Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Mércores, 13 de decembro de 1995 Páx. 9.329

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 313/1995, do 23 de novembro, polo que se regula o recoñecemento das escolas de tempo libre, se aproban os programas de formación que se van impartir e se establece a composición e funcionamento do órgano de dirección da Escola Galega de Lecer e Tempo Libre.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27, recolle entre as competencias exclusivas da Comunidade Autónoma galega as que se refiren á axeitada utilización do lecer e á promoción e desenvolvemento comunitario.

En vista da importancia que foron adquirindo as actividades de ocupación do lecer e do tempo libre, con especial referencia ás que se desenvolven ó aire libre, fóronse regulando en distintas disposicións o recoñecemento das escolas de tempo libre, así como a súa organización e funcionamento, desenvolvendo os seus obxectivos e establecendo os programas e requisitos necesarios para impartir ensinanzas nestes centros.

Non obstante, a extensión deste tipo de actividades nos diferentes sectores e ámbitos que conforman a nosa sociedade actual, así como a experiencia desenvolvida durante estes anos nesta materia, esixe unha ampliación dos suxeitos destinatarios daquelas así como unha actualización dos programas de formación de monitores e directores de actividades de tempo libre.

Por outra banda, a través do presente decreto, en consonancia co proceso de racionalización administrativa iniciado pola Administración autonómica galega, faise necesario concreta-los procedementos a instancia de parte nesta materia no ánimo de ofrecerlle unha maior información ó administrado, así como de refundir nun só texto legal a materia que ata agora se atopaba espallada nas seguintes disposicións: Orde do 22 de outubro de 1985, pola que se regulan as escolas de tempo libre; Decreto 77/1991, do 7 de marzo, polo que se regula o recoñecemento das escolas de tempo libre; Orde do 15 de marzo de 1991 pola que se determinan os requisitos necesarios para o recoñecemento das escolas de tempo libre e se aproban os programas de formación que se van impartir, e Orde do 1 de marzo de 1994 pola que se regulan os obxectivos e se establece a composición e funcionamento do órgano de dirección da Escola Galega de Lecer e Tempo Libre.

En consecuencia, por proposta da conselleira de Familia, Muller e Xuventude, en virtude das competencias que lle atribúe o Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, polo que se establece a súa estructura orgánica, e logo de deliberación do Consello da Xunta

de Galicia, na súa reunión do día vintetrés de novembro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Capítulo I

Regulación das escolas de tempo libre

Artigo 1º

As escolas de tempo libre constitúen centros de formación, perfeccionamento e especialización de xoves educadores nas actividades e técnicas orientadas á promoción e adecuada utilización do lecer.

Artigo 2º

As escolas de tempo libre poden ser promovidas tanto por persoas físicas ou xurídicas, de carácter privado, coma polas institucións públicas.

Artigo 3º

Correspóndelle á Consellería de Familia, Muller e Xuventude o recoñecemento das escolas de tempo libre, segundo o procedemento recollido no capítulo II deste decreto, a determinación das ensinanzas que se poderán impartir nelas, a aprobación dos seus programas de formación e a expedición dos títulos acreditativos das ensinanzas recibidas nas ditas escolas, de conformidade co previsto no artigo 25.

Así mesmo, a través dos seus órganos pertinentes poderá inspeccionar e supervisar en calquera momento as actividades que desenvolvan as escolas de tempo libre recoñecidas, co obxecto de velar polo cumprimento do disposto no presente decreto.

Artigo 4º

As ensinanzas que se impartan nas escolas de tempo libre recoñecidas comprenderán no seu programa, cando menos, materias relativas a:

a) Formación en relación co suxeito destinatario das actividades de tempo libre e co medio social no que se desenvolven.

b) Técnicas e actividades de tempo libre.

c) Metodoloxía educativa de tempo libre.

Artigo 5º

1. As modalidades de ensinanzas que poden imparti-las escolas de tempo libre son:

A. Primeiro nivel: monitores de actividades de tempo libre e especialistas.

A.1. Monitor de actividades de tempo libre.

A.2. Especialista en aire libre.

A.3. Especialista en natureza e medio ambiente.

A.4. Especialista noutras modalidades.

B. Segundo nivel: directores de actividades de tempo libre.

B.1. Director de actividades de tempo libre.

B.2. Director de campos de traballo.

2. Así mesmo, poderán realizar cursos de perfeccionamento ou especialización de carácter monográfico, de duración variable, que só conducirán á expedición dun certificado ou diploma de asistencia.

Artigo 6º

A idade mínima esixida para poder matricularse nunha escola de tempo libre serán os 18 anos.

Artigo 7º

1. Á fronte de cada escola de tempo libre existirá un director, que deberá dispor do título de director de actividades de tempo libre, ademais de posuír titulación universitaria.

2. Así mesmo, en cada escola existirá un profesor coordinador por cada un dos niveis de ensino que se impartan, que coordinará a acción docente dos profesores. Os profesores coordinadores deberán dispor das mesmas titulacións có director.

Artigo 8º

As escolas de tempo libre recoñecidas estarán obrigadas:

1. A organizar cada ano, alomenos, un curso do primeiro nivel e cada dous anos un do segundo nivel.

2. A remitir á Dirección Xeral de Xuventude, no mes de xaneiro de cada ano:

a) Memoria detallada de actividades do ano anterior.

b) Programa de actividades do ano en curso.

c) Relación de profesores e as súas respectivas titulacións.

d) Calquera modificación dos datos que figuren no rexistro de escolas de tempo libre.

3. A comunicarlle á Dirección Xeral de Xuventude, con antelación suficiente, o lugar e maila data dos cursos que se van impartir.

Artigo 9º

O incumprimento do disposto nos capítulos I, II e III deste decreto poderá dar lugar á perda da acreditación e recoñecemento oficial como escola de tempo libre, logo de apertura do oportuno expediente administrativo e audiencia ó interesado.

Capítulo II

Procedemento de recoñecemento de escolas de tempo libre

Artigo 10º.-Iniciación.

1. Para o recoñecemento dunha escola e a súa inscrición no Rexistro de Escolas de Tempo Libre da Comunidade Autónoma galega, o promotor ou promotores presentarán a correspondente solicitude conforme o modelo normalizado que se recolle no anexo I, acompañada da documentación seguinte:

a) Titularidade do centro.

b) Proxecto educativo da escola con especificación das ensinanzas que solicite impartir.

c) Descrición detallada dos medios materiais e educativos dos que disporá.

d) Os programas específicos do centro para os diferentes niveis que se pretendan impartir.

e) Acreditación suficiente de que o director e o profesorado posúen as titulacións requiridas, conforme o disposto no artigo 7 deste decreto.

f) Estatutos da escola, que conterán, polo menos, os seguintes datos:

-Denominación da escola, que non poderá coincidir, nin ser similar, con outras xa inscritas.

-Domicilio social.

-Órganos de dirección, goberno e administración.

-O ámbito territorial en que desenvolve as súas actividades.

-Sistema educativo e modalidades dos cursos que se impartirán.

-Réxime económico con determinación da procedencia e destino dos seus recursos.

No caso de que o solicitante sexa unha persoa xurídica, a solicitude deberá ir asinada por quen ostente a representación legal do órgano de goberno ou polas persoas debidamente apoderadas para o efecto.

2. A solicitude, xunto coa restante documentación, presentarase na Dirección Xeral de Xuventude, nas delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude ou por calquera dos medios previstos no artígo 38.4º da Lei 30/92, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 11º.-Instrucción.

1. Recibida a solicitude, o órgano competente en cada caso examinaraa e comprobará que a documentación achegada é correcta. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados anteriormente ou a documentación aportada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase ó solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fisexe, se considerará desistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámite, ó abeiro do disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Efectuados os trámites sinalados no parágrafo anterior, o órgano competente que iniciou a instrucción remitirá, se é o caso, a solicitude e restante documentación á Dirección Xeral de Xuventude, onde se efectuará unha valoración dela, para o que poderá solicitar cantos informes considere necesarios para resolver, así como a modificación ou mellora voluntaria da solicitude naqueles aspectos en que o considere oportuno, de acordo co previsto no artigo 71.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Valorada a solicitude, o director xeral de Xuventude elevará a correspondente proposta de resolución ó órgano competente para resolver.

Artigo 12º.-Resolución.

1. A resolución do expediente de recoñecemento dunha escola de tempo libre corresponderalle á conselleira de Familia, Muller e Xuventude, que deberá resolver nun prazo de seis meses, contado desde o día en que o interesado presentou a solicitude, e farase pública no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se dicte resolución expresa, aquela entenderase estimada.

2. Para a eficacia das resolucións presuntas ás que se refire o parágrafo anterior requírese a emisión da certificación prevista no artigo 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, no prazo de vinte días desde que foi solicitada ou que, téndose solicitado a dita emisión, esta non se producise transcorrido o citado prazo.

3. A resolución do procedemento para o recoñecemento dunha escola de tempo libre porá fin á vía administrativa, e contra ela procederá o recurso contencioso-administrativo logo da comunicación da intención de interpoñelo ó órgano que dictou o acto impugnado, ó abeiro do disposto no artigo 110.3º e nas disposicións adicionais décima e décimo primeira da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 13.-Inscrición.

Adscrito á Dirección Xeral de Xuventude existirá un Rexistro de Escolas de Tempo Libre da Comunidade Autónoma de Galicia. Nel inscribiranse de oficio aquelas escolas de tempo libre recoñecidas conforme o procedemento anteriormente descrito.

Capítulo III

Nornas sobre o contido dos programas de formación, a avaliación e a expedición dos títulos

Artigo 14º

Os cursos do primeiro nivel terán por obxecto a formación de persoas capaces de realizar actividades socio-culturais e recreativas, tanto en tempo libre urbano como na natureza.

As funcións e tarefas para as que deben capacita-los programas formativos dos cursos de primeiro nivel son:

a) Detecta-las necesidades de intervención no tempo libre dun grupo reducido de persoas, conectándoo co seu medio.

b) Animar, dinamizar e facilita-lo desenvolvemento dun grupo de persoas.

c) Deseñar, dirixir e executar un taller.

d) Localizar recursos para o desenvolvemento das actividades.

e) Participar nun proxecto de animación xeral, responsabilizándose das tarefas específicas que lle son encomendadas.

Artigo 15º.-Curso de monitores de actividades de tempo libre.

1. Para matricularse será necesario estar en posesión, alomenos, do título de graduado escolar.

2. Estes cursos constarán de dúas fases:

a) Fase teórico-práctica: terá unha duración mínima de 200 horas lectivas. Esta fase realizarase seguindo unha metodoloxía activa, dinámica e participativa.

Non poderá desenvolverse en menos de 20 días, nin en xornadas de máis de 10 horas diarias. O 80% delas corresponderán ós contidos fixados no programa mínimo establecido, que se recolle no anexo V do presente decreto, e o 20% restante poderá dedicarse a imparti-las ensinanzas complementarias específicas de cada escola.

b) Fase de prácticas: realizarase unha vez rematada a fase anterior. Constará dun mínimo de 14 días de actividade intensiva, que se realizará en campamentos, colonias, albergues, campos de traballo e outros, en bloques non inferiores a 3 días, ou de 150 horas de actividade periódica nunha entidade ou asociación que traballe no eido da educación no tempo libre.

As prácticas responderán a un proxecto elaborado polo participante no curso, que será orientado na súa elaboración e desenvolvemento polo titor de prácticas da escola onde realizou o curso designado a tal fin, que deberá formar parte do cadro de profesores da escola. O proxecto conterá os elementos básicos de toda intervención educativa e planificación no tempo libre. Durante o seu desenvolvemento será necesaria a existencia dun responsable de prácticas designado pola entidade receptora onde se vaian realizar, que posúa o título de monitor de actividades de tempo libre ou unha experiencia acreditada en animación socio-cultural.

A fase de prácticas desenvolverase nun prazo máximo de dous anos desde o remate da fase teórico-práctica.

Artigo 16º.-Curso de especialista de aire libre.

1. Para matricularse será necesario estar en posesión do título de monitor de actividades de tempo libre.

2. O curso constará de dúas fases:

a) Fase teórico-práctica: terá unha duración de 50 horas lectivas, que non poderán desenvolverse en menos de cinco días nin en xornadas de máis de 10 horas diarias.

Esta fase realizarase seguindo unha metodoloxía participativa que combine adecuadamente a teoría e maila práctica. Os contidos serán os fixados no programa mínimo aprobado, que se recolle no anexo VI do presente decreto.

b) Fase de prácticas: realizarase unha vez rematada a anterior. Constará dun mínimo de dez días de actividade que se desenvolverá en campamentos, colonias, albergues e outros, como especialistas de aire libre en prácticas.

As ditas prácticas responderán a un proxecto elaborado polo participante, que será orientado na súa elaboración e desenvolvemento polo titor de prácticas da escola onde realizou o curso designado a tal fin, e que deberá de formar parte do cadro de profesores da escola e posuí-lo título de monitor de actividades de tempo libre especialista de aire libre ou de director de actividades de tempo libre. Así mesmo, durante o seu desenvolvemento será necesaria a existencia dun responsable de prácticas designado pola entidade receptora onde se vaian realizar, que deberá de posuír algunha das titulacións anteriormente citadas.

A fase de prácticas deberá desenvolverse nun prazo máximo de doce meses desde o remate da fase anterior.

Artigo 17º.-Curso de especialista en natureza e medio ambiente.

1. Para matricularse será preciso estar en posesión do título de monitor de actividades de tempo libre.

2. O curso constará de dúas fases:

a) Fase teórico-práctica: terá unha duración de 50 horas lectivas, que non poderán desenvolverse en menos de cinco días, nin en xornadas de máis de 10 horas. Esta fase realizarase seguindo unha metodoloxía participativa que combine adecuadamente a teoría e a práctica.

Os contidos serán os fixados no programa mínimo aprobado, que se recolle no anexo VII deste decreto.

b) Fase de prácticas: realizarase unha vez finalizada a anterior. Constará dun mínimo de dez días de actividades que se realizará en campamentos, colonias, albergues e outros, como especialistas en natureza e medio ambiente.

As ditas prácticas responderán a un proxecto elaborado polo participante, que será orientado na súa elaboración e desenvolvemento polo titor de prácticas da escola onde realizou o curso designado a tal fin, e que deberá de formar parte do cadro de profesores da escola e posuí-lo título de monitor de actividades de tempo libre especialista en natureza e medio ambiente ou de director de actividades de tempo libre. Así mesmo, durante o seu desenvolvemento será necesaria a existencia dun responsable de prácticas designado pola entidade receptora onde se vaian realizar, que deberá de posuír algunha das titulacións anteriormente citadas. A fase de prácticas deberá desenvolverse nun prazo máximo de doce meses desde o remate da fase anterior.

Artigo 18º.-Curso de especialista noutras modalidades.

1. As escolas de tempo libre poderán solicitar da Dirección Xeral de Xuventude que efectúe os trámites correspondentes para que se lles autorice con carácter esporádico a realización de cursos doutras modalidades que se consideren de interese. Para estes efectos, a solicitude efectuarase conforme o modelo normalizado que se recolle no anexo II deste decreto, e unirase para a súa aprobación o programa de formación e o seu contido, e unha memoria explicativa que xustifique o curso que se pretende impartir.

A dita solicitude, xunto coa restante documentación, dirixirase ó director xeral de Xuventude e poderá presentarse na Dirección Xeral de Xuventude, nas delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/92, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O expediente será remitido á Dirección Xeral de Xuventude, onde se examinará, e no suposto de que a documentación aportada conteña erros ou sexa insuficiente, o órgano competente para a instrucción do expediente requirirá ó solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fisexe, se considerará desistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámite, ó abeiro do disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. Efectuados os trámites de instrucción oportunos, elevarase proposta de resolución ó director xeral de Xuventude, que será o que resolva. Se no prazo de tres meses desde a data de presentación da solicitude non recaese resolución expresa, aquela entenderase estimada. En relación coas resolucións presuntas aplicarase o disposto no artigo 12.2º deste decreto.

Resolta a solicitude poderá interporse, no prazo dun mes, recurso ordinario perante a conselleira de Familia, Muller e Xuventude.

Artigo 19º

1. Para matricularse nun curso de especialista noutras modalidades distintas das reguladas neste decreto, necesitarase estar en posesión do título de monitor de actividades de tempo libre.

2. O curso constará de dúas fases:

a) Fase teórico-práctica, cunha duración mínima de 50 horas lectivas.

b) Fase de prácticas, que constará, polo menos de dez días dirixindo actividades como especialista de tempo libre en prácticas, na modalidade de que se trate. Ditas prácticas responderán a un proxecto elaborado polo participante, que será orientado na súa elaboración e desenvolvemento polo titor de prácticas

da escola onde realizou o curso designado a tal fin, e que deberá de formar parte do cadro de profesores da escola. Así mesmo, durante o seu desenvolvemento será necesaria a existencia dun responsable de prácticas designado pola entidade receptora onde se vaian realizar, con experiencia na materia correspondente á modalidade de que se trate.

A fase de prácticas deberá realizarse nun prazo máximo de doce meses desde a finalización da fase anterior.

Artigo 20º

Os cursos do segundo nivel teñen por obxecto a formación de persoas capacitadas para a coordinación dun equipo de monitores e especialistas para a organización de actividades de animación socio-cultural e recreativas, xa sexan de tempo libre urbano ou de natureza.

As funcións e tarefas para as que deben capacita-los programas deste segundo nivel serán:

a) Detecta-las necesidades de intervención en grupos con características específicas.

b) Dirixir, executar e avaliar accións de animación.

c) Localizar e xerar recursos para o desenvolvemento da intervención programada.

d) Coordina-lo equipo de monitores ou especialistas que colaboren no programa.

e) Participar nun equipo multidisciplinar que desenvolva unha actividade a gran escala.

Artigo 21º.-Curso de director de actividades de tempo libre.

1. Para poder matricularse neste curso requírese:

a) Estar en posesión do título de monitor de actividades de tempo libre.

b) Posuír, polo menos, un título de ensino secundario.

2. Os cursos de formación constarán de dúas fases:

a) Fase teórico-práctica: terá unha duración mínima de 150 horas lectivas e non poderá desenvolverse en menos de quince días nin en xornadas de máis de dez horas diarias. O 80% destas corresponderá ós contidos fixados no programa mínimo aprobado, que se recolle no anexo VIII do presente Decreto; e o 20% restante poderá dedicarse ó programa propio de cada escola. Realizarase seguindo unha metodoloxía activa, dinámica e participativa.

b) Fase de prácticas: realizarase unha vez rematada a fase anterior. Constará dun mínimo de catorce días de dirección dunha actividade de tempo libre, que se realizará en campamentos, colonias ou albergues cun mínimo de 50 participantes, ou en campos de traballo cun mínimo de 20 participantes, en bloques non inferiores a tres días, ou de 150 horas de acti

vidade periódica nunha entidade ou asociación que traballe no eido da educación no tempo libre.

As prácticas responderán a un proxecto de dirección dun equipo de monitores nunha actividade xestionada polo director nas súas fases de infraestructura, organización, execución e avaliación, dirixida a uns destinatarios concretos. Será elaborado polo participante e supervisado na súa elaboración e desenvolvemento polo titor de prácticas da escola onde realizou o curso designado a tal fin, e que deberá de formar parte do cadro de profesores da escola e posuí-lo título de director de actividades de tempo libre. Deberá de conte-los elementos básicos de toda intervención educativa e planificación no tempo libre. Así mesmo, durante o seu desenvolvemento será necesaria a existencia dun técnico responsable de prácticas designado pola entidade receptora onde se vaian realizar, que deberá posuír titulación universitaria ou título de director de actividades de tempo libre.

A fase de prácticas desenvolverase nun prazo máximo de dous anos desde o remate da fase anterior.

Artigo 22º.-Curso de director de campos de traballo.

1. Para matricularse é necesario estar en posesión do título de director de actividades de tempo libre.

2. O curso constará de dúas fases:

a) Fase teórico-práctica: terá unha duración de 50 horas lectivas, que non poderán desenvolverse en menos de cinco días nin en xornadas de máis de 10 horas diarias.

Esta fase realizarase seguindo unha metodoloxía participativa que combine adecuadamente a teoría e maila práctica. Os contidos serán os fixados no programa mínimo aprobado, que se recolle no anexo IX do presente decreto.

b) Fase de prácticas: realizarase unha vez rematada a fase anterior. Constará dun mínimo de catorce días de actividade como director dun campo de traballo en prácticas.

As ditas prácticas responderán a un proxecto elaborado polo participante, que será orientado na súa elaboración e desenvolvemento polo titor de prácticas da escola onde realizou o curso designado a tal fin, e que deberá posuí-lo título de director de campos de traballo. Deberá de conte-los elementos básicos de toda intervención educativa e planificación no tempo libre. Así mesmo, durante o seu desenvolvemento será necesaria a existencia dun responsable de prácticas designado pola entidade receptora onde se vaian realizar, que deberá posuí-lo título de director de campos de traballo.

A fase de prácticas realizarase nun prazo máximo de dous anos desde o remate da fase anterior.

Artigo 23º

Con carácter de actividades complementarias, cada escola de tempo libre poderá imparti-los seus programas específicos segundo o seu propio proxecto educativo.

Artigo 24º

1. As escolas abrirán un expediente persoal de cada alumno e expedirán unha acta de avaliación de cada un dos cursos conforme o modelo normalizado que se recolle no anexo X, na que constarán os apelidos e nome, data de nacemento, enderezo, e DNI dos alumnos participantes, e o resultado de cada unha das fases do curso.

2. A avaliación da fase teórico-práctica dos distintos cursos que impartan as escolas de tempo libre basearase nunha avaliación continua personalizada, que se efectuará ó longo do curso, e unha avaliación final escrita, de acordo coa ponderación que para cada un dos sistemas de avaliación estableza cada escola, que será de xeral aplicación a tódolos cursos que imparta. A referida ponderación deberá recollerse nos estatutos de cada escola, dentro do epígrafe relativo ó sistema educativo a utilizar e modalidades dos cursos que se impartirán.

Non obstante, ningunha escola poderá avaliar aqueles alumnos que non asistan como mínimo ó 80% das sesións da referida fase.

3. A avaliación da fase de prácticas dos distintos cursos que impartan as escolas de tempo libre efectuarase, unha vez desenvolvida a actividade proxectada, con base na memoria elaborada polo participante no curso, que recollerá o desenvolvemento da actividade, o informe do responsable de prácticas da entidade receptora e o informe do titor de prácticas.

No suposto de que a fase de prácticas se desenvolva nunha actividade organizada pola Dirección Xeral de Xuventude, o informe desta considerarase vinculante para os efectos da avaliación da referida fase.

4. Para a obtención do título necesitarase superar satisfactoriamente as dúas fases do curso.

Artigo 25º

1. A Consellería de Familia, Muller e Xuventude expedirá os títulos acreditativos correspondentes ás ensinanzas que impartan as escolas de tempo libre, de conformidade coas actas de avaliación de cada escola.

2. Para estes efectos, a solicitude para a expedición dos títulos será efectuada pola escola de tempo libre que imparta o curso, conforme o modelo normalizado que se recolle no anexo III deste decreto, e dirixirase ó director xeral de Xuventude.

A solicitude, xunto coas actas de avaliación, poderá presentarse na Dirección Xeral de Xuventude, nas delegacións provinciais da Consellería de Familia,

Muller e Xuventude, ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/92, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O expediente será remitido á Dirección Xeral de Xuventude, onde se examinará e, no suposto de que a documentación aportada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase ó solicitante na forma establecida no artigo 18.2º deste decreto.

O expediente será resolto polo director xeral de Xuventude no prazo de seis meses, mediante a expedición dos títulos correspondentes a aqueles alumnos que superen satisfactoriamente o curso.

Resolto o expediente poderá interporse, no prazo dun mes, recurso ordinario perante a conselleira de Familia, Muller e Xuventude.

4. En cada título farase consta-lo nome e apelidos, DNI e data de nacemento do interesado, e o centro onde realizou o curso.

Artigo 26º

1. Os títulos de director e monitor de actividades de tempo libre expedidos polos órganos competentes doutras comunidades autónomas poderán ser homologados cos correspondentes deste decreto especificados nos apartados A) e B) do artigo 5.1º, conforme o procedemento que a continuación se establece.

2. A solicitude efectuarase conforme o modelo normalizado que se recolle no anexo IV deste decreto, á que se unirá fotocopia compulsada do título a homologar e do DNI do solicitante.

A dita solicitude, xunto coa restante documentación, poderá presentarse na Dirección Xeral de Xuventude, nas delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. Recibida a solicitude, o órgano competente en cada caso realizará os actos de instrucción previos sinalados no artigo 11.1º deste decreto, e remitirá posteriormente, se é o caso, o expediente á Dirección Xeral de Xuventude, onde o órgano encargado da instrucción o examinará, podendo solicitarlle á Comunidade Autónoma respectiva o programa do curso correspondente a titulación a homologar.

4. Realizados os trámites de instrucción sinalados, elevarase proposta de resolución ó director xeral de Xuventude que será o que resolva, mediante a expedición do título correspondente, no caso en que proceda.

Se no prazo de seis meses desde a data de presentación da solicitude non recaese resolución expresa, aquela entenderase desestimada. En relación ás resolucións presuntas aplicarase o disposto no artigo 12.2º deste decreto.

Resolta a solicitude poderá interporse, no prazo dun mes, recurso ordinario perante a conselleira de Familia, Muller e Xuventude.

Capítulo IV

Obxectivos, composición e funcionamento do órgano de dirección da Escola Galega de Lecer e Tempo Libre

Artigo 27º

A Escola Galega de Lecer e Tempo Libre será a oficial da Comunidade Autónoma de Galicia, e ten como obxectivos:

1. Velar polo nivel técnico das ensinanzas impartidas polas escolas de tempo libre oficialmente recoñecidas nos diferentes graos de formación e titulación recollidos no presente decreto.

2. Avaliar e conforma-los cursos que imparten as escolas de tempo libre oficialmente recoñecidas.

3. Realizar cursos e actividades de formación complementarias ás realizadas polas diferentes escolas de tempo libre e, en especial, aquelas que teñan por obxecto a especialización en áreas concretas de coñecemento dos monitores, especialistas e directores de actividades de tempo libre.

Artigo 28º

O órgano de dirección da Escola Galega de Lecer e Tempo Libre estará constituído polos seguintes membros:

a) Un presidente, que será o subdirector xeral de Xuventude da Dirección Xeral de Xuventude.

b) Un secretario, que será o funcionario xefe da sección da Dirección Xeral de Xuventude responsable das escolas de tempo libre.

c) Vocais, que serán os xefes de Servicio de Xuventude das delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

Artigo 29º

O réxime de funcionamento do órgano colexiado de dirección da escola virá determinado polo establecido para estes órganos no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 30º

O órgano de dirección da Escola Galega de Lecer e Tempo Libre reunirase cando sexa convocado polo seu presidente, e en todo caso no mes de xaneiro de cada ano, co fin de avaliar e conforma-la programación anual presentada por cada unha das escolas de tempo libre oficialmente recoñecidas, así como para aproba-lo plan anual de actuacións da propia escola.

Artigo 31º

O domicilio social da Escola Galega de Lecer e Tempo Libre queda definitivamente fixado na sede da Dirección Xeral de Xuventude.

Nembargantes, os cursos e actividades de formación convocados pola Escola Galega de Lecer e Tempo Libre, desenvolveranse nas instalacións que se fixen na convocatoria de cada curso ou actividade concreta.

Disposicións adicionais

Primeira.-Os títulos ou diplomas expedidos ou homologados conforme as modalidades recollidas na Orde do 22 de outubro de 1985 e na Orde do 15 de marzo de 1991 manterán a súa vixencia. A este respecto, en relación coas titulacións reguladas na Orde do 22 de outubro de 1985, os títulos de monitor de actividades de tempo libre, xefe de campamento xuvenil e animador xuvenil quedan homologados ó de monitor de actividades de tempo libre, e os títulos de director de actividades de tempo libre na especialidade de campamentos e centros de xuventude quedan homologados ó de director de actividades de tempo libre.

Segunda.-As escolas de tempo libre oficialmente recoñecidas no ámbito da Comunidade Autónoma galega con anterioridade á data de entrada en vigor do presente decreto deberán establecer e incluír nos seus respectivos estatutos a ponderación á que se refire o artigo 24.2º do presente decreto previamente á impartición de calquera curso, e deberán comunicarlle á Dirección Xeral de Xuventude a dita modificación estatutaria, como requisito previo para a súa aplicación.

Disposición derrogatoria

Derrógase o Decreto 77/1991, do 7 de febreiro, así coma a Orde do 22 de outubro de 1985, a Orde do 15 de marzo de 1991 e a Orde do 1 de marzo de 1994.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Consellería de Familia, Muller e Xuventude para dicta-las disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 1996.

Santiago de Compostela, vintetrés de novembro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

ANEXO V

PROGRAMA PARA O CURSO DE MONITORES DE ACTIVIDADES DE TEMPO LIBRE

(200 horas lectivas)

1ª parte: 45 horas lectivas.

A) Área de psicosocioloxía.

1. Psicoloxía.

1.1. Concepto e campos de aplicación da psicoloxía.

1.2. Psicoloxía evolutiva: estudio das características de cada etapa evolutiva.

1.3. O proceso de socialización. O xogo como elemento socializador.

2. O grupo. Tipoloxía e organización. Dinámica de grupos.

2.1. Roles dun grupo.

2.2. Características fundamentais dos grupos infantís e xuvenís.

2.3. Liderato.

2.4. Técnicas de animación de grupos.

2.5. Técnicas de resolución de conflictos.

2.6. O traballo en equipo.

3. Socioloxía.

3.1. Lecer e tempo libre: características, funcións e modalidades.

3.2. Dimensión no ámbito vital da persoa nas súas diferentes etapas evolutivas.

3.3. Aproximación ó estudio do medio social galego. O medio urbano. O medio rural. Características e posibilidades de actuación.

3.3.1. Educación no tempo libre e inserción na cultura de Galicia.

3.3.2. Coñecementos culturais, xeográficos, folclóricos, socio-políticos e económicos de Galicia.

3.4. Importancia da prevención e asistencia primaria: intervención desde o tempo libre.

B) Área de educación e tempo libre: metodoloxía educativa.

1. A educación no tempo libre.

2. Conceptos fundamentais da pedagoxía.

3. Necesidades educativas especiais no tempo libre. Inadaptación e marxinación.

4. Bases do proxecto formativo. Principios educativos.

5. Educación de valores.

6. Metodoloxía e programación. Fases na elaboración do programa.

7. O xogo como instrumento didáctico na educación no tempo libre.

8. O educador/a de tempo libre: aspectos psicolóxicos, sociolóxicos e pedagóxicos.

9. A colaboración na escola.

2ª parte: 65 horas lectivas.

Área de animación. As técnicas.

1. A animación: concepto e uso da animación no tempo libre.

2. O xogo. Tipoloxía de xogos.

3. Veladas e lumes de acampada.

4. Introducción ás técnicas de expresión e comunicación.

4.1. Expresión literaria.

4.2. Expresión musical.

4.3. Expresión dramática: corporal e oral.

4.4. Expresión plástica.

4.5. Medios audiovisuais.

4.6. Animación deportiva.

3ª parte: 35 horas lectivas.

Área de educación ambiental e natureza.

1. Introducción á educación ambiental.

1.1. O concepto de medio e natureza.

1.2. Problemática e alternativas.

1.3. Medio e natureza en Galicia.

1.4. Bases para o estudio de itinerarios nos ecosistemas galegos, con especial atención ós propios dos itinerarios elixidos para o curso. Utilización didáctica deles.

1.5. Os itinerarios de interpretación ambiental na práctica.

1.6. Xogos de educación ambiental.

2. Técnicas de campismo e excursionismo.

2.1. A marcha.

2.2. Orientación. Xogos de orientación.

2.3. Introducción á meteoroloxía.

2.4. Topografía e cartografía.

2.5. Técnicas de acampada.

4ª parte: 30 horas lectivas.

Área de educación para a saúde.

1. A hixiene e a sanidade nas actividades de tempo libre.

2. Aspectos sanitarios nas actividades de tempo libre.

3. Prevención das drogodependencias.

4. Socorrismo e primeiros auxilios.

5. Alimentación e nutrición.

6. Sexualidade.

7. Seguridade e hixiene.

5ª parte: 25 horas lectivas.

Área de organización e recursos.

1. Lexislación.

1.1. As escolas e titulacións de tempo libre.

1.2. Responsabilidade civil do monitor. Seguros.

1.3. Asociacionismo xuvenil.

1.3.1. Constitución e legalización.

1.3.2. Estatutos.

1.3.3. Tipos de asociacións e rexistros.

2. Recursos e axudas.

2.1. Recursos e axudas públicas. Subvencións, convenios e protocolos: tipos e tramitación.

2.2. Recursos e axudas privadas.

2.3. Recursos socioculturais: patrimonio histórico-etnolóxico, artístico-folclórico.

3. Redes de información xuvenil.

3.1. Centros e puntos de información.

3.2. Revistas, boletíns e publicacións.

3.3. O informador xuvenil (características, formación).

3.4. Dinamización da información.

ANEXO VI

PROGRAMA PARA O CURSO DE ESPECIALISTAS DE ACTIVIDADES DE AIRE LIBRE

(50 horas lectivas)

1. Materiais: manexo, tratamento e conservación.

1.1. A tenda de acampar.

1.2. A mochila.

1.3. O saco de durmir.

1.4. Sistemas de iluminación.

1.5. Ferramentas.

1.6. A madeira e a corda.

1.7. Outros.

2. Urbanismo dun campamento.

2.1. Elección de lugar. Permisos.

2.2. Lugar das instalacións.

2.3. Construccións.

2.3.1. Bivaques.

2.3.2. Cociñas. Os lumes.

2.3.3. Retretes e eliminación de desperdicios.

2.3.4. Mesas, bancos e colgadores.

2.3.5. Elementos decorativos.

2.3.6. Tiroliñas e outros traballos con cordas.

2.3.7. Outros.

3. Nocións básicas de meteoroloxía.

4. Primeiros auxilios.

4.1. Feridas, fracturas e outros traumatismos.

4.2. Lesións por exceso ou defecto de calor.

4.3. Alteracións do sistema nervioso.

4.4. Traslado de lesionados.

4.5. O botiquín.

5. Actividades.

5.1. Marchas.

5.2. Orientación.

5.3. Xogos ó aire libre.

5.3.1. Con balón.

5.3.2. Na praia.

5.3.3. Grandes xogos.

5.3.4. Outros.

ANEXO VII

PROGRAMA PARA O CURSO DE ESPECIALISTAS EN NATUREZA E MEDIO AMBIENTE

(50 horas lectivas)

1. Introducción: (2 horas lectivas).

1.1. Historia do naturalismo.

1.2. Historia da ecoloxía.

1.3. Historia do ecoloxismo.

1.4. A educación ambiental.

1.4.1. Orixe.

1.4.2. Obxectivos.

1.4.3. Fundamentos.

2. Organización das actividades relacionadas co medio ambiente: (5 horas lectivas).

2.1. Rendibilidade ecolóxica das actividades.

2.2. Valoración do impacto ecolóxico (social e estético) das actividades:

2.2.1. Residuos.

2.2.2. Enerxía.

2.2.3. Alimentos.

2.2.4. Transportes.

2.2.5. Saúde.

2.2.6. Materiais.

2.2.7. Número de participantes.

2.3. Código moral do comportamento:

2.3.1. Natureza.

2.3.2. Medio humanizado.

3. Natureza: (15 horas lectivas).

3.1. Estudio do ecosistema mariño e litoral.

3.1.1. Medio físico.

3.1.2. Medio biótico (vexetación e fauna).

3.1.3. Problemática ecolóxica.

3.1.4. Alternativas e solucións.

3.1.5. Actividades didácticas e xogos.

3.2. Estudio do bosque autóctono e alóctono:

3.2.1. Medio físico.

3.2.2. Medio biótico (vexetación e fauna).

3.2.3. Problemática ecolóxica.

3.2.4. Alternativas e solucións.

3.2.5. Actividades didácticas e xogos.

3.3. Estudio das ribeiras e lagoas (zonas húmidas).

3.3.1. Medio físico.

3.3.2. Medio biótico (vexetación e fauna).

3.3.3. Problemática ecolóxica.

3.3.4. Alternativas e solucións.

3.3.5. Actividades didácticas e xogos.

4. Estudio do ambiente humanizado: urbano e rural (8 horas lectivas).

4.1. Ordenación do territorio: adecuación ó medio e do medio.

4.2. Medio biótico.

4.3. Patrimonio socio-cultural (historia, arte, lingua).

4.4. Medios de producción.

4.5. Problemática.

4.6. Alternativas e solucións.

4.7. Actividades didácticas e xogos.

5. Estudio integrado dos ecosistemas: (5 horas lectivas).

5.1. Problemas ecolóxicos de dimensións globais.

5.1.1. Contaminación.

5.1.2. Desenvolvemento incontrolado.

5.1.3. Enerxías renovables e non renovables.

5.1.4. Desequilibrio norte-sur.

5.1.5. Explosión demográfica.

5.2. Alternativas e solucións.

5.3. Actividades didácticas e xogos.

6. O xogo como ferramenta didáctica na educación ambiental: (5 horas lectivas).

6.1. Xogos de simulación.

6.2. Xogos de natureza.

6.3. Xogos cooperativos.

7. Dereito ambiental: (2 horas lectivas).

7.1. Lexislación.

7.2. Aplicación práctica.

8. Compendio práctico do curso por medio dun itinerario de interpretación ambiental: ruta ecolóxico-cultural (8 horas lectivas).

8.1. Avaliación de grupo do curso.

ANEXO VIII

PROGRAMA PARA O CURSO DE DIRECTORES DE ACTIVIDADES DE TEMPO LIBRE

(150 horas lectivas)

1. Área de psicosocioloxía: (40 horas).

1.1. Dirección de equipos e liderato.

1.1.1. O perfil do/a director/a de actividades de tempo libre.

1.1.2. A dirección dun equipo de traballo.

1.1.2.1. O/A director/a como líder. Distintos modelos de dirección.

1.1.2.2. A dinámica do liderato. Desenvolvemento de xuntanzas de equipo.

1.1.3. O equipo como base da intervención. Animación e dinámica dos equipos.

1.1.3.1. Estructura, evolución e roles.

1.1.3.2. Elementos estructurais dos equipos: obxectivos, cohesión, normas.

1.1.3.3. As etapas de evolución dos equipos.

1.1.3.4. Dificultades e conflictos. Extratexias de resolución.

1.1.4. A comunicación interpersoal.

1.2. Análise de realidades sociais.

1.2.1. Técnicas básicas de intervención social.

1.2.2. Fundamentos sociolóxicos do ocio e do tempo libre.

1.2.3. Os ámbitos de intervención.

1.2.3.1. Rural e urbano.

1.2.3.2. Infancia, mocidade, adultos, vellez.

1.2.3.3. Sectores sociais: muller, marxinados, desempregados.

1.2.3.4. Intervención en espacios concretos: concellos, barrios, parroquias, institucións públicas, entidades privadas e/ou asociacións.

1.2.4. Asociacionismo e participación na sociedade civil. O papel do voluntariado e do profesional.

2. Área de intervención educativa: (25 horas lectivas).

2.1. As correntes pedagóxicas e a súa influencia na pedagoxía do tempo libre.

2.2. A pedagoxía do ocio. O concepto de tempo libre.

2.3. Educación en valores: o ideario educativo.

2.4. Metodoloxía e modelos de intervención en actividades de tempo libre: actividade, participación, convivencia.

2.5. Asociacións como espacio educativo.

3. Área de xestión: (85 horas lectivas).

3.1. Planificación e deseños de proxectos de intervención. Elementos básicos.

3.1.1. Análise da realidade. Avaliación inicial.

3.1.2. Obxectivos e prioridades.

3.1.3. Actividades e estratexias de acción.

3.1.4. Temporalización: planings e cronogramas.

3.1.5. Recursos humanos e materiais.

3.1.6. Orzamentos.

3.1.7. Avaliación e seguimento.

3.2. Estratexias de xestión.

3.3. Organización e modelos organizativos.

3.4. Administración, xerencia e xestión económica.

3.4.1. Plan contable.

3.4.2. IVE e outros impostos.

3.4.3. Captación de recursos. O patrocinio, subvencións e convenios.

3.4.4. Confección de orzamentos.

3.4.5. Xerencia.

3.4.6. Intendencia.

3.5. Lexislación.

3.5.1. Lexislación sobre asociacionismo.

3.5.2. As personalidades físicas e xurídicas.

3.5.3. Estructuras supraasociativas.

3.5.4. Lexislación relativa ás actividades de tempo libre.

3.5.4.1. Responsabilidade civil e penal.

3.5.4.2. Normas sanitarias, permisos.

3.5.4.3. Seguros de responsabilidade.

3.6. Políticas e recursos institucionais.

3.6.1. Infancia e xuventude.

3.6.2. Vellez.

3.6.3. Muller.

3.6.4. Minusválidos.

3.6.5. Marxinación social.

3.6.6. Cooperación internacional.

ANEXO IX

PROGRAMA PARA O CURSO DE DIRECTORES DE CAMPOS DE TRABALLO

(50 horas lectivas)

1. Características xerais que definen un campo de traballo como marco de relación e comunicación para os rapaces participantes.

2. As administracións e as entidades organizadoras. Acordos de cooperación.

3. Tipoloxías de campos de traballo e aprendizaxe:

3.1. Patrimonio arquitectónico.

3.2. Arqueoloxía.

3.3. Protección da natureza.

3.4. Acción comunitaria.

3.5. Coñecementos sobre o país ou comunidade.

3.6. Outros (técnicas específicas. Agricultura, gandería e pesca).

4. O traballo técnico. Horarios, recursos, material e ferramentas de traballo. Material específico.

5. Persoal e tarefas.

5.1. Equipo de monitores (director, monitor, cociña).

5.2. O equipo técnico.

6. O aloxamento.

7. Os participantes e as súas necesidades.

7.1. Funcionamento diario, marco normativo, de convivencia e práctico.

7.2 Actividades alternativas e complementarias.

8. Seguro de accidentes e responsabilidade civil.

9. Criterios de selección das diferentes propostas:

9.1. Traballo adecuado ós rapaces e que lles sexa gratificante.

9.2. Interese que demostra a entidade que propón o campo de traballo. Quendas.

9.3. Existencia ou non dun proxecto global onde se inclúa o campo.

9.4. Dispoñibilidade de infraestructuras adecuadas para o campo.

9508173