Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Xoves, 07 de decembro de 1995 Páx. 9.232

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 28 de novembro de 1995 pola que se declara de interese galego a Fundación para os Investimentos de Orixe Galego (Fioga) e se ordena a súa inscrición na sección do Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Consellería de Industria e Comercio.

O 23 de novembro de 1995 publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 21 de novembro de 1995 pola que se clasifica como de interese industrial a Fundación para os Investimentos de Orixe Galega, adscribíndoa a Consellería de Industria e Comercio, que terá que exercer plenamente o protectorado sobre ela.

Esta fundación, dacordo co establecido no artigo 5 dos seus estatutos, ten por obxecto e finalidade cooperar coa política promocional da Xunta de Galicia agrupando nunha soa organización as diferentes entidades galegas que poidan estar interesadas no fomento en Galicia dos investimentos estranxeiros de capital de orixe galega, asesora-los empresarios do exterior que soliciten información económica para posibles investimentos en Galicia, estudiar e elaborar proxectos empresariais tanto en Galicia como no exterior, colaborar coas institucións e órganos da Xunta de Galicia con competencias en promoción económica en actuacións para captar e atraer investimentos viables dos galegos no exterior cara a Galicia.

Por todo iso, e en virtude das competencias que me confire o artigo 34.12º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e segundo o establecido nos artigos 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada por Lei 11/1991, do 8 de novembro, e 32.3º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Artículo único.

1. Declarar de interese galego a Fundación para os Investimentos de Orixe Galega o cumpri-los seus estatutos as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

2. Ordena-la inscrición da Fundación para os Investimentos de Orixe Galega na sección do Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Consellería de Industria e Comercio para os efectos constitutivos que sinala a Lei 7/1983, do 22 de xuño, do réxime das fundacións de interese galego, modificada por Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 1995.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

95-7851