O Concello de Vilasantar considerou conveniente adopta-lo seu escudo heráldico para perpetuar, con simboloxía adecuada e conforme as normas da heráldica, os feitos máis relevantes e peculiares do seu pasado histórico. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións vixentes, elevou o correspondente informe e memoria descritiva par aa súa aprobación definitiva.
A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos e bandeiras dos concellos e doutras entidades locais, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.
O expediente instruíuse conforme as normas do procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo R.d. 2568/1986, do 28 de novembro, e mais no Decreto 258/1992, do 10 de setembro, da Xunta de Galicia, polo que se regula o procedemento e normas heráldicas para a adopción, modificación ou rehabilitación dos escudos e bandeiras das corporación locais e doutras entidades locais.
Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de decembro de mil novecentos noventa e cinco,
DISPOÑO:
Artigo único.-Aproba-lo escudo heráldico do Concello de Vilasantar, que quedará organizado do seguinte xeito: de azur, un báculo de ouro, co seu pano ou veo abacial de prata, resaltado de tres ondas de prata e acompañado, no cantón destro do xefe, dunha cruz de ouro; bordura de prata con sete aspas de gules. No timbre, coroa real pechada.
Santiago de Compostela, dous de decembro de mil novecentos noventa e cinco.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Juan Miguel Diz Guedes
Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais
6728