Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 16 de xaneiro de 1996 Páx. 417

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 4 decembro de 1995 pola que se convocan axudas para a formación continua de profesores e formadores de linguas estranxeiras de acordo coa acción B do Programa Lingua (capítulo 3 do Programa Sócrates).

O Programa Sócrates foi adoptado o 14 de marzo de 1995 polo Consello de Ministros da Unión Europea como un programa de acción para a cooperación entre os estados no campo da educación.

No marco deste programa, e no capítulo 3, encóntrase o Programa Lingua, que ten como principais obxectivos promove-lo coñecemento das linguas dos diversos estados membros e contribuír á mellora cualitativa do ensino e aprendizaxe de linguas da Unión Europea.

Das cinco accións que comprende o Programa Lingua, a acción B (anteriormente acción Ia) recolle medidas destinadas a promove-la formación continua de profesores e formadores de linguas estranxeiras.

En virtude do anterior e de conformidade coa Orde do 16 de novembro de 1995 (BOE do 1 de decembro), pola que se establecen normas xerais e de procedemento a que deben aterse as convocatorias específicas de axudas para a formación continua de profesores e formadores de linguas estranxeiras de acordo coa acción B do Programa Lingua, e coa Orde do 8 de novembro de 1991 (BOE do 15) pola que se establecen as bases para a concesión de axudas e subvencións con cargo a créditos orzamentarios do Ministerio de Educación e Ciencia e dos seus organismos autónomos, esta consellería dispuxo o seguinte:

Primeiro: obxecto da convocatoria.

1.-Convócanse bolsas (denominadas de formación continua), de acordo coa acción B do Programa Lingua, destinadas a mestres, profesores de secundaria e formadores de linguas estranxeiras, co fin de dárlle-la oportunidade de participar en actividades de formación continua noutros estados membros da Unión Europea durante o verán de 1996.

2.-A actividade de formación terá como finalidade principal o perfeccionamento da actividade docente e formativa do solicitante.

3.-Terán prioridade:

a) Os solicitantes cunha actividade de formación que cumpra unha das seguintes condicións:

-Contribúa á diversificación da oferta de linguas estranxeiras, así como ó ensino das linguas menos utilizadas e ensinadas do Programa Lingua. Para estes efectos consideraranse como tales tódalas linguas citadas no punto 6 deste apartado primeiro, excluíndo o inglés e o francés.

-Estea directamente relacionada co uso de novas tecnoloxías ou da educación a distancia.

-Estea dirixida ó ensino de persoas desfavorecidas e que teñan necesidade dun apoio especial para a aprendizaxe das linguas estranxeiras.

b) Os solicitantes que participaran anteriormente nun intercambio no marco da acción IV do Programa Lingua.

4.-A cantidade asignada a esta Comunidade Autónoma para o desenvolvemento desta acción B é de 64.426 ecus.

5.-As axudas, de ata un máximo de 1.500 ecus por beneficiario, asignaranse para contribuír ós gastos de ensino, viaxe e estadía ocasionados pola asistencia á actividade de formación. A contía das axudas será fixada individualmente, tendo en conta a actividade de formación, a duración, os gastos de inscrición e ensino, así como o seu lugar de celebración.

6.-As linguas que abarca o programa para efectos de solicitude destas axudas son: alemán, danés, finlandés, francés, grego moderno, islandés, neerlandés, inglés, irlandés (gaélico), italiano, luxemburgués, noruego, portugués e sueco, ensinadas como linguas estranxeiras.

Requisitos

Segundo: 1.-Poderán solicitar estas axudas:

1.1.-Os mestres, profesores de secundaria e de escolas oficiais de idiomas de centros docentes públicos ou privados de acordo coa normativa vixente que teñan como actividade regular o ensino dunha ou máis linguas do Programa Lingua citadas no apartado primeiro 6. Enténdese por actividade regular o ensino de linguas estranxeiras cun mínimo de tres horas por semana. Este profesorado deberá ter, como mínimo, tres anos de experiencia docente en linguas estranxeiras.

1.2.-Os mestres, profesores de secundaria e profesores de escolas oficiais de idiomas que, estando en situación de excedencia, vaian incorporarse ó seu posto de traballo no curso 96/97 como profesores de linguas estranxeiras. Esta circunstancia deberá ser acreditada convenientemente.

1.3.-Os mestres e profesores de secundaria que estean impartindo un nivel, área ou materia na lingua estranxeira para a que solicita a actividade de formación, sempre que esta non sexa a súa lingua materna.

1.4.-Os inspectores técnicos de educación que teñan relación co ensino de linguas estranxeiras e os asesores técnico-pedagóxicos de linguas estranxeiras nos centros de formación continuada do profesorado.

2.-Os solicitantes deberán cumprir obrigatoriamente as seguintes condicións:

a) Non ter desfrutado dunha axuda da acción I do Programa Lingua nas dúas convocatorias anteriores.

b) Non ter desfrutado dun reintegro individual de gastos para asistencia a actividades de formación do profesorado durante o ano 1995 nin desfrutalo durante 1996.

3.-A actividade de formación deberá ter unha duración igual ou superior a dúas semanas e corenta horas lectivas.

Terceiro: solicitudes

1.-Os solicitantes que reúnan as ditas condicións formularán a súa solicitude por medio de instancia, segundo modelo que figura no anexo I desta orde, á que se xuntará a documentación que figura a continuación:

1.1.-Relación numerada, datada e asinada, da documentación presentada, seguindo a orde que aparece no baremo establecido no anexo II desta orde.

1.2.-Para o profesorado destinado en centros docentes públicos:

a) Certificación de servicios específica para a acción B do Programa Lingua, certificada polo secretario do centro co Vº e Prace da dirección segundo o modelo que figura no anexo III.

b) Certificado expedido pola dirección do centro de destino no que se faga consta-lo idioma que impartiu o solicitante durante os dous últimos cursos (93/94 e 94/95), ou, no seu defecto, dos dous cursos nos que impartise o idioma, así como o idioma que imparte durante o curso 95/96, especificando niveis e número de horas impartidas á semana. No caso de que durante os cursos anteriores os centros de destino fosen distintos ó actual, son necesarios os respectivos certificados da dirección dos ditos centros, facendo consta- lo especificado neste apartado.

1.3.-Para o profesorado de centros docentes privados, certificado dos servicios prestados, expedido pola dirección do actual centro de traballo e co visado da inspección técnica correspondente, no que se faga constar nivel educativo, área impartida e número de horas á semana. En caso de que en anos anteriores o concursante prestara servicios en centros distintos ó actual, deberá xunta-los certificados respectivos que acrediten o anteriormente expresado.

2.-Non serán tidos en conta nin, por conseguinte, valorados os méritos alegados e non xustificados debidamente, nin os que se xustifiquen fóra do prazo ó que se refire o apartado quinto da presente convocatoria.

Cuarto: presentación de solicitudes

1.-As solicitudes do profesorado destinado no ámbito territorial desta Comunidade Autónoma dirixiranse á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros (Subdirección Xeral de Ordenación Educativa, San Lázaro, número 107, 15771 Santiago de Compostela) presentándose a través do rexistro xeral.

2.-Tamén poderán utilizarse para a presentación de solicitudes calquera das dependencias previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que os solicitantes optasen por presenta-la súa solicitude nunha

oficina de correos, farano en sobre aberto para que a instancia sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de ser certificada.

Quinto: prazo de presentación

As solicitudes individuais e documentos a que se fai referencia no apartado terceiro 1 desta orde deberán ser presentados ata o día 15 de febreiro de 1996 inclusive.

Sexto: selección

1.-A selección do profesorado realizarase, logo da valoración dos méritos dos aspirantes de acordo cos criterios que figuran nos apartados primeiro, segundo e terceiro e o baremo que figura no anexo II desta convocatoria, por unha comisión integrada polos seguintes membros:

Presidente: a subdirectora xeral de Ordenación Educativa ou persoa na que delegue.

Vocais: un inspector ou persoa na que delegue, a xefa do Servicio de Formación do Profesorado, o xefe de Sección de Formación do Profesorado.

Secretario: unha persoa destinada na subdirección xeral.

2.-A comisión seleccionadora poderá dispoñe-la constitución de subcomisións técnicas especializadas só para o efecto de colaborar na valoración dos méritos dos candidatos.

Sétimo: resolución da convocatoria

1. Dentro dos tres meses seguintes á finalización do prazo de recepción de solicitudes, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publicará na Subdirección Xeral de Ordenación Educativa unha relación provisional, na que se fará constar:

a) Relación de solicitudes seleccionadas, puntuacións obtidas, e cantidades en ecus asignada a cada unha delas.

b) Relación de solicitudes suplentes por orde de puntuación e puntuacións obtidas en cada caso.

c) Relación de solicitudes excluídas, con especificación da causa.

2.-Os candidatos poderán presentar reclamacións ante a Subdirección Xeral de Ordenación Educativa durante o prazo de dez días hábiles, contados a partir da data na que se fixeron públicas as indicadas relacións.

3.-Transcorrido o dito prazo, e unha vez estudiadas e, se é o caso, atendidas as ditas reclamacións, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución definitiva de concesión de axudas, realizada pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, na que se incluirá unha relación alfabética dos beneficiarios, expresando a contía da axuda concedida en cada caso, así como unha relación nominativa das solicitudes suplentes por orde de puntuación e solicitudes excluídas con especificación da causa.

Oitavo: aceptacións e renuncias

1.-Nos vinte días naturais seguintes á publicación da relación provisional da que se fai mención no apartado sétimo 1 desta orde, as persoas seleccionadas deberán remitir á Subdirección Xeral de Ordenación Educativa a súa aceptación ou renuncia, facendo constar cualquera cambio, se o houbese, nos datos do participante ou na actividade solicitada.

2.-No caso de que non se reciba notificación por parte do interesado no prazo sinalado, entenderase que renuncia á axuda.

Noveno: retirada de documentos

Unha vez publicadas as resolucións definitivas correspondentes e, finalizados os prazos para a interposición de recursos, os documentos presentados polos concursantes poderán retirarse da Subdirección Xeral de Ordenación Educativa ata o día 30 de outubro de 1996, directamente polos interesados ou por persoa autorizada. Tamén poderán solicitar a súa devolución por correo, remitindo previamente á dita subdirección xeral selos polo valor do custo da franquía. Transcorrido este prazo, perderase todo dereito sobre ela.

Décimo: xustificación e percepción da axuda.

1.-O pagamento efectivo da totalidade da axuda faráselle ó interesado unha vez realizada a actividade. Para iso, o interesado remitirá os seguintes documentos á Subdirección Xeral de Ordenación Educativa dentro dos vinte días naturais seguintes á finalización da actividade:

a) Informe crítico sobre a actividade realizada, segundo cuestionario que se publicará na resolución definitiva mencionada.

b) Fotocopia compulsada do certificado de asistencia ó curso no que se especifiquen as datas de realización e o número de horas lectivas.

c) Fotocopia do programa da actividade para a que se solicita a axuda.

d) Fotocopia compulsada da factura ou documento que xustifique a inscrición no curso, no que se especifique o importe do gasto realizado.

e) Declaración do interesado manifestando se é ou non beneficiario doutra axuda ou bolsa procedente de calquera Administración ou entes públicos nacionais ou internacionais, con especificación, se é o caso, da súa contía e finalidade.

2.-Calquera alteración das condicións tidas en conta para a concesión de axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras Administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3.-Os beneficiaros da axuda estarán obrigados a facilitar canta información lles sexa requirida polo organismo competente, quedando sometidos ás actuacións de control financeiro que corresponda e ás de comprobación que poidan efectua-la Con

sellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Ministerio de Educación e Ciencia.

Décimo primeiro: recursos

Contra a presente orde e os actos que se deriven dela, os interesados poderán interpoñe-los recursos previstos na lexislación vixente.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguiente ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

95-0086