Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Mércores, 17 de xaneiro de 1996 Páx. 474

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 22 de decembro de 1995 pola que se anuncia a realización de dous cursos sobre medio ambiente e saúde.

Dentro das actividades que vai realiza-la EGAP en 1996 e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse dous cursos sobre medio ambiente e saúde que deberán desenvolverse segundo as seguintes bases:

Obxectivos:

Integración da dimensión ambiental na formación de técnicos, profesionais, e persoal ó servicio da Administración local e autonómica galega que desenvolvan a súa actividade nas áreas de medio ambiente e saúde, coa finalidade de mellora-la xestión ambiental e poder contribuír á protección ambiental e a saúde da nosa comunidade.

Destinatarios:

Responsables políticos e técnicos da Administración local e autonómica, así como profesionais libres que desenvolvan a súa actividade en áreas relacionadas co medio ambiente e a saúde.

Desenvolvemento:

-Duración: 36 horas

-Horario: xoves e venres pola tarde, e sábado pola mañá.

-Lugares e datas: Ferrol, do 22 de febreiro ó 9 de marzo.

-Vigo: do 23 de maio ó 8 de xuño.

Dereitos de inscrición:

Fíxanse en 20.000 ptas. Establécense as seguintes bonificacións:

O 50% para o persoal ó servicio da Administración pública que desenvolva tarefas relacionadas directamente coa materia obxecto do curso.

O 25% para o resto dos solicitantes que pertenzan á Administración pública.

O aboamento efectuarase mediante cheque nominativo ou transferencia á conta corrente da EGAP da Caixa Galicia na oficina de organismos de Santiago de Compostela, conta restrinxida nº 2091-0388311000520. O xustificante do pagamento deberase xuntar á solicitude.

Os dereitos de inscrición, unha vez ingresados, unicamente se lles reintegrarán ós interesados se estes, cunha antelación mínima de cinco días con respecto á data de inicio da actividade, manifestan por escrito a súa renuncia a participar nela.

Prazo:

O prazo de inscrición no curso finaliza o día 5 de febreiro para o curso de Ferrol, e o día 6 de maio para o curso de Vigo.

Tramitación de solicitudes:

As solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, Polígono das Fontiñas, R/ Madrid, 2-4, 15703 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentarase no rexistro xeral da EGAP, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xuntando en todo caso resgardo do ingreso e certificación expedida polo órgano competente na que conste a condición de estar prestando servicios na Administración, no caso de ter dereito a bonificación.

Número de prazas: 40

Selección:

Serán seleccionadas con base os seguintes criterios:

1. Que exista unha relación directa entre as tarefas que realiza o solicitante no desempeño do seu posto de traballo e a materia obxecto do curso.

2. Ter realizado un menor número de cursos relacionados con contidos temáticos do curso que se solicita durante os últimos cinco anos.

3. O menor número de cursos realizados en escolas ou institutos de Administración pública (excepto os cursos de galego).

4. A antigüidade, e como tal entenderase a data de ingreso na Administración pública.

As prazas restantes adxudicaranse por rigorosa orde de entrada no rexistro sempre que se teñan acreditados tódolos requisitos para a inscrición no momento de presentación da solicitude.

A admisión ou non admisión ó curso comunicaráselles directamente ós interesados a partir do día 12 de febreiro.

Inscricións fóra de prazo:

Só se admitirán se quedasen prazas baleiras e sempre que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Modificacións:

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento dos cursos, así como a de cancelalos se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

Certificado de asistencia:

Outorgaráselles certificado de asistencia ós alumnos que participen con regularidade nos cursos programados cando a súa inasistencia non sexa igual ou superior ó 15% das horas lectivas programadas. A superación deste límite, sexa cal sexa a causa, imposibilitará a expedición do certificado e dará lugar á baixa con perda de tódolos dereitos.

Profesorado:

Estará integrado por expertos nos sectores de medio ambiente e saúde pertencentes á Administración autonómica e á empresa, así como por profesores das universidades galegas.

Contido:

Contaminación atmosférica. Ruído ambiental. Planificación hidrolóxica: a Lei de costas. Contaminación das augas: control sanitario. Depuración de augas residuais. Residuos sólidos urbanos. Instrumentos de xestión ambiental. Competencias municipais en materia de medio ambiente. Espacios protexidos.

A efectividade desta convocatoria e do custo que se proxecta queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 1995.

Xaime Rodríguez-Arana Muñoz

Director da Escola Galega de Administración Pública

96-0089