Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 01 de febreiro de 1996 Páx. 840

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 21 de novembro de 1995, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de explotación da concesión derivada do permiso de investigación La Ilusión, número 5356.2

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise público o acordo da Comisión Galega de Medio Ambiente, do 3 de outubro de 1995, polo que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de explotación da concesión derivada do permiso de investigación La Ilusión, nº 5356.2, sita en terreos do termo municipal de Fologoso do Courel, provincia de Lugo, promovido por Pizarras de Quiroga, S.A., que se transcribe como anexo a esta resolución.

Lugo, 21 de novembro de 1995

Jesús Bendaña Suárez

Delegado provincial de Lugo

ANEXO

Acordo do 3 de outubro de 1995, da Comisión Galega de Medio Ambiente, polo que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de explotación da concesión derivada do permiso de investigación La Ilusión nº 5356.2 sita en terreos do termo municipal de Folgoso do Courel, provincia de Lugo, promovidos por Pizarras de Quiroga, S.A:

No Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia (DOG do 25 de setembro de 1990), da Consellería da Presidencia e Administración Pública da Xunta de Galicia, establécese a obriga de formular declaración de impacto ambiental (DIA) con carácter previo á resolución administrativa que vaia adopta-lo órgano substantivo para a autorización da actividade obxecto do proxecto.

O proxecto consiste nunha explotación de lousa como recurso da sección C.

O anexo I contén un resumo do proxecto de explotación.

O anexo II contén as medidas correctoras e protectoras propostas no estudio de avaliación do impacto ambiental.

O anexo III contén un resumo do plan de restauración e do plan de vixilancia ambiental, propostos no estudio.

En cumprimento do establecido no artigo 5.3º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, e con data do 20 de febreiro de 1995 (DOG nº 35), someteuse a información pública, durante 30 días, o estudio de impacto ambiental.

Como resultado dela, non consta a presentación de alegacións ó devandito proxecto.

Foron consultadas, así mesmo, as direccións xerais de Industria, Calidade Medioambiental e Urbanismo, Montes e Medio Ambiente Natural, Saúde Pública e Patrimonio Histórico e Documental.

O resultado das consultas realizadas está contido no anexo IV da presente declaración.

Completada a tramitación, a Comisión Galega de Medio Ambiente, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 442/1990, formula a DIA do proxecto de explotación da concesión derivada do permiso de investigación La Ilusión nº 5356.2, sita en terreos do termo municipal de Folgoso do Caurel, provincia de Lugo, promovido por Pizarras de Quiroga, S.A.

O órgano substantivo para este proxecto é a Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, e o órgano ambiental, a Comisión Galega de Medio Ambiente.

ANEXO

DECLARACIÓN DE IMPACTO AMBIENTAL

Examinada a documentación presentada, a Comisión Galega de Medio Ambiente establece pola presente declaración de impacto ambiental as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio de impacto ambiental, de forma que se asegure a minoración dos posibles efectos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

A presente declaración refírese, en exclusiva, ás actuacións mineiras de explotación, entulleira e instalacións, comprendidas dentro do seguinte perímetro:

PuntoLonxitudeLatitude

1 3º 30' 36''42º 34' 56''

2 3º 29' 58''42º 34' 56''

3 3º 29' 58''42º 34' 30''

4 3º 30' 36''42º 34' 30''

coordenadas están referidas ó meridiano de Madrid.

Para outras zonas ou áreas que se pretenden explotar precisaríase unha nova declaración.

1. Protección da atmosfera.

1.1. Dada a proximidade do núcleo rural de Santa Eufemia, aproximadamente 600 m, e co fin de evita-los posibles efectos negativos que sobre a poboación puidera te-lo pó xerado pola explotación, adoptaranse as medidas necesarias de forma que nas edificacións máis próximas se cumpra:

-Os niveis de partículas sedimentables non superarán os límites establecidos polo Decreto 833/1975, para zonas habitadas, de 300 mg/m (concentración media en 24 h).

-As partículas en suspensión, debidas polo procedemento gravimétrico, no superarán os niveis

impostos polo Real decreto 1321/1992 (300 ug/m), e o seu valor medio anual non superará os 150 ug/m.

1.2. Así mesmo, e en canto a protección contra o ruído e vibracións, adoptaranse as medidas preventivas seguintes:

-Os niveis de inmisión sonora, medidos a 2 m das fachadas da liña de casas máis próximas á zona de explotación, non superarán os 65 dB (A) leq, entre as 8 e as 21 horas, e os 55 dB (A) leq, entre as 21 horas e as 8 horas.

-As voaduras que se realicen deseñaranse e calcularanse de forma que garantan que non se afectan as edificacións máis próximas á zona de explotación.

-Salvo en casos excepcionais xustificados, as voaduras non poderán realizarse entre as 20 e as 8 horas.

2. Protección das augas.

2.1. No caso de que co emprego do sistema de decantación previsto, a auga non saia suficientemente limpa, incumprindo o establecido na Lei de augas e outras disposicións legais relativas á calidade das augas residuais de efluentes hídricos procedentes de actividades industriais, deberase recorrer a outras técnicas ou instalacións de depuración que aseguren a calidade do vertido hídrico.

2.2. As augas residuais que se poidan xerar nos servicios hixiénicos destinados ós operarios deberán ser conducidas a unha rede de saneamento municipal ou ben a unha fosa séptica ou outro sistema de tratamento axeitado.

2.3. Os residuos que se poidan producir polo mantemento da maquinaria recolleranse en recipientes axeitados e entregaránselle a un xestor autorizado.

2.4. Os camións que deban saír da área deberán pasar previamente por unha grella metálica, construída para o lavado dos pneumáticos, antes de circularen por vías alleas á parcela.

3. Protección do solo.

3.1. Previamente a calquera vertido de material deberá ser quitada toda edificación, vexetación e capa de solo nunha profundidade mínima de 1 m.

3.2. Co fin de que a terra vexetal extraída non perda as súas calidades fisicoquímicas e de capacidade biolóxica, deberáselle dedica-los seguintes coidados:

-As acumulacións de terra vexetal non se poderán mestural coas acumulacións de estériles, excepto coas fraccións destes equivalentes en granulometría, e sempre e cando se acaden condicións de textura e estructura axeitadas para a implantación vexetal.

-A altura dos amoreamentos virá dada en función da estructura do solo extraído, de forma que a presión das capas superiores sobre as inferiores non supoña unha alteración daquel, polo que se recomenda que a devandita altura non supere os 2 metros.

-No caso que por razóns exclusivamente técnicas, tivese que estar amoreada máis de 6 meses, procederase á súa descompactación cada 6 meses e fertilizado cada 6 ou 12 meses.

-As acumulacións situaranse nas zonas da explotación onde sexa menos probable o seu deterioro por erosión hídrica e non poidan ser afectadas pola circulación da maquinaria.

-Nas épocas estivais, ou naquelas que pola súa secura o aconsellen, deberanse humedece-las moreas de terra vexetal.

3.3. Os residuos existentes na zona de explotación deberán ser retirados e levados a vertedoiros autorizados, antes do comezo dos traballos.

3.4. Non se poderá depositar nin acumular na explotación nin en terreos propios adxacentes, ningún tipo de residuos sólidos, tales como chatarra, plásticos, pezas inservibles de maquinaria, ou calqueraoutro material que se xere na explotación, diferente dos materiais propios procedentes da extracción.

4. Plan de restauración.

O plan de restauración proposto considérase axeitado e deberá pórse en práctica e levarse a cabo de xeito progresivo, de forma tal e como consta no documento presentado, imprescindible para consegui-la recuperación integral da zona impactada co seu contorno e mante-la calidade paisaxística do lugar.

Non obstante, a rehabilitación morfolóxica do oco creado será o máis próxima posible ó perfil actual, utilizando para iso os estériles producidos na propia actividade mineira, e que provisionalmente poderán almacenarse na entulleira exterior proxectada.

5. Documentación adicional.

5.1. O promotor remitirá, a través do órgano substantivo, á Comisión Galega de Medio Ambiente, nun prazo non superior a 3 meses a partir de serlle notificado o contido da presente declaración, os seguintes documentos:

-Orzamento, planificación e calendario de execución dos labores de restauración.

-Mapa de concas visuais e medidas propostas para tenua-lo impacto paisaxístico.

-Un mapa de ruídos que abranguen un radio non inferior a 600 m, coa actividade en pleno funcionamiento, así como un estudio de vibracións, e cunha periodicidade semestral, e unha vez iniciada a explotación, os datos e resultados das medicións de ruído de fondo, ruído da actividade e transmisións, para a súa análise e aprobación.

Punto obrigado de referencia serán as vivendas próximas á actividade.

5.2. Así mesmo, e no mes de xaneiro de cada ano natural, un informe que conterá alomenos:

-Estado actual da actividade extractiva e do cumprimento do plan de restauración.

-Reportaxe fotográfica que describa o estado da explotación e das entulleiras así como das accións de restauración levadas a cabo.

6. Condicións adicionais.

6.1. O órgano substantivo fixará un aval para garanti-lo cumprimento do plan de restauración, que poderá ser acumulativo se se considera axeitado.

Este aval será renovado en función do cumprimento por parte do promotor do plan de restauración e o plan de labores anual.

6.2. As condicións indicadas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para o promotor.

Non embargantes, a empreas promotora poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas nesta declaración co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves deficiencias para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes na actividade industrial, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, a empresa promotora solicitarallo á Comisión Galega de Medio Ambiente, aportando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitudes remitiranse tres meses despois de serlle enviada a presente declaración polo organo substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas, e comunicaraselles o acordo adoptado á empresa promotora.

6.3. Se unha vez emitida esta declaración, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou a solicitude da Comisión Galega de Medio Ambiente, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que serán os mencionados impactos e se corrixan aquelas.

6.4. Do mesmo xeito, o incumprimento total ou parcial por parte do promotor dos labores de restauración previstos, serán causa suficiente para que se proceda ó peche cautelar e a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

6.5. O presente acordo, adoptado por esta comisión, non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes para levar a cabo modificacións na actividade.

6.6. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade en relación con este tipo de actividades.

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 1995.

José Luis Aboal García-Tuñón

Secretario xeral da Comisión Galega do Medio Ambiente

Visto e prace

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Presidente da Comisión Galega do Medio Ambiente

ANEXO I

RESUMO DO PROXECTO DE EXPLOTACIÓN

A explotación de lousa La Ilusión está situada na parroquia de Santa Eufemia, concello de Folgoso do Courel (Lugo).

Accedese desde Quiroga pola estrada LU-651. Antes de llegar a Sta. Eufemia existe unha pista que conduce á parcela.

A explotación realizarase a ceo aberto, mediante bancos e bermas axeitadas. A altura máxima do banco en estéril será de 15 m e disporase como mínimo dunha base de traballo de 10 m.

O arranque do estéril realizarase mediante explosivos (Goma-2 e nagolita). Para o corte da lousa empregaranse explosivos de baixo poder detonante e se fose posible empregaríase un sistema de corte mecánico.

As reservas totais seguras cífranse nuns 5.800.000 m, e as probables nuns 3.800.000 m. A vida prevista da explotación é duns 28 anos.

Na explotación disporase da seguinte maquinaria: 2 compresores, 3 martelos perforados, 1 pa cargadora, 1 retroescavadora, 1 bulldózer e 2 camións.

ANEXO II

MEDIDAS CORRECTORAS PROPOSTAS NO ESTUDIO DE AVALIACIÓN DE IMPACTO AMBIENTAL

1.1. Entulleiras: eliminación previa da capa vexetal. Canle perimetral e gabias filtrantes. Lugar e deseño axeitados. Disposición diferenciada dos estériles. Recheco de ocos. Revexetación.

1.2. Taludes: deseño axeitado. Bancos curtos. Revexetación de bermas. Recheo. Canle perimetral. Peche de seguridade.

1.3. Escavación: almacenamento previo da terra vexetal. Nivelación de terreos. Autorrecheo. Revexetación.

1.4. Voaduras: deseño axeitado. Control das vibracións. Uso de explosivos especiais.

1.5. Perforación: uso de silenciadores na maquinaria. Captación de po.

1.6. Po: uso de carro perforador con captador de po e martelo perforador con inxección de auga. Rega periódica de pistas, depósitos de estériles e rachóns de lousa, en épocas secas. Retacado dos barrenos con materiais exentos de SiO.

1.7. Augas: canles perimetrais. Balsas decantadoras. Reducción de pendentes.

1.8. Mantemento e regado das pistas. Mantemento da maquinaria.

ANEXO III

RESUMO DO PLAN DE RESTAURACIÓN E PLAN DE VIXILANCIA AMBIENTAL

Restauración.

-Realización simultánea da explotación e restauración.

-Remodelación do terreo, ó finaliza-la explotación.

-Retirada de instalación.

-Revexetación da zona.

Vixilancia ambiental.

-Entulleiras.

-Comprobación do vertido: lugar, forma, altura, compactación, etc. (diario).

-Comprobación das bermas (cada 15 días).

-Comprobación de posibles roturas de taludes (diario).

-Revexetación en zonas terminadas (cada 6 meses).

-Auscultación de entulleiras (cada 6 meses).

Superficie afectada.

-Comprobación do terreo ocupado (cada 3 meses).

-Revisión e mantemento da flora existente nas zonas alleas (cada 6 meses).

-Recollida e conservación da terra vexetal (cada 3 meses).

Po e voaduras.

Tomaranse e analizaranse mostras de po nos distintos postos de traballo de perforación, carga e transporte (cada 2 meses as mostras gravimétricas e cada 4 as de sílice libre). Control de vibracións, onda aérea, ruído e proxeccións, de acordo coas ITC correspondentes.

Augas.

Análise de sólidos en suspensión con mostra recollida augas abaixo da zona de explotación, xunto á regato ó que flúen (cada mes). Detección de vertidos de aceites e gasóleos (diario). Revisión e mantemento do sistema de drenaxe (cada 15 días).

Informe anual.

A empresa presentará un anexo ó plan de laboreo onde se exprese:

-Traballos realizados.

-Variacións e relación coas previsións.

-Xustificación das variacións.

-Análise e comprobacións levadas a cabo durante o ano de vixilancia ambiental.

-Alteración das evalacións do impacto ambiental e medidas correctoras tomadas.

-Traballos a realizar en relación co impacto ambiental, e grao de cumprimento.

-Variacións e a súa xustificación en relación co programa de vixilancia ambiental.

ANEXO IV

RESULTADO DAS CONSULTAS REALIZADAS SOBRE O IMPACTO AMBIENTAL DO PROXECTO

Do contido dos informes recibidos cabe destaca-las seguintes consideracións:

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo considera necesario que tódalas medidas correctoras e de restauración se realicen de acordo coas condicións de protección da zona determinadas polas Normas Subsidiarias de Planeamento da provincia de Lugo (O Courel). Así mesmo considera necesario defini-las concas visuais co fin de valorar correctamente o impacto paisaxístico, e levar a cabo a realización das accións de restauración en toda a zona e paralelamente o desenvolvemento da actividade extractiva.

A Dirección Xeral de Montes e M.A.N emite informe desfavorable sobre o devandito proxecto, por considerar insuficientes as medidas correctoras e protectoras no estudio presentado.

A Dirección Xeral de Industria emite informe favorable sobre o proxecto presentado establecendo adicionalmente as seguintes condicións:

-Protección da atmosfera: evita-lo retacado dos barrenos con detritus de perforación, regado de pistas, correcta posta a punto dos motores de combustión interna e limitación da velocidade de circulación a 15 km/h.

-Mantemento da vexetación existente que sirva de pantalla visual e acústica.

-En canto ás pistas e viais, e en canto ás condicións ambientais, cumprimento do disposto na ITC 07.1.03.

-Prohibición expresa de depósito, acumulación ou vertido de residuos na zona de explotación, instalacións o adxacentes.

A Dirección Xeral de Saúde Pública emite informe favorable sobre a realización do proxecto presentado e non establecendo condicións adicionais.

A Dirección Xeral de Patrimonio Histórico e Documental non presenta obxeccións ó devandito proxecto dado que non consta catalogado ningún xacemento arqueóloxico dentro do perímetro da explotación.

348