Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 08 de febreiro de 1996 Páx. 1.020

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 26 de xaneiro de 1996 pola que se aproban os modelos de xestión e liquidación do imposto sobre a contaminación atmosférica.

O Decreto 4/1996, do 12 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do imposto sobre a contaminación atmosférica, constitúe o desenvolvemento regulamentario da Lei 12/1995, do 29 de decembro, creadora do dito imposto; o citado decreto na súa disposición derradeira primeira faculta o conselleiro de Economía e Facenda para dita-las disposicións necesarias para a súa aplicación.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbanse os modelos de declaración liquidación e declaración resumo que figuran como anexos I e II desta orde.

Artigo 2º

No suposto de que un suxeito pasivo sexa titular de máis dun foco emisor, as declaracións liquidacións e declaracións resumo citadas no artigo anterior referiranse a cada un dos focos emisores dos que sexa titular.

Artigo 3º

Apróbase o modelo de declaración de alta/modificación para os efectos do rexistro de focos emisores

a que se refire o artigo 8 do Decreto 4/1996, do 12 de xaneiro, que figura como anexo III desta orde.

Artigo 4º

Os focos emisores que se inscriban no rexistro antes citado proporcionaráselles un número de código que se lle notificará ó titular deles e que deberá figurar en tódalas declaracións que, en relación con ese foco emisor, se presenten no futuro na xestión do imposto sobre a contaminación atmosférica.

Artigo 5º

Cando os datos que sufran variacións e motiven, polo tanto, a presentación do modelo de modificación a que se refire o artigo 3 anterior teñan carácter anual, o prazo para efectua-la súa presentación será o do mes de xaneiro seguinte ó ano en que se produza esa circunstancia.

Considérase que teñen carácter anual o relativos a consumos, productos en procesos, enerxía consumida, número de días de operación e emisión de toneladas de substancias contaminantes.

Artigo 6º

No caso de declaración de alta os datos referidos ó ano natural consistirán en previsións.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación.

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 1996.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

INSTRUCCIÓNS (do anexo I)

(1) Farase constar o ano a que corresponde a liquidación, con independencia de cando se realice a prestación.

(2) Consignarase o último mes que se acumula con dous díxitos que expresen o número que ocupa o mes dentro do ano; así, xaneiro será o 01, febreiro o 02, etc. E que será o que se expresará tamén no corpo deste mesmo impreso denominado «Liquidación» no seu apartado «Base impoñible acumulada no ano ata a fin do mes de...».

(3) Consignarase o número de código facilitado pola Consellería de Economía e Facenda respecto ó foco emisor a que se refire esta declaración liquidación en función dos datos do Rexistro de Focos Emisores; no suposto de non dispoñer del, non se cubrirá este dato.

(4) Transcribirase a tarifa vixente no momento de producción do feito impoñible constituído polas emisións de contaminación obxecto da presente liquidación.

(5) En función da tarifa antes consignada, procederase a distribuír naqueles tramos de base a que figure no recadro 1. «Base impoñible acumulada no ano ata a fin do mes de ...».

(6) Consignarase o resultado de multiplica-lo número de toneladas emitidas pola cantidade correspondente a cada tramo que figure na columna «Pts/t».

(7) Consignarase o resultado da suma das cantidades que figura na columna titulada «cota».

(8) Este dato corresponde á suma das cantidades efectivamente ingresadas a través das declaracións-liquidacións presentadas con anterioridade e que se refiren ó excercicio obxecto de liquidación que figura no espacio correspondente á chamada (1) destas instruccións. Lémbrase que a cantidade ingresada no mes de xaneiro debe aplicarse ó ano inmediatamente anterior

INSTRUCCIÓNS (do anexo II)

(1) Farase consta-lo ano a que corresponde o resumo, con independencia de cando se realice a prestación.

(2) Consignarase o número de código facilitado pola Consellería de Economía e Facenda respecto ó foco emisor a que se refire esta declaración-liquidación en función dos datos do Rexistro de Focos Emisores; no suposto de non dispoñer del, non se cubrirá este dato.

(3),(4),(5) Nos supostos en que o combustible e materias primas consumidas ou os productos obtidos no ano sexan varios consignaranse, en cada caso, os catro máis importantes cuantitativamente.

(6),(7) Transcribirase a tarifa vixente no momento de producción do feito impoñible constituído polas emisións de contaminación obxecto do presente resumo.

(8) En función da tarifa antes consignada, procederase a distribuír naqueles tramos de base a que figura no recadro (1).

(9) Consignarase o resultado de multiplica-lo número de toneladas emitidas pola cantidade correspondente a cada tramo que figure na columna «Pts/t».

(10) Consignarase o resultado da suma das cantidades que figura na columna titulada «cota».

(11) Este dato corresponde á suma das cantidades efectivamente ingresadas a través das declaracións-liquidacións presentadas con anterioridade e que se refieren ó exercicio obxecto do resumo que figura no espacio correspondente á chamada (1) destas instruccións. Lémbrase que a cantidade ingresada no mes de xaneiro debe aplicarse ó ano inmediatamente anterior .

INSTRUCCIÓNS (do anexo III)

(1) Sinálese cun X o carácter a que corresponde a declaración. Será modificación só no caso de estar previamente rexistrado o foco emisor de que se trate.

(2) No caso de alta non se cubrirá este dato, que será obrigatorio no caso de modificación.

(3),(4),(5) Nos supostos en que os contribuíntes e materias primas consumidas ou os productos obtidos no ano sexan varios, consignarase, se é o caso, os catro mais importantes cuantitativamente.

622