Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 22 de xaneiro de 1996 Páx. 551

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA

ORDE do 2 de xaneiro de 1996 pola que se convoca o Premio das Letras e das Artes de Galicia.

Por medio do Decreto 288/1994, modificado no seu artigo 5 polo Decreto 286/1995, creouse o Premio das Letras e das Artes de Galicia. Este premio ten como finalidade recoñecer e recompensa-lo labor daquelas persoas que co seu labor creador contribuíron á conservación, á expansión e ó engradecemento da cultura galega en calquera campo.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo1º.-Convócase o Premio das Letras e das Artes de Galicia correspondente a 1996 co fin de recoñecer e recompensa-los méritos daquelas persoas que dedicaron gran parte da súa actividade ás letras e ás artes en calquera das súas múltiples manifestacións, con resultado de engradecemento e afirmación dos valores culturais de Galicia.

Artigo 2º.-O premio está dotado con cinco millóns (5.000.000) de pesetas con cargo á partida orzamentaria 10.02.353B.640.10 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996.

Artigo 3º.

1. O premio será indivisible e non se poderá conceder a título póstumo.

2. O premio pode ser declarado deserto.

Artigo 4º.

1. A presentación dos candidatos poderá realizala calquera institución, fundación, academia, federación, asociación ou centro cultural ou de investigación, mediante escrito dirixido ó conselleiro de Cultura, segundo modelo que figura como anexo da presente orde, ó que se lle xuntará o currículo do candidato.

2. O escrito e mailo currículo ó que se fai referencia no parágrafo anterior serán presentados no rexistro xeral da Consellería de Cultura ou nos rexistros das delegacións provinciais desta, sen prexuízo do establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, antes do 15 de marzo do presente ano.

Artigo 5º.

1. O premio decidirase o día 17 de maio, Día das Letras Galegas, nun acto institucional.

2. O xurado poderá convocar para este acto ata cinco finalistas.

Artigo 6º.

Tódalas decisións do xurado serán inapelables.

Artigo 7º.

As institucións, fundacións, academias, federacións, asociacións, centros culturais ou de investigación que propuxeren candidatos e non resultaren premiados, poderán retira-la documentación presentada no prazo de trinta (30) días naturais contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o veredicto. Transcorrido este prazo arquivarase sen máis trámite.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Cultura para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 1996.

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

Conselleiro de Cultura

187