O artigo 31 da Lei 11/1992, do 7 de outubro (DOG nº 200, do 14 de outubro), de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, establece que o endebedamento que a Comunidade Autónoma leve a cabo con persoas físicas ou xurídicas para atender necesidades transitorias de tesourería, calquera que sexa a forma como se documente, o prazo de reembolso será inferior a un ano. Na Lei de orzamentos de cada ano autorízase o límite máximo destas operacións para cada exercicio.
O artigo 25 da Lei 11/1995, do 28 de decembro (DOG nº 249, do 30 de decembro), de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, establece que durante o exercicio de 1996 o Consello da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, poderá emitir débeda de tesourería ata un importe máximo do 15% da consignación que figura no estado de ingresos por porcentaxe na participación nos ingresos do Estado.
O importe da participación nos ingresos do Estado para o exercicio 1996 ascende a 258.016.237.000 pesetas, segundo se establece na devandita Lei de orzamentos para 1996. Polo tanto o importe que se concertará ou emitirá non poderá superar, en ningún momento, a cifra de 38.702.435.550 pesetas, equivalente ó 15% da primeira cifra.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de xaneiro de mil novecentos noventa e seis,
DISPOÑO:
Artigo 1º
Autorízase o conselleiro de Economía e Facenda a concertar operacións de crédito ou emitir débeda pública, en calquera das súas modalidades, por un prazo de reembolso inferior a un ano, para atender necesidades transitorias de tesourería.
Artigo 2º
O importe que se concertará ou emitirá non poderá superar en ningún momento, como límite acumulativo máximo para as operacións en vigor, a cifra de 38.702.435.550 pesetas, equivalente ó 15% do importe da participación nos ingresos do Estado, orzamentada para o exercicio de 1996 en 258.016.237.000 pesetas. As súas condicións (mo
dalidade, tipo de xuro, amortizacións e outros) non serán superiores ás normais de mercado.
Artigo 3º
A Consellería de Economía e Facenda daralle conta ó Consello da Xunta de Galicia das operacións de crédito concertadas de acordo co presente decreto.
Disposición derradeira
Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vintecinco de xaneiro de mil novecentos noventa e seis.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
José Antonio Orza Fernández
Conselleiro de Economía e Facenda
96-504