Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 26 de xaneiro de 1996 Páx. 674

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 2 de xaneiro de 1996 pola que se regulan as subvencións a concellos para a realización de actividades dirixidas á xuventude e promoción da información xuvenil.

A Consellería de Familia, Muller e Xuventude entende que para acada-los obxectivos de participación efectiva da nosa xuventude nos diferentes ámbitos da sociedade actual, facilitándolle a súa integración social e laboral, e o acceso por parte dela a unha información axeitada ás súas demandas informativas en igualdade de oportunidades en todo o territorio da Comunidade Autónoma galega, é fundamental promove-lo feito asociativo xuvenil así como as actuacións e canles dirixidas á consolidar e garanti-lo acceso á unha información ampla, obxectiva e actualizada dirixida á nosa xuventude, prestándolle apoio ás accións que neste sentido emprendan os concellos dentro da súa competencia e ámbito territorial, como entes próximos ó cidadán e coñecedores das necesidades e da problemática xuvenil propia de cada un deles.

Entre as tarefas propias das competencias dos concellos referidas á xuventude, a Consellería de Familia, Muller e Xuventude considera, polo tanto, de máximo interese colaborar na promoción das actuacións dirixidas a garanti-lo acceso á unha información orientada á xuventude e ás súas necesidades, de actividades formativas e educativas no ámbito do tempo libre, e na potenciación do asociacionismo xuvenil, actuacións que necesariamente han de influír no desenvolvemento comunitario e na formación integral da nosa xuventude.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1.-A Consellería de Familia, Muller e Xuventude, con cargo a aplicación orzamentaria

14.03.355B.460 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1996, concederalles subvención ós concellos de Galicia para o fomento e realización de actividades dirixidas á xuventude.

2.-Poderán ser obxecto de subvención as actividades destinadas a:

a) Promoción da información xuvenil, comprendendo os gastos derivados do normal funcionamento dun servicio de información xuvenil (contratación de persoal, gastos correntes), así como das actividades de dinamización da información: edición de soportes informativos, información e orientación para a promoción do emprego xuvenil, campañas de difusión estacionais e utilización de medios de comunicación.

b) Realización de actividades de carácter socio-educativo dirixidas a trata-las distintas problemáticas que hoxe en día afectan á xuventude, con especial incidencia no tema do alcoholismo.

c) Campañas informativas de carácter socio-educativo dirixidas á promoción do respecto polos espacios urbanos e o coidado do medio ambiente en xeral.

d) Fomento do asociacionismo xuvenil e participación da mocidade nos diferentes ámbitos da vida da comunidade.

e) Actividades de animación sociocultural no ámbito do ocio e o tempo libre.

f) Tódalas actividades que se consideren apropiadas para a promoción da xuventude nos termos de formación cultural, humana e integral da persoa.

3.-Quedarán excluídos, para os efectos do parágrafo anterior, os programas docentes e deportivos previstos en plans regulados de ensino e deporte escolar e federativo.

Artigo 2º.-Destinatarios.

Poderán solicitar subvencións tódolos concellos da Comunidade Autonoma galega.

Artigo 3º.-Normas xerais sobre subvencións. Documentación.

1.-As solicitudes dirixiranse á conselleira de Familia, Muller e Xuventude e presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, nos rexistros das delegacións provinciais desta, ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2.-As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Breve memoria explicativa do proxecto de actividades que se pretenden realizar, especificando para cada unha delas: actuacións que comprenderá a realización da actividade, número estimado de beneficiarios, lugar e datas de realización, obxectivos perseguidos, así como unha sucinta referencia

ás necesidades que motivan a realización da actividade, e orzamento de gastos por capítulos.

b) Certificación do secretario que recolla o acordo do órgano competente, en virtude do cal se solicita subvención.

3.-O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

4.-Por parte da Dirección Xeral de Xuventude, poderá requirirse ós solicitantes, se fose necesario, a emenda dos defectos apreciados na documentación presentada, de acordo co previsto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.-Criterios de valoración.

Na avaliación dos proxectos presentados polos concellos terán consideración prioritaria os relacionados nos apartados a, b e c do artigo 1º.2. Así mesmo, e dentro de cada un destes tipos de actividades, terán consideración prioritaria os seguintes criterios:

-Adecuación das actuacións que posibilitarán a actividade ó fin perseguido.

-Aqueles que se desenvolvan no medio rural.

-Número de beneficiarios e proxeccción social das actividades programadas.

-As que teñan algún compoñente educativo ou formativo sobre as meramente informativas.

-A relación entre a actividade que se vai desenvolver e as necesidades ou problemática propia ou máis destacable de cada concello.

-As que impliquen a contratación de persoal.

Artigo 5º.-Contía máxima da subvención.

A contía da subvención concedida non poderá supera-lo 75% do orzamento da actividade ou conxunto de actividades obxecto de subvención.

Artigo 6º.-Resolución.

1.-Recibidas as solicitudes, coa documentación presentada, serán sometidas a informe dos servicios técnicos da Dirección Xeral de Xuventude. O director xeral de Xuventude elevará a correspondente proposta á conselleira de Familia, Muller e Xuventude, que resolverá.

2.-A resolución seralles notificada a tódolos solicitantes, no prazo de tres meses, contados desde o remate do prazo de presentación das solicitudes.

Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente.

3.-Os solicitantes ós que non se lles concedese a subvención disporán dun prazo de 30 días naturais, contados a partir da comunicación da resolución, para retira-la documentación presentada. Transcorrido este prazo, arquivarase sen máis trámite.

Artigo 7º.-Aceptación da subvención e pagamento anticipado.

Unha vez concedida a subvención e notificada a resolución, remitirase, no prazo dun mes, certificación do secretario do concello, sobre o acordo do órgano competente do concello, no que se deixará constancia da aceptación da axuda concedida na súa contía e condicións. Recibida esta certificación, a Dirección Xeral de Xuventude poderá efectuar proposta de pagamento anticipado dun 50 % sobre a subvención concedida, para aquelas que non superen o importe de 1.000.000 de pesetas.

Nos demais casos, poderán acordarse pagamentos parciais, a medida que o beneficiario xustifique os gastos, e a conta de liquidación ata unha porcentaxe do 80 % da subvención concedida, podendo autorizarse, non obstante, un anticipo do 10 % unha vez recibida a aceptación da axuda concedida, de acordo co disposto na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1996.

Para os efectos de facer efectivo o anticipo do 10 % previsto para aquelas subvencións que superen o millón de pesetas, será preciso remitir, como requisito previo, certificación do secretario do concello beneficiario na que se faga consta-la necesidade do anticipo para poder inicia-las actividades obxecto de subvención.

Artigo 8º.-Xustificación da subvención e pagamento.

1.-Unha vez realizada a actividade, remitiranse os xustificantes do gasto no que se incorreu ou certificación expedida polo secretario do concello na que se farán consta-las actividades realizadas segundo o proxecto presentado e subvencionado.

Os xustificantes ou certificacións deberán ser remitidos á Dirección Xeral de Xuventude antes do día 30 de novembro de 1996.

2.-Recibida e comprobada a documentación á que fai referencia o apartado 1º do presente artigo, o director xeral de Xuventude realizará proposta de pagamento da subvención, de acordo coa normativa orzamentaria que sexa de aplicación.

Artigo 9º.-Obrigas do beneficiario.

Os concellos subvencionados quedarán obrigados:

1.-No caso dos que recibisen axudas con cargo ós orzamentos da Dirección Xeral de Xuventude correspondentes ó ano 1995, deberán cumpri-lo requisito de telas debidamente xustificadas.

2.-A non modifica-la programación de actividades aprobadas sen autorización expresa do director xeral de Xuventude.

3.-A facer constar na publicidade e difusión que se xere, así como en todos aqueles soportes informativos e publicacións que se realicen, que as acti

vidades foron subvencionadas pola Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

4.-A integrarse, no caso de non o estar, na rede galega de información e documentación xuvenil, conforme o procedemento establecido no artigo 13 do Decreto 53/1994, do 4 de marzo. Esta condición será esixible para os proxectos de actividades recollidas no apartado a) do artigo 1º.2 que foran obxecto de subvención, como requisito previo para poder cobra-la subvención concedida.

5.-A presentar, no momento da recepción dos fondos, unha certificación do interventor municipal que acredite que o ingreso da subvención percibida está rexistrado na contabilidade do concello, con expresión do asiento contable practicado.

Artigo 10º.-Control e posible anulación da subvención.

A Dirección Xeral de Xuventude reserva para si o dereito a orientar tecnicamente as actividades, a comproba-los datos económicos así como á efectiva realización delas, e a estender e dar a coñecer publicamente as actividades subvencionadas.

A Consellería de Familia, Muller e Xuventude poderá anular total ou parcialmente a subvención concedida, cando se incumpra o obxecto do programa ou algunha das condicións establecidas nos artigos 7, 8 e 9 da presente orde, e solicita-la devolución das cantidades percibidas, de habelas, nos prazos que establece o Regulamento xeral de recadación e a vixente Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional

No caso de que unha vez dictada a resolución de concesión de axudas amparadas nesta orde quedase crédito orzamentario sen adxudicar, poderase publicar unha segunda orde de convocatoria de axudas. En todo caso, a concesión de axudas terá como límite a cantidade consignada na correspondente aplicación económica dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 1996.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xuventude para dictar, no ámbito da súa competencia, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, pero no que se refire ós prazos de execución, poderanse subvencionar actividades realizadas polos concellos desde o 1 de xaneiro de 1996, se son actividades que se consideran importantes para a xuventude e cumpren os requisitos e condicións establecidas nesta orde.

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 1996.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

258