Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Martes, 19 de decembro de 1995 Páx. 9.483

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 21 de novembro de 1995 pola que se convocan tres bolsas de biblioteconomía e documentación.

Conforme os fins atribuídos a este centro nos artigos 3.1º g) da Lei 10/1989, do 10 de xullo, 2.1º h) do Decreto 306/1990, do 24 de maio, e 5 do Decreto 336/1990, do 8 de xuño, faise pública a convocatoria de tres bolsas de biblioteconomía e documentación que se rexerá polas seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

Adxudicación de tres bolsas de biblioteconomía e documentación para a execución de tarefas desa natureza na biblioteca da Escola Galega de Administración Pública.

Segunda.-Dotación.

Cada bolsa consistirá na percepción de 132.857 pesetas mensuais como máximo desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 1996, sen prexuízo de que sexa prorrogada por un período de doce meses, en función do aproveitamento do adxudicatario, das necesidades de asistencia e colaboración nas tarefas encomendadas, e das dispoñibilidades orzamentarias.

Terceira.-Requisitos.

-Ser cidadán/cidadá español/a domiciliado en Galicia.

-Ser titulado/a superior universitario.

Cuarta.-Solicitudes e prazo de presentación.

1. Enviaranse á Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, nº 4, 15703 Santiago de Compostela, conforme o artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, segundo o modelo anexo, xunto coa seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI ou pasaporte.

-Certificación académica, con detalle das cualificacións obtidas na carreira.

-Declaración expresa de non ter contraída ningunha débeda coa Xunta de Galicia.

-Currículum vitae.

-Memoria descritia das tarefas dun bolseiro na biblioteca nun centro de formación de funcionarios públicos.

-Documentos que acrediten os coñecementos de galego e doutros idiomas, de informática (nivel usuario), especialidade en biblioteconomía e documentación.

Os documentos deberán ser orixinais ou copias cotexadas con eles.

2. O prazo de presentación é de 20 días naturais, contados desde o seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Quinta.-Selección.

Estará a cargo dun tribunal presidido polo secretario xeral da Escola Galega de Administración Pública,

do que formarán parte, como vocal, o xefe de estudios da Escola Galega de Administración Pública. Actuará como secretario o xefe do Servicio de Estudios, Investigación e Publicacións.

O tribunal estudiará, avaliará e relacionará por orde de puntuación os expedientes dos solicitantes admitidos, formados polas solicitudes e documentación xustificativa.

O correspondente tribunal está clasificado na categoría primeira, segundo o artigo 26 do Decreto 299/1990, do 24 de maio.

Na hipotese de que unha persoa renuncie á bolsa, a súa adxudicación recaería automaticamente na que a siga en puntuación, e así sucesivamente.

Sexta.-Obrigas dos bolseiros.

1. Acepta-la bolsa e incorporarse ás tarefas dentro dos dez días naturais, seguintes ó da notificación do outorgamento. De non facelo así, sen causa suficiente a xuízo do director, a Escola Galega de Administración Pública poderá chama-lo seguinte ou seguintes candidatos por orde de puntuación, da relación formada para este efecto polo tribunal.

2. Permanecer asiduamente en horario lectivo, en sesións de mañá e de tarde, nas instalacións que para estudio e investigación ten habilitadas a Escola Galega de Administración Pública, horario que determnará o xefe do Servicio de Estudios, Investigación e Publicacións.

3. Atende-las explicacións e instruccións que dicte o xefe do Servicio de Estudios, Investigación e Publicacións.

4. Presta-la súa colaboración en cantas actividades garde, conexión co obxecto desta convocatoria e que contribúan á realización do fin perseguido por esta.

5. Cubri-los informes ou partes de actividades que lles sexan requiridos.

Sétima.-Dereitos dos bolseiros.

1. A percepción mensual na súa conta corrente, do líquido que resulte de aplicarlle á mensualidade de 132.857 ptas. a retención fiscal que proceda.

2. Os adxudicatarios adquiren exclusivamente a condición de bolseiros, coas obrigas e dereitos propios da mesma conforme a estas bases, sen ningún outro vínculo laboral ou administrativo.

Oitava.-Eficacia da adxudicación.

A eficacia da adxudicación quedará condicionada, por un lado á aprobación polo Consello Rector da Escola Galega de Administración Pública do plan de actividades para o ano 1996 no que figuren estas bolsas e por outro á aprobación e entrada en vigor dos orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 1996.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 1995.

Jaime Rodríguez-Arana Muñoz

Director da Escola Galega de Administración Pública

95-7876