Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Martes, 28 de novembro de 1995 Páx. 9.039

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 4 de outubro de 1995, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Productos Congelados, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Productos Congelados, S.A., que tivo entrada nesta delegación provincial o día 31-5-1995, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa, en data 9-5-1995. De conformidad co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatutos dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso

de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no BOP e no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Vigo, catro de outubro de mil novecentos noventa e cinco.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

1. Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio afectará soamente a empresa Productos Congelados, S.A., con centro de traballo en Vigo.

Artigo 2º.-Ámbitos persoal e territorial.

Por ser de empresa afectará a todo o seu cadro de persoal e igualmente quedará sometido a este convenio todo o persoal que entre a prestar servicios á empresa no sucesivo.

Artigo 3º.-Vixencia.

O presente convenio entrará en vigor o día 1º de xaneiro de 1995 e deberá ser publicado no BOP, unha vez homologado polas autoridades laborables.

Artigo 4º.-Duración.

A duración deste convenio será de dous anos, e prorrogarase tacitamente por períodos anuais e, de non denunciarse con tres meses de antelación respecto á data do seu remate, os salarios sufrirán un incremento polo menos igual ó IPC do ano 1996.

Artigo 5º.-Compensación ou absorción.

As melloras económicas obtidas no presente convenio non poderán ser absorbidas nin compensadas por ningún tipo de melloras legais ou regulamentarias anteriores.

Artigo 6º.-Xornada de traballo.

Queda fixada a duración máxima da xornada ordinaria de traballo en corenta horas semanais, cun horario continuado de oito horas en cada quenda e cun período de descanso de quince minutos.

Artigo 7º.-Vacacións.

Todo o persoal afectado por este convenio desfrutará dun período anual de vacacións de trinta días naturais; e desfrutarán vintedous destes días no transcurso do mes de agosto, tres días en Semana Santa e os cinco

días restantes serán negociados entre a empresa e o comité para fixa-lo seu desfrute.

Artigo 8º.-Licencias.

O capítulo de licencias retribuídas queda da seguinte maneira:

-Por matrimonio desfrutaranse 18 días naturais.

-De catro días naturais naqueles casos de enfermidade grave do cónxuxe, pais, fillos, pais políticos, irmáns e avós, sempre e cando sexa necesario o internamento en clínica para intervención cirúrxica. No caso de que o feito represente desprazarse fóra da provincia, será dun día máis. No caso de que a enfermidade non precise internamento, serán dous días naturais, os mesmos que se precisa internamento pero sen intervención cirúrxica.

-De catro días naturais en caso de falecemento do cónxuxe, pais, fillos, pais políticos, irmáns e avós. Naqueles casos de que o cuarto día do sucedido o óbito coincida en festivo, este prazo ampliarase un día máis. Tamén se incluirán os irmáns políticos.

-No caso de falecemento doutros familiares como tíos, curmáns, etc. ou outros familiares directos que convivisen co traballador, concederase un día de licencia. Se non convivisen, o permiso será de tres horas o día do enterramento.

-Polo concepto de matrimonio dos fillos ou irmáns dos traballadores concederase unha licencia dun día, sempre e cando coincida o dito acto en día laborable.

Lactación: as traballadoras, por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de interrupción da súa xornada de traballo, que poderán optativamente dividir en dúas fraccións. Pola súa vontade, poderán substituír este dereito por unha reducción da xornada normal media hora durante nove meses, ou tamén reducir esta durante unha hora por un período de catro meses e medio.

2. Condicións económicas

Artigo 9º.-Salarios.

Os salarios serán os establecidos na táboa salarial anexa, e terán a súa aplicación desde o 1 de xaneiro de 1995 ata o 31 de decembro do mesmo ano.

Para o ano 1996, o incremento salarial será o equivalente ó IPC do ano 1995.

Artigo 10º.-Plus de transporte.

Durante a vixencia do presente convenio, o plus de transporte queda fixado en 11.260 ptas. mensuais ou 450 ptas. por día real traballado, e a súa liquidación será mensual.

Artigo 11º.-Plus de asistencia.

Durante o presente convenio, o plus de asistencia establécese cunha contía de 3.670 ptas. mensuais ou 146 ptas. por día real traballado, e a súa liquidación será mensual.

Premio de asistencia, puntualidade e permanencia no posto de traballo.

A gratificación mensual por este concepto será de 4.000 ptas. para tódolos traballadores que, no transcurso do mes, reúnan as seguintes condicións:

a) Non chegaren ningún día tarde.

b) Non abandonaren o seu posto de traballo con ningún tipo de permiso.

c) Non faltaren ó traballo por enfermidade ou calquera outra causa.

d) No caso de que algún traballador, durante a súa xornada, sufrise un accidente de traballo e causase baixa laboral, non perderá este premio.

e) Os membros do comité de empresa, para o exercicio propio das súas funcións, disporán dun crédito mensual de quince horas e, se non exceden deste tempo, non perderán este premio.

Non obstante, os compoñentes do citado comité comprométense a non saír máis dun membro por quenda de traballo.

f) No caso de falecemento ou internamento en clínica dalgún familiar directo (cónxuxe, fillos, pais ou irmáns), non se perderá este premio.

Non terán a consideración de internamento as asistencias nos servicios de urxencias sanitarios.

Quedan excluídos deste premio o persoal administrativo, así como o persoal encadrado nos grupos de cotización do 1 ó 3.

É obrigado para todo o persoal que fixe nos seus cartóns do seu reloxo-fichador as súas horas de entrada e saída.

Artigo 12º.-Antigüidade.

Os complementos persoais de antigüidade serán dun 6% sobre o salario do convenio por cada trienio, con carácter acumulativo e sobre os salarios correspondentes a cada momento. O tope máximo de trienios para percibir será de cinco.

Non obstante, a todo o persoal con antigüidade anterior á entrada en vigor do presente convenio, aplicaráselle un 6% os dous primeiros trienios e un 8% a partir do terceiro trienio, ata un máximo de seis.

Artigo 13º.-Horas extras.

Realizaranse as imprescindibles para atender necesidades urxentes e inaprazables, e sempre se as necesidades da empresa o requiren para compensa-las horas perdidas por baixas de enfermidade, accidentes, permisos, licencias, vacacións, etc.

Tamén se realizarán nos procesos onde se esixe reforza-las liñas de producción para obter uns custos máis favorables, especialmente nos custos de paella, bouillabaisse, etc. e créanse para o efecto uns equipos e persoal complementario das quendas normais de fabricación, sempre que a empresa o solicite.

Na carga e descarga de camións de calquera natureza.

O importe das horas extras será de 910 ptas. para tódalas categorías e se se efectúan en sábado, o seu

importe será de 1.335 ptas; e as dos domingos, 1.605 ptas.

Artigo 14º.-Prima de frío.

Esta prima queda fixada en 6.650 ptas.

En todo caso, este complemento de posto de traballo está destinado a aquel persoal que efectúe traballos de forma habitual relacionados coas cámaras frigoríficas, entendéndose como tales o almacenamento, estiba e desestiba dos productos conxelados que nelas se almacenan.

No suposto de que algunha das persoas adscritas a estas seccións faltase ó seu posto de traballo e fose substituído por outra persoa a xornada completa, o substituto cobrará a parte proporcional dos días traballados, e descontaráselle o importe ó substituído.

Artigo 15º.-Pagas extraordinarias.

Serán as establecidas na vixente ordenanza laboral para as industrias de alimentación na contía dos salarios especificados no presente convenio.

Artigo 16º.-Paga de beneficios.

Esta paga, de igual contía cás extraordinarias, será aboada no transcurso do mes de marzo de cada ano.

3. Condicións asistenciais

Artigo 17º.-Roupa de traballo.

A empresa dotará a todo o persoal de dúas pezas de roupa de traballo ó ano, que se poderá ampliar a outra peza máis no caso extremo de deterioración, logo de xustificación do seu estado de conservación, e todo o persoal estará obrigado a procura-lo maior coidado na conservación da roupa que se lle entrega.

Artigo 18º.-Xornada de verán-persoal oficina administrativa.

Todo o persoal afecto a este departamento realizará desde o día 15 de xuño ó día 15 de setembro, ámbalas datas inclusive, unha xornada extraordinaria de traballo con horarios de 8 a 14.30 horas, agás os sábados, que a xornada será de 9 a 13 horas.

Artigo 19º.-Admisión novo persoal.

Para a admisión de novo persoal, teranse en consideración os fillos e familiares dos traballadores da empresa, sempre e cando reúnan as características do posto de traballo que haxa que cubrir e se adapten á política salarial vixente en cada momento na empresa.

Artigo 20º.-Accidentes de traballo.

No caso de que algún traballador sufra un accidente no seu posto de traballo, a empresa aboaralle o complemento necesario para que, sumado á prestación da mutua correspondente, se acade o 100% do salario do convenio.

Inclúese neste apartado que o accidente suceda unha hora antes ou unha hora despois da xornada habitual de traballo.

Artigo 21º.-Baixa de enfermidade.

No caso de que algún traballador, durante a súa baixa por enfermidade, precisase internamento hospitalario, aboaráselle o 100% do seu salario de convenio polo tempo que estea efectivamente internado, e será precisa a xustificación adecuada.

Artigo 22º.-Premio xubilación.

Todo aquel persoal que se xubile voluntariamente cunha idade comprendida entre os 60 e 63 anos, percibirá un premio de acordo á seguinte escala:

a) Con 20 anos de antigüidade na empresa: tres mensualidades.

b) Con 25 anos ou máis de antigüidade: catro mensualidades.

Ó persoal con data de alta na empresa anterior ó 1-1-1973, respectaránselle as catro mensualidades, aínda cando non cumpra o requisito dos 25 anos de antigüidade e se desexe acoller a este premio na idade sinalada.

4. Disposicións varias

Artigo 23º.-Faltas e sancións.

Para xeral coñecemento de todo o persoal, detállanse en relación á parte as causas que poden constituír infracción laboral.

Artigo 24º.-Código de normas hixiénico sanitarias.

Serán de aplicación as normas que se especifican en detalle á parte.

Artigo 25º.-Garantía ad personam.

As condicións laborais pactadas neste convenio enténdense sempre co carácter de mínimas e deben ser respectadas as condicións laborais de todo tipo que veñan desfrutando os traballadores, en canto son máis beneficiosas cás aquí establecidas.

Artigo 26º.-Comisión paritaria.

Para a vixilancia e cumprimento do pactado por ámbalas partes neste convenio, crearase a comisión paritaria, a presidencia da cal recaerá no director xerente da empresa e que estará composta por tódolos membros que deliberaron este convenio. Esta comisión actuará no ámbito da súa competencia sen invadi-las esferas daqueles organismos que teñan unha determinada e concreta competencia recoñecida na normativa de convenios colectivos sindicais.

Artigo 27º.-Cláusula derradeira.

Para todo o non previsto neste convenio, aterase ó disposto na vixente Lei de estatuto dos traballadores, ordenanza laboral e outras disposicións de carácter xeral.

A comisión negociadora do presente convenio estivo composta na parte económica pola dirección da empresa e, na parte social, polo comité de empresa.

Lido o texto do presente convenio, as partes deliberantes económica e social acordan a súa aprobación

e asínano en proba de conformidade o 15 de maio de 1995.

Faltas e sancións:

-Faltas leves:

1. Entrar con atraso ó traballo máis de 5 veces durante o mes ou se o total dos atrasos totaliza máis de 30 minutos ó mes.

2. Manter discusións cos compañeiros de traballo ou falar en ton airado sobre asuntos estraños ó traballo.

3. As faltas de aseo ou limpeza.

4. Non comunicar con antelación, podendo facelo, a falta de asistencia ó traballo. En todo caso, as faltas ó traballo deberán ser debidamente xustificadas xa que, en caso contrario, se considerará como ausencia ó traballo sen licencia e terá carácter de falta grave.

5. Non acudir ó posto de traballo antes ou despois de asistir á consulta médica da Seguridade Social.

6. Neglixencia na conservación de material de traballo (útiles, ferramentas, uniformes, etc.).

7. Non atende-lo público coa dilixencia e corrección debidas.

8. A utilización para usos particulares dos uniformes que se entregan como roupa de traballo, ou saír do recinto da fábrica vestido co uniforme.

9. Non rexistrar na tarxeta ou cartón o control de entrada e saída (picar).

10. Non comunica-los cambios da situación familiar dentro dos cinco días seguintes ó feito que os produciu. Se esta falta é maliciosa, considerarase como grave ou moi grave, segundo as circunstancias.

11. Non observa-las normas hixiénico-sanitarias que se detallan especificamente no código hixiénico-sanitario actualmente en vigor na empresa.

12. As que, pola súa entidade e carencia de efectos duradeiros ou de transparencia ó réxime de traballo ou seguridade deste sexan asimilables ás xa especificadas.

-Faltas graves:

1. As cometidas contra a disciplina de traballo ou contra o respecto debido a superiores, compañeiros ou subordinados.

2. Simula-la presencia doutro traballador picando por el.

3. Ausentarse do traballo sen permiso dentro da xornada.

4. Finxir enfermidade ou pedir permiso alegando causas non existentes.

5. A neglixencia ou desidia no traballo.

6. A imprudencia no acto de servicio. Se implicase risco de accidente para el ou os seus compañeiros ou perigo de avaría para as instalacións, será considerada como falta moi grave.

7. Diminución voluntaria no rendemento normal do traballo.

8. Non acata-las instruccións da empresa para o desempeño do seu labor ou resistirse en calquera forma a cumprilo.

9. Atoparse durante as horas de traballo sen vesti-las pezas do uniforme regulamentario ou usar de forma incompleta as que o fosen, tanto nas instalacións da empresa como cando están realizando traballos para ela fóra desta.

10. Fumar durante a xornada de traballo naqueles lugares nos que a empresa o teña prohibido.

11. Introducir no centro de traballo persoal alleo á empresa sen autorización da dirección.

12. A reincidencia en faltas leves dentro do termo de tres meses.

13. Cantas se produzan de características análogas e as enumeradas.

-Faltas moi graves:

1. O fraude, a deslealdade e o abuso de confianza nas xestións encomendadas pola empresa, o furto ou roubo, tanto ós compañeiros de traballo como á empresa ou a terceiros estraños dentro das dependencias da empresa ou durante actos de servicio en calquera lugar.

2. Facer desaparecer, inutilizar ou causar calquera clase de danos nas primeiras materias, productos elaborados, útiles, ferramentas, máquinas, instalacións, edificios, aparellos ou documentos da empresa, etc.

3. Os malos tratos de palabra e obra ou a falta grave de respecto e consideración ós xefes ou ós seus familiares e ós compañeiros ou subordinados.

4. O quebrantamento ou violación de secretos ou de calquera materia de reserva obrigada da empresa.

5. Revelar a elementos estraños á empresa datos, peculiaridades ou incidencias no proceso de elaboración de productos ou manipulación de materias primas.

6. Dedicarse a actividades que impliquen competencia á empresa.

7. A embriaguez ou toxicomanía habitual, se repercute no traballo que se desenvolva.

8. A reincidencia en faltas graves dentro do termo dun ano.

9. Abandona-lo traballo en posto de responsabilidade.

10. A diminución voluntaria e continuada do rendemento normal do traballo.

11. Os actos de sabotaxe, a incitación a eles e os de coacción ós compañeiros.

12. O falseamento da información que estea obrigado a facilitarlle á empresa.

13. A negativa a someterse a recoñecementos médicos, vacinacións ou análises que puidese acorda-la

empresa para o perfecto estado sanitario do persoal, debido ás características desta.

14. A inaptitude do traballador respecto á ocupación ou traballo para o que foi contratado.

15. Calquera outra de características similares ás enumeradas.

-Sancións:

Faltas leves:

-Amoestación verbal ou escrita.

-Suspensión de emprego e soldo durante un día.

Faltas graves:

-Suspensión de emprego e soldo de 2 a 5 días.

-Recarga de ata o dobre dos anos para aumentos por anos de servicio (antigüidade).

-Inhabilitación por prazo inferior a 4 anos para pasar a superior categoría.

Faltas moi graves:

-Perda temporal ou definitiva da categoría.

-Suspensión de emprego e soldo de 15 a 60 días.

-Despedimento.

Productos Conxelados, S.A.

Circular nº 1

Código de normas hixiénico sanitarias e recomendacións para o persoal.

1. A primeira operación que hai que efectuar cando se chega á fábrica é o cambio da roupa de rúa e calzado polo uniforme de traballo adecuado e sempre limpo; cambiarase este diariamente se fose preciso e mesmo durante a xornada de traballo, sempre que se realicen operacións diferentes que así o requiran.

2. Unha vez efectuado o cambio de roupa e calzado e acondicionada nos seus correspondentes gardarroupas e gardazapatos a de rúa, é obrigado o lavado de mans e antebrazos con abundante auga quente e xabón antiséptico. Unha ducha previa ó vestido do uniforme de traballo sería a mellor medida hixiénica.

3. A entrada na nave de fabricación farase sempre, polo tanto, con uniforme adecuado e mans limpas.

4. Os vestidos de traballo e os gorros ou cofias e redes deben estar perfectamente adaptados durante as horas de traballo, para evitar que sexan lixados polas mans ou calquera outro contacto, e evitar así posibles focos de infección.

5. O contacto das mans cos alimentos é sempre perigoso, moi perigoso pero, non obstante, non pode ser sempre prohibido, e farase uso entón das luvas de goma. Pero por iso cómpre ese lavado a fondo de mans e antebrazos con auga quente e xabón antiséptico antes de comeza-lo traballo, durante este e sempre que se tivese necesidade de efectua-las propias e naturais evacuacións, así como cando se efectúa un cambio de traballo; o secado farase con toallas dun só uso ou sistema similar.

6. As unllas estarán sempre limpas e ben coidadas, recortadas nos homes e sen esmalte nas mulleres. Os cepillos de unllas deben ser de plástico con sedas de nailon, e desinfectaranse diariamente nunha solución de hipoclorito. Os reloxos, aneis, etc. non se usarán durante a xornada de traballo.

7. Os cabelos, que son receptáculos e distribuidores de microorganismos, deben estar coidados e inmobilizados adecuadamente. O persoal masculino coidará ó máximo o aseo da barba e cabelo. Cada vez que se tose, espirra ou fala, lánzanse ó ambiente nubes de microorganismos; por iso, é aconsellable non falar durante as horas de traballo e usar máscara para a boca. Furgar ou rasca-lo nariz supón levar xermes nos dedos, polo que se suprimirá este hábito.

En todo momento se evitará que os alimentos se contaminen con transpiración, pelos, cosméticos, medicamentos, etc. Non se aproveitarán os alimentos que caian ó chan.

9. Está terminantemente prohibido cuspir no chan e utiliza-los utensilios, envases ou elementos empregados na elaboración de productos, culleres, por exemplo, para tomar bebidas. Tamén se prohíbe fumar, comer, mascar chicle.

10. Non poderán deixarse ou depositar roupas, zapatos, botas, mandís, panos de limpeza, etc. nos locais de fabricación; deixaranse nos lugares previstos para tal fin. Ningunha dependencia da fábrica poderá empregarse para fins distintos dos especificamente determinados; por exemplo, os servicios de wáter son para ese exclusivo uso e non para tomar un bocadillo e fumar un cigarro, poñamos por exemplo.

11. O persoal debe estar exento de enfermidades infecciosas agudas ou crónicas e de certas outras como eccemas, unlleiros, feridas infectadas, etc. no momento da súa contratación. Os cortes, queimaduras e outras superficies erosionadas poden albergar xermes, polo que é obrigatorio cubri-las ditas lesións con apósitos impermeables. Cando unha lesión se atope claramente infectada, como o demostra a inflamación e a formación de pus, tanto se atope en mans como en calquera parte do corpo, as persoas afectadas absteranse de manexar alimentos.

12. Realizaranse exames médicos do persoal e o control de portadores e deberá incluír antíxeno Vi en soro sanguíneo, bacteriolóxico de gorxa, nariz para estafilococos coagulasa + e das feces e orina.

13. Manterase dun xeito permanente a vixilancia e control de tódalas medidas hixiénicas.

14. Daranse charlas e conferencias para explica-las medidas hixiénicas adoptadas e facilitar así a súa aplicación.

TÁBOA SALARIAL 1995

Categoría profesionalGrupo

tarifa

Pesetas

1. Técnicos titulados.
De grao superior1104.940
De grao medio2 94.660

2. Técnicos non titulados.
Encargado xeral3 84.170
Mestre de fabricación4 80.865
Xefe de taller4 80.865
Encargado de sección4 78.995
Auxiliar de laboratorio7 72.265

3. Oficina técnica de organización.
Xefes de primeira3 84.170
Xefes de segunda3 82.625
Técnico de organización de primeira5 80.865
Técnico de organización de segunda5 78.995
Auxiliar de organización7 72.265

4. Técnicos de procesos de datos.
Xefe de proceso de datos2 84.170
Analista3 82.625
Xefe de explotación3 82.625
Programador de ordenador3 80.865
Programador de máquinas auxiliares3 80.865
Operador de ordenador5 76.525

5. Administrativos.
Xefe de administración de primeira3 98.115
Xefe de administración de segunda3 94.660
Oficial de primeira5 80.865
Oficial de segunda5 76.525
Auxiliar7 72.265
Aspirante8 51.640
Telefonista7 68.825

6. Mercantís.
Xefe de vendas3 94.660
Inspector de vendas4 88.635
Promotor-viaxante4 76.525
Vendedor con autovenda5 84.710
Corredor de praza5 84.710

7. Obreiros.
Oficial de primeira8 76.525
Oficial de segunda8 72.265
Axudante9 68.825

8. Persoal de acabado, envasado e

empaquetado.

Oficial de primeira8 70.590
Oficial de segunda8 69.660
Axudante9 68.825
Aprendiz11 41.305

9. Persoal de oficios auxiliares.
Oficial de primeira8 76.525
Oficial de segunda8 72.265

10. Peonaxe.
Peón10 68.825
Persoal de limpeza10 67.085

Categoría profesionalGrupo

tarifa

Pesetas

11. Subalternos.
Almaceneiro6 72.265
Conserxe6 70.590
Cobrador6 70.590
Basculeiro-pesador6 70.590
Garda-xurado6 70.590
Garda-vixilante6 70.590
Ordenanza6 70.590
Porteiro6 70.590
Mozo de almacén6 70.590

95-7810