Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Martes, 19 de decembro de 1995 Páx. 9.460

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 324/1995, do 2 de decembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Cangas (Pontevedra), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de colector de augas residuais e E.D.A.R. en Cangas.

O Concello de Cangas (Pontevedra), en sesión celebrada o día 28 de xullo de 1995, aprobou o proxecto de colector de augas residuais e E.D.A.R. en Cangas e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 3-11-1995 de baixo o número 10172.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 10 de novembro de 1995, co nº de rexistro de entrada 10522.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque a vila de Cangas, sita na península do Morrazo, na marxe dereita da ría de Vigo, é das que máis creceu nos derradeiros anos na provincia de Pontevedra, situándose arredor dos 15.000 habitantes. Esta cantidade vese bastante incrementada coas parroquias estremeiras. Para a evacuación das súas augas residuais, Cangas conta na actualidade cun sistema de rede de sumidoiros que verten as súas augas directamente e sen tratamento ningún á ría en diversos puntos, desde praia Rodeira ata punta Balea, efectuándose estes vertidos na mesma liña de costa. Todo isto trae consigo unha serie de problemas graves como malos cheiros, contaminación do medio mariño, contaminaicón das praias próximas ou a incidencia de todo isto na saúde dos cidadáns.

Por todo o exposto, é imprescindible e urxente a execución desta obra que establece o saneamento completo da vila de Cangas e parroquias estremeiras. En consecuencia, é moi necesaria a urxente ocupación dos terreos e bens afectados por esta obra.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de decembro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Cangas (Pontevedra), para efectos de expropiación forzosa, dos bene dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de colector de augas residuais e E.D.A.R. en Cangas.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 1995.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior

e Relacións Laborais

95-8100