Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Venres, 15 de decembro de 1995 Páx. 9.411

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 28 de novembro de 1995 pola que se convocan dous cursos prácticos de emerxencia no transporte de mercadorías perigosas, dirixidos ós bombeiros e bombeiros-conductores dos parques de bombeiros de Galicia.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1996 e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, a formación dos bombeiros é unha das tarefas encomendadas á devantida academia.

Con base no anterior anúnciase a celebración de dous cursos prácticos de emerxencia no transporte de mercadorías perigosas, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

Dota-los participantes dunha formación en técnicas de intervención de bombeiros en situación de emerxencia no transporte de mercadorías perigosas.

Destinatarios.

Os cursos van dirixidos ós bombeiros e bombeiros-conductores dos parques de bombeiros de Galicia.

Prazas.

O número de prazas ofertadas para cada curso é de 30.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar nestes cursos deberán presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo, acompañada dunha fotocopia do DNI.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 4 de xaneiro de 1996 ás 14 horas.

3. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: rúa de Madrid, 2-4, Polígono das Fontiñas, 15703 Santiago de Compostela, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido e duración.

Os cursos serán eminentemente prácticos e celebraranse en sesións de mañá e tarde, tendo unha duración de 20 horas lectivas, e neles trataranse, entre outros, os seguintes temas:

a) Normativa vixente no transporte de mercadorías perigosas (TMP). Documentos no transporte. Responsabilidades xurídicas.

b) Definicións e clasificacións de materias perigosas. Estados da materia e reaccións químicas.

c) Fichas de seguridade de productos químicos no transporte de mercadorías perigosas.

d) Transporte das distintas mercadorías perigosas por estrada e ferrocarril. Características e principais riscos. Medidas de seguridade. Etiquetado e sinalización.

e) GLP. Envasado. Transvase e transporte. Caso práctico nunha empresa instalada en Galicia.

f) Envases e embalaxes de mercadorías perigosas. Tipos e homologación.

g) Accidentes maiores no sector químico. Medidas para adoptar. Plan de emerxencia.

Profesorado.

Os cursos serán impartidos por profesores especialistas da materia que se vai impartir.

Datas.

Os cursos celebraranse nas seguintes datas:

-Primeiro curso: dirixido a bombeiros dos parques da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela e Lugo, na semana do 15 ó 19 de xaneiro de 1996.

-Segundo curso: dirixido a bombeiros dos parques de Pontevedra, Vigo, Ourense e Monforte de Lemos, na semana do 22 ó 26 de xaneiro de 1996.

O horario será o seguinte:

* Primeiro día: de 15.30 a 20.30 horas, en Santiago de Compostela.

* Segundo día: de 9.30 a 19.30 horas, en Monforte de Lemos.

* Terceiro día: de 9 a 12 horas, en Santiago e de 15.30 a 19.30 horas na Coruña.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 9 de xaneiro de 1996 no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono (981) 56 34 00.

Lugar.

Na sede da Academia Galega de Seguridade, sita na rúa de Madrid 2-4, Polígono das Fontiñas, Santiago de Compostela.

Certificado de participación e aproveitamento.

Ó remate de cada curso entregarase un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el, non podendo supera-las faltas de asistencia un 15% do total da duración de horas lectivas do curso; unha inasistencia superior ó 15%, aínda que sexa xustificada, e a non superación das correspondentes probas de coñecementos, impedirá a expedición do certificado.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 1995.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

8086