Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 11 de xaneiro de 1996 Páx. 285

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 9 de novembro de 1995, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación do convenio colectivo de ámbito provincial para o sector de rematantes, serradoiros e preparados industriais da madeira de Ourense para o ano 1995.

Visto o texto do convenio colectivo para o sector de rematantes, serradoiros e preparados industriais da madeira (código nº 3200275) de Ourense, con entrada nesta delegación provincial o día 7 de novembro do ano en curso, subscrito en representación da parte económica pola CEO e da parte social polas centrais sindiais FEMCA-UXT, CCOO e CSIF (todas con lexitimidade suficiente para asinar este), en xuntanza celebrada o día 3 de novembro de 1995, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, obrante nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP.

Ourense, 9 de novembro de 1995.

Manuel López Casas

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo provincial de rematantes, serradoiros e preparados industriais da madeira de Ourense 1995

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio colectivo afectará a tódolos traballadores do sector de rematantes, serradoiros e preparados industriais da madeira e a tódalas empresas do mesmo sector que se atopen establecidas ou que se establezan na provincia de Ourense. Queda excluído do presente convenio o persoal de alta dirección ou alto consello.

Artigo 2º.-Vixencia, prórroga e denuncia.

O presente convenio será de aplicación a partir do primeiro de setembro de 1995, con independencia da súa publicación no BOP. A súa duración será dun ano a partir da súa data, é dicir, ata o 31 de agosto de 1996.

O convenio entenderase prorrogado tacitamente de ano en ano sempre que non sexa denunciado por algunha das partes, polo menos con tres meses de antelación ó termo da súa vixencia, mediante comunicación escrita á outra parte na que se fagan consta-las partes do convenio que se pretenden negociar, así como a representación que ostenta a parte denunciante. Así mesmo, entenderase prorrogado durante o tempo que medie entre a data da súa finalización e a entrada en vigor dun novo convenio que o substitúa.

Artigo 3º.-Compensación e absorción.

As melloras do presente convenio poderán ser compensadas e absorbidas ata onde alcance o cómputo anual con aquelas condicións superiores que establezan as empresas ou as que se establezan por disposición legal, agás que expresamente se pacte o contrario.

Cando se produza un incremento do salario mínimo interprofesional que supere o salario base estipulado no presente convenio, este pasará a ser o SMI vixente, compensándose e absorbéndose o incremento co plus de asistencia.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas condicións persoais máis beneficiosas consignadas en anteriores convenios ou pactos entre a patronal e os traballadores, serán respectadas individualmente.

Artigo 5º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo será de 40 horas semanais. Os días 24 e 31 de decembro terán a consideración de festivos aboables e non recuperables, agás acordo entre empresa e traballadores para a fixación doutros días distintos ós anteriores. Os traballadores

que realicen xornada continuada terán dereito a 15 minutos como xornada de bocadillo, aboable e non recuperable. O número de xornadas de traballo será o que resulte, segundo o calendario oficial, de restar dos días naturais do ano, os seguintes:

Domingos.

Festas non recuperables.

Días laborables de vacacións que se establezan neste convenio.

O tempo real de traballo efectivo e de presencia en cómputo anual será o que resulte de considera-los días laborables multiplicados por 40 horas semanais. O tempo que puidese concederse nalgún momento de descanso, non se considerará en ningún momento e, polo tanto, non formará parte da xornada de traballo.

Artigo 6º.-Salarios.

Todo o persoal afectado polo presente convenio percibirá as retribucións consignadas na táboa salarial anexa, incrementadas, se é o caso, co prezo da antigüidade que corresponda e demais conceptos retributivos.

Artigo 7º.-Antigüidade.

O premio de antigüidade será o establecido na vixente ordenanza laboral para a industria da madeira, consistente nun 5% cada quinquenio, e calculado sobre o salario base fixado en cada momento.

Artigo 8º.-Gratificación de asistencia.

Establécese unha gratificación de asistencia que será a seguinte:

Peón: 3.000 ptas./mes.

Axudante: 6.197 ptas./mes.

Oficial 2ª: 7.662 ptas./mes.

Oficial 1ª: 7.927 ptas./mes.

Encargado: 8.194 ptas./mes.

Conductor: 7.662 ptas./mes.

Auxiliar administrativo: 7.662 ptas./mes.

Coa perda, no caso de falta sen xustificar durante a xornada de traballo do 20% na primeira ausencia: do 40% na segunda e da totalidade a partir da terceira. As faltas consideraranse tanto consecutivas como alternas dentro dun mesmo mes.

Artigo 9º.-Axudas de gastos por desprazamentos.

Ós traballadores afectados polo polo presente convenio que, por razóns de traballo teñan que desprazarse fóra do seu centro de traballo habitual seranlles aboados os gastos que se ocasionen, debidamente xustificados.

Artigo 10º.-Gratificacións extraordinarias.

Por este concepto os traballadores afectados polo presente convenio percibirán, incluída a antigüidade, quen a tivera, 30 días de salario como paga extraordinaria de xullo e de Nadal que se farán efectivas o día 24 de xullo e 22 de decembro, respectivamente.

Tamén percibirán a paga extraordinaria que establece a vixente ordenanza laboral para a industria da madeira, consistente en 10 días, calculados sobre o salario base da táboa salarial anexa, incluída a antigüidade correspondente, e que será aboada o día 30 de abril.

Artigo 11º.-Retribución dos traballadores en formación.

Os traballadores con idades comprendidas entre os 16 e os 18 anos que teñan contrato para a formación percibirán un salario base igual ó salario mínimo interprofesional que se estableza en cada momento e que corresponda á súa idade.

Artigo 12º.-Horas extraordinarias.

Conforme o disposto no Estatuto dos traballadores, as horas extraordinarias aboaranse cun recargo do 75% sobre o valor da hora ordinaria.

Artigo 13º.-Vacacións.

O período de vacacións será de 30 días naturais a salario real ou a parte proporcional que corresponda, no caso de non levar traballando o ano necesario para o desfrute pleno deste dereito.

O total dos días naturais de vacacións distribuiranse para os efectos de desfrute da forma seguinte:

15 días ininterrompidos a desfrutar en verán.

O resto a desfrutar de común acordo entre o traballador e a empresa, atendendo preferentemente ás necesidades da producción. Non obstante o anteriormente sinalado, poderá establecerse un período distinto de vacacións, se así o acordasen empresa e traballadores.

O calendario de vacacións deberá pórse en coñecemento dos traballadores polo menos con dous meses de antelación á data do seu desfrute.

Artigo 14º.-Roupa de traballo.

O persoal afectado polo presente convenio recibirá da empresa as pezas de protección, hixiene e seguridade no traballo, tales como luvas, botas ou calzado adecuado e traxes de faena ou roupa de traballo, estas últimas pezas serán entregadas unha cada seis meses, o seu uso será obrigatorio cando o traballo o requira. As ditas pezas serán en todo momento propiedade da empresa e o traballador estará obrigado á boa conservación e uso. As empresas poderán facer constar nas ditas pezas o anagrama desta ou da actividade.

Artigo 15º.-Revisión médica.

As empresas afectadas polo presente convenio solicitarán unha revisión médica anual para tódolos traballadores do cadro de persoal.

O tempo que o traballador empregue para asistir á dita revisión será aboado pola empresa.

Artigo 16º.-Incapacidade laboral transitoria por accidente de traballo.

As empresas afectadas polo presente convenio aboaranlles a aqueles traballadores que se atopen en situación de incapacidade laboral transitoria como consecuencia de accidente laboral ocorrido no centro de traballo e durante as horas deste, e durante o tempo que dura a hospitalización, unha compensación económica consistente na diferencia que exista entre as prestacións que o traballador perciba da Seguridade Social e o salario real que lle corresponda segundo a súa categoría profesional.

Artigo 17º.-Póliza de seguros.

As empresas estarán obrigadas a concertar con primas íntegras ó seu cargo no prazo de tres meses a partir da contratación dun traballador, unha póliza de seguros en orde á cobertura de riscos de falecemento ou de incapacidade dos traballadores por accidente de traballo, incluídos os «in itinere», que garanta ó traballador accidentado ou ós seus habentes causa, no caso de falecemento producido por causa fortuíta, espontánea, exterior e independente.

1.500.000 ptas. en caso de morte.

1.500.000 ptas. en caso de invalidez total.

1.750.000 ptas. en caso de invalidez absoluta.

2.000.000 de ptas. en gran invalidez.

A referida póliza só abarcará os procesos iniciados a partir da vixencia e validez desta.

Esta compensación é compatible coa pensión ou indemnización que poida causa-lo traballador na Seguridade Social ou Montepío. Non obstante, a indemnización a que se fai mención neste artigo considerarase como entregada por conta da indemnización que, se é o caso, puidesen declarar con cargo ás empresas os tribunais de xustiza, unha vez exista sentencia definitiva, sobresemento ou renuncia de accións.

Artigo 18º.-Comisión mixta paritaria.

Para a interpretación, vixilancia e cumprimento do presente convenio, constitúese unha comisión mixta paritaria que estará formada polas persoas que compuxeron a mesa negociadora do convenio.

Disposición transitoria

Cláusula de sumisión ó AGA.

Ante a importancia que poida te-la resolución pacífica dos conflictos laborais a elaboración dun acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo AGA, asinado entre a Confederación de Empresarios de Galicia e as centrais sindicais UGT, CCOO e CIG, as partes asinantes deste convenio durante a vixencia del, acordan someterse ás disposicións contidas no AGA nos propios termos nos que están formulados.

ANEXO

Peón: 65.000 ptas.

Axudante: 65.000 ptas.

Oficial 2ª: 65.000 ptas.

Oficial 1ª: 65.000 ptas.

Encargado: 65.000 ptas.

Conductor: 65.000 ptas.

Auxiliar administrativo: 65.000 ptas.

8515