Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 05 de febreiro de 1996 Páx. 921

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

MINISTERIO DE OBRAS PÚBLICAS, TRANSPORTE E MEDIO AMBIENTE

ORDE do 27 de decembro de 1995 pola que se aproba o plan de utilización dos espacios portuarios do porto e ría de Ferrol.

A Lei 27/1992, do 24 de novembro, de portos do Estado e da Mariña Mercante, establece no seu artigo 15 que o Ministerio de Obras Públicas, Transporte e Medio Ambiente delimitará nos portos de competencia estatal unha zona de servicio que incluirá as superficies de terra e de auga necesarias para a execución das súas actividades, as destinadas a tarefas complementarias daquelas e os espacios de reserva que garantan a posibilidade de desenvolvemento da actividade porturaria.

A delimitación da zona de servicio, engade o artigo citado, farase, por proposta da autoridade portuaria, a través dun plan de utilización dos espacios portuarios que incluirá os usos previstos para as diferentes zonas do porto, así como a xustificación da necesidade ou conveniencia dos ditos usos. A aprobación do Plan de utilización dos espacios portuarios corresponde ó ministro de Obras Públicas, Transportes e Medio Ambiente, logo de informe de Portos do Estado, da Dirección Xeral de Costas e das adiministracións urbanísticas sobre os aspectos da súa competencia, así como dos demais departamentos ministeriais e administracións públicas afectadas, e levará implícita a declaración de utilidade pública para efectos expropiatorios dos bens de propiedade privada, así como a afectación ó uso portuario dos bens de dominio público incluídos na zona de servicio que sexan de interese para o porto.

De conformidade co disposto no precepto citado redactouse e tramitouse o Plan de utilización dos espacios portuarios do porto e ría de Ferrol. Nel tivéronse en conta as necesidades de augas abrigadas, liñas de atracamento e superficies de terra que son necesarias para poder atender debidamente a demanda de tráfico do porto de Ferrol nos próximos anos. A zona de servicio está plenamente xustificada e é adecuada ás necesidades que se derivan da dita demanda, incorporándose a ela a parcela ocupada actualmente polo Cuartel de Subsistencias da Armada, así como os terreos da zona marítimo-terrestre comprendida entre Punta Viñas e Punta de San Carlos.

Os espacios terrestres da zona de servicio do porto aparecen distinguidos no plan segundo os termos municipais de Ferrol, Mugardos, Narón e Fene, ós que a citada zona de servicio afecta; divídense en zonas homoxéneas ás que se asignan os usos precisos, incluíndo a rede viaria e ferroviaria principal, cos seus accesos.

A delimitación da zona I e zona II das augas portuarias non experimenta modificación ningunha en relación coas actuais.

Na súa virtude, por proposta da autoridade portuaria de Ferrol-San Cibrao, e cumpridos os trámites esixidos no artigo 15 da Lei 27/1992, do 24 de novembro, de portos do Estado e da Mariña Mercante,

DISPOÑO:

Primeiro.-Apróbase o Plan de utilización dos espacios portuarios do porto e ría de Ferrol, no que se inclúen os usos previstos para as diferentes zonas do porto, así como a xustificación da necesidade ou conveniencia dos ditos usos, e delimítase a zona de servicio do porto, na que se inclúen as superficies de terra e auga necesarias para a execución das súas actividades, as destinadas a tarefas complementarias daquelas e os espacios de reserva que garanten o desenvolvemento da actividade porturaria.

Segundo.-Incorpóranse á zona de servicio do porto, como espacios de reserva portuaria, os seguintes terreos:

a) Parcela duns 15.000 metros cadrados de superficie ocupada na actualidade polo Cuartel de Subsistencias da Armada.

b) Zona marítimo-terrestre na enseada de Prioriño, na entrada da ría de Ferrol, desde Punta Viñas ata a Punta de San Carlos.

Madrid, 27 de decembro de 1995.

José Borrell Fontelles

Ministro de Obras Públicas, Transportes e Medio Ambiente

Sres. Secretario Xeral para os Servicios de Transportes. Presidente do Ente Público Portos do Estado e Presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao

95-0559