Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Mércores, 13 de decembro de 1995 Páx. 9.344

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 12 de decembro de 1995 pola que se dictan normas para garanti-lo mantemento dos servicios esenciais durante a folga convocada para o día 14 de decembro de 1995, que afecta ós funcionarios da escala de axentes forestais do corpo de auxiliares técnicos da Xunta de Galicia, grupo D.

O exercicio do dereito de folga na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais, de acordo co Decreto 155/1988, do 9 de xuño, o que significa, tal como declarou o Tribunal Constitucional, que o dereito da sociedade a estas prestacións vitais é prioritario respecto do dereito de folga, se ben esta prioridade necesita ser constatada en cada situación de folga e sometida ó principio de proporcionalidade dos sacrificios impostos ós folguistas e ós beneficiados polo servicio, no que atinxe ós dereitos fundamentais, as liberdades públicas e ós bens constitucionalmente protexidos.

As centrais sindicais Confederación Intersindical Galega (CIG), Comisións Obreiras (CC.OO.) e Unión General de Traballadores (UGT), comunican a convocatoria de folga para o día 14 de decembro de 1995, que afecta ós funcionarios da escala de axentes forestais, do corpo de auxiliares técnicos da Xunta de Gali

cia, grupo D, no ámbito de toda a Comunidade Autónoma.

O mencionado Decreto 155/1988, polo que se dictan normas para garanti-la prestación dos servicios esenciais no ámbito da Comunidade Autónoma, por unha banda, establece que terán a consideración de servicios esenciais, entre outros e polo que respecta ós prestados por esta consellería en relación coa indicada convocatoria de folga, os de vixilancia e de extinción de incendios e mantemento de edificios, bens e instalacións públicas (artigo 2º), e pola outra, faculta o conselleiro competente por razón dos devanditos servicios esenciais afectados para que, mediante orde, determine, oído o comité de folga, o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento dos devanditos servicios, así como para a fixación do persoal preciso para a súa prestación (artigo 3º).

A motivación da concreta determinación do mínimo de actividade e da fixación do persoal preciso para asegura-lo mantemento dos sinalados servicios esenciais prestados por esta consellería, é respecto a cada un deles, a seguinte:

-No Servicio de Defensa contra Incendios Forestais, a imprevisibilidade do feito causante da prestación do servicio esencial de vixilancia e extinción de incendios e a súa posible incidencia na seguridade e benestar da poboación.

-Nos servicios de Medio Ambiente Natural e de Montes e Industrias Forestais, a realización de funcións de vixilancia de bens públicos.

Polo exposto, e de acordo co establecido no parágrafo 5º.2 do Regulamento de réxime interior da Xunta de Galicia aprobado polo Decreto 111/1984, do 25 de maio, e por proposta da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, convocado o comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O mínimo de actividade e o persoal preciso para asegura-lo mantemento dos servicios esenciais durante a folga convocada para o día 14 de decembro de 1995, que afecta ós funcionarios da escala de axentes forestais do corpo de auxiliares técnicos da Xunta de Galicia, grupo D, no ámbito de toda a Comunidade Autónoma, é o seguinte:

-Servicio de Defensa contra Incendios Forestais.

Un axente forestal en cada unha das xefaturas territoriais de Defensa contra Incendios Forestais.

-Servicio de Medio Ambiente Natural.

Un axente forestal en cada comarca.

-Servicio de Montes e Industrias Forestais.

Un axente forestal en cada comarca.

Artigo 2º

O persoal que debe presta-los servicios mínimos establecidos no artigo anterior será designado polos delegados provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, publicándose os nomes dos designados nos taboleiros de anuncios dos respectivos centros de traballo.

Artigo 3º

O incumprimento da obriga de atende-los servicios mínimos fixados nesta orde será sancionado de conformidade coa lexislación vixente.

Artigo 4º

O disposto na presente orde non suporá ningunha limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ó persoal na dita situación.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 1995.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

95-7875