Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 08 de xaneiro de 1996 Páx. 210

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA

ORDE do 23 de novembro de 1995 pola que se convoca o programa Ven á Ruta Marítima Xacobea.

A Consellería de Cultura, a través da Dirección Xeral da Presidencia do Camiño de Santiago, pretende entregar de forma gratuíta a colexios e institucións, encamiñadas á organización de actividades de ocio e tempo libre, tres mil tickets para percorre-lo traxecto que separa Vilagarcía de Arousa de Padrón remontando o río Ulla, coa finalidade de promociona-la ruta xacobea do mar de Arousa e Ulla e de dar a coñece-lo seu contorno e os seus valores.

Por todo isto, a Consellería de Cultura, a través da Dirección Xeral de Promoción do Camiño, e no uso das competencias conferidas polo Decreto 49/1994, do 4 de febreiro, de estructura orgánica da Consellería de Cultura, convoca o programa Ven á Ruta Marítima Xacobea. Para tal fin,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Cultura convoca o programa Ven á Ruta Marítima Xacobea, ofrecendo unha viaxe polos puntos emblemáticos e máis significativos deste camiño.

Artigo 2º

Esta programa desenvolverase de acordo coas bases que figuran no anexo da presente orde.

Artigo 3º

A realización destas actividades non supón gasto ningún para a Consellería de Cultura.

Disposición adicional

Facúltase o director xeral da Promoción do Camiño de Santiago para que dicte as disposicións oportunas cara ó adecuado desenvolvemento da presente orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 1995.

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

Conselleiro de Cultura

ANEXO

BASES QUE REXEN A CONVOCATORIA DO PROGRAMA VEN Á RUTA MARÍTIMA XACOBEA

Primeira.-Poderán acollerse a este programa tódalas institucións e organismos tradicionalmente vinculados á actividade con xoves: centros de ensino, clubs xuvenís, catequeses parroquiais, escolas de tempo libre, corais e rondallas xuvenís, etc.

Segunda.-A consellería a través da Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago, e no desenvolvemento este programa, porá a disposición dos participantes nel, única e exclusivamente o billete gratuíto para poder realiza-la viaxe consistente en remonta-lo río Ulla desde Vilagarcía de Arousa ata Padrón.

Terceira.-A atención e coidado do grupo, o traslado ata o catamarán e recollida, así como a súa manutención serán pola súa conta e baixo a responsabilidade da institución ou do organismo participante.

Cada agrupación levará carteis promocionais do programa, que lles facilitará a Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago, no vehículo no que efectúen as viaxes.

Cuarta.-O programa de actividades facilitado ós interesados pola Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago poderá ser completado con propostas e suxestións breves aportadas polos solicitantes, segundo as características e os intereses dos grupos.

Quinta.-No caso de formularse as ditas propostas ou suxerencias, valoraranse primando aquelas que inclúan como actividade complementaria a difusión do camiño e as que integren a presente viaxe nalgún programa de intercambio de xoves de carácter transnacional ou transrexional.

Sexta.-O número de participantes de cada grupo non será, en ningún caso, superior a cincuenta. Os adultos acompañantes non superarán o número de cinco e incluiranse dentro do número de cincuenta.

Sétima.-Os interesados enviarán as súas solicitudes á Consellería de Cultura, Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago, edificio administrativo San Caetano, bloque 3, 15771 Santiago de Compostela, ou ás dependencias das delegacións provinciais da Consellería de Cultura.

Oitava.-Nas solicitudes incluiranse os datos identificadores do grupo: colexio ou institución, número de participantes inicialmente previsto, persoa ou persoas responsables, teléfono de contacto e datas preferentes para a viaxe (recoméndase poñer varias).

Se é o caso, e en escrito á parte xuntaranse as propostas e suxestións citadas nas bases cuarta e quinta desta convocatoria.

Novena.-A presentación das solicitudes, que serán resoltas polo conselleiro e notificadas ós interesados, farase ata o día 31 de marzo de 1996.

Décima.-As viaxes celebraranse exclusivamente durante os meses de abril e maio de 1996, excepto domingos e festivos.

Décimoprimeira.-A Dirección Xeral de Promoción do Camiño de Santiago resolverá calquera dúbida que poida xurdir nos aspectos non recollidos especificamente nas bases, sen que, en ningún caso, poida haber contradicción co disposto nelas.

8439