Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Martes, 19 de decembro de 1995 Páx. 9.481

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 20 de novembro de 1995 pola que se convocan catro bolsas de colaboración en tarefas de estudio e investigación.

Conforme os fins atribuídos a este centro nos artigos 3.1º g) da Lei 10/1989, do 10 de xullo, 2.1º h) do Decreto 306/1990, do 24 de maio, e 5 do Decreto 336/1990, do 8 de xuño, faise pública a seguinte convocatoria, que se rexerá polas seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

Adxudicación de catro bolsas de colaboración en tarefas de estudio e investigación, das que dúas serán sobre materias xurídico administrativas e dúas sobre materiais político-administrativas.

Segunda.-Dotación.

Cada bolsa consistirá na percepción de 132.857 pesetas mensuais como máximo desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 1996.

O gasto que se proxecta está condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente.

Terceira.-Requisitos.

-Ser cidadán/cidadá español/a domiciliado en Galicia.

-Ser titulado/a superior universitario.

Cuarta.-Solicitudes e prazo de presentación.

1. Enviaranse á Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, nº 4, 15703 Santiago de Compostela, conforme o artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, segundo o modelo anexo, xunto coa seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI ou pasaporte.

-Certificación académica, con detalle das cualificacións obtidas na carreira.

-Memoria descritiva do proxecto de investigación en cinco folios, como mínimo, e dez, como máximo, explicando os obxectivos concretos de investigación, a posibilidade de aplicación práctica dos resultados, nun centro de formación de funcionarios públicos.

-Currículum vitae.

-Declaración expresa de que non ten contraída ningunha débeda coa Xunta de Galicia.

Os documentos deberán ser orixinais ou copias cotexadas con eles.

2. O prazo de presentación é de 20 días naturais, contados desde o seguinte ó da publicación desta convocatoria.

Quinta.-Selección.

Estará a cargo dun tribunal presidido polo secretario xeral da Escola Galega de Administración Pública,

José Antonio Frutos Páez ou persoa en quen delegue, do que formarán parte, como vocal, Manuel Matías Cano Vera, xefe de estudios da Escola Galega de Administración Pública. Actuará como secretario, Manuel Braña Gutiérrez, xefe do Servicio de Estudios, Investigación e Publicacións da Escola Galega de Administración Pública.

O tribunal estudiará, puntuará e relacionará por orde de puntuación os expedientes dos solicitantes admitidos, formados polas solicitudes e documentación xustificativa.

O correspondente tribunal está clasificado na categoría primeira, segundo o artigo 26 do Decreto 299/1990, do 24 de maio.

Sexta.-Obrigas dos bolseiros.

1. Acepta-la bolsa e incorporarse ás tarefas dentro dos dez días naturais, seguintes ó da notificación do outorgamento. De non facelo así, sen causa suficiente a xuízo do director, a Escola Galega de Administración Pública poderá chama-lo seguinte ou seguintes candidatos por orde de puntuación, da relación formada para este efecto polo tribunal.

2. Permanecer asiduamente en horario lectivo, en sesións de mañá e/ou de tarde, nas instalacións que para estudio e investigación ten habilitadas a Escola Galega de Administración Pública, horario que sinale o xefe do Servicio de Estudios, Investigación e Publicacións.

3. Atende-las explicacións e instruccións que dicte o xefe do Servicio de Estudios, Investigación e Publicacións.

4. Presta-la súa colaboración en cantas actividades garden conexión co obxecto desta convocatoria e que contribúan á realización do fin perseguido por esta.

5. Cubri-los informes ou partes de actividades que lles sexan requiridos.

Sétima.-Dereitos dos bolseiros.

1. A percepción mensual na súa conta corrente, do líquido que resulte de aplicarlle á mensualidade íntegra a retención fiscal que proceda.

2. Os adxudicatarios adquiren exclusivamente a condición de bolseiros, coas obrigas e dereitos propios da mesma conforme a estas bases, sen ningún outro vínculo laboral ou administrativo.

Oitava.-Eficacia da adxudicación.

A eficacia da adxudicación quedará condicionada, por un lado á aprobación polo Consello Rector da Escola Galega de Administración Pública do plan de actividades para o ano 1996 no que figuren estas bolsas e por outro á aprobación e entrada en vigor dos orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 1996.

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 1995.

Jaime Rodríguez-Arana Muñoz

Director da Escola Galega de Administración Pública

95-7869