Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Martes, 19 de decembro de 1995 Páx. 9.454

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 320/1995, do 2 de decembro, de regularización de situacións dos ocupantes e cambio de réxime nas vivendas de promoción pública.

Con data 25 de maio de 1994 publicouse no DOG o Decreto 133/1994, do 13 de maio, de regularización de situacións dos ocupantes e cambio de réxime nas vivendas de promoción pública, co obxecto de darlle solución a unha serie de situacións irregulares e de problemas subxectivos xurdidos en determinadas vivendas de promoción pública.

A casuística orixinada pola aplicación práctica do citado decreto, aconsella a publicación dun novo que se adapte a tódalas situacións existentes co fin de facilita-la regularización, se é o caso a amortización anticipada de vivendas en acceso diferido ou o cambio de réxime de alugueiro a compravenda.

Por todo isto, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dous de decembro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Vivendas de titularidade do IGVS.

Os usuarios de vivendas de promoción pública de titularidade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante IGVS) que carezan de título para a súa ocupación poderán regulariza-la súa situación, solicitando perante o dito organismo o outorgamento do correspondente contrato. De se-lo caso, será preciso resolver previamente a relación xurídica anterior a través do procedemento establecido na lexislación de vivendas de protección oficial.

Artigo 2º.-Vivendas en compravenda.

1. A mesma regularización poderá efectuarse nas vivendas adxudicadas en compravenda. Antes de proceder á regularización destas vivendas será necesaria a previa substanciación do procedemento legal de resolución do contrato que continúe vixente, subscrito co anterior titular, nos termos establecidos na normativa de aplicación ás vivendas de protección oficial, na Lei de expropiación forzosa e normas de desenvolvemento.

2. Se o usuario da vivenda accedese a ela por transmisión do adxudicatario ou dos que daquel trouxeren causa, poderá o IGVS, logo de acreditación do cumprimento dos demais requisitos establecidos neste decreto, formaliza-la adxudicación a favor do mencionado ocupante, sempre que se produza unha renuncia ou recoñecemento formal da transmisión.

Se existe renuncia formal do titular adxudicatario da vivenda ou dos seus herdeiros, entenderase resolto o contrato subscrito con el.

Se a cesión tivese lugar mediante documento privado polo que se transferise a posesión e a propiedade da vivenda, ou mediante documento público non subscrito por tódolos cotitulares ou herdeiros, antes de resolve-lo contrato daráselles audiencia por un prazo de dez días, co fin de que se advere ou complemente a documentación.

Artigo 3º.-Prazo.

1. O prazo para solicita-la regularización á que se fai referencia nos artigos anteriores será de seis meses a partir da entrada en vigor do presente decreto. As peticións presentaranse nas oficinas do Instituto Galego da Vivenda e Solo ou nas súas xefaturas provinciais, onde se facilitarán os modelos de solicitude.

2. Se neste prazo non se solicita a dita regularización, o IGVS procederá a recupera-la titularidade da vivenda e ó lanzamento dos ocupantes.

Artigo 4º.-Procedemento.

1. A regularización das situacións a que se refire o presente decreto requirirá a tramitación do correspondente expediente que será resolto polo IGVS nun prazo máximo de seis meses.

2. A falta de resolución expresa dos expedientes instruídos ó abeiro deste decreto, terá efectos desestimatorios transcorrido o prazo de seis meses a que se refire o parágrafo anterior.

Artigo 5º.-Documentación.

Para acollerse ós beneficios da presente norma, será necesario acredita-la necesidade real da vivenda e que o ocupante reúne os requisitos do Decreto 98/1992, do 26 de marzo, sobre financiamento e adxudicación de vivendas de promoción pública. En canto ó límite máximo de ingresos, será aplicable o disposto na disposición adicional terceira do referido decreto.

Para estes efectos, ás solicitudes deberá xuntárselle, segundo a petición de que se trate, a seguinte documentación:

A) Documento que acredite a cesión da vivenda, de se-lo caso.

B) Certificado municipal de empadroamento do solicitante e das persoas que conviven con el, indicando a data de alta no padrón.

C) Copia da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas do último exercicio vencido do que xa rematase o prazo de presentación da declaración. No caso de non estar obrigado, presentaranse os documentos que procedan de entre os seguintes:

-Certificado da Delegación de Facenda de que os solicitantes non constan como declarantes.

-Contrato de traballo e copia da declaración presentada pola empresa perante a Facenda pública

na que se acrediten os ingresos, e perante a Seguridade Social na que se acrediten as cotizacións correspondentes.

-No caso de traballadores autónomos, copia da alta no imposto de actividades económicas, así como fotocopia das declaracións preceptivas presentadas perante a Facenda pública e a Seguridade Social.

-No caso de pensionistas, perceptores de prestacións por desemprego ou calquera outra prestación periódica, certificado expedido polo organismo oficial correspondente.

D) Declaración de que ningún membro da unidade familiar foi propietario dunha vivenda de promoción pública nin dispón, en propiedade ou arrendamento, de ningunha outra vivenda.

E) Certificación do catastro da provincia onde estas situada a vivenda, que acredite a relación de bens inmobles de natureza rústica ou urbana titularidade dos solicitantes e o seu valor catastral, ou, de se-lo caso, a inexistencia de inmobles ó seu nome.

F) Documento acreditativo da renuncia do cedente ou dos seus herdeiros a cantos dereitos lles correspondan sobre a vivenda, ou documento acreditativo do recoñecemento da transmisión efectuada. A forma de acreditación da renuncia sobre a vivenda ou do recoñecemento de transmisión, será por comparecencia ante o IGVS ou fedatario público e sinatura da correspondente acta.

Artigo 6º.-Prezo da compravenda.

A cesión da vivenda ó seu peticionario outorgarase en réxime de compravenda.

O prezo da compravenda fixarase segundo o estudio económico que serviu de base no seu día para a adxudicación da vivenda. O prezo será o que lle correspondería pagar a un adxudicatario en concepto de amortización de capital e xuros desde a data de adxudicación ata a data de solicitude de regularización, máis o que lle quede en concepto de capital pendente. O importe das cantidades satisfeitas en concepto de amortización de capital descontarase do prezo de venda agás no suposto de que para a nova adxudicación fose preciso incoar previamente expediente expropiatorio.

Artigo 7º.-Amortización anticipada de vivendas.

1. Os titulares lexítimos das vivendas cedidas en réxime de acceso diferido que soliciten a amortización anticipada delas perante o IGVS poderán acollerse ós beneficios de reducción previstos no artigo 2.2º do Decreto 98/1992, do 26 de marzo, sobre financiamento e adxudicación de vivendas de promoción pública, aplicados ó capital pendente de amortizar, e sempre que cumpran os requisitos establecidos en dito decreto.

2. O prazo para solicita-la amortización anticipada e o procedemento serán os establecidos nos artigos 3º.1 e 4º, respectivamente, da presente norma.

Artigo 8º.-Cambio de réxime.

1. Os titulares lexítimos de vivendas en réxime de alugueiro que estean ó corrente do pagamento das rendas por alugueiro así como das cotas por prestación de servicios individuais e comúns desde a data de ocupación, poderán acceder á súa propiedade solicitando previamente o cambio de réxime perante o IGVS.

2. O prezo de venda será o do estudio económico vixente na data de celebración do contrato de arrendamento. En ningún caso do dito prezo poderán descontarse as cantidades satisfeitas en concepto de renda.

3. No relativo ó procedemento será aplicable o establecido no artigo 4 do presente decreto.

Artigo 9º.-Forma de pagamento.

O pagamento do prezo de venda da vivenda poderá facerse:

A) Ó contado, aboando con carácter previo á sinatura da escritura a totalidade do prezo. Este sistema será obligatorio para tódalas vivendas adxudicadas ó abeiro das disposicións anteriores ó Real decreto-lei 31/1978, do 31 de outubro, sobre política de vivendas de protección oficial.

B) Aprazando o pagamento por un tempo igual ó que lle resta para amortizar ós adxudicatarios orixinais do grupo no que estea incluída a vivenda. Neste caso deberase facer unha entrega incial do 10% do prezo con carácter previo á formalización do contrato, aprazando o resto da cantidade polo prazo anteriormente sinalado, cun interese do 5% anual e cotas mensuais crecentes anualmente nun 4%.

Naqueles casos nos que transcorrese o prazo de amortización do grupo ou este fose inferior a cinco anos, fixarase este prazo de cinco anos como período para o cálculo das cotas mensuais do prezo aprazado.

Artigo 10º.-Impostos e cotas por prestación de servicios.

Para poder acollerse ós beneficios da presente norma será necesario que os usuarios das vivendas acrediten ter satisfeitas tódalas cotas por prestación de servicios individuais e comúns e os impostos que graven a vivenda desde a data de ocupación.

Disposicións transitorias

Primeira.-Os expedientes que se atopen en trámite ó abeiro do Decreto 133/1994, do 13 de maio, de regularización de situacións dos ocupantes e cambio de réxime nas vivendas de promoción pública, poderán acollerse ó presente decreto, escollendo, dentro do prazo de dous meses desde a súa entrada en vigor, a opción que lles resulte máis vantaxosa. No caso de que non se produza a opción por un dos réximes, aplicaráselle de oficio, logo de estudio do expediente, a máis vantaxosa delas.

Segunda.-As medidas previstas no presente decreto non se estenderán ás situacións que se produciron a partir do 26 de maio de 1994, excepto para os supostos de cambio de réxime recollidos no artigo 8º.

Disposicion derrogatoria

Primeira.-Queda derrogado o Decreto 133/1994, do 13 de maio, de regularización de situacións dos ocupantes e cambio de réxime nas vivendas de promoción pública, salvo para o disposto na disposición transitoria primeira da presente norma, así como, en xeral, tódalas disposicións de igual ou inferior rango en canto se opoñan ó disposto no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase ó conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de decembro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

9508092