Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Martes, 12 de decembro de 1995 Páx. 9.301

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 30 de novembro de 1995 pola que se deixa sen efecto, nas concas do río Lérez e da ría de Pontevedra, a suspensión temporal a que se refire a disposición adicional segunda do Decreto 144/1994, do 19 de maio.

Polo Decreto 144/1994, do 19 de maio, declarouse prioritaria a realización das actuacións necesarias para o desenvolvemento do Plan Hidrolóxico das Concas Intracomunitarias de Galicia, o que implicou, segundo o establecido na disposición adicional segunda, a suspensión temporal da tramitación administrativa das solicitudes da concesión de aproveitamentos de augas públicas, mentres non se dispuxese dos estudios precisos para o desenvolvemento do plan.

Os estudios para a planificación hidrolóxica realizados engloban distintos campos entre os que salientan a ordenación e protección do recurso cun enfoque da devandita planificación de cara a unha caracterización e definición hidrolóxica de cada conca, propiciando en definitiva unha utilización prudente, racional e axustada do recurso.

Neste sentido, a auga como recurso fundamental e esencial relaciónase tamén cun contorno no que se sitúan zonas de especial protección, nas que se precisa garantir e fomenta-lo mantemento e o equilibrio da riqueza ecolóxica e paisaxística do medio

que se desenvolve ó redor das súas concas fluviais co fin de logra-la súa definitiva consolidación.

Alcanzado nas concas do río Lérez e da ría de Pontevedra o grao de desenvolvemento dos traballos e estudios axeitado para a implantación da planificación hidrolóxica e, en particular, obtidos os elementos informativos fundamantais para unha eficaz e acertada toma de decisións administrativas e realizadas as actuacións técnicas necesarias que posibilitan a defensa, protección, conservación e recuperación dos diferentes ámbitos relacionados co medio fronte ás diversas demandas tanto actuais coma previsibles dos usos e aproveitamentos do dominio público hidráulico, cómpre, ó igual que se fixo noutras concas polos mesmos motivos (nas concas dos ríos do Verdugo e Sor; do Mera, Landro, Cobo, Ouro, Masma e Ribadeo; e do Umia e da ría de Arousa na súa marxe esquerda), proceder ó levantamento, naquelas, da suspensión provisional de que viñan sendo obxecto polo Decreto 144/1994.

Na súa virtude, esta consellería, ó abeiro da autorización contida no parágrafo segundo da disposición adicional referida e visto o informe previo do servicio competente da Dirección Xeral de Obras Públicas,

DISPÓN:

Primeiro.-Deixar sen efecto, no ámbito xeográfico que abranguen as concas do río Lérez e da ría de Pontevedra, a suspensión temporal da tramitación administrativa das solicitudes da concesión de aproveitamentos de augas públicas disposta polo Decreto 144/1994, do 19 de maio, relativo á adopción de medi

das urxentes e provisionais en relación coa utilización do dominio público hidráulico competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.-A presente orde terá efectos a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 1995.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

8149