Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Venres, 15 de decembro de 1995 Páx. 9.394

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 13 outubro de 1995 pola que se convocan encontros e actividades de formación e intercambios de experiencias para os coordinadores e membros dos equipos de normalización lingüística, e para o profesorado en xeral, dos centros de ensino non universitario públicos, privados e privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través das ordes do 12 de xuño e do 26 de xullo de 1990 (DOG do 5 de xullo e do 17 de agosto, respectivamente) dispuña, entre outras cuestións, que nos centros de ensino non universitario, públicos, privados e privados concertados dependentes dela debía deseñarse un plan xeral para o uso do idioma e un plan específico para o ensino en lingua galega, promovidos e coordinados ámbolos dous por un equipo de normalización lingüística constituído especialmente para iso en cada centro.

Cómpre dinamiza-las actuacións deses equipos, promovendo a formación dos seus membros e o intercambio e a difusión das experiencias dos distintos centros, o cal vai axudar tamén a que se cumpra o disposto no Decreto 247/1995, polo que se desenvolve o que para o ensino non universitario establecía a Lei 3/1983, de normalización lingüística. Por todo isto, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º

1. Convócanse encontros e actividades de formación e intercambios de experiencias para os coordinadores e membros dos equipos de normalización lingüística constituídos nos centros educativos non universitarios públicos, privados e privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia, e para o profesorado en xeral. Estes encontros e actividades celebraranse ó longo do ano 1996.

2. A finalidade destes encontros e actividades é a formación do profesorado, para consegui-la normalización lingüística dos centros e a galeguización do ensino en xeral, tal e como dispoñen o Decreto 247/1995 e mailas ordes citadas no preámbulo desta orde.

3. O contido destes encontros e actividades centrarase fundamentalmente nas actuacións previstas no plan xeral para o uso do idioma e no plan específico para o ensino en lingua galega, consignados polos centros dentro do seu proxecto educativo, e mais no establecido no Decreto 247/1995.

4. Todo o que se leve a cabo nestes encontros e actividades farase en galego, de acordo co disposto na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (disposición adicional) e no Decreto 173/1982, do 17 de novembro, de normativización da lingua galega.

Artigo 2º

Os módulos económicos que se fixen para estes encontros e actividades poderán comprender:

-Gastos de desprazamento dos coordinadores e dos profesores docentes, sempre que o concello no

que se celebren sexa distinto daquel no que está situado o centro no que teñen destino.

-Retribución ós relatores ou conferenciantes, no caso de que os haxa, polas súas conferencias ou relatorios.

-Bolsas de asistencia para os profesores-alumnos en activo, para o desprazamento desde o centro de destino ata o lugar onde se celebre o encontro ou actividade, sempre que estean situados en concellos distintos.

-Dotación específica para material.

Artigo 3º

O número de asistentes a cada encontro ou actividade será de 15 persoas como mínimo.

Artigo 4º

As localidades de celebración, as datas de comezo e mailos correspondentes horarios determinaraos a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a través da Dirección Xeral de Política Lingüística, segundo as solicitudes e a súa distribución xeográfica.

Artigo 5º

Para solicitar ser admitido nestes encontros ou actividades utilizarase o formulario que figura como modelo no anexo desta orde. As solicitudes presentaranse ata o día 30 de xaneiro de 1996 no rexistro das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou tramitaranse por calquera dos medios que recolle o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sobre a admisión das solicitudes resolverá a correspondente delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Se no prazo de tres meses, contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, non recaese resolución expresa, as solicitudes presentadas entenderanse desestimadas.

Artigo 6º

1. A duración de cada encontro ou actividade poderá variar segundo a programación que se dispoña.

2. A asistencia a tódalas sesións destes encontros e actividades será obrigatoria.

3. Ás persoas que participen nos encontros e actividades outorgaráselles un certificado de asistencia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segundo.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

95-7989