Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Xoves, 23 de novembro de 1995 Páx. 8.600

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 21 de novembro de 1995 pola que se clasifica como de interese industrial a Fundación para os Investimentos de Orixe Galega.

Visto o expediente de clasificación da Fundación para os Investimentos de Orixe Galego, con domicilio en Santiago de Compostela.

Supostos de feito.

1. Que Francisco Gallegos Martínez, na condición de secretario da fundación, en escrito do 17 de novembro de 1995, (rexistro de entrada do mesmo) formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. Que a fundación foi constituída en escritura pública, outorgada en Santiago de Compostela o día 31 de xullo de 1995 ante o notario desa cidade Manuel Peregil Cambón, co número mil setenta e tres do seu protocolo, por Antonio Couceiro Méndez, Casto Varela Gesto, Enrique Santín Díaz, Antonio Ramilo Fernández-Areal, e Jorge Bermello Fernández.

3. Que, segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos, a fundación, ten como obxecto principal cooperar coa política promocional da Xunta agrupando nunha soa organización as diferentes entidades galegas que poidan estar interesadas no fomento en Galicia dos investimentos estranxeiros de capital de orixe galega.

4. Que o padroado da fundación estará constituído polo conselleiro de Industria e Comercio, dous representantes da Federación de Empresarios Galegos no Exterior (Fegaex), dous representantes da Confederación de Empresarios Galegos, un representante das cámaras de comercio de Galicia, un representante da Consellería de Economía e Facenda, un representante

do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), un represente da Consellería de Industria e Comercio, un representante da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, un representante da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e un represente da Secretaría Xeral para o Turismo.

5. Que a comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías dirixen ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese industrial, da Fundación para os Investimentos de Orixe Galego, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como interese industrial e a súa adscrición á Consellería de Industria e Comercio.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Fundamentos de dereito.

1. Que o artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e que o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia lle outorga competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. Que, de acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Que, á vista do que antecede, se poden considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias, establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais, na súa reunión do día 20 de novembro de 1995. Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese industrial a Fundación para os Investimentos de Orixe Galego, adscribíndoa á Consellería de Industria e Comercio que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 1995.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

95-07615