Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Venres, 22 de decembro de 1995 Páx. 9.600

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 30 de novembro de 1995 pola que se regula a concesión de subvencións de actividades de fomento do estudio e investigación da linguaxe xurídica.

O Estatuto de autonomía para Galicia, no seu artigo 5, especifica que a lingua propia de Galicia é o galego e que os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán dos medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento.

Segundo o artigo 27.20º, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva de promoción e o ensino da lingua galega en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e espe

cialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto na Constitución e nas leis orgánicas.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, no seu artigo 6, ordénalles ós poderes públicos que promovan o uso normal do galego nas súas relacións cos cidadáns e que dicten as disposicións necesarias para a normalización progresiva do galego.

Neste traballo de normalización do idioma é imprescindible poder contar cunha lingua precisa e suficientemente estudiada, especialmente en ámbitos fundamentais coma o xurídico.

Por outra banda, os poderes públicos de Galicia desexan acadar unha maior eficacia nas relacións coas organizacións profesionais e coas institucións xurídicas galegas sen ánimo de lucro, que posibilite e realce a importancia da nosa lingua e que promocione o uso dela entre os seus membros.

Tendo en conta todo isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria desexa fomenta-lo estudio e a investigación da linguaxe xurídica e quere colaborar coas organizacións e institucións anteditas para a realización de actividades que estean relacionadas coa normalización lingüística e que persigan as finalidades anteriormente citadas. Polo cal,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Suxeito.

A presente orde vai dirixida ás organizacións profesionais e institucións xurídicas galegas sen ánimo de lucro, legalmente constituídas.

Artigo 2º.-Obxecto.

Convócanse subvencións en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de actividades en lingua galega, que fomenten o estudio, a investigación e a promoción da linguaxe xurídica en galego con suxeición ás normas contidas na presente orde con cargo á partida orzamentaria 07.06.353F.480.0, por unha contía máxima total de 10.000.000 de ptas., correspondentes ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1996, e condicionado o citado gasto á existencia de crédito adecuado e suficiente no orzamento do exercicio do ano 1996, neste momento en trámite parlamentario.

Artigo 3º.-Requisitos.

Subvencionaranse as actividades que cumpran as seguintes condicións:

1. Estar correctamente realizadas en galego, segundo o disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

2. Realizarse entre o 1 de novembro de 1995 e o 31 de outubro de 1996.

Artigo 4º.-Exclusións.

Quedan excluídos do ámbito de aplicación da presente orde, aínda que cumpran os requisitos esixidos no artigo precedente, aquelas organizacións pro

fesionais e institucións xurídicas galegas que anteriormente recibisen algunha outra subvención da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, con estes mesmos obxectivos e dentro do ámbito temporal de vixencia desta orde.

Artigo 5º.-Criterios de concesión.

Consideraranse criterios preferentes de concesión da subvención, sen orde de prelación, os seguintes:

1. A realización de actividades que posibiliten a traducción de normativa xurídica estatal de aplicación directa na Comunidade Autónoma galega.

2. A realización de actividades que posibiliten a traducción de normativa xurídica estatal de aplicación supletoria na Comunidade Autónoma galega.

3. O ámbito que abranga a actividade tanto cuantitativa como cualitativamente considerado.

4. O número de participantes posibles.

Artigo 6º.-Limitacións.

A contía de cada subvención non poderá supera-la cantidade dun millón de pesetas por proxecto.

Artigo 7º.-Documentación.

No momento de face-la solicitude da subvención, os interesados presentarán a seguinte documentación:

1. Solicitude no anexo I da presente orde debidamente cuberto.

2. Acreditación da personalidade do solicitante e da súa representación.

3. Unha memoria descritiva dos contidos e dos procedementos do proxecto na que constarán tódolos datos referidos á subvención.

4. Orzamento desagregado de gastos correspondente ó custo real de realización do proxecto para o que se solicita a subvención.

5. Certificación bancaria orixinal da conta corrente ó nome da entidade solicitante na que desexen que se lle realice o pagamento.

6. Fotocopia do CIF da entidade.

Artigo 8º.-Entrega da documentación.

As solicitudes, xunto coa documentación citada no artigo precedente, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (edificio administrativo de San Caetano, s/n, Santiago de Compostela), no prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, sendo de aplicación o previsto no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º.-Procedemento.

Recibidas as solicitudes, valoraranse polos servicios competentes da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que procederán a aplica-los criterios e prioridades desta orde, redactando un informe-proposta de concesión, denegación ou exclusión, se fose o caso, das subvencións.

Artigo 10º.-Órgano informante.

Será competente para a elaboración do informe-proposta citado no artigo anterior unha comisión de avaliación presidida polo director xeral de Política Lingüística, ou a persoa na que delegue, e composta polos seguintes membros:

-A subdirectora xeral de Promoción e Ensino da Lingua Galega.

-O xefe do Servicio de Xestión e Promoción Lingüística.

-O xefe do Servicio de Planos e Programas do Ensino da Lingua Galega.

-Un funcionario proposto polo director xeral de Xustiza da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e nomeado polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

-A xefa da Sección de Xestión e Promoción Lingüística.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Política Lingüística, que actuará de secretario con voz e sen voto.

Artigo 11º.-Resolución.

Á vista do informe da comisión de avaliación, o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria dictará a resolución que porá fin á vía administrativa.

Para os efectos do disposto no artigo 59.5º b) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, as notificacións publicaranse no taboleiro de anuncios da Oficina de Información e Atención ó Cidadán da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (edificio administrativo de San Caetano, bloque 2, baixo, Santiago de Compostela), e no Diario Oficial de Galicia.

A concesión de anticipos e pagamentos parciais regularase de acordo coa lexislación vixente na materia.

Se no prazo de tres meses non recaese resolución expresa desta convocatoria, as solicitudes presentadas entenderanse desestimadas.

Artigo 12º.-Aceptación da subvención e compromisos.

As entidades seleccionadas terán que lle comunicar por escrito a súa aceptación da subvención concedida, e os compromisos que isto supón, á Dirección Xeral de Política Lingüística, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo máximo de dez días contados a partir da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

No caso de que a actividade orixine a elaboración de publicacións, escritos, comunicacións, relatorios, informacións ou publicidade, constará, coa mesma técnica cós créditos da entidade organiza

dora, o patrocinio da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, empregando para iso os logotipos aprobados pola imaxe corporativa da Xunta de Galicia, co seguinte texto: «Subvencionado pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Política Lingüística».

No suposto de que a actividade supoña a realización de conferencias ou congresos, a súa lingua oficial terá que se-lo galego nos termos recollidos na presente orde.

Artigo 13º.-Xustificación.

O prazo improrrogable de xustificación e entrega da totalidade da documentación que de seguido se cita, nas condicións expresas na presente orde, rematará o 31 de outubro de 1996.

Antes da citada data deberá remitírselle á Dirección Xeral de Política Lingüística, xunto cun escrito no que se cite o número de expediente e os documentos enviados:

1. Xustificantes orixinais, ou fotocopia compulsada, dos gastos realizados, de acordo coa resolución de concesión e nos termos expresados no proxecto presentado, por un valor mínimo equivalente á axuda outorgada, xunto cunha relación pormenorizada e numerada deles.

2. Certificación de atoparse ó día no pagamento das súas obrigas tributarias expedida pola correspondente delegación ou axencia do Ministerio de Economía e Facenda.

3. Certificación de atoparse ó día do pagamento das súas obrigas sociais expedida pola Tesourería da Seguridade Social.

4. Certificación de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia expedida pola Consellería de Economía e Facenda.

En relación cos xustificantes citados no número 1 deste artigo, as súas datas estarán comprendidas entre o 1 de novembro de 1995 e o 31 de outubro de 1996. No caso de estar exenta a entidade dalgunha das obrigas das que se esixe certificación, esta presentarase especificando a devandita exención.

Artigo 14º.-Perda da subvención.

De o resultado da actividade non se axustar ós datos que figuran no impreso de solicitude ou incumprir algunha das normas contidas na presente orde, revogarase a axuda logo da audiencia ó interesado, e este, se fose o caso, terá que reintegra-las cantidades percibidas.

No caso de que se lle conceda á mesma entidade no prazo de vigor da presente orde outra subvención para esta mesma finalidade, terá que llo comunicar

á Administración, sendo de aplicación o disposto no artigo 78.3º da Lei 11/1992, do 7 de outubro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

95-8142