Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 05 de febreiro de 1996 Páx. 904

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 22 de xaneiro de 1996 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria de dúas bolsas para realizar estudios relacionados coa Unión Europea no Colexio de Europa en Bruxes.

En virtude do convenio asinado entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Colexio de Europa en Bruxes, co fin de contribuír á formación de profesionais que se familiaricen coas institucións, o dereito e a economía europeos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convócase concurso público para a adxudicación de dúas bolsas destinadas a titulados superiores en dereito, ciencias económicas ou ciencias empresariais para realizar estudios de especialización en temas relacionados coa Unión Europea e o proceso de integración europeo, no Colexio de Europa con sede en Bruxes.

Artigo 2º.-Apróbanse as bases que rexerán esta convocatoria e que se publican como anexo I a esta orde.

Artigo 3º.-A Xunta de Galicia financiará estas bolsas con cargo á partida orzamentaria 07.05.431A.480.00 da Dirección Xeral de Universidades e Investigación para o exercicio de 1996.

Artigo 4º.-A convocatoria, as súas bases e tódolos actos administrativos que se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados no prazo e forma previstos na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Para os efectos establecidos no artigo 42.2 da Lei 30/1992, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses, contados a partir do día seguinte á data de peche da convocatoria. Se no dito prazo non se dictase resolución expresa entenderase que quedan desestimadas as solicitudes presentadas.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 1996.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Bases da convocatoria

1.-Requisitos dos solicitantes

As bolsas poderán ser solicitadas por aqueles titulados superiores en dereito, ciencias económicas ou ciencias empresariais que cumpran os seguintes requisitos:

a) Posuí-la nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.

b) Ter rematados os estudios de licenciatura en xuño de 1990 ou con posterioridade a esta data.

c) Ter coñecementos satisfactorios de galego, inglés e francés.

2.-Duración e contía das bolsas.

A duración das bolsas é a dun curso académico completo (1996-1997).

O importe de cada bolsa ascende a un total de 1.800.000 ptas. brutas que se destinará a:

a) Ó pagamento das taxas e estadía que será efectuada en nome do bolseiro pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria directamente ó Colexio de Europa en Bruxes.

b) A cantidade restante ingresaráselles ós bolseiros nun só pagamento, en concepto de axuda institucional para gastos de desprazamento e seguro combinado de accidentes. O pagamento efectuarase unha vez incorporados ó Colexio de Europa.

3.-Formalización das solicitudes.

As solicitudes, conforme o modelo oficial que se publica como anexo II a esta orde, presentarase no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI ou doutro documento acreditativo da nacionalidade do solicitante.

b) Currículum vitae do solicitante cos documentos acreditativos dos méritos alegados.

c) Certificación académica completa que acredite a súa condición de licenciado en dereito, ciencias económicas ou ciencias empresariais, tendo rematados os estudios correspondentes en xuño de 1990 ou en data posterior. No caso de que o solicitante espere acadar esta condición en xuño de 1996 aceptarase tamén a solicitude, pero a concesión da bolsa,

se é o caso, farase con carácter condicional, subordinada á presentación da certificación académica que deberá remitirse á Dirección Xeral de Universidades e Investigación antes do 31 de xullo de 1996. En todo caso, deberá presentar un certificado académico que reflicta os estudios cursados ata o momento e as cualificacións obtidas.

Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros non estatais deberán estar validados ou recoñecidos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes e deberase xuntar, se é o caso, as oportunas táboas de equivalencias oficiais das cualificacións.

d) Documentos que acrediten un dominio suficiente do galego, inglés e francés.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 21 de febreiro de 1996.

4.-Valoración e resolución do concurso.

A Dirección Xeral de Universidades e Investigación procederá a nomear unha comisión de selección que, despois de realizar unha avaliación das solicitudes, elaborará unha relación na que figurarán aqueles candidatos que, ó seu xuízo, reúnen os requisitos mínimos para acceder a estas bolsas.

Unha vez que o Colexio de Europa confirme a selección dalgún dos candidatos propostos (máximo de 2), a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria procederá a resolver con carácter definitivo a presente convocatoria mediante orde que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

A composición da comisión de selección farase pública con anterioridade á resolución da convocatoria.

A selección realizarase tendo en conta o expediente académico, o currículum e os coñecementos de galego, inglés e francés dos solicitantes. Respecto do coñecemento destes idiomas a comisión poderá realiza-las probas que coide oportunas sobre a capacidade de expresión oral e escrita dos candidatos.

5.-Obrigas dos bolseiros.

a) O bolseiro está obrigado a incorporarse ó centro correspondente ó comezo do curso académico e deberá informar inmediatamente diso á Dirección Xeral de Universidades e Investigación.

b) A Dirección Xeral de Universidades e Investigación poderá, en calquera momento do curso, solicitarlle ó bolseiro un informe sobre as súas actividades. Así mesmo poderáselle solicitar este informe ós responsables do programa de estudios. No caso de producirse unha avaliación desfavorable poderá decidirse o cesamento inmediato da axuda

e incluso a devolución das cantidades xa pagadas.

c) O bolseiro comprométese a elaborar unha memoria final cun resumo dos estudios realizados así como de tódolos extremos que xulgue convenientes. A dita memoria final entregarase ó remate dos estudios.

d) O desfrute da bolsa é incompatible coa realización de calquera traballo remunerado ou con outra bolsa.

6.-Aceptación da bolsa.

A aceptación da bolsa farase mediante documento asinado polo bolseiro no que se compromete a cumprir todas e cada unha das condicións recollidas nas presentes bases.

7.-Incidencias.

Non se admitirán renuncias ás bolsas concedidas salvo casos excepcionais debidamente xustificados.

O incumprimento por parte dos bolseiros dos compromisos adquiridos conforme as bases da presente convocatoria poderá dar lugar á revogación da axuda concedida e á reclamación das cantidades anticipadas de conformidade co disposto no artigo 78.6º da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

A Dirección Xeral de Universidades e Investigación resolverá tódalas dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación da presente convocatoria.

95-0675