Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Venres, 15 de decembro de 1995 Páx. 9.389

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 10 outubro de 1995 pola que se convocan axudas económicas para os proxectos e os traballos dos equipos de normalización lingüística e de potenciación do uso do galego nos centros educativos de educación infantil, primaria, xeral básica, especial e permanente de adultos, e de bacharelato, formación profesional e institutos de educación secundaria e profesional, respectivamente.

A Administración educativa de Galicia ten o deber de garantir que os alumnos, conforme van acabando cada un dos ciclos nos que o ensino do galego é obrigatorio, vaian acadando un dominio, oral e escrito, similar dos idiomas galego e castelán, tal e como determina o artigo 14.3º da Lei 3/1983, de normalización lingüística. Para poder conseguir iso, esta mesma lei obriga á Xunta de Galicia a que regulamente no ensino o uso desas dúas linguas oficiais en Galicia.

Esa regulamentación levouse a cabo a través do Decreto 247/1995, do 14 de setembro, e nel establécense as medidas que todo centro ten que tomar no relativo ó uso do galego non só como lingua da vida administrativa e cultural dos centros, senón tamén como idioma no que se imparten determinadas áreas ou materias.

Ademais, como órgano impulsor e dinamizador das medidas necesarias para levar a cabo o que dispón ese decreto, e, consecuentemente, para conseguir que os alumnos acaden o dominio do galego que establece a Lei de normalización lingüística, cada centro ten que constituír un equipo de normalización lingüística ou de potenciación do uso do galego, equipo que foi determinado e regulado xa polas ordes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 e do 24 de xullo de 1991. Por todo isto, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º

Convócanse axudas económicas destinadas a financia-los proxectos e os traballos que realicen no ano académico 1995/96 os equipos de normalización e de potenciación do uso do galego nos centros de educación infantil, primaria, educación xeral básica, educación especial e educación permanente de adultos e os equipos coordinadores do plan de potenciación do uso do galego dos centros de bacharelato, formación profesional e institutos de educación secundaria e profesional, todos eles de Galicia. Estes equipos son os constituídos de acordo co establecido nas ordes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 e do 24 de xullo de 1991 (DOG do 26 e do 28 de agosto).

Artigo 2º

Para acceder a estas axudas será necesario que o equipo estea formalmente constituído segundo o disposto no artigo 1º da respectiva orde citada e que o plan de potenciación do uso do galego fose

aprobado polo consello escolar e enviado á Inspección educativa.

Artigo 3º

As axudas, destinadas ós gastos de material das actividades programadas no proxecto que se presente, concederanse preferentemente para:

a) Adquisición de material bibliográfico, fonográfico, videográfico e lúdico-didáctico en galego imprescindible para a realización do proxecto.

b) Preparación e elaboración do material necesario para as adaptacións curriculares que posibiliten a integración lingüística daqueles alumnos, no caso de que os haxa no centro, ós que se lles concedese a exención na materia de lingua galega.

c) Materiais para a organización de actividades en galego, destinadas ó fomento do uso do galego tanto por parte dos alumnos, dos profesores e do persoal non docente, coma da comunidade escolar en xeral.

d) Preparación e realización de prensa escolar en galego e de materiais didácticos relacionados coas materias que se imparten en galego.

e) Materiais e accións para a determinación da lingua de instalación dos alumnos que comezan a educación infantil e a primaria.

f) Materiais e accións necesarias para a avaliación do dominio do galego ó remate da eduación primaria, da EXB, da secundaria, do bacharelato e da formación profesional.

Artigo 4º

Terán prioridade para o establecemento das dotacións aqueles equipos constituídos no ano académico 1994/95 e que acreditaron o seu funcionamento e o cumprimento do previsto no plan de potenciación do uso do galego para ese ano académico. A Inspección educativa presentaralle á comisión avaliadora un informe no que conste este aspecto referido a cada un dos centros solicitantes.

Artigo 5º

Para a concesión das dotacións constituirase en cada delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria unha comisión integrada por:

-O delegado provincial, que a presidirá.

-Un representante do Servicio de Plans e Programas do Ensino da Lingua Galega, da Dirección Xeral de Política Lingüística.

-Un inspector de educación.

-O xefe do Gabinete de Normalización Lingüística.

-Un funcionario da delegación provincial, que actuará de secretario.

Artigo 6º

As solicitudes realizaranse utilizando o formulario que figura no anexo desta orde. Irán asinadas polo

coordinador ou director do equipo e polo director do centro, e mandaranse á delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria correspondente, sendo de aplicación o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7º

Canda a solicitude presentarase un proxecto, asinado polo coordinador ou director do equipo de potenciación do galego e mais polo director do centro, no que se especifiquen, englobándoas no apartado correspondente do artigo 4º, as actividades previstas para acada-los obxectivos que figuran no plan de potenciación do uso do galego. Con cada unha das accións terá que figura-la súa cuantificación económica. No caso das actividades de prensa escolar previstas no artigo 4º desta orde, considerarase como mérito preferente o feito de que esas actividades se levasen a cabo tamén no ano académico 1994/95. Se se dá esa circunstancia, deberase achegar canda a solicitude un exemplar de cada un dos números de prensa escolar editados.

Tanto o proxecto coma as actividades que se realicen para levalo á práctica faranse segundo o establecido na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (disposición adicional) e no Decreto 173/1982, do 17 de novembro, sobre normativización da lingua galega.

Artigo 8º

O prazo de presentación das solicitudes rematará o 22 de xaneiro de 1996.

Artigo 9º

Unha vez vistas as solicitudes, as comisións presentaranlle as propostas de concesión ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, o cal resolverá.

Artigo 10º

Antes do 30 de xuño de 1996, cada equipo, coa conformidade da dirección do centro, terá que lles remitir ós gabinetes de normalización lingüística das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria unha memoria das actividades realizadas durante o ano académico 1995/96, para as que se lle concedeu a axuda, e as facturas orixinais, expedidas ó nome do propio centro educativo, correspondentes ós gastos de material ocasionados pola súa realización por un importe igual ó da axuda concedida. Se a axuda fose destinada para actividades de prensa escolar en galego, cumprirá, ademais, presentar un exemplar de cada xornal realizado.

Artigo 11º

A non entrega das memorias e dos xustificantes de gasto ós que fai referencia o artigo 10º no prazo sinalado poderá ser causa de revogación da axuda

concedida e producirá como efecto a non concesión de axuda para o ano académico seguinte, procedendo o centro ó reintegro da cantidade percibida, sen prexuízo das responsabilidades que se poidan esixir.

Artigo 12º

Non se lles poderá conceder axuda económica ningunha a aqueles centros que non xustificasen debidamente as axudas concedidas para o ano académico 1994/95 ó abeiro da Orde do 20 de outubro de 1994 (DOG nº 219, do 14 de novembro).

Artigo 13º

A verificación do cumprimento do establecido no artigo 2º e o seguimento e a avaliación do traballo dos equipos e do cumprimento do establecido no plan de potenciación do uso do galego nos centros levaraos a cabo a Inspección educativa.

Artigo 14º

O libramento das dotacións farao a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a través das súas delegacións provinciais, xustificando posteriormente tales libramentos cada unha das delegacións coa documentación especificada no artigo 10º.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

8126