Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 26 de xaneiro de 1996 Páx. 682

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 15 xaneiro de 1996 pola que se regulan axudas para levar a cabo programas de educación familiar que desenvolverán as corporacións locais.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, inclúe no seu artigo 5.3º, como unha das áreas de actuación, os servicios de familia, infancia e mocidade, atribuíndolle o Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, á Consellería de Familia, Muller e Xuventude as competencias neste sector.

A Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario, establece no seu artigo 78 o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a presente orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia, e os demais requisitos esixidos na Lei de orzamentos xerais da Comunidade galega para o ano 1996.

Con este fin, na devandita Lei de orzamentos, na aplicación 14.02.212A.460.00 existe unha partida orzamentaria de 66.542.000 ptas., consignada para as axudas que se establecen no articulado da presente orde.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto o financiamento de programas de educación familiar que van desenvolve-las corporacións locais ben a través dos seus servicios sociais ou ben por equipos profesionais creados para esta finalidade.

Artigo 2º.-Destinatarios.

Poderán solicitar axudas aqueles concellos ou mancomunidades de concellos que presenten un

programa de educación familiar consistente na intervención, por parte de persoal especializado, en familias que se atopen en situacións de risco de marxinación social, co obxecto de facilitárlle-la adquisición de habilidades de atención, coidado e educación necesarias para o axeitado desenvolvemento dos menores (pautas de alimentación, hixiene, educativas, habilidades sociais, etc.), así como a capacidade de autoorganización do núcleo familiar.

Artigo 3º.-Normas xerais sobre as subvencións.

a) As corporacións locais deberán participar no financiamento do programa, alomenos, cun 10% do seu orzamento total. Para tales efectos o concello presentará certificación acreditativa de que nos seus orzamentos existe partida orzamentaria suficiente para esta finalidade.

b) Daráselles prioridade ós proxectos que sexan continuación dun programa subvencionado no ano anterior e que fosen avaliados positivamente.

c) Valoraranse especialmente os proxectos que abrangan o maior número de beneficiarios posible, así como aqueles nos que, na súa execución, participen asociacións de voluntariado social.

d) As subvencións outorgadas para a execución do programa, en ningún caso, implicarán duplicidade, de tal forma que a suma das subvencións concedidas por todo tipo de organismos públicos ou privados e percibidos coa mesma finalidade, non supere o 100% do importe total do gasto efectuado. Para o efecto de comprobar tal extremo, a corporación beneficiaria queda obrigada en todo momento a pór en coñecemento da Consellería de Familia, Muller e Xuventude o importe doutras axudas outorgadas para o mesmo fin por outras administracións ou entes públicos ou privados.

e) Os programas que se presenten deberán axustarse ás instruccións establecidas no anexo II desta orde.

f) A concesión das axudas reguladas pola presente orde poderase suxeitar á formalización dun convenio coa corporación local beneficiaria, de acordo coas esixencias establecidas legalmente.

Artigo 4º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

A solicitude formularase segundo o modelo oficial que se achega como anexo I a esta orde, e presentarase por duplicado co proxecto do programa nas delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de trinta días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Tramitación dos expedientes.

As respectivas delegacións provinciais comprobarán que os expedientes reúnen tódolos requisitos esixidos na presente orde e procederán a reclamarlles por escrito ós interesados a falta ou os documentos preceptivos para poder completa-lo expediente, co apercibimento de que se así non se fixese nun prazo de 10 días se terá por desistida a súa petición sen máis trámite.

Artigo 6º.-Resolución.

1. Correspóndelle ó/á delegado/a provincial da consellería de Familia, Muller e Xuventude, a proposta da comisión de valoración, a resolución das axudas no prazo máximo de 2 meses, contados a partir da data de remate do prazo de presentación das solicitudes. As solicitudes non resoltas en prazo teranse por desestimadas.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

Presidente: o xefe de servicio de familia, infancia e menores.

Vocais: tres funcionarios da respectiva delegación provincial designados polo delegado provincial. Actuará como secretario un dos vocais. Poderá asistir con voz pero sen voto un representante da intervención territorial.

3. As resolucións seranlles notificadas pola delegación provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude ás corporacións locais. As ditas resolucións poderán ser modificadas polo órgano competente no caso de producirse alteracións nas condicións que serviron de base para o seu outorgamento.

Artigo 7º.-Xustificación e pagamento.

1. Unha vez dictada a resolución pola que se concede a subvención, procederase á xustificación e pagamento na forma que se indica a continuación, agás nos casos de formalización de convenios, en que se terá en conta o que nel se dispoña.

2. As subvencións poderanse facer efectivas de conformidade co establecido na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996 da seguinte forma: para aquelas que non superen o importe dun millón de pesetas poderá anticiparse ata un 80% da contía outorgada, mediante a correspondente certificación de inicio de actividades, librándose o 20% restante unha vez pre

sentada pola corporación local certificación de que foi realizada a actividade cun gasto igual ou superior á axuda concedida e que esta foi destinada ó fin outorgado. Nos demais casos poderá facerse efectivo o pagamento da axuda do seguinte xeito:

a) Un primeiro prazo do 30% da totalidade da subvención, no momento da súa concesión. Para facer efectivo este anticipo deberá presentarse como medio provisional de xustificación unha certificación emitida polo órgano competente da corporación do inicio das actividades.

b) Ata o seguinte 50% da subvención sempre que presente certificación emitida polo órgano competente de que os gastos realizados son iguais ou superiores ó 80% da cantidade concedida, agás no caso de que se poida xustificar que a corporación ten realizado un gasto igual ou superior á cantidade concedida; neste caso, procederase ó aboamento do 100% da subvención tal e como se especifica no punto seguinte.

c) O 20% restante, unha vez presentada pola corporación certificación expedida polo órgano competente de que foi realizada a actividade subvencionada cun gasto igual ou superior á axuda concedida.

En todo caso, a dita corporación deberá emitir, no prazo de 20 días contados a partir da recepción da cantidade correspondente, certificación acreditativa de que foi rexistrado na súa contabilidade o ingreso da subvención, figurando co destino final para o que foi concedida.

3. Aqueles concellos ou mancomunidades que ó abeiro da orde desta consellería do 2 de xaneiro de 1995 obtivesen subvención para o mesmo programa que se conceda mediante esta orde, para poder percibi-lo anticipo a que se refire o punto 2 deste artigo, deberán ter xustificado previamente a totalidade da subvención concedida para o ano 1995.

4. Coa última certificación do gasto acompañarase unha memoria xusficativa da execución do programa de acordo co modelo que figura no anexo III.

Artigo 8º.-Seguimento do programa.

1. Correspóndelle á Consellería de Familia, Muller e Xuventude a facultade de supervisión e control sobre a execución e o destino da axuda á finalidade para a que se concedeu, podendo levarse a cabo comprobacións directas sobre a execución do programa.

2. As corporacións locais beneficiarias de axudas quedan obrigadas a remitirlle a calquera órgano competente da Consellería de Familia, Muller e Xuventude cantos informes e documentos se consideren precisos para acredita-lo cumprimento da finalidade da subvención concedida. Así mesmo, deberán someterse ás actuacións de control financeiro que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda e as previstas no Consello de Contas.

Artigo 9º.-Execución do programa.

As actuacións que se subvencionan deberán realizarse dentro do presente exercicio económico. Non obstante, se por razóns debidamente xustificadas

non puidesen realizarse neste prazo, poderase prorroga-la execución do programa ata, como máximo, o 31 de marzo de 1997.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos xerais para este fin.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde, así como a duplicidade de axudas con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local, constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo

beneficiario ou solicitante, xunto cos xuros de demora, segundo o previsto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral de Familia para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 1996.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

ANEXO II

INSTRUCCIÓNS PARA A PRESENTACIÓN DO PROXECTO

O proxecto que se presenta xunto á solicitude deberá conter, como mínimo, as seguintes especificacións:

1. Denominación e contido do programa.

2. Xustificación do programa.

Reseña-la conveniencia da implantación ou mantemento, se é o caso, destes programa no concello ou mancomunidade con indicación dos factores económicos, sociais, culturais, etc. que determinen a súa oportunidade.

3. Obxectivos.

4. Ámbito de aplicación.

-Municipal.

-Supramunicipal: indicación dos concellos integrantes así como o grao de participación de cada un deles.

5. Destinatarios.

Estudio da poboación a que vai dirixido o proxecto, especificando, se o ámbito de aplicación é supramunicipal de un en un os municipios participantes no proxecto coa poboación a que iría destinado o mesmo.

6. Cualificación e dedicación do persoal do proxecto.

Deberá especificarse a titulación (diplomados, EXB, psicólogo ou pedagogo) e dedicación horario do persoal que vai levar a cabo o programa.

7. Duración do programa.

Indica-la duración prevista do programa, sinalando, cado de que éste se executase en anos anteriores, a súa data de inicio e achegar unha memoria explicativa da súa evolución.

8. Orzamento.

Detallaranse todos e cada un dos gastos que importe o proxecto, en especial e con respecto ó persoal, o réxime de contratación, número de horas que se dedican, cualificación do persoa,... caso de que o programa fose executado polo equipo integrante dos servicios sociais do concello ou mancomunidade, especificarase se a realización se levará a cabo no horario oficial ou si esixe dedicación complementaria.

Tamén se deberán consigna-las distintas fontes de financiamento, tanto públicas como privadas, que teña o programa. Se o/os concello/s recibise/n no ano 1995 para este programa algunha subvención con cargo ó Plan Concertado deberase facer constar neste apartado, así como a subvención solicitada, se é o caso, para o presente ano.

Por último, o/s concello/s indicará/n o orzamento que solicita o cargo desta orde con indicación dos conceptos que se cubrirán con el.

ANEXO III

MEMORIA XUSTIFICATIVA

1. Datos de identificación.

1.1. Concello ou mancomunidade.

1.2. Provincia.

2. Estructura do proxecto.

2.1. Ámbito territorial.

2.2. Causas xustificativas do proxecto (problemá-

ticas específicas obxecto de intervención).

2.3. Áreas de intervención.

2.3.1. Educación para a saúde.

2.3.2. Organización e economía familiar.

2.3.3. Formación pais fillos.

2.3.4. Convivencia familiar.

2.3.5. Outras.

2.4. Familias beneficiarias.

2.4.1. Número de familias atendidas.

2.4.2. Duración da intervención.

2.4.3. Características da familia.

* Situación económica.

* Estado da vivenda.

* Organización doméstica.

* Saúde familiar.

* Estructura e relación familiares.

* Relacións coa comunidade.

2.4.4. Altas e baixas das familias atendidas:

causas.

2.5. Tarifas e funcións desenvolvidas polo educador

familiar.

2.6. Obxectivos.

2.6.1. Propostos.

2.6.2. Conseguidos.

3. Recursos utilizados.

3.1. Económicos (fontes de financiamento).

3.1.1. Aportación da comunidade autónoma.

3.1.2. Aportación do concello.

3.1.3. Outros.

3.2. Humanos.

3.2.1. Profesionais que interveñen: nome, DNI,

titulación e dedicación.

4. Avaliación.

Sinatura do alcalde Sinatura do responsable do programa

Asdo.:..................... Asdo.:

357