Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 01 de febreiro de 1996 Páx. 819

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 27/1996, do 25 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento lexislativo do capítulo IV da Lei 8/1993, reguladora da Administración hidráulica, relativo ó canon de saneamento.

A Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia, crea e regula nos seus aspectos esenciais o canon de saneamento como tributo da Comunidade Autónoma, e faculta o Consello da Xunta de Galicia para dicta-las disposicións regulamentarias de desenvolvemento da devandita regulación, cunha habilitación xeral que se complementa coas específicas chamadas ó regulamento contidas nos diversos preceptos da lei.

O presente regulamento vén a lle dar cumprimento ó previsto na norma legal, adoptando a forma de desenvolvemento xeral do tributo naquilo que ten de singular e facendo remisións expresas ou xenéricas ás disposicións comúns aplicables ó resto de tributos de Galicia.

Na regulación que se efectúa, o canon de saneamento configúrase, despois das disposicións xerais (Art. 1 a 3), a partir da definición dos seus elementos esenciais. De acordo coa delimitación legal, o feito impoñible (Art. 4) consiste na utilización ou dispoñibilidade da auga por razón da contaminación producida. Seguen os preceptos dedicados ó devengo e ós suxeitos pasivos (Art. 5 e 6), e dáselle o tratamento da base impoñible e correlativamente do tipo impositivo (Arts. 7 a 14) un carácter nuclear, ó establecer detalladamente os métodos de determinación da base, segundo o modelo da Lei xeral tributaria, atendendo especialmente á consideración dos usos da auga e ós diversos parámetros para a determinación da carga contaminante.

De acordo coa distinción legal, o regulamento establece dous procedementos de xestión do canon, segundo deba ser percibido por entidades subministradoras de auga (Cap. 2º) ou aboado por aproveitamentos efectuados directamente polo contribuínte, sexa en función do volume de auga utilizada (Cap. 3º, sección 1ª) ou pola contaminación producida (sección 2ª). Os devanditos procedementos de xestión articúlanse de acordo con criterios de simplificación de trámites e de garantía á posición xurídica dos interesados mediante a súa comparecencia nos diversos expedientes de fixación de modalidades de aplicación, bases e tipos de gravame.

Finalmente, unha parte extensa da regulación dedícase ás normas adxectivas en materia de xestión, con atención especial ós procedementos de comprobación e investigación, recadación, sanción e revisión, que constitúen un contido necesario de acordo co criterio expresado de tratamento integral da figura.

A complexidade técnica das operacións necesarias para a determinación dos elementos cuantificadores do canon fai inevitables diversas referencias a métodos analíticos e procesos que se agrupan nun anexo ó texto articulado. A devandita opción de ordenación non exceptúa, nembargantes, as normas expresadas do seu carácter regulador da parte do procedemento a que se refiren e constitúen tamén preceptos de necesaria observancia tanto para a Administración xestora como para os contribuíntes, na medida en que están suxeitos á práctica das operacións descritas.

Por todo isto, e de conformidade coa habilitación legal contida na disposición derradeira segunda da Lei 8/1993, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintecinco de xaneiro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.

Apróbase o Regulamento de desenvolvemento lexislativo do capítulo IV da Lei 8/1993, reguladora da Administración hidráulica, relativo ó canon de saneamento que se insire a continuación.

Disposición adicional.

Primeira.-As entidades subministradoras de auga facturaránlle-lo canon de saneamento ós respectivos aboados suxeitos a el desde a data de entrada en vigor deste decreto.

Segunda.-No prazo de dous meses a partir da data indicada, as ditas entidades comunicaranlle a Augas de Galicia os caudais subministrados entre o día 1 de xullo de 1995 e a data de entrada en vigor deste decreto ós aboados con consumo que sexa igual ou superior a 3.000 m/ano.

Terceira.-Augas de Galicia efectuará unha única liquidación directa para cada contribuínte do canon devengado durante o período a que se refire o apartado anterior.

Disposicións derradeiras.

Primeira.

1. As entidades subministradoras de auga deberán adapta-lo formato das súas facturas recibo ás determinacións que establece o regulamento dentro do prazo de seis meses contados desde a súa entrada en vigor. Durante este prazo, as facturas recibo deberán incorpora-lo canon de saneamento expresando como mínimo a denominación abreviada do tributo, a tarifa aplicable e a cota que terá que satisface-lo suxeito pasivo.

2. Os titulares e usuarios reais de aproveitamentos a que se refire o artigo 21 existentes na data da entrada en vigor deste regulamento deberán presenta-la declaración inicial no prazo dun mes contado a partir da dita data.

Segunda.

Mentres non se produza a dotación efectiva de medios persoais e materiais ó organismo autónomo

Augas de Galicia, a xestión do canon de saneamento regulado pola Lei 8/93 e o presente regulamento, efectuarase, por conta do devandito organismo, pola Dirección Xeral de Obras Públicas dependente da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Terceira.

Facúltase o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Cuarta.

Este Decreto entrará en vigor o día 1 de febreiro de 1996.

Santiago de Compostela, vintecinco de xaneiro de mil novecentos noventa e sesis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Teritorial, Obras Públicas e Vivenda

Regulamento de desenvolvemento lexislativo do capítulo IV da Lei 8/1993, reguladora da administración hidráulica, relativo ó canon de saneamento

Capítulo primeiro

Configuración do canon de saneamento

Sección primeira

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

É obxecto do presente regulamento o desenvolvemento normativo do canon de saneamento creado e regulado na Lei 8/1993, do 23 de xuño, como tributo de carácter finalista destinado ó financiamento de gastos de investimento e de explotación das obras e instalacións de acordo coa programación aprobada polo Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 2º.-Normativa.

O canon de saneamento réxese:

a) Polas normas tributarias da Lei 8/1993, do 23 de xuño reguladora da administración hidráulica de Galicia.

b) Polo presente regulamento e o resto de disposicións regulamentarias específicas que se dicten en desenvolvemento da citada lei.

c) Polas disposicións legais e regulamentarias de carácter xeral en materia tributaria.

Artigo 3º.-Competencias.

1. A xestión do canon de saneamento e a aplicación dos recursos xerados mediante a súa exacción correspóndelle ó organismo autónomo Augas de Galicia.

2. O organismo autónomo Augas de Galicia está obrigado a levar un rexistro separado dos recursos obtidos pola xestión do canon, que poderá ser fiscalizado pola Consellería de Economía e Facenda.

3. A delegación, se é o caso, dalgunha ou de tódalas fases da xestión do canon nas entidades locais ou consorcios do territorio de Galicia, correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia mediante decreto.

Quedarán en todo caso reservadas a Augas de Galicia as funcións de:

a) Resolución de recursos e reclamacións en vía de xestión.

b) Comprobación e investigación nos termos previstos no capítulo V deste regulamento.

c) Cualificación de infraccións e imposición de sancións.

d) Concesión de aprazamentos e fraccionamentos.

Sección segunda

Elementos do tributo

Artigo 4º.-Feito impoñible.

1. Constitúe o feito impoñible do canon de saneamento a producción de vertidos de augas e productos residuais realizados directa ou indirectamente. En todo caso, enténdese realizado o feito impoñible polo consumo ou pola utilización potencial ou real da auga de calquera procedencia.

2. De acordo co establecido no inciso segundo do apartado precedente, a aplicación do canon de saneamento afecta:

a) Á utilización da auga subministrada polas entidades definidas no artigo 6º.2 deste regulamento.

b) Á utilización da auga procedente de aproveitamentos de augas superficiais ou subterráneas que efectúen directamente os mesmos usuarios.

c) Á dispoñibilidade de auga procedente de entidades subministradoras ou de captacións propias do contribuínte por razón da contaminación producida e nos termos establecidos na lei.

3. Quedan excluídos da aplicación do canon de saneamento os usos da auga correspondentes a:

a) Subministración en alta a servicios públicos de distribución de auga potable.

b) Alimentación de fontes públicas ou monumentais, bocas de rega e extinción de incendios a cargo de entidades públicas e os seus servicios, propios ou concertados.

c) Utilización da auga para o uso de rega agrícola.

Artigo 5º.-Devengo.

O devengo do tributo prodúcese:

a) Nos supostos de utilización ou dispoñibilidade da auga procedente dunha entidade subministradora coincidindo coa devandita utilización ou dispoñibilidade, sen prexuízo da esixibilidade do canon de acordo cos períodos impositivos que estean establecidos.

b) Nos supostos de utilización ou dispoñibilidade da auga procedente de captacións propias, o último día de cada trimestre natural.

c) En todo caso, e a falta da determinación a que se refiren os apartados precedentes, no momento de producirse o vertido.

Artigo 6º.-Suxeitos pasivos.

1. Son suxeitos pasivos en calidade de contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas de calquera natureza e demais entidades sen personalidade xurídica as que se refire o artigo 33 da Lei xeral tributaria, que produzan o feito impoñible como consecuencia da producción de vertidos de augas e productos residuais realizados directa ou indirectamente, se é o caso, utilicen auga procedente dunha entidade subministradora ou de instalacións propias ou concesionais de captación.

2. Teñen a condición de entidades subministradoras de auga as persoas físicas e xurídicas de calquera natureza que, mediante instalacións de titularidade pública ou privada, ben sexa con carácter oneroso ou gratuíto, efectúen unha subministración «en baixa» de auga, estea amparada ou non a devandita actividade no título administrativo de prestación de servicio.

3. As entidades subministradoras teñen a condición de suxeitos pasivos substitutos do contribuínte en relación coa utilización ou dispoñibilidade da auga dos seus aboados. Na súa virtude, dentro do procedemento de xestión do canon de saneamento, as devanditas entidades están obrigadas a:

a) Facturar e recada-lo tributo dos seus abonados.

b) Autoliquidar e ingresar dentro dos prazos establecidos as cantidades facturadas unha vez foran percibidas ou cando a súa falta de pagamento non fora xustificada de acordo co que prevé o artigo 17º.3.

c) Satisfacer como débeda tributaria as cantidades non facturadas en incumprimento do que dispón a letra a) precedente.

d) Cumpri-los deberes formais derivados da xestión e inspección do tributo establecidos neste regulamento ou nas normas tributarias de aplicación xeral.

Artigo 7º.-Base impoñible.

A base impoñible está constituída, alternativamente:

a) Polo número de unidades de contaminación producidas ou estimadas no vertido contaminante do contribuínte nos supostos en que a Administración, de oficio ou por instancia do devandito contribuínte, opte pola medida directa ou pola estimación obxectiva da devandita contaminación.

b) Polo volume de auga utilizado ou dispoñible, cando así o prevexa a norma, no período impositivo, expresado en metros cúbicos.

Artigo 8º.-Métodos de determinación da base impoñible.

A base impoñible determinarase:

a) Con carácter xeral, por estimación directa, mediante procedementos de medida do volume da auga, ou dos establecidos para a carga contaminante nos artigos 26 a 28 deste regulamento, así como a través da declaración de carga contaminante regulada no artigo 29 cando sexa aceptada pola Administración.

b) Por estimación obxectiva nos seguintes casos:

b.1. Captacións superficiais ou subterráneas de auga así como a subministración mediante contratos de aforo ou outros, cando o volume de auga non sexa medido directamente.

b.2. Cando a base impoñible se determine pola carga contaminante cando non se efectuase a medida directa da base impoñible.

c) Con carácter supletorio por estimación indirecta segundo as normas dos artigos 50 e 51 da Lei xeral tributaria, a Administración deberá motiva-la adopción desta modalidade en relación coas circunstancias que expresamente se indican e atenderá para a cuantificación da base a magnitudes características da actividade do contribuínte, tales como producción, persoal empregado, potencia eléctrica contratada, volumes de materias primas ou similares. A estimación directa procederá cando a Administración non poida chegar a coñece-los datos necesarios para a estimación completa da base impoñible, debido a algunha das seguintes causas:

c.1. Falta de presentación de declaracións.

c.2. Resistencia, excusa ou negativa á actuación inspectora.

c.3. Incumprimento substancial das obrigas impostas pola normativa vixente.

Artigo 9º.-Estimación obxectiva da base impoñible expresada en volume de auga.

1. No caso de captacións subterráneas que non teñan instalados dispositivos de medida directa de caudais, o consumo mensual, para os efectos da aplicación do canon, avaliarase en función da potencia nominal do grupo elevador mediante a fórmula:

Q = 25.000 x P

h + 20

No cal:

«Q» é o consumo mensual facturable expresado en metros cúbicos.

«P» é a potencia nominal do grupo ou grupos elevadores expresada en quilovatios.

«h» é a profundidade dinámica media do acuífero na zona considerada, expresada en metros.

2. No caso de subministracións mediante contratos de aforo nos cales o caudal non poida ser medido directamente, o volume de auga utilizado no período considerado avaliarase por aplicación da fórmula seguinte:

b = I/P

Na cal:

«b» é o volume de auga estimado en metros cúbicos.

«I» é o importe satisfeito como prezo da auga expresado en pesetas.

«P» é o prezo medio ponderado segundo tarifas vixentes da auga subministrada pola entidade nos subministros medidos por contadores dentro do termo municipal e correspondente a el, ou similar, tipo de uso, expresado en pesetas/metros cúbicos.

Artigo 10º.-Estimación directa da carga contaminante.

1. Os parámetros de contaminación que se considerarán na determinación da carga contaminante son os seguintes:

a) Materias en suspensión (MES)

b) Sales solubles (SOL)

c) Materias oxidables (MO)

d) Metais pesados (MP)

e) Materias inhibidoras (MI)

2. A cantidade de contaminación correspondente a cada un dos parámetros medirase como segue:

a) Nas materias en suspensión, por concentración na auga despois da solubilización dos sales solubles.

b) O contido en sales solubles da auga pola conductividade da auga (a 25º C) expresada en Siemens por centímetro (S/cm). A cantidade de sal vertida expresarase mediante o producto destas conductividades polo volume vertdo:

SOL= S/cm x m.

c) Nas materias oxidables, pola súa concentración na auga, unha vez repousadas as materias decantadas en dúas horas.

As materias oxidables determinaranse de acordo coa ecuación:

MO = (2/3)DQO

d) Os metais pesados (MP), pola suma dos miligramos por litro existentes na auga dos seguintes metais, mercurio Hg, cadmio Cd, chumbo Pb, cromo Cr, cobre Cu, níquel Ni e zinc Zn, afectadas cada unha das concentracións encontradas por un coeficiente multiplicador en función da súa perigosidade potencial, de acordo coa seguinte expresión:

Mg/l de equimetal= (200 x mg/l de Hg) + (40 x mg/l de Cd) + (40 x mg/l de Pb) + (4 x mg/l de Cr) + (2 x mg/l de Cu) + (2 x mg/l de Ni) + (1 x mg/l de Zn).

E todo iso dividido por «n», sendo «n», o número de metais realmente analizados.

e) As materias inhibidoras (MI), pola cantidade contida na auga, unha vez repousadas as materias decantadas en dúas horas, medindo a inhibición de mobilidade de «Daphnia-magna-Strauss», ou ben a inhibición da luminiscencia de «Photobacterium phosphoreum».

Se a medición evidencia simultaneamente materias inhibidoras e sales solubles, a base relativa ás materias inhibidoras reducirase, para os efectos da súa estimación obxectiva, en 70 equitox por cada S/cm x m. Sendo:

S/cm= o índice de conductividade do vertido, que determina o seu contido en sales solubles.

S/cm x m= a cantidade de sales solubles vertidos nun determinado volume de m de auga.

Equitox= índice de medición das materias inhibidoras presentes na auga despois de decanta la durante dúas horas e medindo a inhibición de mobilidade de «Daphnia-magna-Strauss», ou ben a inhibición da luminiscencia de «Photobacterium phosphoreum».

3. Os elementos enumerados nos apartados anteriores serán analizados segundo os métodos e procedementos detallados no anexo I deste regulamento.

Artigo 11º.-Estimación obxectiva da carga contaminante.

1. Para a estimación obxectiva da carga contaminante o Consello da Xunta de Galicia aprobará por decreto as táboas que conteñen as clases de actividades, as súas magnitudes características e os coeficientes específicos de contaminación correspondentes a cada actividade.

2. Nestos supostos a carga contaminante determinarase multiplicando as magnitudes características da actividade do contribuínte polos coeficientes específicos de contaminación da devandita actividade, en función dos parámetros definidos.

Artigo 12º.-Tipo de imposición.

O tipo de imposición exprésase en pesetas por metro cúbico ou en pesetas por unidade de contaminación en función da base impoñible que deba aplicarse.

Artigo 13º.-Usos da auga para efectos de aplicación do canon.

1. Para os efectos da aplicación do canon reputaranse como usos domésticos tódolos supostos de utilización da auga que constitúan feito impoñible daquel que non teñan a consideración de industriais ou asimilados, segundo o disposto no apartado seguinte.

2. Terán a consideración de usos industriais ou asimilados da auga os efectuados polos contribuíntes, sexan ou non empresas industriais, nos que o consumo anual de auga sexa igual ou superior a 3.000 m, ou cando sendo inferior, orixine contaminación de carácter especial na súa natureza ou na súa cantidade. Para estes efectos, considerarase que un contribuínte orixina tal contaminación cando medida ou estimada a contaminación diaria vertida, segundo os parámetros definidos no artigo 10, resulte que a súa ponderación é superior á correspondente a douscentos habitantes equivalentes de acordo coa fórmula seguinte:

P= 0,5 MES + MO + 100MI + 8SOL + 22MP,

onde:

P = ponderación

MES = materias en suspensión en Kg/día

MO = materias oxidables en Kg/día

SOL = sales solubles en S/cm m/día

MI = materias inhibidoras en Kg equitox/día

MP = metais pesados en Kg de equimetal/día

3. As referencias a un determinado número de metros cúbicos de consumo para a cualificación de usos domésticos ou industriais entenderanse con respecto ó ano inmediatamente anterior ou no suposto de nova creación elevarase o consumo do mes primeiro ó ano.

Artigo 14º.-Cantidade de contaminación equivalente a un habitante.

Para os efectos do artigo anterior, fíxase como cantidade de contaminación diaria a considerar por cada habitante ou «habitante equivalente».

a) 90 gramos de materia en suspensión.

b) 57 gramos de materias oxidables.

Capítulo segundo

Xestión do canon de saneamento percibido por medio de entidades subministradoras

Artigo 15º.-Obriga de facturación.

1. Tódalas entidades subministradoras de auga que desenvolvan a súa actividade no territorio de Galicia están obrigadas a facturar e percibir dos seus abonados o canon de saneamento.

2. Para este efecto, as entidades subministradoras deberán adapta-lo formato das súas facturas-recibo ou outros documentos de xeito que figuren, de forma diferenciada e comprensible os seguintes datos:

a) O número de metros cúbicos facturados no período de que se trate. Nas subministracións mediante aforo que non poidan ser medidos directamente o número de metros cúbicos determinarase de acordo co método de estimación obxectiva establecido no artigo 9º.2.

b) O tipo de gravame en pesetas por metro cúbico, afectado, se é o caso dos coeficientes de concentración demográfica que sexan de aplicación, segundo o previsto na Lei de presupostos.

c) O importe facturado en concepto de canon.

3. No caso de que dentro dun mesmo período de facturación teña lugar a modificación do tipo de gravame do canon, cada un deles será aplicado ó volume facturado en proporción ó número de días de vixencia respectiva dentro do período.

4. As subministracións especiais, domésticas e industriais, realizadas por calquera entidade subministradora e non facturadas ós usuarios, estarán suxeitas, se procede, á aplicación do canon. Para a súa facturación e percepción, as empresas subministradoras quedan obrigadas a confeccionar, antes do último día do ano natural en que tivera lugar a subministración, unha factura-recibo coas especificacións detalladas no número 2 deste artigo e a esixi-lo seu cobramento. Terán tamén a consideración de subministracións especiais, para efectos da apliación do canon, os consumos propios das entidades subministradoras.

5. As entidades subministradoras de auga están obrigadas ó pagamento das cantidades correspondentes ó canon que non facturaron ós seus abonados. Esta obriga será esixible desde a data de expedición das facturas ou dos recibos que se emitiran infrinxin

do as obrigas que impón este artigo, ou ben desde a data límite de emisión da factura-recibo a que fai referencia o número 4 del.

6. A facturación do canon de saneamento que efectúen as entidades subministradoras ós seus abonados, terán a consideración de actuación tributaria reclamable en vía económico-administrativa.

Artigo 16º.-Facturación segundo carga contaminante.

1. A iniciativa da Administración, cando a cota resultante da medición da carga contaminante sexa superior á que se deduza da determinación do canon por volume de auga utilizado, ou a solicitude do contribuínte, o tipo aplicable a un abonado de usos industriais da auga poderá ser individualizado nunha tarifa unitaria calculada en función da contaminación producida.

2. A medida da carga contaminante efectuarase de acordo cos procedementos regulados na sección segunda do capítulo 3 do presente regulamento e a tarifa unitaria calculada que resulte será notificada pola Administración á entidade subministradora para os efectos da súa aplicación na seguinte factura-recibo expedida.

3. Na notificación ós abonados, a Administración fará consta-los diferentes parámetros de contaminación determinados, as unidades respectivas, o tipo aplicable a cada un e o valor expresado en pesetas por metro cúbico que resulte dos importes parciais.

4. Os actos de fixación da tarifa unitaria calculada do canon a que se refire este artigo serán reclamables en vía económico-administrativa, podendo interporse previamente o recurso de reposición potestativo. A interposición da reclamación non suspenderá a aplicación da tarifa unitaria calculada.

Artigo 17º.-Declaración e autoliquidacións a cargo das entidades subministradoras.

1. Dentro dos meses de xaneiro e xullo, as entidades subministradoras presentarán, por cada municipio que abastezan e en relación, respectivamente, co primeiro e segundo semestre naturais de cada ano, cadansúas autoliquidacións, axustadas ó modelo aprobado para o efecto das cantidades percibidas en concepto de canon naqueles períodos.

2. Dentro do mes de marzo de cada ano as entidades subministradoras presentarán, tamén por cada municipio, cadansúas declaracións resumo do ano anterior, axustadas ó modelo aprobado para o efecto.

Estas declaracións resumo conterán a determinación do saldo pendente facturado e non percibido a final de ano e acompañaranse de:

a) Unha autoliquidación axustada ó modelo aprobado para o efecto por cada municipio abastecido, de regularización das cantidades percibidas ata a data da súa presentación e non liquidadas nos períodos a que se refire o apartado 1.

b) Unha declaración anual do importe facturado neto, unha vez deducidos erros e anulacións, axustada ó modelo aprobado para o efecto.

3. As cantidades percibidas dos usuarios polas entidades subministradoras correspondentes ó saldo pendente do ano anterior incorporaranse ás autoliquidacións do semestre respectivo.

Xunto coa declaración resumo do mes de marzo de cada ano, as entidades subministradoras procederán a xustificar, na forma que se detalla no número seguinte, as cantidades aínda non percibidas do saldo pendente na declaración resumo do mes de marzo do ano anterior. Esta xustificación terá, en relación cos contribuíntes, o carácter de declaración para os efectos previstos no artigo 65 da Lei xeral tributaria.

O importe non xustificado do devandito saldo considerarase como débeda tributaria líquida da entidade, e ingresarase no momento da presentación da declaración resumo a que fai referencia o apartado 2 precedente.

4. A xustificación a que fai referencia o número anterior farase mediante a presentación dunha relación documentada axustada ó modelo aprobado para o efecto.

5. Unha vez presentada a documentación detallada no apartado anterior as entidades subministradoras que eventualmente reciban pagamentos correspondentes a cantidades xustificadas de acordo co procedemento que se describe deberán ingresa-lo seu importe no organismo xestor, coincidindo coas autoliquidacións semestrais a que se refire o apartado 1. As autoliquidacións acompañaranse neste caso dunha relación documentada segundo o modelo aprobado para o efecto.

6. As autoliquidacións a que se refire o presente artigo terán a consideración de actuacións tributarias impugnables en vía económico-administrativa, de acordo co que se prevé no artigo 42.

Artigo 18º.-Liquidacións administrativas e notificacións.

1. A Administración poderá practicar liquidacións provisionais das declaracións-autoliquidacións presentadas polas entidades subministradoras co fin de:

a) Corrixir erros aritméticos ou de concepto.

b) Rectifica-las autoliquidacións, de acordo cos datos que consten previamente en poder da oficina xestora.

c) Liquida-lo recargo establecido no artigo 61º.3 da Lei xeral tributaria cando o ingreso se producira fóra de prazo.

2. As liquidacións administrativas seranlles notificadas ás entidades interesadas facendo constar:

a) Os elementos básicos determinantes da débeda tributaria.

b) Sucinta expresión, se procede, dos motivos da corrección ou rectificación.

c) Os recursos que se poidan interpor.

d) O lugar e os prazos de pagamento.

3. O rexeitamento da notificación intentada en horas de funcionamento normal da empresa ou enti

dade producirá tódolos efectos propios da notificación sempre que exista constancia por medio de dilixencia asinada polo empregado de correos ou axente notificador con expresión da identidade deste, do número da liquidación e da data e hora do intento.

4. As liquidacións administrativas serán reclamables en vía económico-administrativa, logo de, opcionalmente, recurso de reposición.

5. As débedas impagadas polos contribuíntes ás entidades subministradoras a que fai referencia o artigo 17º.4 seranlles notificadas ós interesados pola Administración, a partir da recepción da relación documentada a que se refire o artigo citado anteriormente, para o seu ingreso en periodo voluntario antes de pasar, se procede, a súa exacción en vía de constrinximento.

Artigo 19º.-Ingresos.

1. O ingreso das débedas tributarias derivadas da xestión do canon de saneamento efectuarase nas oficinas da Administración designadas para o efecto así como nas contas restrinxidas de recadación que sexan autorizadas.

2. Os prazos de ingresos serán:

a) Polas débedas autoliquidadas, simultaneamente coa presentación da declaración autoliquidación, dentro dos prazos establecidos no artigo 17º.

b) Polas débedas liquidadas pola Administración e notificadas dentro da primeira quincena de cada mes natural, ata o día 5 do seguinte mes.

c) Polas débedas liquidadas pola Administración e notificadas a partir do día 16 de cada mes, ata o día 20 do seguinte mes.

Artigo 20º.-Indemnizacións.

A Administración xestora poderá establecer indemnizacións en favor das entidades subministradoras de auga dirixidas á compensación dos gastos que deban soportar como consecuencia do cumprimento das obrigas derivadas da súa intervención na xestión do canon de saneamento.

Capítulo terceiro

Xestión do canon de saneamento en aproveitamentos efectuados directamente polo contribuínte

Sección primeira

Procedemento xeral

Artigo 21º.-Declaración inicial.

1. Tódolos titulares e usuarios reais de aproveitamentos de augas procedentes de captacións superficiais ou subterráneas, suxeitos ó canon de saneamento, están obrigados a presentar unha declaración inicial (segundo modelo aprobado para o efecto) que conterá tódolos datos e os elementos necesarios para a aplicación singular do tributo.

2. A declaración inicial deberá ser presentada ante o organismo xestor no prazo dun mes contado a partir do inicio do aproveitamento.

3. Calquera alteración das características declaradas deberá serlle comunicada ó organismo xestor

dentro do prazo dun mes desde o momento en que se produza. O incumprimento desta obriga constituirá unha infracción sancionable de acordo co que dispón o artigo 36º deste regulamento.

Artigo 22º.-Fixación da modalidade de aplicación do canon e da tarifa aplicable.

1. A Administración, á vista dos datos contidos na declaración formulada e outros dos cales puidese dispoñer, dictará unha resolución na cal fixará de maneira singular a modalidade de aplicación e a tarifa aplicable, expresada en pesetas por metro cúbico que corresponda a cada contribuínte.

2. A mesma resolución poderá decidir, se procede, sobre outros aspectos a considerar na aplicación do canon de saneamento e, en particular, sobre os que fan referencia a prazos de aplicación e revisións do tipo de gravame fixado.

3. Antes de dicta-la resolución, o expediente deberá poñerse de manifesto ó interesado, durante un prazo de quince días, nos seguintes casos:

a) Cando a Administración teña que utilizar datos ou elementos de xuízo non contidos na declaración.

b) Cando a Administración non acceda ás modalidades de aplicación solicitadas polo usuario.

4. A resolución dictada será impugnable en vía económico-administrativa logo de, opcionalmente, recurso de reposición. Mentres non sexa modificada en virtude da reclamación formulada, ou por alterarse as características do aproveitamento, a resolución manterase vixente e a tarifa aplicarase nas sucesivas liquidacións trimestrais.

5. Para efectos do que establece o apartado anterior, a tarifa revisarase automaticamente, sen necesidade dunha nova resolución, no caso de producirse por disposición legal aumentos ou diminucións dos valores asignados ós parámetros de contaminación, ós valores de base por volume, ou outros elementos da base ou tipo de tributo.

Artigo 23º.-Declaracións periódicas.

1. Os contribuíntes comprendidos no artigo 21 presentaranlle ó organismo xestor, dentro dos primeiros vinte días naturais de cada trimestre, unha declaración, segundo modelo aprobado para o efecto, dos volumes de auga consumidos ou utilizados no trimestre inmediato anterior, coa lectura practicada en calquera dos aparellos de medida aceptados. Estes aparellos serán declarados polos contribuíntes mediante modelo aprobado para o efecto.

2. No caso de captacións subterráneas que non tivesen instalado un aparello de medida de volumes, farase a avaliación por estimación obxectiva, segundo dispón o artigo 9º.1.

Artigo 24º.-Liquidacións e notificacións.

1. O organismo xestor practicará, á vista dos volumes declarados, a liquidación provisional do trimestre correspondente, que lle será notificada ó suxeito pasivo.

2. No caso de falta de presentación da declaración periódica, a Administración procederá:

a) A abrir expediente sancionador, segundo prevé o artigo 37º.

b) A practicar e notifica-la liquidación provisional por estimación obxectiva singular cando os datos en poder do organismo xestor o permitan ou ben por estimación indirecta, baseada no consumo do derradeiro trimestre declarado ou no promedio dos catro derradeiros trimestres declarados, aplicándolle os xuros de demora na contía regulada no artigo 32º.

Artigo 25º.-Ingresos.

Serán de aplicación ó procedemento regulado nos artigos precedentes as normas do artigo 19, en todo canto se refira ó ingreso das cotas tributarias resultantes.

Sección segunda

Normas específicas de procedemento para a determinación da contaminación producida

Artigo 26º.-Medida directa da contaminación.

1. Para lle dar cumprimento efectivo ó principio de que quen contamina paga e de que quen máis contamina máis debe pagar, a Administración, de oficio, poderá aplica-lo canon de saneamento en función da contaminación producida, determinada por medida directa de acordo co procedemento establecido nos artigos seguintes, cando a cota resultante da devandita medición sexa superior á que se deduza da determinación do canon por volume de auga utilizado.

2. A execución das probas, análises e mostraxes en que consista a medida directa será en todo caso levada a cabo ben polo organismo xestor, ben por un dos establecementos técnicos auxiliares recoñecidos de acordo co que regulamentariamente se dispoña.

3. O procedemento poderá iniciarse, así mesmo, por instancia do contribuínte. En tal caso, os gastos xerados pola realización das operacións de medida serán por conta do solicitante, con independencia do resultado ou duración das devanditas operacións.

4. Cos resultados obtidos, a Administración resolverá a aplicación individualizada do canon de saneamento.

Artigo 27º.-Medición inicial.

1. A medida da carga contaminante vertida por un establecemento comezará coa visita das instalacións e a redacción dun informe técnico no que se analicen as peculiaridades existentes de xeración de contaminación:

Usos da auga.

Tipos de procesos.

Productos utilizados.

Perdas de auga por evaporación ou incorporación, así como posibles incrementos de auga.

Tipos de dispositivos de tratamento das augas residuais ou de regulación da contaminación.

O informe técnico debe rematar coa proposta dun plan de medicións e toma de mostras para a caracterización dos vertidos.

2. Para conseguir unha representatividade adecuada da carga contaminante xerada procederase a unha medición inicial de carácter continuado. De oficio ou a instancia do interesado poderá reducirse o tempo de toma de mostras fixado no apartado seguinte.

3. O tempo de mostraxe continuado será o correspondente a unha tanda laboral completa. Se a industria presentase unha gran variedade de procesos de fabricación ou puntas de estacionalidade que provoquen modificacións substanciais na cantidade ou calidade dos vertidos, este tempo poderá ser ampliado e fraccionado, para os efectos de tomar mostras significativas dos diversos vertidos. Estas mostras, debidamente ponderadas, fixarán a cantidade de contaminación producida, en función dos diversos períodos de fabricación, de volume de auga, e da concentración da contaminación xerada en cada caso.

4. Durante a medición e toma de mostras, unha representación da entidade ou empresa suxeita a control pode acompaña-lo persoal encargado da Administración e pedirlle a entrega de mostras xemelgas, así como facer constar na dilixencia que levante tódalas observacións que considere oportunas.

Unha vez rematada a medición, o persoal encargado entregaralle unha copia da dilixencia levantada, que deberán asinar ámbalas dúas partes.

5. Os resultados da medición inicial permanecerán vixentes mentres non sexa revisada de acordo co disposto no artigo 28º.

Artigo 28º.-Revisión da medición inicial.

1. No caso de variacións dos procesos productivos, do réxime de vertidos ou por calquera outra causa que modifique substancialmente as condicións en que se levou a cabo a medición inicial, ou a declaración de carga contaminante regulada no artigo seguinte, a Administración de oficio, ou a instancia do contribuínte, poderá realizar unha nova medición ou ben requiri-la presentación dunha autodeclaración actualizada, segundo sexa o caso.

2. Os controis puntuais ou continuados que realice a Administración como comprobación da vixencia da medición inicial ou da declaración presentada, efectuados segundo o procedemento descrito nos apartados 3 e 4 do artigo 27º, poderán servir como base para a modificación dos valores das unidades de contaminación.

Artigo 29º.-Declaración da carga contaminante vertida.

1. O procedemento regulado nos artigos precedentes poderá ser substituído, de oficio ou a petición do interesado, por unha declaración de carga contaminante presentada polo contribuínte segundo o modelo aprobado para o efecto.

2. A Administración, antes de dicta-la resolución correspondente, poderá rectifica-la dita declaración de acordo cos datos de que dispoña, dándolle audiencia ó contribuínte.

3. Ó manifesta-lo contribuínte desconformidade coa proposta da Administración, esta procederá a realiza-la medición directa da contaminación de acordo co especificado nos artigos 26º, 27º ou, no caso de concorre-los orzamentos para iso, a estimación obxectiva dela mesma, segundo o previsto no artigo 8º b).

4. Os resultados da declaración, unha vez aceptada pola Administración permanecerán vixentes mentres non sexan revisados, ben sexa de acordo co disposto no artigo 28º ou por unha nova declaración.

Artigo 30º.-Determinación da base impoñible, da tarifa e das liquidacións do canon.

1. De acordo co resultado das operacións efectuadas, que se incorporarán ó expediente, a Administración dictará unha resolución fixando a modalidade de aplicación do canon de saneamento e os elementos integrantes da base impoñible e da tarifa expresada en pesetas por metro cúbico.

2. Na devandita resolución fixaranse, se procede, o coeficiente corrector de volume, que expresa a relación existente entre o caudal de auga vertido e o caudal subministrado, e o coeficiente de vertido ó mar.

3. Con carácter previo á súa resolución, o expediente poñeraselle de manifesto ó interesado sempre que sexa preceptivo segundo as normas xerais de procedemento.

4. A resolución poderá preve-la realización dun número mínimo ou determinado de operacións complementarias de medida da carga contaminante ou de calquera dos elementos que interveñen na determinación da base impoñible ou no cálculo da cota do tributo.

Alternativamente, tamén poderá preve-la instalación obrigatoria, a cargo do establecemento, de aparellos de medida permanente de caudais e de mostraxe. Neste último caso a resolución fixará os datos que ha de proporciona-lo suxeito pasivo, a periodicidade destas e os mecanismos de inspección e acceso do persoal da Administración para a verificación dos aparellos.

5. A tarifa resultante da resolución indicada no apartado primeiro será de aplicación a partir do período de liquidación seguinte no que se efectúe a petición por parte dos contribuíntes, ou o inicio por parte da Administración do procedemento que da lugar á determinación da base impoñible por medida directa da contaminación, a modificación dela nos supostos do Art. 28º, ou a presentación

da declaración de carga contaminante vertida regulada polo Art. 29º.

6. No caso de aproveitamentos de augas efectuados directamente polo contribuínte as liquidacións correspondentes practicaranse por trimestres naturais vencidos e no caso de abonados conectados a entidades subministradoras rexirá o indicado no Art. 16º.

7. A petición por parte dos contribuíntes, ou o inicio por parte da Administración do procedemento que dá lugar á determinación da base impoñible por medida directa da contaminación, de modificación dela nos supostos do Art. 28º, ou a presentación da declaración de carga contaminante vertida regulada polo Art. 29º, non suspenderá a práctica, nin a obriga de atender ó seu abonamento, das liquidacións realizadas de acordo coa modalidade de determinación da base impoñible existente anterior ó devandito momento, tanto no caso de que o canon de saneamento sexa percibido por medio das entidades subministradoras como se é percibido directamente pola propia Administración xestora.

8. As liquidacións realizadas nos supostos regulados no apartado precedente terán a consideración de liquidacións provisionais. A regularización das anteriores liquidacións provisionais, de oficio, ou a instancia do suxeito pasivo, serán realizadas directamente pola Administración xestora tanto no caso de que o canon de saneamento sexa percibido por medio das entidades subministradoras como se é percibido directamente pola propia Administración xestora.

9. No suposto de que non se producisen liquidacións correspondentes á producción do feito impoñible con anterioridade á notificación da resolución regulada no apartado primeiro deste artigo, a tarifa aplicarase ós períodos trimestrais anteriores non liquidados.

Capítulo cuarto

Infraccións e sancións. Xuros de demora

Artigo 31º.-Infraccións e sancións.

1. O réxime de infraccións e de sancións en materia de canon de saneamento é o vixente con carácter xeral para o resto dos tributos da Xunta de Galicia.

2. As sancións por infraccións graves e por infraccións simples graduaranse e aplicaranse en cada caso segundo os criterios enunciados nos artigos 82º a 89º, ámbolos dous inclusive, da Lei xeral tributaria.

Artigo 32º.-Xuros de demora.

1. A falta de ingreso dentro dos prazos regulamentarios das cotas debidas e notificadas pola Administración por canon de saneamento determinará a esixibilidade de intereses de demora dende o día seguinte ó seu vencemento.

2. Cando o ingreso da débeda tributaria teña lugar fóra do prazo establecido sen previo requirimento serán de aplicación os recargos establecidos na Lei xeral tributaria.

3. O tipo de interese de demora cando proceda a súa aplicación será o establecido para o resto dos tributos da Xunta de Galicia.

Capítulo quinto

Outras normas de procedemento

Sección primeira

Procedemento de comprobación e investigación

Artigo 33º.-Actuacións de comprobación e investigación.

1. A comprobación e investigación do canon de saneamento será exercida por funcionarios do organismo xestor, baixo o mando do presidente de Augas de Galicia.

As facultades dos funcionarios antes citados serán as que a normativa xeral lles atribúe ós órganos encargados da comprobación e investigación dos tributos, en particular, as de exame de libros, documentos e xustificantes contables e as de entrada e recoñecemento de predios, coas limitacións que a citada normativa xeral establece.

2. Corresponderalle ó presidente de Augas de Galicia dicta-las liquidacións derivadas das actuacións de comprobación e investigación; así como resolve-los recursos de reposición que, se é o caso, se interpoñan contra a elas.

Artigo 34º.-Lugar e tempo das actuacións de comprobación e investigación.

1. As actuacións de comprobación e investigación terán lugar, a criterio do órgano actuante, nos locais onde o obrigado tributario teña o seu local, oficina ou instalación industrial, ou ben nas dependencias do organismo xestor.

2. As actuacións de comprobación e investigación terán lugar nos locais da empresa ou entidade suxeita ás ditas actuacións dentro da xornada laboral de oficina ou da actividade que rexa nela.

Cando as actuacións teñan lugar nas oficinas do organismo xestor, axustaranse ó horario oficial deste.

3. As actuacións que se vaian efectuar nas dependencias do organismo xestor iniciaranse mediante comunicación debidamente notificada cunha antelación mínima de dez días. A recepción da comunicación producirá os seguintes efectos:

a) Interrupción dos prazos de prescrición ou caducidade da acción administrativa que estivese en curso.

b) Os ingresos que puidesen efectuarse con posterioridade terán o carácter de ingresos a conta e non impedirán a aplicación das sancións nas que o obrigado tributario incorrese.

Os mesmos efectos producirá a comparecencia dos funcionarios actuantes nos locais ou oficinas do obrigado tributario, documentada mediante unha dilixencia.

Artigo 35º.-Expediente de comprobación e investigación.

1. Os expedientes de comprobación e investigación comprenderán tódolos documentos que emitan os funcionarios actuantes coa finalidade de recolle-los resultados das actuacións de comprobación e investigación.

2. Se dos expedientes anteriores resultasen diferencias coas declaracións dos suxeitos pasivos, procederase a practica-la oportuna liquidación complementaria de oficio, por parte do organismo xestor.

Sección segunda

Procedemento sancionador en via de xestión

Artigo 36º.-Competencia.

As sancións por infraccións relativas ó canon de saneamento, serán resoltas e aplicadas:

a) Polo presidente de Augas de Galicia as infraccións simples ou graves consistentes en multa pecuniaria fixa e proporcional.

b) Polo conselleiro de Economía e Facenda, se é o caso, as que se refiren ós apartados b) e c) do artigo 81.1 da Lei xeral tributaria.

c) Polo Consello da Xunta de Galicia as previstas no apartado a) do artigo 81.1 da mencionada lei.

Artigo 37º.-Procedemento xeral.

O expediente iniciarase mediante unha resolución motivada do presidente de Augas de Galicia, que lle será debidamente notificada ó interesado.

No prazo dos quince días seguintes ó da recepción da notificación, o interesado poderá examina-lo expediente e formular alegacións.

Transcorrido o prazo de alegacións, o órgano competente dictará a resolución que corresponda.

Artigo 38º.-Imposición de sancións derivadas das actuacións de comprobación e investigación.

1. Cando, no curso das actuacións de comprobación e investigación, se observe a comisión de presuntas infraccións simples, estenderase dilixencia na que se recollerán as especificacións do primeiro parágrafo do artigo precedente.

2. O procedemento conseguinte será o regulado no citado artigo.

3. As sancións por infraccións graves que se poñan de manifesto con ocasión de actuacións de comprobación e investigación serán impostas en unidade de acto coa liquidación e segundo a mesma tramitación regulada no artigo 37º.

Sección terceira

Procedemento de recadación

Artigo 39º.-Recadación.

A recadación en período voluntario, dentro dos prazos establecidos, correspóndelle ó organismo xestor, con suxeición ás normas do Regulamento xeral

de recadación e disposicións modificativas e complementarias.

A recadación en período executivo corresponderá á Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 40º.-Recadación en vía de apremio.

1. Transcorridos os prazos de recadación en período voluntario, a intervención delegada do organismo xestor procederá a estender:

a) Certificación de descuberto das débedas tributarias individualizadas das entidades subministradoras de auga ou dos titulares ou usuarios reais de aproveitamento de auga.

b) Relación certificada das débedas impagadas dos usuarios.

2. Os títulos executivos seranlle enviados ó órgano competente, que dictará a correspondente providencia de constrinximento.

Estes títulos terán a mesma forza executiva cá sentencia xudicial para proceder contra os bens e dereitos dos debedores.

3. O procedemento será o regulado no Regulamento xeral de recadación e as súas disposicións modificativas e complementarias.

Artigo 41º.-Aprazamentos e fraccionamentos.

1. A competencia para outorgar aprazamentos e fraccionamentos das débedas tributarias, en período voluntario, correspóndelle ó presidente de Augas de Galicia.

O procedemento será o regulado no Regulamento xeral de recadación e as súas disposicións modificativas e complementarias.

2. A facultade discrecional prevista no artigo 56º.1 do Regulamento xeral de recadación, en casos en que se dean circunstancias excepcionais ou razóns de interese público correspóndelle ó conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Sección cuarta

Procedemento de revisión

Artigo 42º.-Actos impugnables.

1. Poden ser obxecto de reclamación económico-administrativa, logo de, opcionalmente, recurso de reposición:

a) As liquidacións provisionais ou definitivas a que se refiren os artigos 18º, 24º e 34º.

b) Os actos administrativos de fixación das tarifas e modalidades regulados nos artigos 22º e 30º.

c) As providencias de constrinximento a que se refire o artigo 40º.2.

d) Os actos de imposición de sancións, previstos nos artigos 37º e 38º.

e) Calquera outro acto administrativo que, provisional ou definitivamente, declare un dereito ou unha obriga e os de trámite que decidan directa ou indirectamente o fondo do asunto.

2. Ten a consideración de actuacións tributarias impugnables en vía económico-administrativa:

a) As actuacións reguladas no artigo 17,º logo de instancia ante os órganos de xestión da súa confirmación ou rectificación.

b) Os actos das entidades subministradoras a que se refire o artigo 15º.6.

Artigo 43º.-Competencia.

1. É competente para resolve-los recursos de reposición o mesmo órgano que dictou o acto obxecto do recurso.

2. As reclamacións económico-administrativas serán resoltas polo Tribunal Económico-Administrativo da Comunidade Autónoma.

Artigo 44º.-Procedemento.

1. O prazo para a interposición do recurso potestativo de reposición é de quince días a contados a partir da notificación do acto impugnado.

2. O prazo para a interposición da reclamación económico-administrativa é de quince días contados:

a) Cando se interpoña directamente, desde a data de notificación do acto impugnado.

b) Cando se interpuxese recurso de reposición previo, desde a notificación do acto expreso resolutorio do recurso.

c) Cando non se resolvera no prazo dun mes, e mentres non se dicte resolución expresa, a reclamación económico-administrativa poderase interpoñer sen ningún outro límite có da prescrición.

3. O procedemento do recurso de reposición axustarase ás normas do Real decreto do 7 de setembro de 1979.

4. O procedemento da reclamación económico-administrativa axustarase ás normas do Regulamento de procedemento na materia.

ANEXO I

Métodos analíticos e procedementos para a determinación dos parámetros de contaminación.

1. Preparación e conservación da mostra.

Tódalas augas sometidas a análise pasaranse previamente por un baruto de malla cadrada de cinco (5) milímetros.

A determinación das materias oxidables e das materias inhibidoras débese efectuar sobre mostras decantadas durante dúas horas.

A decantación previa á medición das materias oxidables e materias inhibidoras efectuarase da seguinte forma: verterase un litro de auga para analizar dentro da probeta. Despois de deixala repousar durante dúas horas e sen engadirlle as materias decantadas ou as que poidan flotar, succionaranse por sifón cincocentos mililitros (500 ml) de auga, mantendo a boca do instrumento de succión no centro

dunha sección da probeta, a media altura entre a superficie do lodo depositado e a superficie do líquido. O diámetro interior do tubo de succión será de cinco milímetros (5 mm).

Para información, anotarase o volume de materia decantada en dúas horas, lido sobre a probeta de decantación.

No caso particular de que a carga contaminante, en materias oxidables ou en materias inhibidoras, da auga que se vai analizar estivese concentrada na parte flotante, a preparación da mostra para analizar deberíase facer, como no caso xeral, sobre auga decantada durante dúas horas. Así mesmo, rematada a decantación, succionaranse as materias sedimentadas e homoxeneizarase adecuadamente o resto, da que se separarán, nas condicións habituais, cincocentos (500) ml que servirán para a análise. As determinacións da DQO e das materias inhibidoras faranse sobre a mostra así obtida.

Para esta decantación utilizarase preferentemente unha probeta especial formada por unha parte cónica e unha cilíndrica. A parte cónica, de 19 cm de altura, terá un ángulo de vértice da xeratriz co eixe de nove graos sesaxesimais (9). A parte cónica quedará coroada pola parte cilíndrica de trinta centímetros (30 cm) de altura e seis centímetros e medio (6,5) de diámetro interior. Por outra banda poderase utilizar unha probeta similar sempre que a altura de sedimentación sexa a establecida (49 cm). As probetas poderán ter unha billa no extremo inferior para facilita-las operacións de succión e limpeza.

2. Método para a determinación das materias en suspensión.

As materias en suspensión serán as medidas segundo a norma Afnor T 90-105 seguindo o sistema de filtración por discos filtrantes de fibra de vidro.

No caso de que o filtrado anterior non sexa efectivo utilizarase como sistema alternativo a centrifugación.

No caso de mostras que conteñan sales solubles non disolvidas, as materias en suspensión mediranse despois de solubiliza-los citados sales solubles, o que se realizará diluíndo a mostra con auga permutada ou destilada ata que a conductividade sexa inferior a cincocentos microsiemens por centímetro (500 micro s/cm). Controlarase este valor e comprobarase que permanece constante durante un cuarto de hora, mentres se remove a mostra. Procederase entón á medición das materias en suspensión, tal como indica a norma, tendo en conta o factor de dilución no resultado final.

O conxunto de materias en suspensión poderá ser obxecto de corrección no caso de utilizar un aparello de captación continua, para ter en conta a captación imperfecta de materias en suspensión. Neste caso, tomarase manualmente unha mostra representativa dunha hora de vertido, polo menos, e mediranse as materias en suspensión totais contidas nesta mostra. Calcularase, entón, a relación entre as materias en suspensión contidas, por unha banda, nesta mostra

manual, e por outra, na mostra elemental levantada polo aparello durante o mesmo período de tempo, e, a continuación, multiplicaranse por este coeficiente os contidos das materias en suspensión totais obtidos nas diversas mostras elementais que proporcionase o aparello de mostraxe automático.

3. Método para a determinación da demanda química de osíxeno.

De forma xeral a determinación da demanda química de osíxeno efectuarase, sobre a auga decantada durante dúas horas, polo método do dicromato potásico segundo a norma Afnor T 90-101. Logo de acordo entre a Administración xestora e o contribuínte, poderase segui-la norma Une 77-004-89 ou un método reducido equivalente.

No caso de mostras con contidos salinos, superiores a 3 g/l, seguirase o método 508 D referenciado na Standard Methods 16th Edition.

4. Método para a determinación dos sales solubles.

Enténdese por sales solubles dunha auga o conxunto da masa salina contida nela. A determinación das sales solubles efectuarase segundo a norma Afnor T 90-111 expresando os resultados a 25º C.

5. Método para a determinación das materias inhibidoras.

A determinación de materias inhibidoras efectuarase sobre a auga decantada durante dúas horas, baseándose na determinación da inhibición da mobilidade de «Daphnia-Magna-Strauss» de acordo coa norma Afnor T 90-301, ou ben na inhibición da luminiscencia da «Photobacterium phosphoreum», de acordo coa norma Afnor T 90-320.

Se a mostra destinada á determinación de materias inhibidoras tivese que enviarse a un laboratorio especializado conservarase conxelada a 20 graos centígrados baixo cero (-20º C) e expedirase en embalaxe illante, co fin de que a temperatura non supere os cero graos centígrados (0º C) á chegada.

6. Método para a determinación de metais pesados.

6.1.-Método para a determinación do mercurio.

A mostra filtrada, inmediatamente despois da toma, a través dunha membrana filtrante de 0,45 micras de diámetro medio de poro (exenta de mercurio), preservarase engadindo ácido nítrico Conc. (d=1,4 g/ml) ata axustala a un pH igual ou inferior a 1 e engadindo a continuación unha solución de permanganato potásico (50 g/l) á dose de 4 ml de solución por litro de mostra.

A determinación do mercurio efectuarase segundo o método descrito na norma Afnor NTF 90-113, de setembro de 1986, «Dosage du mercure total par Spectrométrie d'absorption atomique sans flamme - Méthode aprés minéralizsation au permanganate-peroxodisulfate». Correspóndese coa norma ISO 5666/1 (1983-07-01).

6.2.-Método para a determinación dos metais cadmio, cobre, níquel, chumbo e zinc.

Para a determinación do contido en metais disoltos, a mostra deberase filtrar, inmediatamente despois da toma, por unha membrana filtrante de 0,45 micras de diámetro medio de poro (previamente lavada cunha solución de ácido nítrico 1,5 M). O filtrado destinado á análise deberase preservar en frascos de polietileno, acidificándoo con ácido nítrico concentrado (d=1,40 g/ml) ata un pH inferior a 2 (xeralmente abondará coa adición de 5 ml de ácido nítrico concentrado por litro de mostra).

A determinación de cadmio, cobre, níquel, chumbo e zinc efectuarase segundo o método descrito na norma Afnor NFT 90-112, de setembro de 1986, «Dosage de dix éléments métalliques (Cr, Mn, Fe, Co, Ni, Cu, Zn, Ag, Cd, Pb) par Spectrométrie d'absorption atomique dans la flamme-Méthodes de dosage directe et aprés complexation et extraction». Correspóndese coa norma ISO 8288 (1986-03-15).

7. Actualización de normas.

As normas referenciadas nos apartados anteriores entenderanse sempre en relación coa última actualización publicada e poderanse substituír polas normas UNE equivalentes, a partir do momento da súa publicación.

406