Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Xoves, 14 de decembro de 1995 Páx. 9.361

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 6 de novembro de 1995 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público de vintedúas bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se desenvolverán no Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro, e se anuncia a súa convocatoria.

O artigo 1º do Decreto 232/94, do 14 de xuño, en harmonía co artigo 27 do Estatuto de autonomía para Galicia, establece a competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a promoción e ensino da lingua galega e o fomento da investigación.

Dentro do plan de actividades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para 1996 figura a convocatoria pública de bolsas de investigación para realizar proxectos concretos sobre lingüística e literatura galegas, no Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro.

O seu outorgamento enmárcase dentro das funcións atribuídas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no artigo 3 do Decreto 25/1993, do 11 de febreiro (DOG nº 34, do 19 de febreiro) de creación e posta en funcionamento do Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro.

A teor do sinalado na Orde do 2 de xuño de 1986, modificada pola Orde do 18 de outubro de 1991, sobre "tramitación anticipada de expedientes de gasto" o gasto que se proxecta está condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio do ano 1996 en trámite parlamentario.

Na súa virtude, apróbanse as seguintes:

BASES:

Primeira.-Obxecto.

O concurso ten por obxecto a adxudicación de vintedúas bolsas de colaboración nos proxectos concretos de investigación que se desenvolverán no Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias, e que se inclúen como anexos á presente orde, nos que se detallan os requisitos específicos que deben reuni-los solicitantes.

Segunda.-Contía das bolsas.

O importe das bolsas incluirá:

-Unha asignación mensual de 122.000 pesetas, coa retención fiscal que corresponda, que será incompatible con calquera outra axuda ou actividade remunerada.

-Seguro de asistencia médica e seguro combinado de accidentes.

Para o gasto que se proxecta habilitarase o crédito adecuado e suficiente na partida orzamentaria 07.06.353F.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 1996.

Terceira.-Duración.

O período de desfrute das bolsas será ata o 31 de decembro de 1996.

A data de incorporación ó centro será dentro dos dez días seguintes ó da notificación da adxudicación. O bolseiro que non se incorpore no prazo establecido perderá os dereitos inherentes á bolsa concedida, salvo causa xustificada de retraso apreciada polo coordinador científico do Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro.

Por resolución da Dirección Xeral de Política Lingüística, as bolsas poderanse prorrogar anualmente, ata un máximo de tres anos, incluído o ano da concesión, á vista do traballo realizado polo bolseiro, sempre que o permitan as dispoñibilidades orzamentarias. No suposto de prórroga a dotación económica poderá incrementarse de acordo co índice de prezos ó consumo que se estableza para cada ano.

Cuarta.-Requisitos xerais:

a) Ser cidadán español.

b) Estar en posesión do título de licenciado.

c) Non ter sido separado do servicio de ningunha Administración ou institución como consecuencia de expediente disciplinario.

Quinta.-Solicitudes.

As solicitudes, no modelo que se xunta como anexo, irán dirixidas ó coordinador-científico do Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro e entregaranse na sede deste (estrada Santiago-Noia, km 3 - A Barcia, 15896 Santiago de Compostela), ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación da presente convocatoria no DOG, acompañadas da documentación seguinte:

-Certificación académica persoal completa.

-Currículum vitae, acompañado de cantos documentos poidan avalalo.

-Fotocopia do DNI ou pasaporte.

-Declaración xurada comprometéndose a renunciar, se fose seleccionado, á percepción doutras remuneracións, bolsas ou axudas, e tamén de non ter sido separado do servicio de ningunha Administración nin institución pública como consecuencia de expediente disciplinario.

Tódolos documentos deberán ser orixinais ou copias cotexadas con eles.

Sexta.-Selección.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión presidida polo coordinador-científico do Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro e composta por tres vocais propostos por aquel e nomeados polo director xeral de Política Lingüística. Actuará como secretario o administrador do centro.

Ademais do exame da documentación presentada, a comisión poderá convocar ós solicitantes a unha entrevista persoal.

A comisión non valorará aqueles méritos alegados polos solicitantes nas súas instancias que non estean acreditados documentalmente. O presidente da comisión proporá ó director xeral de Política Lingüística a relación de candidatos seleccionados para o seu nomeamento.

Sétima.-Obrigas.

-Os bolseiros permanecerán no Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro, en horario habitual de xornada de mañá ou tarde.

-O incumprimento por parte do bolseiro dalgunha das condicións recollidas nas presentes bases suporá a perda da bolsa concedida e, de se-lo caso, o reintegro das cantidades xa cobradas.

-A condición de bolseiro non dará lugar a relación laboral nin administrativa coa Xunta de Galicia.

Oitava.-A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Novena.-Pagamento da bolsa.

O pagamento da bolsa realizarase mensualmente, logo do informe do director da investigación, sempre que os traballos se desenvolvan con normalidade e de acordo coas bases establecidas.

Disposicións derradeiras.

Primeira.-Facúltase ó director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Dúas bolsas para colaborar no diccionario de fraseoloxía galega.

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar no Diccionario de Fraseoloxía Galega que se está elaborando no Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-las bolsas ás que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos no base cuarta desta orde:

-Coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento.

-Ter bo coñecemento do mundo rural galego e comprensión e uso da súa fraseoloxía.

-Bo nivel de mecanografía.

-Dominio do inglés e/ou francés.

-Valorarase coñecementos do Dbase V.

ANEXO II

Unha bolxa para colaborar en traballos de terminoloxía marítima.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar nun compendio de terminoloxía marítimo-pesqueira, que se está a levar a cabo no Centro de Investigacións Lingüísticas Literarias Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa á que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento.

-Ser licenciado en filoloxía.

-Ter experiencia investigadora en terminoloxía marítima e tecnicismos marítimo-pesqueros.

-Ter coñecemento do mundo da pesca, dos barcos e dos seus compoñentes.

ANEXO III

Cinco bolsas para colaborar no proxecto de construcción, etiquetación e lematización do corpus de referencia do galego actual.

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar no proxecto de construcción, etiquetación e lematización do corpus de referencia do galego actual que se está desenvolvendo no Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicitar catro das bolsas ás que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento.

-Ser licenciados en filoloxía.

-Ter experiencia na introducción de textos en ordenador, e no manexo de textos en formato electrónico.

-Ter experiencia en gramáticas formais e construcción de etiquetadores morfosintácticos e lematizadores.

Para optar á outra bolsa de colaboración neste proxecto, requírese:

-Coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento.

-Ser licenciado en informática.

-Ter experiencia en programación lóxica e na construcción de analizadores para linguas naturais.

ANEXO IV

Unha bolsa para colaborar no proxecto de construcción dun sintetizador texto-voz en galego.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no proxecto de construcción dun sintetizador texto-voz en galego que se levará a cabo no Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa á que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento.

-Ser licenciado en filoloxía.

-Ter experiencia en traballo de fonética acústica.

ANEXO V

Unha bolsa para colaborar no proxecto de dimensións da identidade colectiva en Galicia.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no proxecto de dimensións da identidade colectiva en Galicia que se está levando a cabo no Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa á que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarte desta orde:

-Coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento.

-Ser licenciado en ciencias económicas.

-Acreditar formación en teoría económica.

-Ter experiencia en análise económica.

ANEXO VI

Catro bolsas para colaborar no proxecto de lírica medieval galego-portuguesa.

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar no proxecto de lírica medieval galego-portuguesa que se

está desenvolvendo no Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-las bolsas ás que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento.

-Ser licenciado en filoloxía.

-Coñecemento de informática, en calidade de usuario.

-Ter experiencia investigadora en lírica románica medieval, preferentemente no ámbito galego-portugués.

ANEXO VII

Cinco bolsas para colaborar en diccionarios de literatura.

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar nos distintos diccionarios de literatura que se están realizando no Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-las bolsas ás que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento.

-Ser licenciado en filoloxía.

-Ter experiencia investigadora en temas literarios.

-Acreditar coñecemento instrumental de idiomas, preferentemente inglés e alemán.

-Coñecementos de informática, en calidade de usuario.

-Sólida formación e experiencia investigadora en teoría e críticas literarias.

ANEXO VIII

Tres bolsas para colaborar no proxecto bibliografía xeral da literatura galega.

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar no proxecto de bibliografía xeral da literatura galega que se está desenvolvendo no Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-las bolsas ás que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento.

-Ser licenciado en filoloxía hispánica.

-Experiencia en traballos do ámbito literario.

-Coñecementos informáticos no nivel de usuario.

95-7895