Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 26 de xaneiro de 1996 Páx. 678

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 15 de xaneiro de 1996 pola que se regulan as axudas para investimento en centros e servicios dedicados á atención á primeira infancia e garderías infantís laborais dependentes de entidades privadas de iniciativa social.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, inclúe, no seu artigo 5.3º, como unha das áreas de actuación, os servicios sociais da familia, infancia e mocidade, atribuíndolle o Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, á Consellería de Familia, Muller e Xuventude as competencias neste sector.

Con este fin, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1996, na aplicación 14.02.212D.780 existe partida orzamentaria consignada para as axudas que se establecen no articulado da presente orde nunha cuantía de 15.000.000 de pesetas.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios co fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto a convocatoria de axudas económicas para investimento en centros e servicios dedicados á atención á primeira infancia en garderías infantís laborais dependentes de entidades de iniciativa social, que presten atención educativa e asistencial preferentemente a nenos de 0 a 3 anos.

Enténdese por garderías infantís laborais aqueles centros que tanto pola súa localización como polo seu horario extenso facilitan a actividade laboral dos pais.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán solicitar estas axudas as entidades privadas de iniciativa social que desenvolvan as súas actividades na Comunidade Autónoma e estean debidamente inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de servicios sociais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, de acordo co disposto no Decreto 291/1995, do 3 de novembro.

Artigo 3º.-Tipo de axuda.

A axuda destinada a estes servicios concederase en forma de subvención de investimento, entendéndose por tal os seguintes conceptos:

-Reforma, ampliación ou mellora de edificios e instalacións.

-Gastos de equipamento e mobiliario.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes presentaranse segundo o modelo oficial (anexo I) acompañadas da seguinte documentación:

A) Documentación xeral:

1.-Ficha bancaria (anexo II).

2.-Certificación bancaria da conta corrente na que ingresará, se é o caso, o importe efectivo da subvención concedida.

3.-Acreditación da personalidade e representación do solicitante.

4.-Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.

5.-Declaración das subvencións obtidas doutros entes públicos ou privados para a mesma finalidade ou negativa, se é o caso.

Aquelas institucións que soliciten subvencións por primeira vez, ou as que, aínda solicitándoas en anos anteriores, sufrisen variacións estatutarias, deberán presentar ademais fotocopia compulsada dos seus estatutos ou das variacións que haxa neles.

B) Documentación específica:

B.1.-Para subvencións de reforma e adecuación.

a) Certificado do Rexistro da Propiedade que acredite o dominio do solicitante do inmoble ou, se este está en alugueiro ou cedido, certificado do propietario no que se faga consta-las condicións en que se efectuou este e a súa conformidade coas obras que se pretenden realizar.

b) Certificado do concello correspondente no que se faga constar que os plans urbanísticos aprobados e as ordenanzas municipais en vigor permiten a realización da obra que se proxecta.

c) Memorias das obras que se van realizar, cun orzamento incorporado.

d) Plan de financiamento da obra.

B.2.- Para subvencións de equipamento.

a) Orzamento do importe das adquisicións que se pretendan realizar, axustándose a criterios de funcionalidade e economía, con xustificación da súa necesidade.

b) No caso de que no ano anterior se subvencionase a construcción ou reforma do centro, acreditación de que a obra estea totalmente rematada.

Artigo 5º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

A solicitude e maila documentación requirida presentaranse nas delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, sendo de aplicación en todo caso o disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das solicitudes será de 30 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde.

Artigo 6º.-Tramitación dos expedientes.

1.-As delegacións provinciais da consellería comprobarán que os expedientes reúnen tódolos requisitos recollidos na presente orde e procederán a reclamarlles por escrito ós interesados a falta e os documentos preceptivos para completalos, co apercibimento de que, se non se fixesen así, no prazo de dez días arquivarase o expediente sen máis trámite.

2.-Revisados os expedientes e completados, se é o caso, remitiranse á comisión provincial de valoración que terá a función de propoñe-la aprobación

ou denegación das axudas, seguindo os criterios obxectivos recollidos na presente orde.

3.-A composición da comisión de valoración será a seguinte:

Presidente: xefe do Servicio de Familia, Infancia e Menores.

Vocais: tres funcionarios da respectiva delegación designados polo delegado provincial, un dos cales actuará como secretario con voz pero sen voto. Poderá asistir tamén, con voz pero sen voto, un representante da Intervención Territorial.

Artigo 7º.-Criterios de valoración.

A concesión de subvencións resolverase tendo en conta, entre outros, os seguintes criterios de preferencia:

A.-Adecuación ós requisitos que, sobre instalacións e condicións materiais, establece o artigo 10 do Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas de réxime xeral non universitarias. Valorarase en especial as seguintes actuacións:

1.-Reforma e equipamentos nas aulas destinadas a nenos/as menores de 2 anos para habilitar áreas diferenciadas para descanso e hixiene dos pequenos.

2.-Creación de espacios axeitados para preparación de alimentos, nos centros que atenden nenos menores de 1 ano, con capacidade para equipamentos que determina a normativa vixente.

3.-Habilitación dun aseo por sala para nenos de 2 a 3 anos que deberá ser visible e accesible desde esta.

4.-Creación de comedores escolares.

B.-Obras de ampliación de infraestructura que, respectando a normativa vixente, permita o aumento do número de prazas ou de grupos de idade ata cubri-la completa atención ó primeiro ciclo de educación infantil (0-3 anos).

Artigo 8º.-Resolución.

1.-A resolución das axudas, por proposta da comisión de valoración, e despois da súa fiscalización pola intervención, correspóndelles ós delegados provinciais da consellería, que deberán resolver no prazo de dous meses contados a partir da data de finalización do prazo de solicitudes. As solicitudes non resoltas neste prazo teranse por desestimadas.

2.-As resolucións seranlles notificadas ós interesados, debendo ser motivadas as de carácter denegatorio.

Artigo 9º.-Pagamento e xustificación das subvencións.

A subvención aboarase conforme o disposto na Lei de orzamentos do presente ano unha vez efectuado o gasto e presentada ante a delegación provincial da consellería a seguinte documentación, segundo os casos:

a) Subvención para reforma e adecuación de centros:

-Certificación asinada e selada pola entidade receptora da axuda, na que se faga consta-la realización das obras e a conformidade con elas.

-Certificación ou factura orixinal expedida pola empresa ou contratista individual que realizou a obra.

b) Subvención para equipamento:

-Certificado do representante da entidade no que conste a realización da subministración e a súa conformidade con ela.

-Facturas orixinais, debidamente conformadas, de cada unha das casas subministradoras.

Nos dous apartados anteriores, as facturas deberán cumpri-lo disposto no Real decreto 2402/1985, do 18 de decembro (BOE 312, do 30-12-1985).

Ademais, os beneficiarios de axudas superiores ás 250.000 ptas. deberán presentar antes do seu cobramento os correspondentes xustificantes de estaren ó día nas súas obrigas tributarias e sociais e de non teren pendente ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 10º.-Outras obrigas das entidades subvencionadas.

As entidades subvencionadas deberán cumprir, ademais, as seguintes obrigas:

a) Remiti-los informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da consellería.

b) Autoriza-la inspección e control dos órganos competentes da Consellería de Familia, Muller e Xuventude sobre os seus centros e actividades.

Artigo 11º.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións, así como a duplicidade da axuda con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social ou da Administración institucional, autonómica ou local, constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, xunto cos xuros de demora, segundo o previsto no artigo 78.6º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición adicional

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para estes fins. En todo caso, as actuacións que se van subvencionar deberán realizarse dentro do presente exercicio.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral da Familia para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 1996.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

284