Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 12 de febreiro de 1996 Páx. 1.108

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 31 de xaneiro de 1996 pola que se regula a concesión de axudas para o fomento do asociacionismo cooperativo xuvenil agrario.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 30.3º, recoñece a competencia, de acordo coa planificación xeral da economía, en materia de agricultura e gandería a favor da Xunta de Galicia, e no seu artigo 28.7º recolle a competencia específica en materia de cooperativismo.

O Real decreto 1887/1991, do 30 de decembro, sobre mellora de estructuras agrarias, establece un réxime de axudas para investimentos en explotacións agrarias.

No seu desenvolvemento, esta consellería dispón o seguinte:

Capítulo I

Artigo 1º

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes promoverá e apoiará o fomento do asociacionismo de carácter cooperativo entre os mozos do sector agrario, mediante a concesión das axudas que se regulan na presente orde.

Artigo 2º

As axudas a que se refire a disposición anterior terán carácter de subvención.

Capítulo II

Incorporación de mozos do sector agrario a entidades de carácter cooperativo.

Artigo 3º

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderalles conceder subvencións ós mozos do sector agrario que se integren como socios dalgunha entidade asociativa das seguintes:

a) Cooperativa agraria.

b) Sociedade agraria de transformación.

c) Cooperativa de traballo asociado establecida no medio rural.

Artigo 4º

Para ser beneficiario das subvencións a que se refire o artigo anterior requírese:

1. Ser maior de idade ou menor emancipado e non ter cumpridos os corenta anos de idade na data de presentación de solicitude.

2. Estar vinculado ó sector agrario por algunha das seguintes condicións:

a) Ser empresario directo e persoal do sector agrario.

b) Ser socio dunha cooperativa agraria de explotación comunitaria ou dunha sociedade agraria de transformación.

c) Ser socio dunha cooperativa de traballo asociado de carácter agrario.

d) Ser asalariado do sector agrario ou traballador dunha cooperativa agraria ou dunha sociedade agraria de transformación.

e) Ter dependencia familiar ou tela tido ata a maioría de idade ou a emancipación da persoa incursa nalgunha das situacións deste apartado.

3. Acreditar suficiente preparación profesional na actividade que lle corresponde desempeñar na entidade na que se integra ou comprometerse a adquirila en caso de non posuíla.

4. Realiza-la integración na entidade asociativa no período comprendido entre os seis meses previos inmediatos á presentación da solicitude de subvención e os tres meses seguintes á data de concesións dela.

Artigo 5º

As subvencións destinaranse a sufragar parcialmente as achegas económicas que os mozos beneficiarios estean obrigados a satisfacerlle á entidade para a súa integración como socios e sexan reintegrables unicamente en caso de disolución daquela ou de perda da condición de socio.

Artigo 6º

1. A contía máxima das subvencións non superará o 50% das achegas a que se refiere a disposición anterior.

2. Establécense os seguintes límites absolutos:

a) Ata 400.000 ptas. por beneficiario, cando a súa incorporación se produza no marco dunha actuación da entidade que supoña un programa de investimentos onerosos. A suma das subvencións concedidas ós mozos beneficiarios non poderá ser superior ó conxunto de gastos do programa de investimentos.

b) Ata 200.000 ptas. por beneficiario, cando a súa incorporación á agrupación non se produza na situación a que se refire o parágrafo anterior.

3. A suma das subvencións correspondentes ós beneficiarios que se integren nunha mesma entidade asociativa non poderá ser superior a 15.000.000 de pesetas.

Artigo 7º

1. As achegas económicas dos mozos beneficiarios a que se refire o artigo 5º, poderán efectuarse baixo calquera das modalidades seguintes:

a) Entregas en metálico.

b) Entregas en especie, valoradas de acordo cos prezos do mercado da zona.

c) Prestacións de servicios á agrupación, valoradas de acordo coas normas que resulten procedentes.

2. Para os efectos sinalados no número 2.a) do artigo 6º, o programa de realizacións basearase nos investimentos necesarios para o cumprimento do obxecto social da agrupación, excluíndo a adquisición de terras de cultivo. Dentro dos ditos investimentos poderán incluírse :

a) Estudio de viabilidade, cando, esgotadas as posibilidades de asistencia do sector público, resulta necesaria a súa contratación total ou parcialmente onerosa.

b) Gastos de constitución da entidade derivados da posta en marcha da súa actividade.

c) Gastos de formación, asumidos pola entidade, dos mozos que se integran nela e sexan necesarios para desempeña-las súas funcións.

Artigo 8º

Dada a importancia que teñen os estudios de viabilidade e o seu carácter previo á realización dos investimentos, no caso contemplado nesta orde, de creación de novas agrupacións, e sempre que non sexa posible realiza-los ditos estudios polos servicios técnicos da Administración, poderá concedérselle á agrupación unha subvención de ata o 30% do custo do estudio, cun límite máximo de 500.000 ptas. Para tales efectos a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes apreciará a calidade e profesionalidade dos citados estudios.

Artigo 9º

1. As solicitudes de subvención serán formuladas individualmente por cada mozo e presentaranse en expediente único para o conxunto dos que se integren nunha mesma agrupación. Os expedientes conterán os seguintes documentos:

-Instancia individual, segundo modelo que figura no anexo da presente orde, subscrita por cada mozo,

dirixida ó secretario xeral da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, na que constarán os compromisos que contrae.

-Fotocopia do documento nacional de identidade de cada peticionario.

-Relación de peticionarios incluídos en cada expediente.

-Certificación do secretario da entidade na que se faga constar na solicitude a admisión como socios dos mozos, o importe da cota de contribución e as datas dos acordos de admisión e de realización dos investimentos.

-Memoria do investimento e gasto que se vai realizar e estudio de viabilidade ténico-económica e financeira.

-Plan de viabilidade da entidade, no caso de que non se realicen investimentos.

-Documento que acredite a vinculación dos mozos ó sector agrario, a preparación profesional suficiente ou, se é o caso, o compromiso de adquirila con posterioridade ó seu ingreso, e a veracidade dos datos que figuran nos restantes documentos.

-Copia ou fotocopia da parte dos estatutos da agrupación que acredite a aprobación dela e das achegas acordadas na súa constitución ou na posterior asemblea xeral.

-Certificación bancaria de cada un dos mozos solicitantes na que conste o código, tanto da entidade bancaria como da sucursal, o díxito de control e o número de conta.

-Certificación expedida polo Tesouro da Comunidade Autónoma de Galicia acreditativa de que o mozo solicitante non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

-Certificación de que os mozos estan ó corrente no pago de obrigas fiscais e de Seguridade Social.

2. O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de marzo.

Artigo 10º

Recibido e analizado o expediente pola Secretaría Xeral da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, esta resolverá o que proceda no prazo máximo dun mes, contado a partir da data de expiración do prazo establecido para a presentación das instancias. A dita resolución notificaráselles ós interesados de xeito individualizado.

Artigo 11º

Como requisito previo para a entrega da subvención aprobada, os beneficiarios quedarán obrigados a xustificar mediante certificación expedida pola cooperativa na que se atopan integrados, a achega correspondente, o destino da subvención e a data de integración na dita entidade asocitiva.

Artigo 12º

O incumprimento dos fins e requisitos establecidos nesta orde levará emparellada a obriga de reintegrar ó Tesouro da Comunidade Autónoma, por parte dos beneficiarios, as subvencións concedidas, incrementando o seu importe no xuro legal que proceda.

Artigo 13º

As subvencións contempladas na presente orde son incompatibles con calquera outra que para a mesma acción concedan outros organismos da Administración do Estado ou desta Comunidade Autónoma.

Artigo 14º

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes procurará a colaboración das organizacións profesionais agrarias e outras entidades afíns ó programa, para a máis ampla difusión do establecido na presente orde.

Disposicións adicionais

Primeira.-As solicitudes presentadas ó amparo da Orde do 13 de decembro de 1994 ás que non lles foi concedida a subvención solicitada por falta de crédito, poderán ser tidas en conta na presente convocatoria, sempre que así o faga consta-lo interesado.

Segunda.-Na concesión deste auxilios teranse en especial consideración e preferencia aquelas organizacións que teñan por finalidade principal o desenvolvemento de actividades de carácter agrario.

Terceira.-Cando se trate de entidades de traballo asociado que dependan no seu funcionamento de contratos de encargo con outras empresas, deberán acreditar documentalmente o compromiso que garanta o seu funcionamento durante un período mínimo de tres anos.

Cuarta.-Os expedientes económicos destas axudas imputaranse á aplicación orzamentaria 09.01.612A.770 «Cooperativismo xuvenil, axuda á incorporación» dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1996, que ten como crédito inicial 20.000.000 de pesetas.

Ademais poderán concederse máis subvencións ata o límite do crédito que para esta finalidade se xere no devandito concepto, en virtude das transferencias procedentes dos orzamentos xerais do Estado que o MAPA lle atríbúe á Comunidade Autónoma de Galicia como subvencións non integrantes do custo efectivo.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte o da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 1996.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

0708