Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 26 de xaneiro de 1996 Páx. 685

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 8 de xaneiro de 1996 pola que se anuncia o III curso de especialización en linguaxe xurídica e administrativa para funcionarios de Administración local.

A Comisión Coordinadora para a Normalización Lingüística, na súa sesión do 4 de maio de 1990, acordou impulsa-la normalización lingüística na Administración local mediante un plan que ten por obxectivo que en tódalas corporacións locais galegas exista, polo menos, un funcionario que se responsabilice da traducción dos documentos a que se refire o artigo 1 da Lei 5/1988, do 21 de xuño, de uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais.

En execución deste plan, correspóndelle á EGAP o desenvolvemento dos cursos de especialización en linguaxe xurídica e administrativa.

De conformidade co disposto no artigo 24 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, e na Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da EGAP, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, que no seu artigo 3.1º i) lle atribúe á escola «a difusión e a normalización do idioma galego na Administración pública, a capacitación lingüística do persoal e maila participación na fixación da linguaxe técnica, administrativa e xurídica galega», dispoño convoca-lo referido curso, que se desenvolverá segundo as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Completa-la formación dos alumnos que superaron os dous cursos anteriores, prestando especial atención ó coñecemento das linguaxes administrativa e xurídico-administrativa local.

Segunda.-Destinatarios.

Poderán participa-los alumnos que superaron as probas establecidas pola Dirección Xeral de Política Lingüística para os cursos básico e medio convocados entre os anos 1990 e 1995 pola Consellería da Presidencia e Administración Pública dentro do plan integral de estudios iniciados por Orde do 23 de maio de 1990.

Terceira.-Desenvolvemento dos cursos.

3.1. Duración: 100 horas, distribuídas do seguinte xeito:

-75 horas lectivas.

-10 horas de exames.

-15 horas de elaboración e defensa de traballos.

3.2. Número de prazas: 30 por curso. En función do número de solicitudes, organizarase un ou varios grupos en cada localidade.

3.3. Lugares de realización:

A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense e Pontevedra. A EGAP resérvase a facultade de modifica-los lugares de realización en cada provincia así como a de anular aqueles cursos en que o escaso número de solicitudes non xustifique a súa celebración.

3.4. Datas: as clases darán comezo o día 26 de febreiro de 1996.

3.5. Horarios: en sesións de tarde, de 17 a 20 h, a razón de 2-3 días por semana.

Cuarta.-Solicitudes.

Os interesados en participar neste curso deberán presentar, cuberta en tódolos epígrafes que lles correspondan, a instancia que figura como anexo desta convocatoria, xuntando fotocopia da certificación acreditativa de ter superado o nivel medio dos cursos a que se fai referencia na base segunda.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 16 de febreiro.

A dita documentación dirixirase ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, s/n, 15703 Santiago de Compostela, e presentarase no rexistro da escola ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Quinta.-Notificacións.

A escola publicará a lista dos seleccionados no seu taboleiro de anuncios e nos das delegacións provinciais da Consellería da Presidencia e Administración Pública, sen prexuízo de comunicárllelo directamente ós interesados.

Sesta.-Certificacións.

Ós alumnos que, no prazo e nas condicións que se establezan, acrediten un coñecemento adecuado das materias obxecto deste curso, poderá outorgárselle-lo diploma que os habilite para exerce-las tarefas de traducción dos documentos sinalados no artigo 1 da Lei 5/1988.

A avaliación dos coñecementos realizarase a través da realización das probas e da presentación dos traballos que se determinen, en tódolos casos en lingua galega.

A inasistencia ó vinte por cento das horas lectivas programadas, sexa cal sexa a causa, impedirá a emisión do diploma.

Sétima.-Axudas ós alumnos.

Para facilita-la participación no curso establécense as seguintes axudas, para tódolos conceptos, que percibirán os asistentes ó final do curso e que se reducirán nun 50% para os que realicen o curso por segunda vez:

Distancias desde o concello ou deputación de orixe ata o lugar de realización do curso:

-Inferior a 30 km: 20.000 ptas.

-Entre 30 a 60 km: 40.000 ptas.

-Máis de 60 km: 50.000 ptas.

Oitava.-Contido: a linguaxe xurídico-administrativa.

O marco legal da linguaxe xurídico-administrativa galega. Análise lingüística e xurídica da linguaxe administrativa: especial referencia ós documentos sinalados no artigo 1 da Lei 5/1988, do 21 de xuño, de uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais. A traducción xurídico-administrativa.

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 1996.

Jaime Rodríguez-Arana Muñoz

Director da Escola Galega de Administración Pública

96-0340