Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 19 de xaneiro de 1996 Páx. 532

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 3 de novembro de 1995, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo de ámbito provincial para a empresa Persoal de Limpeza do Hospital Comarcal da Costa de Burela.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Persoal de Limpeza do Hospital Comarcal da Costa de Burela (Código 2700710), da provincia de Lugo, asinado o día 3 do outubro de 1995, pola representación da mentada empresa e a dos seus traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90 apartados 2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do mentado convenio colectivo á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP.

Lugo, 3 de novembro de 1995.

Manuel Bande Díaz

Delegado provincial de Lugo

Convenio colectivo do persoal de limpeza do Hospital Comarcal da Costa de Burela

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

As estipulacións deste convenio seranlle de aplicación ó persoal de limpeza adscrito á empresa concesionaria do servicio, no centro de traballo Hospital Comarcal Costa de Burela.

Artigo 2º.-Ámbito temporal, vixencia, duración e denuncia.

Con independencia da súa publicación no BOP, este convenio iniciará a súa vixencia o 1-10-1995 e rematará o 31-12-1997, e seguirá vixente en tódolos seus contidos e será de plena aplicación ata que sexa substituído por outro convenio negociado entre as partes. A denuncia formularase por escrito un mes antes da súa finalización.

Artigo 3º.-Xornada, descansos e quendas.

A xornada será continuada en quenda de mañá, tarde ou noite, con trinta minutos de descanso en cada unha delas, contados como xornada efectiva para tódolos efectos. A xornada establécese nun máximo de 40 horas semanais. O horario de traballo será establecido de común acordo entre a empresa e os/as representantes dos/as traballadores/as.

Artigo 4º.-Vacacións.

O persoal afectado por este convenio terá dereito ó desfrute ininterrompido dun mes de vacacións retributivas, no período abranguido entre os meses de xullo e setembro, sen que isto signifique que non se poida sacar fóra deste período, sempre que exista previo acordo entre a empresa e o traballador/a que o solicite. Non suporán perda do dereito a vacacións os períodos de ILT derivada de enfermidade común ou accidente laboral, sempre que estes non superen o ano natural.

Artigo 5º.-Excedencias.

Todo traballador ou traballadora fixos cunha antigüidade de menos dun ano na empresa terá dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un prazo non inferior a seis meses e non superior a cinco anos.

O traballador/a excedente terá dereito á reserva do seu posto de traballo durante un período máximo de dous anos. A reincorporación na empresa terá que ser solicitada cun preaviso de tres meses.

Artigo 6º.-Equiparación retributiva.

As retribucións do persoal de limpeza afectado por este convenio serán as mesmas que perciba o persoal do Sergas encadrado na categoría de pinche e acordouse a equiparación con data 1-10-1995. As retribucións seranlle devengadas ó persoal polos mesmos conceptos e nas mesmas contías que ó persoal do Sergas desde o día 1-10-1995. A base de cotización á Seguridade Social será do 100% das retribucións desde a mesma data do 1-10-1995.

Artigo 7º.-Antigüidade.

Durante o ano 1995, o persoal devengará trienios ó 4% do salario base. Desde o día 1-10-1995, os novos trienios que devengue o persoal serán polo valor equivalente ó grupo E do persoal do Sergas. Ás cantidades resultantes do devengo dos trienios a partir da data sinalada, engadiránselles ás que perciba polos ditos conceptos cada traballador/a na dita data, segundo o criterio de devengo de antigüidade que existía con anterioridade á sinatura do presente convenio.

Artigo 8º.-Enfermidade, accidente e maternidade.

En caso de enfermidade común, accidente ou maternidade, a empresa incrementará as prestacións da Seguridade Social ou mutua de accidentes de traballo ata o 100% das retribucións dos traballadores. Os períodos de ILT non se terán en conta para os efectos de vacacións.

Artigo 9º.-Roupa de traballo.

Os traballadores/as serán provistos de roupa de traballo axeitada e regulamentaria: fundas e batas unha vez ó ano, o mesmo que zocos ou zapatillas, criterio que se establecerá de mutuo acordo entre as partes, en función das preferencias do persoal ou da idoneidade dun tipo ou outro de calzado.

Artigo 10º.-Embarazo.

As mulleres embarazadas terán dereito a que se lles cambie de posto de traballo a outro máis acorde

co seu estado, e non estarán obrigadas en ningún caso a desempeña-las súas funcións en lugares radioactivos, infecciosos ou perigosos para o seu embarazo. Durante este período, as traballadoras terán dereito ó aboamento das prestacións económicas correspondentes, con cargo á Seguridade Social, e complementadas ata o 100% do salario.

Artigo 11º.-Nocturnidade.

O persoal que preste servicios en xornada nocturna percibirá un complemento salarial que se establece...A partir do 1-1-1996, o equivalente ó complemento de atención continuada modalidade A, que perciba o persoal do Sergas encadrado no grupo E.

Artigo 12º.-Festivos.

Desde o día 1-10-1995, cada domingo ou festivo será retribuído nas mesmas condicións que teña establecido o Sergas para o persoal do grupo E, atención continuada, modalidade E.

A necesaria rotación do persoal que realice o traballo en domingos ou festivos (calendario de gardas), debe establecerse de común acordo entre a empresa e os representantes dos traballadores, como forma de garanti-la equidade. A libranza correspondente ó traballo desenvolvido en días festivos levarase a efecto dentro das dúas semanas seguintes inmediatas á realización da garda.

Artigo 13º.-Comisión paritaria.

Todo o persoal abranguido no presente convenio terá o dereito e a obriga de efectuar unha revisión médica a cargo da empresa cunha periodicidade mínima anual.

Artigo 13º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación e cumprimento do pactado no presente convenio e, en xeral, para cantas cuestións se deriven da aplicación deste, establécese unha comisión paritaria que estará integrada por un representante da empresa concesionaria do servicio de limpeza e o representante dos traballadores.

Disposición derradeira

Para o non previsto no presente convenio, haberá que aterse ó disposto no convenio colectivo provincial de limpeza de edificios e locais de Lugo, Estatuto dos traballadores e demais disposicións vixentes.

95-8389