Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Martes, 26 de decembro de 1995 Páx. 9.634

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 29 de novembro de 1995, da Dirección Xeral de Industria, pola que se lle autoriza a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica á empresa Productos del Ulla, S.L., e se inclúe no réxime especial creado polo Real decreto 2366/1994. (Expediente número 299/1995).

A empresa Productos del Ulla, S.L., con domicilio para efectos de notificacións en Trasdaveiga nº 14, 36612 Catoira (Pontevedra), con data do 14 de agosto de 1995 solicitou autorización administrativa para a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica, para os efectos do recoñecemento da súa condición de instalación acollida ó réxime especial do Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións hidráulicas, de coxeración e outras abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, e da súa inclusión no grupo d) do artigo 2 do dito real decreto, e xunta para tales efectos o preceptivo anteproxecto da instalación, o estudio dos rendementos enerxéticos acadables e do aforro de enerxía que se conseguirá coa posta en servicio das instalacións proxectadas, e o resto da documentación a que fai referencia o artigo 5.4º do citado real decreto.

A devandita planta de coxeración situarase nos terreos da factoría, dedicada á producción de productos cerámicos, que a referida empresa ten en Trasdaveiga, Catoira (Pontevedra).

Resultando que de conformidade co establecido no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, de aplicación ó presente expediente en virtude do establecido na disposición transitoria primeira da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional, a Delegación Provincial de Pontevedra, dictou Resolución do 6 de setembro de 1995 pola que se someteu a información pública a autorización administrativa da instalación da referida planta de coxeración, que se publicou no DOG do 4-10-1995 e no BOP de Pontevedra do 27-9-1995, non presentándose no período legalmente establecido para iso alegación ningunha.

Resultando que a planta de coxeración, da que se solicita autorización administrativa ten as seguintes características técnicas básicas:

-Dous grupos motoxeradores de 500 kVA de potencia c/u, con motor diesel e xerador síncrono, que aproveitarán a producción simultánea de calor e electricidade. Equipos auxiliares de almacenamento de combustible, regulación, control e interconexión á rede.

Resultando que a solicitude obxecto deste expediente recibiu o informe favorable da Delegación Provincial de Pontevedra.

Considerando que a Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente con base no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, no Decreto 132/1982, do 4 de novembro e no Decreto 209/1990, do 15 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polos decretos 140/1991, do 2 de maio, e 292/1995, do 3 de novembro, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e o Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro.

Considerando que se cumpriu a tramitación regulamentaria, e que a planta de coxeración proxectada supera os rendementos enerxéticos mínimos que para o combustible en cuestión se establecen no anexo do citado Real decreto 2366/1994.

Esta dirección xeral,

RESOLVE:

Primeiro.-Autoriza-la instalación dunha planta de coxeración á empresa Productos del Ulla, S.L., que se situará nas instalacións da factoría que a dita empresa ten en Trasdaveiga, Catoira (Pontevedra).

Segundo.-Recoñecerlle á planta de coxeración autorizada a condición de instalación acollida ó réxime especial do Real decreto 2366/1994, e incluíla no grupo d) do artigo 2 do dito real decreto.

Como requisito necesario para a aplicación á devandita instalación do réxime especial, a citada empresa deberá inscribir aquela no Rexistro de Instalacións de Producción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xullo de 1995 (DOG do 14-7-1995), para o que acreditará o cumprimento das condicións previstas no artigo 11 do Real decreto 2366/1994, presentando a documentación que figura nas instruccións dictadas por esta dirección xeral en desenvolvemento da citada orde.

O promotor presentará perante a Delegación Provincial da Coruña, no prazo dun ano contado a partir da data de publicación no DOG da presente resolución, o proxecto de execución da planta de coxeración autorizada, o cal conterá os datos e condicións técnicas para a realización das instalacións de conexión da central á rede, que serán facilitados pola empresa que distribúa enerxía eléctrica na zona, así como o punto de interconexión.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso ordinario perante o conselleiro de Industria e Comercio, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte da súa publicación.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 1995.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria

95-6885