Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Venres, 05 de xaneiro de 1996 Páx. 168

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA

ORDE do 21 novembro 1995 pola que se desenvolve o Decreto 24/1995, do 20 de xaneiro, polo que se regulan os centros bibliotecarios fixos no referente á creación de bibliotecas municipais en colaboración coa Consellería de Cultura e pola que se regula a integración na rede de bibliotecas de Galicia.

A Lei 4/1989, do 11 de outubro, sinala a responsabilidade da Xunta de Galicia no fomento da creación de bibliotecas, na súa conservación e mellora, así coma o seu labor inspector, de tutela e coordinación, o seu papel planificador, técnico e coordinador e a obriga de establecer normas de funcionamento do sistema bibliotecario. O Decreto 24/1995, do 20 de xaneiro, que desenvolve os aspectos da lei referentes ós centros bibliotecarios fixos sinala, pola súa parte, unha serie de normas e requisitos aplicables as bibliotecas para a súa integración na rede de bibliotecas de Galicia, aspecto este último obxecto da presente orde.

Outros factores inciden na necesidade dun novo artellamento, e especialmente a cantidade de bibliotecas públicas e axencias de lectura municipais creadas nos últimos anos que practicamente cobren o territorio galego. É prioritario, xa que logo, nestes momentos a mellora na calidade destes servicios, e neste sentido, a incorporación das bibliotecas públicas e privadas á rede de biblliotecas de Galicia é a mellor forma de unificar esforzos e de estende-los servicios máis elaborados e complexos ata os máis afastados puntos da nosa xeografía, mellorando en gran medida os servicios e o funcionamento das bibliotecas e axencias de lectura, ó tempo que se aforran gastos e inútiles duplicacións de investimento e de traballo.

Precísase, xa que logo, o artellamento dun procedemento, que permita fixa-lo proceso polo que as bibliotecas e axencias de lectura poderán pasar a formar parte da rede de bibliotecas de Galicia,

fixando as obrigas que pola parte do titular da biblioteca aseguren a súa correcta función como biblioteca, e a súa adecuada integración na rede e nas funcións que nela lle correspondan, así como o compromiso por parte da Consellería de Cultura de darlle acceso a tódolos servicios colectivos da rede, e de ofrece-la posibilidade de acceder ás axudas ou proxectos de colaboración que a Consellería de Cultura leve a cabo. Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

É obxecto da presente orde establece-lo procedemento polo que as bibliotecas e axencias de lectura poderán a pasar a formar parte da rede de bibliotecas de Galicia, xa sexa a través da creación de servicios polo concello en colaboración coa Consellería de Cultura, xa sexa por integración posterior na citada rede de bibliotecas de Galicia.

Artigo 2º

Poderán solicita-la creación dun servicio bibliotecario e a súa integración na rede de bibliotecas de Galicia tódolos concellos de Galicia.

Artigo 3º

1. O expediente de creación da biblioteca ou axencia de lectura iniciarase mediante instancia dirixida ó conselleiro de Cultura (anexo I) que será presentada nas delegacións provinciais da Consellería de Cultura ou por calquera dos procedementos previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e irá acompañada da seguinte documentación:

a) Certificación do acordo do Pleno da Corporación, de solicita-la creación dunha biblioteca ou dunha axencia de lectura municipal e de comprometerse a facerse cargo dos gastos de persoal e do seu mantemento, incluíndo para tal efecto os citados gastos nos orzamentos do concello.

b) Plano do local onde pretende instala-lo servicio bibliotecario, con tódolos datos necesarios para o correcto coñecemento do proxeto e informe das obras que se pretenden realizar, no caso de seren necesarias.

2. A Consellería de Cultura, a través dos servicios técnicos da Dirección Xeral de Cultura, examinará e redactará informe sobre a idoneidade e calidade dos locais presentados nun prazo de 3 meses. En función deste informe, do compromiso co concello para o mantemento do centro, e da maior ou menor necesidade social -poboación pendente de atención, servicios e necesidades existentes e carencia ou non de centros de lectura na zona- estableceranse as prioridades correspondentes. O director xeral de Cultura elevará a correspondente proposta ó conselleiro de Cultura, quen resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias. Esta resolución de ser positiva, estará condicionada á sinatura dun convenio co concello solicitante no prazo sinalado na mesma resolución, e será efectiva a partir da sinatura do citado convenio.

Artigo 4º

Unha vez comunicada a resolución do conselleiro de Cultura, as bibliotecas seleccionadas deberán solicita-la súa inscrición no rexistro de bibliotecas de Galicia.

Artigo 5º

1. En caso de acordarse a creación dunha nova biblioteca municipal ou axencia de lectura coa colaboración da Consellería de Cultura, o concello terá as seguintes obrigas:

-Dotará a biblioteca ou axencia de lectura de locais adecuados, e de acordo cos artigos 8 e 9 do Decreto 24/1995, do 20 de xaneiro, polo que se regulan os centros bibliotecarios fixos.

-Consignará nos seus orzamentos as partidas adecuadas para atende-los gastos de mantemento do local, do mobiliario, de funcionamento e para a actualización de fondos bibliográficos da biblioteca.

-Dotará a biblioteca ou axencia de lectura do persoal técnico ou auxiliar necesario, tento en conta o estipulado no Decreto 24/1995, do 20 de xaneiro, polo que se regulan os centros bibliotecarios fixos. A contratación de persoal deberá facerse segundo convocatoria e temario aprobado pola Consellería de Cultura, Dirección Xeral de Cultura, que enviará un representante con coñecementos técnicos ou biblioteconomía para formar parte do tribunal de oposicións.

2. A Consellería de Cultura, pola súa parte, asumirá as seguintes obrigas:

-Dotará a biblioteca ou axencia de lectura do mobiliario necesario para o seu correcto funcionamento.

-Dotará a biblioteca ou axencia de lectura dun lote fundacional de libros, composto alomenos polas obras de referencia, préstamo a domicilio e infantís e xuvenís suficientes como para poñer en marcha

os correspondentes servicios do centro. Este lote non deberá ser inferior ós 1.500 títulos. O número de títulos en galego non deberá ser inferior ós 500.

-Ofrecerá a asesoría técnica necesaria para a correcta posta en marcha da biblioteca ou axencia de lectura.

-Integrará a biblioteca ou axencia de lectura na rede de bibliotecas de Galicia.

3. Todas estas obrigas e outras que acordaren ámbalas partes, recolleranse nun convenio, que deberá ser asinado polo conselleiro de Cultura e o alcalde-presidente do concello que solicitara a creación do servicio.

Artigo 6º

Subscrito o devandito convenio, procederase á creación formal do novo centro bibliotecario mediante orde do conselleiro de Cultura publicada no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7º

En caso de solicitarse axuda para ampliación ou reinstalación dunha biblioteca ou axencia de lectura (anexo I), a colaboración da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia establecerase en función dos materiais e servicios xa existentes e das novas necesidades xurdidas ante o cambio. Non será necesario neste caso a sinatura dun novo convenio nin a creación formal do novo servicio bibliotecario mediante orde do conselleiro de Cultura.

Artigo 8º

Poderán solicita-la integración dun servicio bibliotecario na rede de bibliotecas de Galicia os titulares dos centros bibliotecarios xa existentes ós que se refire o Decreto 24/1995, do 20 de xaneiro, polo que se regulan os centros bibliotecarios fixos. Tamén poderán integrarse os centros recollidos no Decreto 38/1991, do 1 de febreiro, polo que se regula o funcionamento das bibliotecas itinerantes de préstamo. Para poder acceder á integración na rede de bibliotecas de Galicia, unha biblioteca deberá previamente estar inscrita no Rexistro de Bibliotecas de Galicia.

Artigo 9º

O expediente de integración na rede de bibliotecas de Galicia dun centro bibliotecario xa existente, iniciarase mediante instancia dirixida polo titular da biblioteca ó conselleiro de Cultura (anexo II) que irá acompañada da seguinte documentación:

a) Copia da instancia de solicitude de inscrición no Rexistro de Bibliotecas de Galicia.

b) En caso de ter asinado convenio previo coa Consellería de Cultura, copia deste.

Artigo 10º

O conselleiro de Cultura, por proposta do director xeral de Cultura, resolverá a inclusión ou non do centro bibliotecario na rede de bibliotecas de Galicia. Esta resolución, de ser favorable, estará con

dicionada ó asinamento dun convenio que deberá axustarse ó estipulado na presente orde e que poderá responder nos restantes termos ás especiais características de cada tipo de centros. Este convenio deberá ser asinado dentro do prazo que a mesma resolución sinale, sendo efectivo a partir da dita sinatura. O non asinamento do convenio neste prazo deixará sen efectos a posible resolución favorable e suporá o arquivo definitivo da solicitude.

Artigo 11º

1. As bibliotecas municipais que adquiran a condición de bibliotecas comarcais deberán asinar un novo convenio que recolla esta especial consideración.

2. Os centros bibliotecarios que non asinen o correspondente convenio coa Consellería de Cultura agás os xestionados por ela non poderán formar parte da rede de bibliotecas de Galicia.

Artigo 12º

Os centros bibliotecarios que se integren na rede de bibliotecas de Galicia deberán presta-la súa colaboración nos planos e proxectos de cooperación, coordinación e normalización segundo os termos do convenio asinado.

Esta pertenza á rede de bibliotecas de Galicia daralle acceso a participar e ser beneficiaria dos citados planos e proxectos. Iso supón:

-A participación nos planos de informatización da rede de bibliotecas de Galicia.

-O acceso ás bases de datos do Centro Superior Bibliográfico de Galicia.

-A posibilidade, en función do tipo de biblioteca, de participación nos envíos de lotes de libros realizados periodicamente pola Dirección Xeral de Cultura.

-O acceso ós servicios e participación nos programas de catalogación compartida ou centralizada.

-A participación no programa de préstamo interbibliotecario.

-A integración do centro bibliotecario nos programas de recuperación, conservación microfilmación, dixitalización ou rexistro en calquera outro sistema de memoria, de materiais de especial interese que poidan ser levados a cabo.

-A participación prioritaria dos profesionais das bibliotecas da rede de bibliotecas de Galicia nos cursos de formación e perfeccionamento realizados pola Consellería de Cultura.

Artigo 13º

O incumprimento do convenio poderá ser motivo de exclusión temporal ou definitiva do centro bibliotecario de que se trate da rede de bibliotecas de Galicia.

Disposición transitoria

No prazo de dous anos contados a partir do día seguinte á entrada en vigor desta orde, deberán ser revisados tódolos convenios das bibliotecas asinados con anterioridade á publicación da mesma.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Cultura para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 1995.

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

Conselleiro de Cultura

8325