Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Venres, 15 de decembro de 1995 Páx. 9.382

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 314/1995, do 7 de decembro, de regulamento da actuación continuada do persoal adscrito á Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente da Xunta de Galicia que cumpre funcións de protección civil.

A protección civil é un servicio público no que participan as diferentes administracións públicas na súa organización, funcionalmente e execución (artigo 1.2º Lei 2/1985, do 21 de xaneiro, sobre protección civil). O disposto no presente decreto preceptúase de acordo coas competencias que á Comunidade Autónoma de Galicia lle corresponden en materia de protección civil, así como o exposto de seguido, especialmente a necesidade de dispoñibilidade permanente de persoal ante a eventualidade dunha emerxencia ou catástrofe.

A protección física das persoas e os bens, en situación de grave risco ou calamidade pública, é o obxecto do servicio de protección civil. A transcendencia dos dereitos e valores en relación con esta actuación pública é tal que obriga á caracterización específica das condicións da súa organización, así como á consideración deste servicio público como esencial, coas consecuencias que de tal cualificación se poidan establecer na regulación específica.

Por outra banda, as situacións de perigo para dereitos fundamentais como a vida e a integridade física (artigo 15 da Constitución española) levan necesariamente a unha consideración extrema da necesidade de aplicación dos principios de eficacia e coordinación administrativa (artigo 103 da Constitución española); velaí a necesidade dunha acción permanente dos poderes públicos en materia de protección civil (artigo 1 Lei 2/85, do 21 de xaneiro, sobre protección civil) que obriga a que se faga preciso a fixación dunhas condicións especiais na prestación de servicio no ámbito de protección civil. Disto dedúcese a necesidade de establecer gardas por parte do persoal funcionario ou laboral, e servicios excepcionais na Secretaría Xeral para a Protección Civil e Medio Ambiente. Tal cousa, nembargantes, no pode supoñer un prexuízo sen a correspondente compensación económica prevista neste tipo de continxencias administrativas, e para tal efecto establécese o dereito á percepción da

indemnización retributiva dos servicios especiais que se realicen.

Todo isto, unido ó réxime transitorio establecido no presente decreto, vén a fixar un marco de seguridade xurídica para o desenvolvemento da función pública no ámbito da protección civil, de tal xeito que os funcionarios e persoal que presten os seus servicios na Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente e cumpran funcións de protección civil coñezan de antemán as características estatutarias do posto ó que se adscriben.

Por todo o sinalado, e por proposta dos conselleiros da Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de decembro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de protección civil terá a consideración de servicio público esencial; en consecuencia, manterase un servicio permanente que o garanta.

Artigo 2º

O persoal que cumpra este servicio permanente, mediante o correspondente sistema de quendas que se estableza para o efecto, será:

a) Nos servicios centrais o subdirector xeral, os xefes de servicio e os xefes de sección, quedando o xefe de sala do CECOP dispoñible permanentemente, dadas as súas características e como coordinador dos operadores de radio-teléfono do CECOP-Galicia.

b) Nos servicios periféricos participarán os xefes provinciais e os xefes de sección. Os xefes de sala do CECOP terán a mesma dispoñibilidade cós dos servicios centrais.

Artigo 3º

Para os efectos sinalados, estableceranse quendas de garda permanente en tódolos centros dependentes da Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente, tanto nos servicios centrais coma nos periféricos.

Artigo 4º

O persoal que non estea de garda ó producirse unha emerxencia, na que sexa preciso a súa presencia, estará dispoñible para colaborar nas actuacións que dispoña o responsable designado pola secretaría xeral.

Artigo 5º

O persoal, tanto o de garda coma o requerido, terá dereito ás percepcións, de acordo cos módulos que fixe pola Consellería da Presidencia e Administración Pública, por proposta da Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente en cada anualidade, polo traballo extraordinario referido na presente norma, das correspondentes gratificacións por servicios extraordinarios ou de horas extraordinarias segundo se trate de funcionarios ou persoal laboral, respectivamente.

Disposición transitoria

Resolto o primeiro concurso de traslados que se convoque a partir da entrada en vigor do presente decreto, o disposto nel será de obrigado cumprimento para todo o persoal que ocupe postos de traballo dependentes da Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente. Mentres as gardas e requerimentos ós que se refiren os artigos 3º e 4º se realiazarán, se é o caso, de xeito voluntario.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Consellería de Economía e Facenda levará a cabo as modificacións e habilitacións orza

mentarias precisas para a execución das previsións económicas do disposto no presente decreto.

Así mesmo o Consello da Xunta determinará, anualmente, o importe máximo de gratificacións que poderán concederse ó amparo do previsto neste decreto.

Segunda.-No suposto que o importe final do gasto supere as previsións económicas fixadas no orzamento, condicionarase á existencia de crédito orzamentario.

Terceira.-Facúltase o conselleiro de Presidencia e Administración Pública para dicta-las normas necesarias en desenvolvemento e execución do que se establece neste decreto.

Cuarta.-O presente Decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e os seus efectos económicos retrotraeranse ó primeiro de xaneiro de 1996.

Santiago de Compostela, sete de decembro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Púlica

8169