Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Venres, 15 de decembro de 1995 Páx. 9.392

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 11 outubro de 1995 pola que se convocan cursos de iniciación e de perfeccionamento de lingua galega para mestres e profesores de secundaria, de ensinanzas medias e especiais, e de formación profesional, dos centros públicos, privados e privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tanto a Lei 3/1983, de normalización lingüística, coma o Decreto 247/1995, que a desenvolve no tocante ó ensino non universitario, buscan, por unha parte, que os alumnos vaian acabando cada unha das etapas do ensino cun dominio semellante do galego e do castelán, e, por outra, que o galego sexa a lingua de uso habitual non só da Administración educativa, senón tamén das actividades relacionais, organizativas e culturais dos centros educativos.

Para axudar a isto cómpre contar cun profesorado que coñeza e domine o galego dun xeito suficiente non só para imparti-las clases no idioma propio de Galicia, senón tamén para facelo coa calidade que axude a mellora-lo dominio que desa lingua teñen os alumnos.

A promoción e o ensino da lingua galega correspóndenlle á Consellería de Educación e Ordenación Unversitaria, tal e como o determinan os decretos 232/1994, polo que se establece a estructura orgánica da propia consellería, e 247/1995, antes citado. Consecuentemente, é labor desa consellería a organización dos cursos e das actividades formativas necesarias para que o persoal ó seu servicio acade o necesario dominio oral e escrito do idioma galego. Por todo isto, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º

1. Convócanse cursos de iniciación e de perfeccionamento de lingua galega para mestres e profesores de secundaria, de ensinanzas medias e especiais, e de formación profesional, dos centros públicos, privados e privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia, que se celebrarán naquelas localidades que determine a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Política Lingüística, segundo as solicitudes e a súa distribución xeográfica. Estes cursos celebraranse ó longo do ano 1996.

2. O comezo dos cursos, o lugar de celebración e o horario seu determinaraos a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Política Lingüística.

Artigo 2º

As solicitudes presentaranse, utilizando o modelo de formulario que figura como anexo a esta orde, no rexistro das respectivas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou ben por calquera dos medios que recolle o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación remata o 30 de xaneiro de 1996.

Artigo 3º

O número de asistentes a cada curso será de 30 como máximo e de 15 como mínimo.

Artigo 4º

1. Serán admitidos tódolos profesores solicitantes, segundo os datos debidamente acreditados que fagan constar na súa solicitude, asignándolles praza nunha localidade determinada en función das necesidades organizativas.

2. Para acceder ó curso de perfeccionamento será requisito indispensable ter aprobado o curso de iniciación (ou telo validado segundo o establecen as respectivas ordes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria). Ó formulario de solicitude unirase unha copia compulsada da correspondente certificación ou validación.

Artigo 5º

1. Os cursos terán unha duración de 75 horas e responderán ós contidos sinalados na Orde do 1 de marzo de 1989, pola que se regulan os cursos de iniciación e de perfeccionamento.

2. A asistencia ás clases é obrigatoria. A ausencia de cada un dos asistentes non poderá ser superior ó 10% da duración total do curso.

3. A avaliación que se realice nestes cursos deberá responder ós principios de formativa e continua e terá en conta o dominio oral e escrito do idioma, efectuándose as probas necesarias. Ó remate de cada curso, ós profesores asistentes que teñan superadas as distintas fases da avaliación outorgaráselles un certificado coa cualificación de «apto».

Artigo 6º

En tódolos cursos poderanse aboar bolsas de asistencia destinadas ós profesores alumnos en activo, para o desprazamento desde o seu centro de destino ó centro onde se celebre o curso, sempre que este último estea situado nun concello distinto.

Artigo 7º

Tódalas actividades que se realicen nos cursos faranse segundo o establecido na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (disposición adicional) e no Decreto 173/1982, do 17 de novembro, sobre a normativización da lingua galega.

Disposición derradeira

Primeira.-Autorízase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

9508127