Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Xoves, 23 de novembro de 1995 Páx. 8.601

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 3 de novembro de 1995 pola que se convoca un curso de especialización en educación musical para mestres en servicio activo na Comunidade Autónoma de Galicia.

As novas esixencias de especialistas derivadas da implantación da etapa de educación primaria, unido ó descenso das necesidades en áreas ata o de agora presentes na educación xeral básica, fan necesaria a organización de cursos de especialización en áreas incluídas na educación primaria e, neste momento, deficitarias en número de profesores especialistas, facendo posible que, de xeito gradual, mestres ós que se lles suprimiu o seu posto de traballo ou que, debido á especialidade que posúen, ven alongado substancialmente o seu período de provisionalidade, poidan obter unha das especialidades que o sistema educativo galego require na actualidade, así como a adecuación dalgúns profesores ó posto de traballo ó que están adscritos.

En consecuencia co anterior e en desenvolvemento do convenio que subscribirá coa Universidade de Santiago de Compostela, organizarase un curso de especialización en educación musical en Santiago de Compostela, corresponderalle a súa organización, dirección e desenvolvemento á devandita universidade.

Faise preciso, polo tanto, artella-la oportuna convocatoria que permita seleccionalas ós mestres interesados en participar nel.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Primeiro.-Convocar un curso de especialización en educación musical, que se celebrará na cidade de Santiago de Compostela, cun total de 43 prazas.

Segundo.-Poderán solicita-la realización do devandito curso os funcionarios pertencentes ó corpo de mestres que estean en servicio activo na Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro.-O curso desenvolverase de acordo coa estructura e características que se establecen no anexo I da presente orde.

Cuarto.-A matrícula será gratuíta para os funcionarios do corpo de mestres seleccionados ó abeiro desta orde, ós que ademais, se lle concederá automaticamente unha licencia por estudios, dentro da modalidade C3, polo período de duración da fase presencial teórico-práctica, tal como establece a Orde do 14 de marzo de 1995 (DOG do 17 de abril), sen que o desfrute da devandita licencia lles impida poder optar a novas licencias por estudios.

Quinto.-A solicitude para tomar parte no curso dirixirase ó delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria na Coruña, segundo o modelo do anexo II, e presentarase persoalmente

ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 15 días naturais contados desde o día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Xuntaráselle á solicitude:

-Documentos acreditativos, orixinais ou copias compulsadas ou cotexadas, dos méritos alegados dos recollidos no baremo que figura no anexo III.

-Folla de servicios pechada na data de publicación desta convocatoria.

Sexto.-A selección dos solicitantes será realizada por unha comisión que presidirá o delegado provincial da Coruña ou persoa en quen delegue e da que formarán parte:

-Un inspector ou unha inspectora.

-A directora do curso ou persoa en quen delegue.

-A asesora técnico-pedagóxica de educación musical do centro de formación continuada do profesorado da Coruña.

-O asesor técnico-pedagóxico de educación musical do centro de formación continuada do profesorado de Santiago de Compostela.

-Actuará como secretario un funcionario da delegación, con voz e sen voto.

Poderá asistir ás sesións da comisión, con voz e sen voto, un representante de cada unha das centrais sindicais con representación na mesa sectorial de persoal docente.

Sétimo.-A selección dos aspirantes farase de acordo cos seguintes criterios prioritarios e excluíntes:

1. En primeiro lugar, os profesores que, de acordo coa adscrición funcional realizada no centro, veñen impartindo educación musical a un mínimo de 3 grupos de alumnos de educación primaria ou EXB, polo menos en dous cursos escolares a partir do curso 1990-1991 e séguena a impartir no presente curso, sen contar coa oportuna habilitación, sempre que, no devandito centro, non exista profesorado especialista adscrito a educación musical.

2. En segundo lugar os profesores ós que se lles suprimiu o seu posto de traballo, non conten con novo destino definitivo e estean habilitados soamente para impartir ciclo inicial e medio ou ciclo inicial e medio e, como máximo, dúas das seguintes especialidades: matemáticas e ciencias da natureza, lingua castelá, lingua galega, ciencias sociais.

3. En terceiro lugar os profesores con destino provisional que estean habilitados soamente para impartir ciclo inicial e medio e, como máximo, dúas das seguintes especialidades: matemáticas e ciencias da natureza, lingua castelá, lingua galega, ciencias sociais.

4. En cuarto lugar os profesores non incluídos en ningún dos supostos anteriores.

Oitavo.-A valoración dos méritos dos solicitantes seleccionados en aplicación dos criterios prioritarios e excluíntes sinalados no apartado anterior, realizarase de acordo co baremo que figura no anexo III. Non se valorarán os méritos dos solicitantes incluídos nos supostos 2, 3 e 4 do apartado anterior cando os do suposto 1 cubran a totalidade das prazas convocadas e así sucesivamente.

Para resultar preseleccionado será necesario acadar, en todo caso, unha puntuación mínima de 6 puntos na valoración de méritos recollidos no baremo, apartado A. No suposto de que non se cubran a totalidade das prazas convocadas por non ter acadado a devandita puntuación mínima, procederase á preselección daqueles que obteñan maior puntuación sen acada-los seis puntos ata un máximo do 20% ó número de prazas. Os preseleccionados serán chamados á realización da proba de aptitude musical que se especifica no baremo apartado B, e obrigatoriamente terán que obter un mínimo de dous puntos para poderen resultar preseleccionados finalmente para a realización do curso.

Noveno.-Finalizada a selección, a comisión elevaralla ó director xeral de Ordenación Educativa e Centros, para a súa resolución provisional, que exporá nos taboleiros de anuncios da consellería e das delegacións provinciais, con expresión da puntuación obtida polos solicitantes preseleccionados.

Para efectos de cubrir posibles baixas, incluirase como reserva un número máximo de 10 persoas.

Décimo.-Dentro dos dez días seguintes á exposición da resolución provisional da selección á que se refire o punto anterior, os solicitantes poderán presentar diante da Delegación Provincial da Coruña as reclamacións oportunas.

No mesmo prazo, os solicitantes que resulten preseleccionados, así como os reservas, deberán presentar na Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria na Coruña ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a documentación seguinte:

-Certificación de habilitación actualizada expedida pola delegación provincial correspondente.

-Certificación da delegación provincial para acredita-la inclusión no segundo ou terceiro, dos supostos considerados como prioritarios e excluíntes para efectos de selección e recollidos no punto 7 da presente orde.

-Para acredita-la inclusión no primeiro suposto considerado prioritario e excluínte, certificación da acta da sesión do claustro na que conste a adscrición funcional, e certificación da dirección do centro, visada polo servicio de inspección, na que se faga consta-la inexistencia de profesorado especialista adscrito a educación musical. Igualmente se certificará, de non figurar na acta do claustro citada, o número de grupos de alumnos ós que se lle impartiu educación musical cada un dos cursos escolares sinalados no apartado sétimo .1.

Transcorrido o prazo de reclamacións, e dentro dos cinco días seguintes, a comisión resolverá as reclamacións, comprobará a documentación achegada polos solicitantes preseleccionados e os reservas e proporalle ó director xeral de Ordenación Educativa e Centros a selección definitiva que será publicada no taboleiro de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nos das delegacións provinciais.

Décimo primeiro.-As baixas que por calquera causa se produzan entre os seleccionados antes de empeza-lo curso cubriranse cos aspirantes que figuran como reservas, por orde de puntuación.

Décimo segundo.-Os profesores participantes no curso están obrigados a asistir e realizar tódalas actividades programadas do curso, e deben cubrir polo menos o 90% do tempo de duración de cada fase. O seu incumprimento poderá dar lugar á exclusión do curso, logo de informe do director deste, oído o interesado e de conformidade co director xeral de Ordenación Educativa e Centros.

Décimo terceiro.-A calificación global será «apto» ou «non apto». Ós declarados «non aptos» faráselles sabe-la data e condicións para a realización dunha nova proba con carácter extraordinario.

Décimo cuarto.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Universidade de Santiago de Compostela emitirán un certificado conxunto ás persoas que o superen.

Décimo quinto.-As persoas participantes no curso comprométense a impartir ensinanzas de educación musical, ó longo dos 10 anos seguintes á obtención da especialidade, no seu propio centro, ou noutro centro no que puidesen acada-lo devandito posto en concurso de traslados ou, de non darse ningún dos supostos anteriores, nos centros ós que a Administración educativa os destine en comisión de servicios dentro da zona do seu centro de destino.

Décimo sexto.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros a dicta-las normas que considere oportunas para o desenvolvemento e interpretación da presente orde.

Décimo sétimo.-A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

I. Estructura do curso.

O curso terá dúas partes: teórico-práctica e práctica.

Fase teórico-práctica.

1. Linguaxe musical (20 horas).

2. Formación rítmica e danza (20 horas).

3. Pedagoxía da audición musical (20 horas).

4. Conxunto coral (20 horas).

5. Formación instrumental e frauta (20 horas).

6. Historia da música e o folclore (10 horas).

7. Agrupacións instrumentais (10 horas).

10. Didáctica da música:

-Desenvolvemento curricular (20 horas).

-Introducción ás metodoloxías da educación musical (120 horas).

11. Actividades complementarias (60 horas).

-En total, esta fase teórico-práctica será de: 320 horas.

II. Temporalización.

A fase teórico-práctica desenvolverase intensivamente nos meses de xaneiro a abril de 1996 e, tal como se establece no punto 4 da presente orde, ó longo do devandito período os seleccionados desfrutarán de licencia por estudios.

O curso empezará o 8 de xaneiro de 1996, en Santiago de Compostela, e desenvolverase en sesións de mañá e tarde agás os sábados.

A fase práctica, de 320 horas, realizarase a partir de outubro de 1996 ata abril de 1997. Para acceder a esta fase é necesario supera-la fase teórico-práctica.

III. Avaliación.

Cada un dos módulos que integran os contidos da fase teórico-práctica será avaliado independentemente. A superación desta fase implicará ter aprobadas as avaliacións correspondentes a cada un destes módulos.

A fase práctica superarase globalmente. Ó longo dela deberanse presenta-los traballos que se indiquen ó comezo desta fase. A avaliación terá en conta o informe do titor e unha memoria final que terá que ser entregada por cada alumno e avaliada polos responsables do curso.

ANEXO II

MODELO DE INSTANCIA

O/A funcionario/a do corpo de mestres do que se especifican a continuación os datos:

-DATOS PERSOAIS

Apelidos

Nome

Enderezo particular, nº

Teléfono Localidade C.P.

Provincia

-DATOS PROFESIONAIS

Número de rexistro de persoal

Situación administrativa: propietario definitivo ou propietario provisional

Nome do centro no que exerce

Enderezo

Localidade C.P. Provincia

Posto de traballo ó que está adscrito

Ciclo/s ou curso/s no/s que imparte docencia....... Área/s que imparte

-Suposto recollido nos criterios prioritarios e excluíntes do apartado 7 no que está incluído:

Solicita tomar parte no curso de especialización en educación musical convocado por Orde do 3 de novembro de 1995 e declara baixo a súa responsabilidade ser certos tódolos datos que se indican.

Data e sinatura,

Delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO III

BAREMO

Conceptos

A:

Máximo de puntos

por curso

Total puntos

máximo

Documentos xustificativos

Por cada ano de servicio, ou fracción superior a 6 meses, adscrito á área de educación musical e educación primaria ou EXB1 punto5Certificación da acta da sesión do claustro na que conste a adscrición funcional
Por cada ano de servicio como docente no nivel de educación primaria/EXB (non se valorarán os anos computados no primeiro apartado)0,25 puntos3Folla de servicios
Por realización de cursos de perfeccionamento de educación musical homologados pola Administración educativa e estudios musicais de conservatorio0,5 puntos por cada curso de conservatorio superado

0,1 puntos por cada 10 horas de cursos de perfeccionamento de educación musical

5Certificado de estudios e/ou certificados dos cursos de perfeccionamento nos que conste o número de horas
Por realización de actividades relacionadas coa educación musicalata 1,5Xustificantes das actividades
Por publicacións, experiencias e investigacións en relación coa educación musicalata 1,5Exemplares con depósito legal das publicacións e xustificantes das experiencias ou investigacións

Conceptos

B:

Máximo de puntos

por curso

Total puntos

máximo

Documentos xustificativos

Proba de aptitude musical, (puntuación mín. esixida por este apartado, 2 puntos, sendo excluídos os que non acaden a devandita puntuación)4Os aspirantes deberán presentar un repertorio de 10 cancións, de libre elección. A comisión seleccionará entre elas, unha para interpretar con medida e entoación musical. Así mesmo esixirá a interpretación dun exercicio rítmico proposto pola dita comisión.

9507546