectúe, en función dos danos esperados e das previsibles medidas de intervención que se van aplicar, e farase figurar en mapas confeccionados sobre cartografía oficial da escala que permita unha axeitada representación.

A este apartado do plan incorporaranse as análises de riscos por rotura de presas que afecten ó ambito territorial daquel, unha vez estean aprobados os correspondentes plans de emerxencia de presas.

4. Estructura e organización do plan.

O plan especificará a organización xerárquica e funcional con que se levarán a cabo e dirixirán as actuacións.

5. Dirección e coordinación do plan.

No plan determinarase o órgano que vaia de exerce-la súa dirección ó que corresponderá declara-la activación do plan, constitui-lo Centro de Coordinación Operativo Integrado (Cecopi), decidi-las actuacións máis convenientes para facer fronte á emerxencia e determina-lo final desta. Todo isto en tanto a emerxencia non fose declarada de interese nacional.

Estas funcións será exercidas dentro do correspondente comité de dirección, naquelas situacións de emerxencia que llo requiran.

O plan especificará a autoridade ou autoridades da Comunidade Autónoma que formarán parte do comité de dirección que para cada caso se constitúe, así como as funcións que, en relación coa dirección da emerxencia, teña atribuídas. Á dita autoridade corresponderalle solicitar do representante do Minis

terio de Xustiza e Interior no respectivo comité de dirección, a incorporación de medios e recursos estatais non asignados ó plan da Comunidade Autónoma, cando resulten precisos para o apoio das actuacións deste.

O plan especificará, así mesmo, a composición e funcións dos órganos de apoio (comité asesor e gabinete de información), ó ou ós comités de dirección, sen prexuízo das incorporacións que en función das necesidades en situacións de emerxencia, poidan ser decididas polo comité de dirección que corresponda.

Tendo en conta as previsibles necesidades, e sen prexuízo do que nos plans se estableza, de acordo cos seus propios requerimentos, o comité asesor poderá estar composto por:

-Coordinadores dos distintos grupos de acción.

-Representantes dos municipios afectados.

-Representantes da Confederación Hidrográfica ou, en concas hidrográficas comprendidas integramente dentro da Comunidade Autónoma da administración hidráulica competente.

-Representante do Centro Meteorolóxico Territorial do Instituto Nacional de Meteoroloxía.

-Técnicos de Protección Civil das diferentes administracións implicadas.

6. Grupos de acción.

Para o desenvolvemento e execución das actuacións previstas, o plan estructurarase en grupos de acción, as denominacións, funcións, composición e estructura dos cales, quedarán determinadas no propio plan segundo as súas necesidades e características.

7. Operatividade do plan.

O capítulo dedicado á operatividade do plan regulará a actuación dos diferentes elementos da estructura establecida en función da cada unha das fases e situacións da emerxencia.

8. Sistemas e procedementos de información sobre sucesos e previsións.

O plan da Comunidade Autónoma especificará os medios e procedementos necesarios para o establecemento dun sistema de información que permita alertar preventivamente á propia organización prevista no plan, ás autoridades locais, ás empresas de servicios públicos esenciais e á poboación das áreas potencialmente afectadas.

Este sistema de alerta precoz basearase entre outras en:

-As informacións facilitadas polos sistemas de previsión meteorolóxica e hidrolóxica establecidos no plan estatal.

-As informacións obtidas a través dos propios sistemas de previsión hidrolóxica que se establezan nos plans da Comunidade Autónoma de Galicia, que en virtude do seu Estatuto de autonomía, exerce com

petencias sobre o dominio público hidráulico, en concas hidrográficas comprendidas integramente dentro do seu territorio.

-As informacións que sobre datos pluviométricos e hidrolóxicos deban de aporta-las autoridades locais, segundo os medios que para iso dispoñan ou, se é o caso, os propios servicios da Comunidade Autónoma.

No plan da Comunidade Autónoma especificaranse, así mesmo, os medios e procedementos necesarios para establecer un sistema de información que permita ós órganos previsto por aquel, ter coñecemento necesario acerca das inundacións e outros sucesos ocorridos, a súa evolución e as súas consecuencias.

No plan da Comunidade Autónoma preveranse os procedementos que permitan asegurar que as informacións xeradas polos seus propios sistemas de previsión hidrolóxica, así como as relativas ós sucesos ocorridos e a avaliación das súas consecuencias, sexan transmitidas o máis axiña posible ós órganos que para estes efectos se prevexan no plan estatal.

9. Mantemento do plan.

No plan consideraranse as actuacións necesarias para garantir, tanto o que os procedementos de actuación previstos sexan plenamente operativos, como a súa actualización e adecuación a modificacións futuras no ámbito territorial obxecto de planificación.

Tales actuacións referiranse basicamente a:

-Comprobacións e actualizacións periódicas.

-Exercicios de adestramento.

-Simulacros.

-Información á poboación.

-Sistemática e procedementos de revisión do plan.

O órgano de dirección promoverá as actuacións necesarias para o mantemento da operatividade do plan e establecerá unha planificación anual das actividades que, con ese obxecto, deban desenvolverse.

10. Base de datos sobre medios e recursos.

No plan estableceranse os procedementos para a elaboración, mantemento e utilización dunha base de datos sobre medios e recursos, propios ou asignados a aquel, así como a súa localización no territorio e, se é o caso, as condicións da súa dispoñibilidade en situacións de emerxencia.

Os códigos e termos que se utilizarán nesta catalogación serán os acordados pola Comisión Nacional de Protección Civil e a Comisión Galega de Protección Civil.

Nesta base de datos non poderán figurar medios ou recursos das forzas armadas, nin de corpos e forzas de seguridade do Estado.

Artigo 5º

O plan da Comunidade Autónoma ante o risco de inundacións será aprobado polo Consello da Xunta

de Galicia, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, logo de informe da Comisión Galega de Protección Civil e, posteriormente homologado pola Comisión Nacional de Protección Civil.

Capítulo III

Órganos executivos

Artigo 6º

Correspóndelle á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, ante o risco de inundacións e situacións de seca, e no ámbito das competencias que posúe na xestión de materia hidráulica en Galicia as seguintes funcións:

1. En situacións de risco de inundacións:

a) Clasifica-los encoros en función do seu risco potencial en cada unha das seguintes categorías:

-Categoría A: encoros nos que a súa rotura ou funcionamento incorrecto pode afectar gravemente a núcleos urbanos ou servicios esenciais, ou producir danos materiais ou medioambientais moi importantes.

-Categoría B: encoros nos que a súa rotura ou funcionamento incorrecto pode ocasionar danos materiais ou medioambientais importantes ou afectar a un reducido número de vivendas.

-Categoría C: encoros nos que a súa rotura ou funcionamento incorrecto pode producir danos materiais ou medioambientais de moderada importancia ou ocasionar incidentalmente a perda de vidas humanas.

b) Determina-las zonas anegables en caso de rotura dun encoro e os tempos de propagación da onda de avenida e efectua-la correspondente análise de riscos.

c) Dispoñer da organización e medios precisos para obter e comunica-la información sobre incidentes nos encoros.

d) Esixi-los estudios sobre estimación dos danos derivados dunha eventual rotura, avaría grave ou funcionamento incorrecto dun encoro, os cales serán preceptivos para a aprobación do proxecto de construcción.

e) Informar á Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente sobre os encoros que deben dispoñer nun plan de emerxencia interior: todos aqueles clasificados nas categorías A e B.

f) Aproba-los plans de emerxencia interior dos encoros, e a súa posterior remisión á Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente.

g) A de dicta-las ordes previstas no Decreto 72/1987, do 17 de marzo, polo que se crea a Comisión de Desaugamento de Encoros da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. En situacións de seca:

h) Cando as circunstancias prevexan secas, adopta-las medidas preventivas necesarias que permitan dispoñer das reservas hidrolóxicas necesarias.

i) Limitar ou denegar temporalmente o aproveitamento hidráulico para os diferentes usos cando as circunstancias así o aconsellen.

l) Establece-las causas técnicas, de falla de auga potable en concellos, en períodos de seca, imputables á carencia de auga, ou as deficiencias técnicas no proceso de abastecemento ou potabilización.

Artigo 7º

Correspóndelle á Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente, ante o risco de inundacións e situacións de seca, e no ámbito das competencias que posúe relacionados con protección civil, as seguintes funcións:

a) Elabora-lo plan da Comunidade Autónoma de Galicia de risco de inundacións, en coordinación coa administración hidráulica da Comunidade Autónoma.

b) Elabora-lo plan da Comunidade Autónoma para as situacións de seca, en coordinación coa administración hidráulica da Comunidade Autónoma.

c) Implanta-los plans de risco de inundacións e para as situacións de seca en coordinación cos organismos das diferentes administracións públicas, así como as entidades directamente afectadas.

d) Informar á Delegación do Goberno en Galicia e a Comisión Galega de Protección Civil sobre os accidentes derivados polas inundacións, de acordo coa normativa vixente.

Capítulo IV

Plans de actuación de ámbito local

Artigo 8º

O plan da Comunidade Autónoma establecerá, dentro do seu respectivo ámbito territorial, directrices para a elaboración de plans de actuación de ámbito local, e especificará o marco organizativo xeral que posibilite a plena integración operativa destes na organización daquel.

As funcións básicas dos plans de actuación de ámbito local serán as seguintes:

a) Preve-la estructura organizativa e os procedementos para a intervención en emerxencias por inundacións, dentro do territorio do municipio ou entidade local que corresponda.

b) Catalogar elementos vulnerables e zonifica-lo territorio en función do risco, en concordancia co que estableza o plan da Comunidade Autónoma, así como delimitar áreas segundo posibles requirimentos de intervención ou actuacións para a protección de persoas e bens.

c) Especificar procedementos de información e alerta á poboación.

d) Cataloga-los medios e recursos específicos para a posta en práctica das actividades previstas.

Os plans de actuación municipal e doutras entidades serán aprobadas polos órganos das respectivas

corporacións, en cada caso competentes, e serán homologados pola Comisión Galega de Protección Civil.

Capítulo V

Órganos de coordinación e asesoramento

Artigo 9º

Créase a Comisión Galega para os Riscos de Inundacións e as Situacións de Seca.

Artigo 10º

Serán funcións da comisión as seguintes:

a) Asesorar á Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente en temas relacionados cos riscos derivados de inundacións e das situacións de seca.

b) Formar parte do comité asesor da dirección do plan da Comunidade Autónoma ante o risco de inundación, e o Plan Galego de Seca.

c) Elaborar recomendacións e informes en temas relativos ós riscos de inundacións e situacións de seca.

d) Informar os plans de risco de inundacións e para situacións de seca.

e) Aquelas que se lles encomende en relación coa materia.

Artigo 11º

A comisión será convocada cando o consideren conveniente o seu presidente ou a maioría dos seus membros.

Artigo 12º

1. A comisión estará constituída por:

-Presidente: o secretario xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente.

-Vicepresidente primeiro: o subdirector xeral de Infraestructura Hidráulica.

-Vicepresidente segundo: o subdirector xeral de Protección Civil.

-Vocais:

-Un representante da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

-Un representante da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

-Un representante da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

-Un representante da Consellería de Industria e Comercio.

-Un representante da Federación Galega de Municipios e Provinciais.

-Un representante da Federación de Concellos Galegos.

-Dous representantes, por parte dos titulares con maior número de presas e capacidade de encoros de Galicia-Costa, un da provincia da Coruña e outro da provincia de Pontevedra.

-Dous representantes por parte dos titulares con maior número de presas e capacidade de encoros, un da conca do Miño e outro da conca do Sil.

-Dous representantes das empresas de abastecementos de auga potable máis significativas de Galicia.

-Secretario: o xefe do Servicio de Planificación da Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente.

2. Ademais dos vocais expostos no número anterior, a Administración xeral do Estado, a través da Delegación do Goberno en Galicia, poderá nomear ata catro representantes, que formarán parte da comisión.

3. Cando o presidente da comisión o considere conveniente poderanse crear grupos de traballo con persoas de recoñecida solvencia na materia.

4. En caso de situacións de riscos de seca prevese a creación de comités provinciais da seca, un en cada provincia. Os compoñentes que forman parte do mesmo estableceranse no Plan Galego para as Situacións de Seca.

Os comités provinciais da seca convocaránse a instancia do presidente da comisión para os riscos de inundación e as situacións de seca.

Disposición adicional

A partir da data de entrada en vigor do presente decreto, será preceptiva para a aprobación dos proxectos de construcción de presas, a incorporación a estes do correspondente estudio sobre estimación dos danos derivados dunha eventual rotura, avaría grave ou funcionamento incorrecto, coa información suficiente para que o órgano competente poida decidir sobre a clasificación.

Disposición transitoria

Os titulares de presas xa existentes deberán enviar ó órgano competente para resolver no prazo que este fixe, non superior a un ano, a súa proposta de clasificación da presa respecto ó risco, xunto coa da información necesaria para que o dito órgano decida acerca da clasificación que corresponda.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase ós conselleiros da Presidencia e Administración Pública e de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para adopta-las medidas necesarias para a execución e desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte o da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de xaneiro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

0797